Sublevación do aeródromo de Cuatro Vientos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Visita de Afonso XIII ao aeródromo de Cuatro Vientos en 1908.

A sublevación do aeródromo de Cuatro Vientos en Madrid (España) tivo lugar o 15 de decembro de 1930,[1] tres días despois da fracasada sublevación de Jaca e ao día seguinte de que os dous capitáns que a encabezaron, Fermín Galán e Ángel García Hernández, fosen fusilados ao seren condenados á morte por un Consello de Guerra sumarísimo que os declarou culpables dun «delito consumado de rebelión militar».

Como a sublevación de Jaca, a do aeródromo de Cuatro Vientos tamén fracasou, pero esta vez os seus dous principais responsables, o xeneral Queipo de Llano e o comandante de aviación Ramón Franco, non foron capturados e lograron fuxir a Portugal e desde alí a Francia. Estes feitos producíronse durante a dictablanda do xeneral Berenguer, o último período do reinado de Afonso XIII.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Antecendentes[editar | editar a fonte]

O “comité revolucionario” republicano-socialista formado tras a firma do Pacto de San Sebastián en agosto de 1930, fixou a data do luns 15 de decembro para levar adiante o movemento cívico-militar que habería de pór fin á Monarquía de Afonso XIII e dar paso á Segunda República, pero os militares comprometidos da guarnición de Jaca, encabezados polo capitán Fermín Galán, decidiron adiantar tres días a sublevación, ao parecer polo temor a quedar illados polo anuncio dunha forte tormenta de neve. Aínda que lograron ocupar a cidade de Jaca e proclamar alí a República, cando dirixiron as súas tropas cara a Huesca, a capital da provincia, topáronse polo camiño coas tropas leais ao goberno, producíndose un duro enfrontamento que provocou a fuxida en desbandada das tropas sublevadas, rendéndose os últimos efectivos rebeldes ao dez da mañá do sábado día 13. Ao día seguinte os capitáns Fermín Galán e García Hernández foron condenados á morte e fusilados.[2]

Ese mesmo domingo 14 pola mañá, era detido o "comité revolucionario", que se declarou responsable da sublevación o sábado 13,e ingresaron no cárcere Modelo de Madrid, entre outros, Niceto Alcalá Zamora e Miguel Maura. Pola súa banda, outro dos membros do comité, Santiago Casares Quiroga, era detido en Jaca, onde viaxara por orde do comité para deter a sublevación pero que como chegara moi canso da viaxe decidiu irse ao hotel e deixar a entrevista co capitán Galán para a mañá seguinte. Pero para entón a sublevación xa se producira.[3][4]

Sublevación[editar | editar a fonte]

O comandante Ramón Franco, cara a 1934.

A pesar de que a sublevación de Jaca fracasara, e os seus líderes fusilados, e o “comité revolucionario” fora detido, o xeneral Queipo de Llano e o comandante de aviación Ramón Franco, que era moi popular grazas á fazaña do Plus Ultra, mantiveron os plans para levar a cabo o movemento cívico-militar previsto para o luns 15 de decembro. Para iso tomaron o aeródromo de Cuatro Vientos, nos arredores de Madrid, e dende alí leron un manifesto por radio para tentar a sublevación da capital afirmando que se proclamara a República.

Pouco despois, despegaron do aeródromo varios avións cargados con panfletos chamando á folga e á sublevación para lanzalos sobre Madrid, pero cando sobrevoaron a cidade déronse conta de que a vida seguía con normalidade: a folga prevista non se producira nin ningunha unidade militar se sublevara e saíra á rúa. O comandante Franco que pilotaba un dos avións, un Breguet 19, pensou en bombardear o Palacio de Oriente, residencia do rei Afonso XIII, pero non o fixo ao ver polos arredores a mulleres e a nenos.[4][5]

Cando o comandante Franco volveu ao aeródromo, os conxurados decidiron dar por finalizada a sublevación e fuxir en avión a Portugal, e desde alí voar a Francia. O xeneral Queipo de Llano e o comandante Ramón Franco instaláronse en París, onde se atopaban exiliados algúns políticos republicanos e nacionalistas cataláns e vascos, e alí continuaron coas súas actividades conspirativas para derrubar á Monarquía e proclamar a República. Especialmente activo foi o comandante Franco que chegou a contactar con algunhas unidades militares de Seo de Urgel e cos carabineros de Puigcerdà, para levar a cabo unha nova sublevación no primeiro trimestre de 1931 pero esta, finalmente, non levou a cabo.[6]

Indulto e recoñecemento tras a proclamación da República[editar | editar a fonte]

O goberno da Segunda República Española non só indultó aos militares implicados na sublevación, polo que puideron volver os que se exiliaron, senón que aos seus dous principais xefes nomeounos para postos destacados no Exército. O xeneral Gonzalo Queipo de Llano foi nomeado xefe da Primeira División Orgánica con sede en Madrid e o comandante Ramón Franco, director xeral da Aeronáutica Militar.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alía Miranda, Francisco (2018). Historia del Ejército español y de su intervención política (en castelán). Madrid: Los Libros de la Catarata. ISBN 978-84-9097-459-9. 
  • Casanova, Julián (2007). República y Guerra Civil. Vol. 8 de la Historia de España, dirigida por Josep Fontana y Ramón Villares (en castelán). Barcelona: Crítica/Marcial Pons. ISBN 978-84-8432-878-0. 
  • Núñez Rivero, Cayetano (2017). La Iglesia y la Política española 1931-1978. La Segunda República y el franquismo (en castelán). Madrid: Dykinson. ISBN 978-84-9148-172-0. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]