Erupción do Vesuvio no ano 79

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Herculano e outras cidades afectadas pola erupción do Monte Vesuvio no ano 79. A nube de negro representa a distribución xeral de cinza e escoura. Móstranse as liñas de costa modernas, Plinio o Novo estaba en Miseno.

No ano 79, o Monte Vesuvio estalou nunha das máis catastróficas erupcións da Historia Europea. Os historiadores coñecen a erupción polo testemuño de Plinio o Novo, un poeta e administrador romano que describe a erupción do monte Vesuvio e a morte do seu tío e mentor, Plinio o vello. No seu honor este tipo de erupcións coñécense como plínicas.

O monte Vesuvio guindou unha nube mortal de gas volcánico, pedras, cinzas, e fumes a unha altura de 33 km, expulsando roca fundida e pedra pómez pulverizada a razón de 1,5 millóns de toneladas por segundo, e en última instancia, a liberación de centos de miles de veces a enerxía térmica do bombardeo de Hiroshima.[1] As cidades de Pompeia e Herculano foron borradas e quedaron enterradas debaixo do masivo fluxo piroclástico e choiva de cinza.[1][2] Na actualidade atopáronse os restos de máis de mil corpos, pero o número total de persoas que morreron na erupción é descoñecido.

Precursores e tremores preliminares[editar | editar a fonte]

A erupción do ano 79 foi precedida por un forte terremoto dezasete anos antes, o 5 de febreiro do 62. Que causou unha destrución xeralizada en toda a baía de Nápoles, e en particular a Pompeia.[3] Algúns dos danos aínda non foran reparados cando o volcán entrou en erupción.[4] A morte de 600 ovellas por "aire viciado" nos arredores de Pompeia reportado por Séneca levou a Haraldur Sigurdsson a comparalas coas mortes similares de ovellas en Islandia polo dióxido de carbono das piscinas volcánicas e para especular que o terremoto do 62 estaba relacionada coa nova actividade polo Vesuvio.[5]

Outro terremoto menor tivo lugar no ano 64, que foi relatado por Suetonio na súa biografía de Nerón,[6] e por Tácito en Annales, xa que tivo lugar mentres Nerón estaba en Nápoles actuando por primeira vez nun teatro público.[7] Suetonio relata que o emperador continuou cantando durante o terremoto ata que terminou a súa canción, mentres Tácito escribiu que o teatro esborrallouse pouco despois de ser evacuado.

Os romanos afixéronse aos tremores de terra de menor importancia na rexión; o escritor Plinio o Novo escribiu que "non eran particularmente alarmantes, xa que son frecuentes en Campania". Pequenos terremotos comezaron a sucederse o 20 de agosto 79,[4] converténdose en máis frecuentes nos seguintes catro días, pero as advertencias non foron recoñecidas.[8]

Natureza da erupción[editar | editar a fonte]

Vesuvio en erupción . Pintura do pintor noruegués J. C. Dahl, 1826.

As reconstrucións da erupción e os seus efectos varían considerablemente nos detalles, pero teñen as mesmas características xerais. A erupción durou dous días. A mañá do primeiro día, 24 de agosto foi percibido como normal pola única testemuña que deixou un documento que sobrevive, Plinio o Novo, que nese momento estaba aloxado en Miseno, no outro lado da baía de Nápoles a uns 30 km do volcán, o que puido impedirlle notar os primeiros signos da erupción. Non tivo ningunha oportunidade, durante os dous días seguintes, de falar con persoas que foran testemuñas da erupción de Pompeia ou Herculano (de feito nunca menciona Pompeia na súa carta), polo que non se decataría cedo das fisuras e lanzamentos máis pequenos de cinzas e fume na montaña, se tal ocorrese antes na mañá. Ao redor das 23:00 horas, o Vesuvio estalou violentamente, lanzando unha columna a grande altura desde a que a cinza comezou a caer, cubrindo a zona. Nese momento comezaron os rescates e o éxodo das cidades. Nalgún momento da noite ou na madrugada do día seguinte, 25 de agosto, comezou o fluxo piroclástico nas inmediacións do volcán. As luces vistas na montaña foron interpretadas como incendios. Os habitantes de vilas tan afastadas como Miseno fuxiron para salvar as súas vidas. Os fluxos foron de movemento rápido, denso e moi quente, derribando na súa totalidade ou en parte, todas as estruturas ao seu paso, e incinerando ou asfixiando a poboación que quedaba e alterando a paisaxe, incluídas as costas. Foi acompañada por resplandores, tremores e un pequeno tsunami na baía de Nápoles. Pola tarde do segundo día a erupción terminara, deixando só un neboeiro na atmosfera a través da cal o sol brillaba debilmente.

