Revolta de xullo de 1927

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Revolta de xullo de 1927
Documentos queimados no incendio do Palacio de Xustiza vienés ocorrido durante a revolta de xullo.
TipoRevolta popular
PaísAustria Austria
LugarViena
LocalizaciónPalacio de Xustiza
Data15-18 de xullo de 1927

Revolta de xullo de 1927 é como se denominan habitualmente os disturbios que tiveron lugar en Viena o 15 e 16 de xullo de 1927, nos que se produciu a matanza de oitenta e cinco civís a mans da policía, e nos que tamén resultaron mortos catro axentes que se enfrontaron cos manifestantes socialdemócratas.[1] A crise continuou dous días máis, nos que a folga xeral convocada polos socialistas acabou desbaratada pola intervención das forzas de seguridade do Estado e da Heimwehr. O acontecemento agravou o asañamento entre o Goberno conservador e a oposición socialista, que debilitou a democracia austríaca e facilitou a posterior implantación dun goberno fascista.[1]

Como reflexo da crecente tensión política en Austria, o 30 de xaneiro de 1927 , produciuse unha liorta entre membros da Liga de Defensa Republicana socialista e os seus rivais conservadores da Frontkämpfervereinigung (Asociación de Veteráns da Fronte) na que os segundos mataron a tiros a un obreiro e un neno.[2] Logo de diversas protestas en varios puntos do país e por iniciativa dos seus dirixentes, os partidarios socialistas abstivéronse de enfrontamentos políticos ata o xuízo dos acusados das mortes, que se celebrou en xullo dese ano.[2]

A tensión reduciuse levemente ata as eleccións parlamentarias do 24 de abril, que captaron a atención nacional.[2] A pesar da vitoria socialista, o concerto do resto de partidos que obtiveron representación permitiu o socialcristián Ignaz Seipel seguir á fronte do Goberno e manter os socialistas na oposición.[3] Pola súa banda, frustrada no seu empeño por desbaratar o poder político socialista nas urnas, a Heimwehr aprestouse a enfrontarse a eles coa forza.[4]

O 14 de xullo os acusados da matanza de xaneiro foron absoltos.[4] O día seguinte estalaron graves disturbios en Viena nos que a multitude incendiou o Palacio de Xustiza.[4] As autoridades esmagaron brutalmente a revolta, que finalizou con arredor de noventa mortos, a maioría civís de clase obreira.[4] A dirección socialista convocou entón unha serie de paros tanto para retomar o control dos traballadores como para forzar o Goberno a negociar.[4] O cesamento das comunicacións pola folga do día 16 alarmou a parte da poboación, que cría que estalara a revolución, a pesar da negativa dos dirixentes socialistas a armar os seus seguidores e permitir novas manifestacións.[5] O providencial auxilio da Heimwehr ao Goberno nas provincias evitou que este cedera ás esixencias dos socialistas, que pedían a súa renuncia.[6] Os dirixentes socialistas non obtiveron concesión algunha do chanceler e, acuciados polos rogos dos seus correlixionarios das provincias de que parara a folga e preocupados polos rumores de posibles intervencións militares estranxeiras no país, ordenaron o fin do paro nos transportes e comunicacións a medianoite do día 18.[7]

Durante a folga reviviu a alicaída Heimwehr, que se dedicou a tratar de reventala, actuando nalgúns casos como policía auxiliar e logrou facela fracasar nas provincias.[8][9] O chanceler contou así tanto co apoio das forzas de seguridade do Estado como co das forzas paramilitares de dereita.[10] A revolta considérase un fito na historia da primeira república austríaca, un símbolo da radicalización do movemento socialdemócrata austríaco e da súa impaciencia ante a falta de reformas no país.[11] Para os socialistas, a revolta resultou un desastre sen paliativos, que encumbrou temporalmente a Seipel.[10] A democracia austríaca, que parecía asentada firmemente na primavera, comezou unha decadencia que levou á súa desaparición a principios da década seguinte.[12] Os posteriores intentos de conciliación entre os dous bandos, radicalizados polos acontecementos de xullo, fracasaron[13] e este fracaso conduciu ao choque final na guerra civil austríaca de febreiro de 1934.[14]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Situación política[editar | editar a fonte]

Ignaz Seipel, presidente do Goberno, á fronte dunha ampla coalición de partidos burgueses entre os que se contaba o Partido Socialcristián, que encabezaba.

O choque foi o resultado de diversos factores, un dos cales foi a rivalidade entre os socialdemócratas, na oposición a pesar de ter obtido nas eleccións de abril de 1927 o 42,3 % dos votos, e unha inestable alianza conservadora que incluía os partidos co apoio maioritario de campesiños, clases medias e empresarios, e que permitira mantener á fronte do goberno ao chanceler socialcristián Ignaz Seipel.[15] As organizacións paramilitares de ambos bandos formáranse a comezos dos anos 1920: a da dereita austríaca, a Heimwehr, en 1921-1923, e a da esquerda, a Republikanischer Schutzbund («Liga de Defensa Republicana»), en 1923. Entre 1923 e 1927, producíranse seis mortes nas liortas entre paramilitares de esquerda e de dereita.[16] Ao longo da década houbo unha serie de asasinatos por motivos políticos nos que as vítimas foron habitualmente socialistas; as condenas dos asasinos, escasas ou inexistentes, co tempo acabaron por soliviantar os socialdemócratas.[17] A partir de 1925, as actividades paramilitares tanto da esquerda como da dereita rexurdiron, o que orixinou un aumento da tensión política e da violencia.[18] A volta de Seipel ao Goberno tensou tamén a situación, que se reflectía tanto nas alarmantes portadas da prensa como nas continuas manifestacións e choques de cada domingo.[19]

