Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo

Logo da Escola de Enxeñería Industrial
Universidade: Universidade de Vigo
Localización: Vigo
Campus: Campus de Vigo
Enderezo: Cidade: Rúa Conde de Torrecedeira, nº 86 (42°13′38.2″N 8°44′4.9″O / 42.227278, -8.734694).

Campus: campus universitario das Lagoas-Marcosende (42°10′5.3″N 8°41′21.2″O / 42.168139, -8.689222)

Ano de fundación: 1901
Decano: Juan Enrique Pardo Froján
Docentes: 350 (ano 2011)
Estudantes: 4.443 (ano 2011)
Teléfono: 986 812 200 / 986 813 688
Correo electrónico: {{{e-mail}}}
Páxina web: eei.uvigo.es

A Escola de Enxeñería Industrial é un centro da Universidade de Vigo onde se imparten estudos de enxeñería industrial. Está constituída en dúas sedes unha no centro da cidade de Vigo e outra no campus universitario das Lagoas-Marcosende.

Historia[editar | editar a fonte]

A Escola de Enxeñería Industrial xorde da integración dos dous centros dos que dispoñía a Universidade de Vigo dentro do ámbito da enxeñería industrial: a Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais.

A Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial de Vigo fundouse hai máis de 110 anos. Dende a súa creación en 1901, sufriu varios cambios de denominación e de plans de estudo: naceu coa denominación de Escola Superior de Industria, posteriormente pasou a denominarse Escola de Peritos Industriais coas titulacións de peritos Industriais de mecánica, química industrial e electricidade. En 1971 transformouse na Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial coa titulación de Enxeñería Técnica Industrial, e coas especialidades de Mecánica, Electricidade e Química Industrial, cunha duración de tres anos. No ano 1988 integrouse a especialidade de Electrónica Industrial e Automática. No ano 2000 implantáronse os plans de estudo de Enxeñería Técnica Industrial especialidade Electricidade (dúas intensificacións), de Enxeñería Técnica Industrial especialidade Mecánica (catro intensificacións), de Enxeñería Técnica Industrial especialidade Química Industrial (dúas intensificacións) e de Enxeñería Técnica Industrial especialidade Electrónica Industrial (dúas intensificacións).

A Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo naceu no 1976 coas especialidades de Electrónica e Automática, cunha duración da titulación de seis anos. Posteriormente, a oferta educativa ampliouse coas especialidades de Organización Industrial, Electrotecnia e Mecánica. No curso 2001, modificáronse os plans de estudo e pasou a unha titulación de cinco anos académicos coas intensificacións de Mecánica, Construción e Instalacións, Organización Industrial, Deseño e Fabricación, Electricidade e Automática e Electrónica. Ademais, implantáronse na Escola dúas titulacións de segundo ciclo: Enxeñería en Organización Industrial e Enxeñería en Automática e Electrónica Industrial.

En outubro de 2009 ambas as escolas iniciaron o estudo da converxencia nun centro único co obxectivo de mellorar e integrar a xestión das actividades docentes dos graos. En abril de 2010 foi aprobada no Consello de Goberno da Universidade de Vigo a creación da Escola de Enxeñería Industrial. Finalmente, en febreiro de 2011 publícase no Diario Oficial de Galicia a supresión das antigas escolas e a creación da nova escola.[1]

No curso 2010-2011 comezou a impartirse o novo plan de estudos adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior. Con máis de 4 400 alumnos matriculados e 350 profesores é unha das meirandes escolas do sistema universitario galego.

Titulacións[editar | editar a fonte]

Titulacións de grao[editar | editar a fonte]

  • Grao en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais
  • Grao en Enxeñería en Organización Industrial
  • Grao en Enxeñería Eléctrica
  • Grao en Enxeñería Mecánica
  • Grao en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática
  • Grao en Enxeñería en Química Industrial
  • Grao en Enxeñería Biomédica

Titulacións de posgrao[editar | editar a fonte]

Mestrados

  • Mestrado en Enxeñería Industrial
  • Mestrado en Enxeñería de Organización
  • Mestrado en Contaminación Industrial: Avaliación, Prevención e Control
  • Mestrado en Enerxía e Sostibilidade
  • Mestrado en Enxeñería da Construción
  • Mestrado en Mecatrónica Industrial
  • Mestrado en Prevención de Riscos Laborais
  • Mestrado en Procesos de Deseño e Fabricación Mecánica
  • Mestrado en Tecnoloxías e Procesos na Industria do Automóbil

Programas de doutoramento (distinguidos coa Mención cara a Excelencia polo Ministerio de Educación)

  • Enxeñería Química
  • Enxeñería Térmica
  • Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Diario Oficial de Galicia. Decreto 14/2011, de 3 de febreiro, polo que se suprime, se crea e se modifica a denominación de centros universitarios na Universidade de Vigo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]