Plinio o Novo escribiu un relato da erupción:

Amplas láminas de chamas iluminaban moitas partes do Vesuvio, a súa luz e brillo eran máis intensas na escuridade da noite ... Era de día no resto do mundo, pero alí a escuridade era máis escura e máis grosa que calquera noite.[9]

Os estudos estratigráficos[editar | editar a fonte]

Segundo un estudo estratigráfico (un estudo das capas de cinza) feito por Sigurdsson, Cashdollar, e Sparks, publicado en 1982, e actualmente un estándar de referencia, a erupción do Vesuvio do ano 79 desenvolveuse en dúas fases:[10] unha erupción pliniana ou vesuviana que durou de dezaoito a vinte horas e produciu unha choiva de pedra pómez cara ao sur do cono que acumulou un capa de 2,8 m de profundidade en Pompeia, seguido dun fluxo piroclástico ou nube ardente, na segunda unha erupción peleana que chegou ata Miseno, pero concentrouse no oeste e noroeste. Dous fluxos piroclásticos enguliron Pompeia, queimando e asfixiando os rezagados que quedaron atrás. Oplontis e Herculano recibiron a peor parte dos fluxos e quedaron enterradas en fina cinza, pedra pómez e depósitos piroclásticos.

Nun artigo publicado en 2002 por Sigurdsson e Casey, baseado na evidencia estratigráfica das escavacións e estudos ata entón, interpretan que a explosión cuasi inicial (non as primeiras) produciu unha columna de cinza e pedra pómez que de entre 15 km e 30 km de altura que, debido aos ventos do noroeste, caeu sobre Pompeia cara ao sueste, pero non en Herculano contra o vento. A erupción é vista principalmente como freatomagmática é dicir, a principal fonte de enerxía da columna veu da fuga de vapor quentado polo magma, creado a partir da filtración de auga de mar durante tempo nas profundas fallas da rexión, que entrou en interacción co magma e a calor.

Posteriormente, a nube creada pola columna de cinza derrubouse, os gases densificaron e perderon a súa capacidade para aguantar os seus contidos sólidos, liberándoo como un fluxo piroclástico, que alcanzou Herculano pero non Pompeia. Explosións adicionais formaron novas columnas. A erupción alternou entre pliniana e peleana seis veces. Crese que foron necesario entre 4 e 5 fluxos sucesivos para destruír Pompeia.[11] Os fluxos identifícanse nos depósitos, polas dunas e a formación de estratos cruzados, que non son producidos pola precipitación.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Science: Man of Pompeii". Time. 15 de outubro de 1956. Consultado o 4 de febreiro de 2011. 
  2. Andrew Wallace-Hadrill (15 de outubro de 2010). "Pompeii: Portents of Disaster". BBC History. Consultado o 4 de febreiro de 2011. 
  3. Martini, Kirk (Setembro de 1998). "Chapter 2: Identifying Potential Damage Events". Patterns of Reconstruction at Pompeii. Pompeii Forum Project, Institute for Advanced Technology in the Humanities (IATH), University of Virginia. Consultado o 26 de maio de 2010. 
  4. 4,0 4,1 Jones, Rick (2004–2010). "Visiting Pompeii – AD 79 – Vesuvius explodes". Current Archeology.co.uk. London: Current Publishing. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2012. Consultado o 27 de maio de 2010. 
  5. Sigurdsson 2002, p. 35 on Seneca the Younger, Natural Questions, 6.1, 6.27.
  6. Suetonius, C. Tranquillus (1914) [121]. "20". The Life of Nero. The Lives of the Caesars. Loeb Classical Library, William P. Thayer. 
  7. Tacitus, Publius Cornelius (1864–1877) [117]. "Book 15.22". The Annals. Modern Library, The Internet Sacred Text Archive. 
  8. The dates of the earthquakes and of the eruption are contingent on a final determination of the time of year, but there is no reason to change the relative sequence.
  9. "Pliny the Younger, Epistulae VI.16 & VI.20". Ancient Literature. Consultado o 2012-07-07. 
  10. Sigurdsson, Haraldur; Cashdollar, Stanford; Sparks, R. Stephen J. (xaneiro de 1982). "The Eruption of Vesuvius in A. D. 79: Reconstruction from Historical and Volcanological Evidence". American Journal of Archaeology (American Journal of Archaeology, Vol. 86, No. 1) 86 (1): pp. 39–51. JSTOR 504292. doi:10.2307/504292. 
  11. Sigurdsson 2002, pp. 42–43

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]