En Burgenland, territorio fronteirizo húngaro ata pouco antes, gobernaba unha coalición de socialcristiáns e socialdemócratas; para evitar incidentes que facilitaran a propaganda maxiar en favor da recuperación do territorio, ata 1926 os dous partidos abstivéranse de formar unidades paramilitares.[20] Unha vez xurdidas estas, a influencia dos irrendentistas e monárquicos nas filas das unidades de dereita acentuou a hostilidade das formacións socialistas cara aos seus rivais.[20] O odio mutuo produciu varias refriegas na zona.[21]

Sucesos en Schattendorf[editar | editar a fonte]

O 30 de xaneiro de 1927, organizáranse dúas reunións paralelas,[22] cada unha convocada nunha das tabernas da diminuta vila de Schattendorf.[23][24][25] Na localidade, situada a menos de dous quilómetros da fronteira húngara, os socialistas contaban con abundante apoio; a pesar disto, os seus adversarios da Frontkämpfer (Frontkämpfervereinigung, Asociación de Veteráns do Fronte) decidiron organizar un desfile na vila.[16] Estes contaban con permiso oficial, que as autoridades denegaron á concentración socialista.[22] Os socialistas acudiron á dos seus rivais, o que se interpretou como unha provocación que conduciu aos primeiros altercados, ata que foron expulsados pola xendarmería.[24] A continuación, tivo lugar outro choque entre un grupo de 200 socialistas que impediu a chegada de novos membros da organización rival á localidade e estes.[24] O mesmo sucedeu na estación de ferrocarril, que os socialistas rodearon: bloquearon a golpes a saída dos dirixentes da formación dereitista que acudiran á manifestación.[26][27] Finalmente, as dúas organizacións acordaron anular as súas respectivas marchas.[26]

De volta á vila, ao pasar por diante da taberna dos seus adversarios, algúns dos socialistas retaron a estes a saír e pelexar.[26] En vez de facelo, algúns deles, quizais movidos polo temor a que os socialistas, máis numerosos, asaltaran o establecemento, ou por simple odio, subiron ao segundo piso, empuñaron uns rifles que tiñan dispostos, e comezaron a disparar[16] indiscriminadamente contra os seus rivais, que xa se afastaban.[26][28] Os socialistas marchaban pacificamente e desarmados cando comezaron a tirotealos dende a taberna próxima.[29][30][31] A causa do tiroteo, morreron dúas persoas, un inválido e un neno de oito anos,[32] e houbo varios feridos leves (outras cinco persoas, entre elas outro neno).[16][23][28][29][30][31][33][34]As autoridades optaron entón por prohibir temporalmente as reunións políticas na zona e reforzar a agrupación local da xendarmería.[29] Tanto na capital como nas provincias, as mortes causaron consternación e ira,[35] principalmente entre os socialistas,[28] pero tamén entre parte dos demais partidos.[36] Convocouse unha folga xeeral de quince minutos como repulsa pare o 2 de febreiro, día do enterro das vítimas.[32][33][37] Nas Cortes, os socialistas esixiron ao chanceler Seipel que prohibiera a organización dos Frontkämpfer en Burgenland.[16] Seipel reaccionou con indiferenza, indicando simplemente que se quebrara a «paz parlamentaria» en vez de condenar firmemente os sucesos.[32]

Tensión e eleccións nacionais: frustración socialista[editar | editar a fonte]

Algunhas semanas máis tarde, o exército tentou desarmar a certas unidades dos paramilitares socialdemócratas, sen conseguilo pola oposición dos traballadores.[11] Os socialistas propuxeron repetidamente o desarme tanto das súas forzas como das da oposición, mais Seipel rexeitounas, afirmando que semellante tarefa non podía realizala o Goberno.[2] O chanceler sinaloulle ao embaixador alemán que non vía con malos ollos a existencia de "grupos de homes disciplinados" que serviran para reforzar a vixilancia de fronteiras, en referencia á Heimwehr.[2]

En abril, nun ambiente de tensión crecente,[32] celebráronse as eleccións nacionais, que gañaron os socialdemócratas co 42 % dos votos, mais sen lograr substituír o chanceler conservador Seipel, que houbo, con todo, de engadir aos conservadores agrarios da Landbund («Liga Agraria»)[38] a súa coalición para manterse á fronte do Goberno.[3][11][15][39] A pesar da liga de varios partidos formada por Seipel para vencer os socialistas, a súa «lista unitaria» obtivo oitenta e cinco escanos cando os partidos que a formaban contaran con noventa e dous no anterior Parlamento.[3] O novo Goberno era un concerto dos partidos burgueses por temor aos socialistas.[39] O fracaso de Seipel en frear os socialdemócratas, con todo, espertou o desexo dalgúns conservadores de abolir o sistema democrático.[11] A Heimwehr, que en xeral apoiara os partidos burgueses, preparouse para enfrontarse aos socialistas nas rúas, dado que non puidera derrotalos definitivamente nas votacións, como pretendera.[3] Pola súa banda, os partidarios dos socialistas sentíanse frustrados por ter gañado as eleccións pero non acadar o poder no Goberno federal, debido á manobra de Seipel.[15][37]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Absolución dos acusados[editar | editar a fonte]

Palacio de Xustiza, incendiado polos manifestantes, nunha imaxe de 1881, acabado de construír.
Schober, exchanceler e xefe da policía vienesa que disparou contra os manifestantes, causando decenas de mortos.

