Escudo de Nauru

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O escudo de Nauru creouse en 1968 ao proclamarse a independencia do país, aínda que comezou a usarse oficialmente xa iniciada a década seguinte.

É un escudo cortado por un filete (liña estreita e horizontal), e partido na súa división inferior. Na división superior figura, nun campo de ouro con trama en forma de cuadrícula de sable o símbolo alquimista do fósforo, representado de prata.

A división inferior está composta por un campo de prata e outro de azur. No campo de prata, diante de catro ondas de azur, unha ave fragata coas súas cores naturais colocada sobre unha percha de goles. No campo de azur, unha rama de calophyllum con follas de sinople e flores de prata.

Sobre o escudo aparece representada unha estrela con doce puntas de prata, tomada da bandeira nacional e unha fita co nome da illa en lingua nauruana: “Naoero”.

O escudo está rodeado por dúas follas de palma e cadansúa parafernalia cerimonial de xefes tribais. Estes aparellos están compostos por cordas feitas de follas de palmeira, plumas de ave fragata e dentes de tiburón.

Na parte inferior do escudo, escrito nunha fita, pode lerse o lema nacional: “God's Will First” (“Primeira Vontade de Deus”).

A fragata e a póla de Calophyllum simbolizan a fauna e flora existentes na Illa de Nauru. A cuadrícula sobre fondo dourado representa un tecido e é unha alusión á poboación da illa. O símbolo do fósforo representa a minaría de fosfatos existente en Nauru.