Saltar ao contido

Escrutinio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O escrutinio é a operación que, dentro dun proceso electoral, se ocupa da contaxe dos votos e da atribución de representantes. Os escrutinios, que poden ter máis ou menos fases automatizadas, realízanse de distinto xeito en función dos diferentes territorios e sistemas electorais.

En Galicia e España

[editar | editar a fonte]

En Galicia, como no resto de España, todo o proceso de escrutinio é manual, e realízase en cada un dos colexios electorais.

As persoas encargadas de realizar os escrutinios son os membros das mesas electorais (presidente, vicepresidente, secretario e dous vogais), que están vixiados no seu traballo polos interventores representantes dos partidos políticos. Os votos vanse sacando das urnas e declarando de viva voz. Nas eleccións locais, ao parlamento galego, europeas e ao Congreso dos Deputados, as listas son pechadas, e vanse agrupando en moreas conforme a forza política. Nas eleccións ao Senado as listas son abertas, e os membros da mesa poden optar polo sistema de contaxe que lles resulte máis cómodo (ou ben mixto de candidaturas e votos repartidos, ben cantando os votos en alto).

Despois cóntanse as papeletas, e asígnanse os votos a cada candidatura. Finalmente, e despois de asinar as actas envíaselle a información a unha oficina electoral que centraliza os datos, e realiza as asignacións de concelleiros, deputados, senadores e demais parlamentarios.

Os votos gárdanse e envíanselle tamén a esa oficina electoral, para o caso en que houbese reclamacións posteriores.

En Escocia

[editar | editar a fonte]
Escrutinio no Albert Hall de Stirling. En primeiro termo vense os escáneres, que procesan as papeletas. Nas mesas do fondo, os computadores que realizan os rexistros e as comprobacións.

O sistema de reconto en Escocia é moi automatizado, e realízase nas oficinas de escrutinio, que centralizan os votos dun gran número de mesas e mesmo circunscricións distintas.

En primeiro lugar, as urnas recíbense, ábrense e rexístranse conformando a súa entrada. Logo as papeletas envíanse a uns escáneres, que len os datos nelas recollidos (números ou aspas), e transforman ese cómputo en número de votos. As papeletas que presentan algún erro de lectura ou interpretación, pasan a unha revisión manual, onde, a partir da imaxe escaneada, os axentes electorais e os interventores dos partidos interpretan a vontade do elector e asignan os votos a través do computador. Aqueles que non son capaces de interpretar ou que presentan datos confusos (dous votos na mesma papeleta, p.ex.) son declarados nulos.

Os votos son adxudicados automaticamente aos candidatos, e atribuídos os postos aos que optan.