Mentres, tres veteráns da Frontkämpfervereinigung foron acusados polo tiroteo de Schattendorf e o seu xuízo comezou o 5 de xullo nun tribunal de Viena.[16][23][40][41] Este comezou o día 5 dese mes;[41] os xornais nacionais prestáronlle especial atención durante dez días.[16] Dous días antes do principio das vistas, o dirixente tirolés da Heimwehr Richard Steidle anunciara a disposición da orgazación a combater aos socialistas en caso de que estalase a revolución; a súa formación debía servir para unir a todas as forzas antisocialistas e enfrontarse a eles coas armas se resultaba preciso.[4]

O avogado defensor, famoso por representar a paramilitares de dereita, era célebre por presentar os seus clientes como patriotas entregados, argumento que habitualmente era ben recibido polos xuíces e xurados.[16] Con notable habilidade, chamou declarar a gran cantidade de testemuñas, que describiron os acontecementos en xeral dende o seu punto de vista político, o que acabou por confundir ao xurado.[42]

Os tres acusados admitiron ter disparado contra a multitude.[16] Con todo, foron absoltos[41][43] polo xurado —formado por seis obreiros e seis cidadáns de clase media—[42] o día 14,[23][40] ben por dúbidas[44] sobre a súa culpabilidade ou polo enrarecido ambiente político.[a][29] O xurado precisara de tres horas de deliberación para acordar o veredicto.[40] A tensión era enorme no país.[45][46][47] Despregárase á policía durante os días 13 e 14, en previsión de que estalaran disturbios polo veredicto mais, aínda que este anunciouse ás 10 p. m. do día 14, esa noite pasou sen incidentes.[31] Ás 6 a. m. do día seguinte, o xefe da policía federal,[48] Johann Schober, puxo fin á vixilancia especial e envió aos gardas ás súas casas, agotados por dous días de servizo ininterrompido.[31] Socialistas, comunistas e frontkämpfer aseguráranlle que non pretendían manifestarse contra a sentenza.[48] En vez de contrastar a afirmación das distintas organizacións, aceptounas sen máis, sen reforzar sequera a garda do Parlamento.[49] Deste xeito, o edificio das Cortes contaba con sesenta e sete gardas na mañá do 15 de xullo, cando habitualmente durante as sesións apostábanse en torno a el uns 150.[49]

Manifestación espontánea[editar | editar a fonte]

Os obreiros da capital viron na absolución dos acusados unha grande inxustiza, un ataque á clase traballadora.[42][47] Soamente a negativa[50] da dirección do partido socialdemócrata a convocar unha gran manifestación de protesta e a perda a mans da policía do arsenal da Schutzbund en Viena evitaron o estalido dos combates.[45] Os socialistas lograran na posguerra a implantación dos xuízos con xurado, a pesar da oposición dos partidos de dereita, e non desexaban protestar en exceso contra o fallo para non facilitar a estes a súa abolición, que buscaban.[42] A dirección socialista, en boas relaciones coa policía, comunicou a Schober que o partido non tiña intención de convocar protesta algunha pola absolución.[35][51] Dada a capacidade da dirección socialista, demostrada en anteriores ocasións, de controlar os seus seguidores, a policía non realizou preparativos para afrontar unha gran protesta.[35][51] A excepción da garda normal no Parlamento, non había forzas de reserva nin plano algún por se estalaban disturbios.[49] A dirección do partido só esperaba que se produciran protestas menores espontáneas, que quizais foran máis efectivas que unha gran manifestación organizada polo partido en facer entender á burguesía da capital o desgusto dos traballadores.[52] Para evitar participar abertamente nas protestas, decidiuse non mobilizar á Liga de Defensa Republicana.[48]

Como substituto da protesta, a dirección socialista decidiu condenar duramente a absolución dos acusados da matanza no editorial do Arbeiterzeitung.[35][47][52][53][54] Mentres os dirixentes socialistas se encontraban na sede do diario, chegaron representantes dos técnicos electricistas para exixir o chamamento a unha folga xeral e a organización dunha manifestación de protesta ante o Parlamento.[52] Otto Bauer e a maioría dos dirixentes ausentáronse do lugar axiña para non ter que rexeitar a petición.[52] O único que permaneceu para explicar a decisión do partido aos traballadores non conseguiu convencelos de que non se manifestaran, aínda que os representantes sindicais presentes aprobaron o editorial que ía aparecer a mañá seguinte.[52] De inmediato, o partido enviou a Julius Deutsch —xefe da Liga de Defensa Republicana— á planta eléctrica da cidade para tratar de calmar os traballadores, decididos a ir á folga.[52]

Centro de Viena durante o período de entreguerras. Os lugares nos que aconteceron os principais sucesos de xullo: o edificio da Universidade de Viena, no centro, xunto o Parlamento e, algo máis ao sur, pasada a Schmerlingplatz, o Palacio de Xustiza, incendiado polos manifestantes.

Cando os traballadores comezaron a chegar ás fábricas entre as seis e as sete da mañá do día 15, encontráronse coa nova, aparecida no Arbeiterzeitung, da absolución dos acusados.[31] A indignación polo que se consideraba "xustiza de clase" na súa contra levou á formación de reunións inmediatas nas que se decidiu marchar en protesta ao centro da cidade.[31][55] Era a primeira vez dende decembro de 1921 na que se producía unha gran manifestación obreira sen o visto e prace do Partido Socialdemócrata.[46] Durante a madrugada, Deustch tratara sen éxito de disuadir os técnicos electricistas de marchar ao centro da cidade,[56] a petición do propio alcalde.[53] Os técnicos, desgustados pola actitude da dirección do partido, anunciaron que de 8:00 a. m. a 9:00 a.m. cortarían a corrente, paralizando así os tranvías da capital, sinal tradicional para comezar as folgas xerais.[48] Deustch finalmente decidiu que non podía convencer os técnicos e avisou das intencións destes o alcalde Karl Seitz contra as 3:00 a. m.[48] Ás 7:00 a. m. chegou a quenda da mañá á central, que comezou a discutir sobre a folga e a manifestación coa quenda saínte; unha hora máis tarde, os obreiros comezaron a marchar cara ao centro da cidade e pararon os tranvías como previran.[48] Incapaz de movilizar a tempo á Liga de Defensa Republicana que adoitaba escoltar estas marchas para evitar incidentes, Deutsch, informou ás 8 a. m. o xefe da Policía Política,[48] da marcha e solicitou que se despregara suficiente policía —desarmada para non provocar os manifestantes iracundos— para evitar calquera choque.[31][51] Deutsch pediu que non se tratara de deter a marcha, que rodearía o Parlamento antes de volver aos barrios obreiros.[48] A policía, con todo, non contaba nese momento con efectivos suficientes para facer fronte á emerxencia, e tardo[51] en reunir aos seus axentes.[31] Aínda que habitualmente o edificio das Cortes contaba cunha garda de 150 policías, ese día apenas puidéronse reunir 67 para protexer tanto este como o Palacio de Xustiza.[51][57]

