Escala (cartografía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Escala cartográfica»)
Mapa topográfico onde se indica unha escala de redución 1:250 000, o que significa que cada centímetro no mapa físico son 2,5 km na realidade.

A escala é a relación de proporción entre as dimensións reais dun obxecto e as do debuxo que o representa, por exemplo, se unha escala indica unha proporción 1:15000 significa que un centímetro do mapa representa 15 000 na vida real. Este sinxelo concepto complícase pola curvatura da superficie da Terra, que obriga a escala a cambiar polo mapa. A causa desta variación, o concepto de escala vólvese significativo en dúas formas distintas.

A primeira é a razón entre o tamaño do "globo xerado" e o tamaño da Terra. O globo xerado é un modelo conceptual en que a Terra se reduce e a partir dela se proxecta o mapa. A razón entre o tamaño da Terra e o do globo xerado chámase escala nominal.

A segunda forma refírese á variación da escala polo mapa. É a razón entre a escala do punto cartografado e a escala nominal. Neste caso escala significa "factor de escala".

Se a rexión do mapa e suficientemente pequena para ignorar a curvatura de Terra, como nun plano dunha localidade, pódese empregar un único valor sen causar erros de medida. En mapas maiores, ou en mapamundis, a escala do mapa pode ser menos útil e mesmo inútil para medir distancias. A proxección do mapa vólvese fundamental para entender como varía a escala polo mapa.[1][2] Cando a escala varía significativamente, pode terse en conta para o factor de escala. Ás veces emprégase a indicatriz de Tissot para ilustrar a variación do factor de escala por un mapa.

Historia[editar | editar a fonte]

Os fundamentos para as escalas nos mapas chegan á antiga China, en que hai evidencias de que a idea da escala cartográfica xa se entendía no século II a.C. Mesmo existen referencias que postulan a existencia dun sistemas de coordenadas primitivo para a identificación de lugares por parte dos astrónomos chineses.[3]

O cartógrafo e xeógrafo chinés Pei Xiu do período dos Tres Reinos creou un conxunto de mapas de grandes áreas debuxados a escala. Estableceu unha serie de principios que destacaban a importancia de facer escalas consistencias, medidas direccionais e axustes nas medidas dos terreos que ían ser cartografados.[3]

Representación[editar | editar a fonte]

As escalas escríbense en forma de razón onde o antecedente indica o valor do plano e o consecuente o valor da realidade. Por exemplo, a escala 1:500 significa que 1 cm do plano equivale a 500 cm (5 m) no orixinal.

Se o que se desexa medir do debuxo é unha superficie, haberá que ter en conta a relación de áreas de figuras semellantes, por exemplo un cadrado de 1 cm de lado no debuxo ou plano.

Tipos de escalas[editar | editar a fonte]

Existen tres tipos de escalas chamadas:

  • Escala natural: o tamaño físico do obxecto representado no plano coincide coa realidade. Existen varios formatos normalizados de planos para procurar ocupar espazos de redución.
  • Escala de redución: emprégase cando o tamaño físico do plano é menor que a realidade. Esta escala utilízase para representar pezas (E.1:2 ou E.1:5), planos de vivendas (E:1:50), mapas físicos de territorios onde a redución é moito maior e poden ser escalas da orde de E.1:50 000 ou E.1:100 000.
  • Escala de ampliación: utilízase cando hai que facer o plano de pezas moi pequenas ou de detalles dun plano. Neste caso o valor do numerador é máis alto que o valor do denominador ou sexa que se deberá dividir polo numerador para coñecer o valor real da peza.

Normas[editar | editar a fonte]

Segundo a norma UNE EN ISO 5455:1996. "Debuxos técnicos. Escalas" recoméndase utilizar as seguintes escalas normalizadas:

Escalas de ampliación: 100:1, 50:1, 20:1, 10:1, 5:1, 2:1
Escala natural: 1:1
Escalas de redución: 1:2, 1:5, 1:10, 1:20, 1:50, 1:100, 1:200, 1:500, 1:1000, 1:2000, 1:5000, 1:10 000

Se para aplicacións especiais se considerase necesaria unha escala de ampliación maior ou unha escala de redución menor que as que se dan na táboa, a gama de escalas recomendadas pode ampliarse pola súa banda superior e inferior, a condición de que a escala desexada se derive dunha escala recomendada mediante multiplicación por unha potencia de 10.

Escala gráfica, numérica e unidade por unidade[editar | editar a fonte]

  • A escala numérica representa a relación entre o valor da representación (o número á esquerda do símbolo ":") e o valor da realidade (o número á dereita do símbolo ":") e un exemplo diso é 1:100 000, o que indica que unha unidade calquera no plano representa 100 000 desas mesmas unidades na realidade; doutro xeito, dous puntos que no plano se atopan a 1 cm estarán na realidade a 100 000 cm, se están no plano a 1 m na realidade estarán a 100 000 metros, e así con calquera unidade que se tome.
  • A escala unidade por unidade é a igualdade expresa de dúas lonxitudes: a do mapa (á esquerda do signo "=") e a da realidade (á dereita do signo "="). Por exemplo, 1 cm = 4 km; 2 cm = 500 m etc.
  • A escala gráfica é a representación debuxada da escala unidade por unidade, onde cada segmento mostra a relación entre a lonxitude da representación e o da realidade. Un exemplo é:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Snyder, John P. (1987). Map Projections - A Working Manual. U.S. Geological Survey Professional Paper 1395. United States Government Printing Office, Washington, D.C.  USGS pages. Arquivado 16 de maio de 2008 en Wayback Machine.
  2. Flattening the Earth: Two Thousand Years of Map Projections, John P. Snyder, 1993, pp. 5-8, ISBN 0-226-76747-7
  3. 3,0 3,1 Selin, Helaine (2008). Encyclopaedia of the History of Science, Technology, and Medicine in Non-Western Cultures. Springer (publicado o 17 de marzo de 2008). p. 567. ISBN 978-1402049606. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Saavedra Droguett, Camila (2008). Escala (cartografía). Chile: Saint thomas. ISBN 84-9732-428-6.