Deste xeito, a manifestación espontánea de traballadores, comezada polos técnicos electricistas á que se uniron outros,[45][53][58] non puido ser controlada polo pequeno grupo de policías que se reunira a toda presa.[44] Os manifestantes protestaban pola sentenza absolutoria.[29][44][56][59] Arredor das 9:00 a. m., os primeiros manifestantes alcanzaron a Ringstrasse preto do edificio da universidade.[49] O primeiro incidente da mañá produciuse na Facultade de Teoloxía, a onde comenzaban chegar os seus alumnos.[60] A mofa dun deles aos manifestantes fixo que algúns destes se abalanzaran[49] a tomar o edificio; só a intervención primeiro dun policía e logo de representantes dos obreiros evitouno.[60] O seguinte sucedeu preto do Concello, do que algúns funcionarios saíran para protestar fronte ao próximo edificio do Parlamento.[60] Un cordón de policía impediu nun principio que seguiran adiante, o que atizou a furia dos manifestantes.[60] Deputados socialistas acudiron dende O Parlamento para convencer o xefe da policía da zona, Hofrat Albert Tauss, para que permitira o paso dos manifestantes e evitara así posibles choques.[49] Con todo, nese momento, chegaron reforzos da policía: un destacamento de policía montada, disposto a cargar contra a marcha, o que aumentou a tensión.[49] A multitude comezou a apupar os xinetes e lanzáronselles algúns lastros.[49] Unha vez que se lles permitiu o paso, os funcionarios deron unha volta ás Cortes berrando consignas e regresaron ao Concello.[60]

Chegou entón o groso dos manifestantes, cos electricistas á fronte, que volveron encontrarse co camiño pechado polo cordón policial, que se volvera formar, cortando o paso á marcha.[60][49][59] Esta carecía de ruta alternativa naquel lugar e só tería podido dar a volta.[61][49] No edificio do Parlamento produciuse un novo choque: a multitude obrigou o cordón de policías a refuxiarse dentro e tratou de irromper nas Cortes, sen conseguilo.[49] Cando xa a liña de policías estaba cedendo á presión dos manifestantes que pretendían continuar a súa rota, Schober ordenou á policía montada —25 xinetes— detelos, o que causou varios feridos por sabre e alporizou á multitude.[45][49][51][56] Os manifestantes desexaban marchar xunto o Palacio de Xustiza e regresar aos seus barrios na periferia, mais o comandante da policía montada decidiu impedirlles o paso, desencadeando o choque coa multitude.[57] Algúns dos xinetes, que tiveron logo que repregarse, resultaron feridos con navallas na carga.[49] Ata media mañá, a manifestación desenvolvérase sen incidentes e nun ambiente relativamente festivo.[57] A carga inesperada e a visión dos feridos, con todo, desatou a furia dos participantes na marcha,[56] que se reagruparon e comezaron lanzar lastros á policía, a pesar dos rogos de calma dos representantes obreiros.[62]

Disturbios[editar | editar a fonte]

A multitude prendeu lume a varios edificios antes de ter que retirarse á praza Schmerlingplatz acosada pola policía, que trataba de afastala do Parlamento.[56][49] Entón, atizada por axitadores comunistas,[56] marchou ao Palacio de Xustiza,[59] símbolo[54] do trato discriminatorio á súa clase social —aínda que non tiña relación co xuízo que desencadeara a protesta e empregábase principalmente como arquivo—,[11][29][49][56] e construíu barricadas,[49] mentres a policía entraba no edificio e comezaba a disparar os manifestantes —que a apedrearan,[44] causando algúns feridos nas súas filas—.[45] Descoñecese se os manifestantes apedrearon primeiro á policía ou se foi esta a que comezou o enfrontamento ao disparar contra a multitude.[57] A escasa policía montada cargou contra a marcha de novo, sen éxito.[57] Os manifestantes volvían reagruparse.[63] Erguéronse entón as barricadas, aproveitando os materiais dunha obra próxima, para entorpecer o movemento da policía montada.[49][64] Os axentes ficaron acurralados no Palacio de Xustiza,[56][63] dende onde dispararon á xente ata esgotar a munición e cara ao que a multitude empurrou aos gardas a cabalo.[64][65] Algúns dos xinetes foron derrubados e golpeados polos manifestantes.[63] A policía goreceuse no edificio, mais non puido impedir a entrada aos atacantes, que empregaron escaleiras para entrar polas fiestras.[49][65]

Vistas do Palacio de Xustiza ardendo durante os disturbios do 15 de xullo de 1927.

Outros grupos asaltaran unha comisaría próxima, á que acabaron prendendo lume, e os principais diarios dos socialcristiáns e panxermanos, nos que causaron estragos.[66][67] Durante o desaloxo forzado pola multitude da comisaría, un dos manifestantes resultou morto dun tiro, o que desatou a ira destes, que prenderon lume o edificio.[67] Neste caso, varios deputados socialistas persuadiron os manifestantes de permitir aos bombeiros que apagaran o incendio.[67]

Os manifestantes entón prendéronlle lume ao edificio do Palacio de Xustiza arredor do mediodía.[11][44][56][64][65][68] Lograran entrar polas fiestras e abrir as portas.[68] Logo de esnaquizar parte do mobiliario e queimar documentos, prenderon lume ao propio edificio.[68] Media hora máis tarde, avisouse ao corpo de bombeiros.[68] Os manifestantes negáronse a permitirlles apagar o lume,[29][68] a pesar das súplicas[29] do alcalde socialdemócrata.[45][69] A mediodía, a situación calmárase en certo modo, e a multitude contemplaba arder o Palacio de Xustiza.[66] A dirección socialista, logo de certos titubeos, cambiou de opinión e decidiu finalmente enviar á Liga de Defensa Republicana, mais esta tardó en organizarse: parte dos seus afiliados encontrábanse nos seus traballos, outros dispersos entre os manifestantes.[70]

Schober solicitou ao alcalde permiso para enviar o exército, ao que este negouse,[44][71][72][73] a pesar de ser a policía incapaz de controlar a situación.[45][69] Schober pediu entón armar os seus subordinados, mais o alcalde tamén rexeitou esta posibilidade, e indicou que a chegada da Liga e a aparición dos dirixentes socialistas debían bastar para restablecer a orde; ordenou a Schober que os seus homes non debían disparar ás masas.[74]

Para cando a multitude permitiu que se apagara o incendio,[75] este era incontrolable e non se puido evitar que destruira o edificio.[76] A Schutzbund, que tratou de interpoñerse entre os manifestantes e a policía e permitir o paso dos bombeiros, fracasou na súa misión.[44][56][77] A liga logrou, con todo, rescatar a uns setenta policías —ademais doutras persoas como xuíces e funcionarios, tamén atrapados— do edificio ardendo,[69] disfrazándoos de civís para evitar que foran asasinados polos que o cercaban.[71][75][68] Contra as 14:00, a operación de rescate concluíu co salvamento de todos os atrapados no edificio incendiado.[68] Na operación de rescate morreron once dos seus homes, a maioría a mans dos propios policías, que en ocasións non creron que acudían no seu auxilio.[71]

Mentres o enorme edificio ardía sen que os bombeiros puidesen intervir e tratar de apagalo, Schober decidiu desoír as peticións do alcalde e acudir ao chanceler federal.[68] Coa aquiescencia do seu superior, o vicechanceler e ministro do Interior Karl Hartleb, solicitou ao chanceler armar á policía e ordenarlle que disparara á multitude para expulsala do centro da cidade.[78] Schober despregou 600 homes para esmagar as protestas, co permiso do chanceler federal.[45][69][72] Este, que ata entón permanecera pasivo tomando os disturbios como un problema de orde público e non político, ordenou ao ministro de Defensa, Carl Vaugoin, que entregara as carabinas que solicitaban Schober e Hartleb, aínda que o ministro en principio opúxose á medida.[77] A policía contaba con numerosos socialistas entre as súas filas, mais os rumores de torturas e brutais asasinatos —falsos—, fixeron que os axentes non dubidaran en disparar contra a multitude.[77] Para empezar, retomaron a comisaría incendiada pola mañá.[77] Unha hora máis tarde, acgegáronse ao Palacio de Xustiza; supostamente Deutsch telefoneou a Schober para que dera máis tempo á Liga para axudar aos bombeiros a achegarse ao incendio, cara ao que avanzaban con gran lentitude polo estorbo dalgúns dos manifestantes.[77] Deustch persuadiu a Schober de anular a orde de disparar contra a multitude, mais o motociclista que este enviou para avisar aos policías non chegou a tempo para evitar o choque.[79]

Cando o primeiro camión de bombeiros logrou achegarse ao edificio en torno ás 14:30 e comezar a apagar os lume, a policía finalmente abriu fogo contra os manifestantes.[80] Axiña a praza quedou deserta. Armados finalmente os axentes con rifles e carabinas e unha munición especialmente daniña,[72] causaron numerosos feridos por toda a cidade, disparando contra calquera grupo de xente.[69][81][82] Entre as dúas e as cinco da tarde, continuou o tiroteo dos grupos de xente,[83] en moitos casos simplemente curiosos que se achegaran a contemplar o grande incendio do Palacio de xustiza.[82]

Nos combates que se libraron pola cidade morreron 86 persoas e quedaron feridas unhas mil cen.[b][11] Dos mortos civís, trinta e catro non tiñan relación coa manifestación e faleceron debido ao tiroteo da policía.[9] Dos membros da policía, soamente morreu un durante os enfrontamentos do 15 de xullo no centro da cidade; dous máis foron tiroteados nunha emboscada esa mesma noite durante os últimos choques illados e o cuarto faleceu durante o asedio a unha comisaría ao día seguinte.[85] Nos hospitais foron tratados 2 057 feridos; deles, trescentos vinte e oito civís e cento sesenta e tres policías precisaron ser ingresados, o resto sufriron feridas leves.[69][85] Os choques foron os máis graves acontecidos en Viena dende a Revolución de 1848; foi ademais a primeira vez en toda a historia da república que as forzas de seguridade dispararon aos manifestantes socialistas.[85]

O incendio utilizouse para avivar o medo a unha revolta socialista[8] e esmagar as protestas. A dirección socialista, reunida de urxencia, rexeitou armar aos obreiros, como moitos destes esixían.[69][86][87] Os dirixentes comunistas, que reclamaban que se entregaran armas aos obreiros e esperaban que os disturbios desencadearan a revolución, foron detidos pola policía.[88]

Folga socialista e intervención da Heimwehr[editar | editar a fonte]

Como alternativa, convocouse unha folga xeral.[87][89][90] A esta, dun día, uniuselle a convocatoria de folga indefinida nos ferrocarrís e as comunicacións (os servizos de telégrafos, teléfonos e correos);[87][90] esta tiña como propósito a liberación dos acusados de ter participado nos disturbios.[89] Formouse ademais un corpo de policía municipal en Viena —co permiso de Seipel—,[91] recrutado entre os membros da Liga, que debía servir para interpoñerse entre a policía federal e os manifestantes se resultaba precisio.[89] Os socialistas mostráronse dispostos a non esixir unha investigación da actuación da policía se se esquecía o que consideraban un acontecemento desafortunado.[89]

O día de folga xeral pasou sen contratempos e permitiu á dirección socialista retomar o control do movemento obreiro.[69][87] Pareceu mostrar a fortaleza do partido —os sindicatos socialistas paralizaron o transporte en boa parte do país—,[89][92] mais o esmagamento da protesta espontánea supúxolle en realidade unha gran derrota.[45] A folga de transportes e comunicacións debía servir para forzar o Goberno a amnistiar os detidos pola revolta do día 17, mais a intervención da Heimwehr frustrou as esperanzas socialistas.[69] Se ben a capital e a Baixa Austria quedaran paralizadas pola folga xeral, no resto das provincias a Heimwehr conseguira poñerlle fin pola forza,[84][93] sen que a Schutzbund socialista puidera evitalo —no Tirol e Vorarlberg,[94] os Gobernos provinciaos habían aceptaran as unidades da Heimwehr como policía auxiliar—.[6][92][95] En Innsbruck, a Heimwehr, respaldada polo exército, ocupara a estación central de ferrocarrís e obrigado aos traballadores a evacuala.[96][69][6] Restableceuse parcialmente[6][94] o servizo coa axuda dos traballadores afiliados aos sindicatos socialcristián e panxermano.[96] En Estiria, a formación movilizou a 20 000 seguidores[c] fortemente armados e ameazou con intevir se o Goberno provincial non puña fin á folga.[6][69][96] O gobernador rexional tratou de negociar cos dirixentes socialistas, aos que intimidou o caudillo local da Heimwehr, Walter Pfrimer.[6][96][97] A súa intervención terminou por desbaratar a folga nesta provincia.[97][98] Tanto en Estiria como no Tirol, a formación substituíu o Exército nas súas tarefas.[95] Na primeira, Pfrimer pretendeu marchar sobre a capital e esmagar definitivamente os socialistas.[99] A pesar de contar co apoio do antigo gobernador provincial Anton Rintelen, o gobernador do momento negouse a apoiar a proposta, actitude que desilusionou a Pfrimer, tildado máis tarde polo chanceler como o «salvador de Austria».[99] Este negouse a esmagar definitivamente os socialistas, como esixía a Heimwehr, e afrontou a crise legalmente.[100] Na Alta e na Baixa Austria e o papel da formación paramilitar foi menor que nas outras provincias, mais tamén colaborou no desbaratamento da golga e o restablecemento das comunicacións.[99]

Os dirixentes socialistas non[94] obtiveron concesión algunha do chanceler —o día 15, reclamaran sen éxito a súa renuncia e a formación dun Goberno de socialistas e socialcristiáns para resolver a crise ou canto menos concesións para acougar os traballadores—[10][87] e, acuciados polos rogos[97] dos seus correlixionarios das provincias de que cesara a folga e con rumores de posibles intervencións militares estranxeiras no país, ordenaron a fin da folga de transportes e comunicacións a medianoite[101] do día 18.[7][102][103] O máis que obtiveron foi a garantía persoal do chanceler, realizada en privado, de que non aproveitaría as dificultades dos socialistas para eliminar a lexislación social aprobada durante os anos anteriores.[101][104] Foi o segundo revés para os socialistas logo dos disturbios do día 15.[105] Seipel rexeitou unha investigación independente dos sucesos dos días anteriores e o perdón dos detidos na revolta, aínda que accedeu a rescindir a alerta militar na que se encontraba o Exército.[91]

Seipel lograra capear a crise e mantener o control da situación.[92][106] A policía e o exército, a pesar de contar cunha maioría de afiliados e simpatizantes socialistas, mantivéranse do lado do Goberno:[10] as novas eleccións sindicais na primeira puxeron fin á preponderancia socialista.[107] Os socialcristiáns crían contar co apoio popular para rexeitar as propostas socialistas de ingresar no Goberno e desbarataran o poder militar socialista.[108] Durante a folga revivió a alicaída Heimwehr,[8][101] que se adicou a tratar de rebentar a folga, actuando nalgúns casos como policía auxiliar e logrando facela fracasar nas provincias,[8] onde os socialdemócratas eran máis febles, deixando aos traballadores de Viena illados do exterior.[8][9] O chanceler contara así tanto co apoio das forzas de seguridade do Estado como co das forzas paramilitares de dereita.[10]

Últimos acontecementos[editar | editar a fonte]

Os mortos dos disturbios foron enterrados por separado: o chanceler acudiu á cerimonia dos catro policías, mentres que o Concello organizou un gran enterro a cincuenta e sete dos civís falecidos o 20 de xullo.[109][110] A este non acudiron representantes do Goberno federal, proba da polarización do momento, do rexeitamento de Seipel a reconciliarse coa oposición e da súa intención de aproveitar politicamente a situación no seu favor.[111]

O 25 de xullo reuniuse do novo o Parlamento, no que se vivióu unha sesión moi tensa entre o Goberno, que indicou que non habería piedade para os acusados de ter participado na revolta,[110] e a oposición socialista, que, logo de admitir os seus erros, esixiu sen éxito unha amnistía e a investigación da actuación policial.[112]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Membros da Heimwehr, organización paramilitar de dereita que colaborou no esmagamento da folga xeral convocada polos socialistas como protesta pola matanza en Viena e saíu fortalecida da crise.

O esmagamento das protestas supuxo o revivir da Heimwehr,[92][113] o aumento do seu prestixio nos conservadores círculos gobernamentais, o crecemento dos seus recrutas e a súa consolidación como organización nacional.[95][104][114] O novo prestixio permitiu á organización establecer negociacións coa Italia de Mussolini, que comezou a financiar a organización,[114] e co Goberno reaccionario húngaro de István Bethlen.[104][114][115] A formación recuperou as achegas de importantes industrias, que a empregaron tamén para crear sindicatos rivais dos socialistas.[116] A organización comezou a valorar a posibilidade de marchar contra a capital —imitando a marcha sobre Roma de Mussolini— para implantar un Goberno fascista.[9]

Considérase o acontecemento un fito na historia da primeira república austríaca, un símbolo da radicalización do movemento socialdemócrata austríaco e da súa impaciencia ante a falta de reformas no país.[11] A dirección do partido socialdemócrata, que non tomou parte nos choques, perdeu parte da súa influencia entre os seus seguidores máis radicais.[11] Os dirixentes socialistas, máis divididos logo dos sucesos entre moderados e radicais, tentaron estreitar o control do partido sobre a Liga de Defensa Republicana.[106] Para os socialistas, a revolta resultara un desastre sen paliativos, que encumbrou temporalmente a Seipel.[10]

Amosou tamén que a dereita austríaca estaba disposta a empregar a maior violencia contra os seus adversarios.[11] O fracaso da dirección socialista, que conxugaba a retórica revolucionaria coa moderación na práctica,[11][117] animou aos conservadores a proseguir co seu ataque ao poder do seu adversario e acelerar o proceso de conversión do país ao fascismo.[118] O Goberno presentou os disturbios —de xeito oportunista e incorrecto, mais efectivo no estranxeiro— como un perigoso alzamento comunista lanzado co fin de impoñer unha república soviética en Austria.[119][120] Parte dos seguidores dos partidos burgueses crían firmemente que os disturbios do 15 de xullo foran un intento dos obreiros de acabar coa democracia austríaca e impoñer a ditadura proletaria, o que os radicalizou.[95] Se para os socialistas a revolta supuxo un grave revés, os seus rivais socialcristiáns,[104] que controlaban as forzas de seguridade estatais, saíron reforzados da crise.[121] O partido de Seipel acentuou a súa evolución cara ao fascismo nos anos seguintes.[14] O propio Seipel fomentou ademais o crecemento da Heimwehr como instrumento para meter presión aos socialistas e tratar de obligalos a aceptar mudanzas lexislativas, incluída a reforma da Constitución, que desexaba modificar para implantar un sistema autoritario de goberno.[104]

A democracia austríaca, que parecía asentada firmemente na primavera, comezou unha decadencia que levou á súa desaparición a principios da década seguinte.[12] Os posteriores intentos de conciliación entre os dous bandos, radicalizados polos acontecementos de xullo, fracasaron[13] e este fracaso conduciu ao choque final na guerra civil austríaca de febreiro de 1934.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Macartnery indica que a absolución dos acusados —dous, segundo el— debeuse á imposibilidade de probar que foran os perpetradores dos asasinatos. Só se lles puido multar por portar armas sen o permiso necesario.[44]
  2. Segundo Macartnery, morreron oitenta e catro civís e cinco policías.[9] Gedye dá un número similar mais distinto: oitenta e cinco civís e catro policías falecidos.[84] Gulick e Rath coinciden con Gedye.[85][69]
  3. Segundo Edmondson, o número foi menor: entre seis e dez mil.[6]
Referencias
  1. 1,0 1,1 Alder 1983, p. 239.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Edmondson 1978, p. 42.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Edmondson 1978, p. 43.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Edmondson 1978, p. 44.
  5. Edmondson 1978, pp. 44-45.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Edmondson 1978, p. 45.
  7. 7,0 7,1 Gulick 1948, p. 749-750.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Kitchen 1980, p. 57.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Macartney 1929, p. 301.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Von Klemperer 1972, p. 265.
  11. 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 Kitchen 1980, p. 20.
  12. 12,0 12,1 Rath 1996, p. 213.
  13. 13,0 13,1 Von Klemperer 1972, p. 273.
  14. 14,0 14,1 14,2 Alder 1983, p. 260.
  15. 15,0 15,1 15,2 Alder 1983, p. 240.
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 16,6 16,7 16,8 Alder 1983, p. 242.
  17. Gulick 1948, p. 719-720.
  18. Kondert 1972, pp. 70, 74.
  19. Von Klemperer 1972, p. 258.
  20. 20,0 20,1 Gulick 1948, p. 726.
  21. Gulick 1948, p. 726-727.
  22. 22,0 22,1 Kondert 1972, p. 74.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 Rath 1996, p. 214.
  24. 24,0 24,1 24,2 Gulick 1948, p. 727.
  25. Von Klemperer 1972, pp. 258-259.
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 Gulick 1948, p. 728.
  27. Kondert 1972, pp. 74-75.
  28. 28,0 28,1 28,2 Kondert 1972, p. 75.
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 29,5 29,6 29,7 Carsten 1977, p. 110.
  30. 30,0 30,1 Macartney 1929, p. 299.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 31,5 31,6 31,7 Gedye 1939, p. 21.
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 Von Klemperer 1972, p. 259.
  33. 33,0 33,1 Kitchen 1980, p. 19.
  34. Gulick 1948, p. 725, 728.
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 Rath 1996, p. 215.
  36. Gulick 1948, p. 728-729.
  37. 37,0 37,1 Gulick 1948, p. 730.
  38. Kondert 1972, p. 77.
  39. 39,0 39,1 Von Klemperer 1972, p. 261.
  40. 40,0 40,1 40,2 Gulick 1948, p. 732.
  41. 41,0 41,1 41,2 Kondert 1972, p. 78.
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 Alder 1983, p. 243.
  43. Von Klemperer 1972, pp. 262-263.
  44. 44,0 44,1 44,2 44,3 44,4 44,5 44,6 44,7 Macartney 1929, p. 300.
  45. 45,0 45,1 45,2 45,3 45,4 45,5 45,6 45,7 45,8 Kitchen 1980, p. 102.
  46. 46,0 46,1 Gulick 1948, p. 735.
  47. 47,0 47,1 47,2 Kondert 1972, p. 79.
  48. 48,0 48,1 48,2 48,3 48,4 48,5 48,6 48,7 Alder 1983, p. 245.
  49. 49,00 49,01 49,02 49,03 49,04 49,05 49,06 49,07 49,08 49,09 49,10 49,11 49,12 49,13 49,14 49,15 49,16 49,17 Alder 1983, p. 246.
  50. Gulick 1948, p. 733-734.
  51. 51,0 51,1 51,2 51,3 51,4 51,5 Gulick 1948, p. 737.
  52. 52,0 52,1 52,2 52,3 52,4 52,5 Alder 1983, p. 244.
  53. 53,0 53,1 53,2 Gulick 1948, p. 734.
  54. 54,0 54,1 Von Klemperer 1972, p. 263.
  55. Gulick 1948, p. 734-735.
  56. 56,00 56,01 56,02 56,03 56,04 56,05 56,06 56,07 56,08 56,09 Rath 1996, p. 216.
  57. 57,0 57,1 57,2 57,3 57,4 Gedye 1939, p. 22.
  58. Rath 1996, p. 215-216.
  59. 59,0 59,1 59,2 Kondert 1972, p. 80.
  60. 60,0 60,1 60,2 60,3 60,4 60,5 Gulick 1948, p. 736.
  61. Gulick 1948, p. 736-737.
  62. Gulick 1948, p. 738.
  63. 63,0 63,1 63,2 Gulick 1948, p. 739.
  64. 64,0 64,1 64,2 Gedye 1939, p. 23.
  65. 65,0 65,1 65,2 Gulick 1948, p. 740.
  66. 66,0 66,1 Gulick 1948, p. 741.
  67. 67,0 67,1 67,2 Alder 1983, p. 248.
  68. 68,0 68,1 68,2 68,3 68,4 68,5 68,6 68,7 Alder 1983, p. 250.
  69. 69,00 69,01 69,02 69,03 69,04 69,05 69,06 69,07 69,08 69,09 69,10 69,11 Rath 1996, p. 217.
  70. Alder 1983, p. 248-249.
  71. 71,0 71,1 71,2 Gedye 1939, p. 24.
  72. 72,0 72,1 72,2 Gulick 1948, p. 744.
  73. Alder 1983, p. 249.
  74. Alder 1983, p. 249-250.
  75. 75,0 75,1 Gulick 1948, p. 742.
  76. Gedye 1939, p. 23-24.
  77. 77,0 77,1 77,2 77,3 77,4 Alder 1983, p. 251.
  78. Alder 1983, p. 250-251.
  79. Alder 1983, p. 251-252.
  80. Alder 1983, p. 252.
  81. Gedye 1939, p. 24-25.
  82. 82,0 82,1 Gulick 1948, p. 744-745.
  83. Alder 1983, p. 254.
  84. 84,0 84,1 Gedye 1939, p. 27.
  85. 85,0 85,1 85,2 85,3 Gulick 1948, p. 746.
  86. Gulick 1948, p. 746-747.
  87. 87,0 87,1 87,2 87,3 87,4 Alder 1983, p. 255.
  88. Alder 1983, p. 254-255.
  89. 89,0 89,1 89,2 89,3 89,4 Gulick 1948, p. 748.
  90. 90,0 90,1 Kondert 1972, p. 81.
  91. 91,0 91,1 Alder 1983, p. 256.
  92. 92,0 92,1 92,2 92,3 Carsten 1977, p. 111.
  93. Kondert 1972, p. 82.
  94. 94,0 94,1 94,2 Edmondson 1972, p. 142.
  95. 95,0 95,1 95,2 95,3 Rath 1996, p. 220.
  96. 96,0 96,1 96,2 96,3 Gulick 1948, p. 749.
  97. 97,0 97,1 97,2 Edmondson 1972, p. 143.
  98. Edmondson 1978, pp. 45-46.
  99. 99,0 99,1 99,2 Edmondson 1978, p. 46.
  100. Von Klemperer 1972, p. 266.
  101. 101,0 101,1 101,2 Edmondson 1972, p. 145.
  102. Rath 1996, p. 217-218.
  103. Edmondson 1978, pp. 46-47.
  104. 104,0 104,1 104,2 104,3 104,4 Edmondson 1978, p. 47.
  105. Gulick 1948, p. 750.
  106. 106,0 106,1 Rath 1996, p. 219.
  107. Gulick 1948, p. 751-752.
  108. Alder 1983, p. 257.
  109. Gulick 1948, p. 755.
  110. 110,0 110,1 Von Klemperer 1972, p. 267.
  111. Von Klemperer 1972, pp. 266-268.
  112. Gulick 1948, p. 756.
  113. Gulick 1948, p. 753.
  114. 114,0 114,1 114,2 Kitchen 1980, p. 58.
  115. Rath 1996, p. 222-223.
  116. Rath 1996, p. 221.
  117. Rath 1996, p. 218.
  118. Kitchen 1980, p. 21.
  119. Gedye 1939, p. 28.
  120. Gulick 1948, p. 764.
  121. Alder 1983, p. 259-260.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]