Erisipela
| Erisipela | |||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||||||
| Características | |||||||||||||||||||||||
|
Especialidade médica
| |||||||||||||||||||||||
|
Síntomas
| |||||||||||||||||||||||
|
Tratamentos posibles
| |||||||||||||||||||||||
|
Exames médicos
| |||||||||||||||||||||||
|
Fármacos para tratamento
| |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||||||||||||

A erisipela[1] é unha doenza infecciosa aguda da pel, producida por estreptococos, fundamentalmente o Streptococcus pyogenes, que afecta a derma e os vasos linfáticos subxacentes.[2] Caracterízase por unha placa eritematosa de extensión variable, de bordos ben definidos que pode causar dor e proído e manifestacións sintomáticas como febre e linfadenopatías. En xeral, a infección ocorre nas pernas.[3]
En animais, a erisipela é unha doenza causada pola bacteria Erysipelothrix rhusiopathiae e dáse sobre todo en porcos. Aecta as válvulas cardíacas. E. rhusiopathiae pode tamén infectar humanos, pero nese caso, a infección coñécese como erisipeloide, que é unha doenza curánea laboral.[4]
Introdución
[editar | editar a fonte]A erisipela é unha infección bacteriana aguda das capas superiores da derma causada principalmente por estreptococos. Actualmente non existen probas de que outras bacterias poidan causar a erisipela típica. O papel das toxinas estreptocócicas é probablemente importante na patoxenia da doenza. Durante 20 anos observouse en moitos países unha recrudescencia epidémica, mais os datos baséanse principalmente nas series dos hospitais e están, por tanto, suxeitos a erros de nesgo. Non existen problemas de resistencia e a penicilina é o tratamento estándar.
A pesar de que o diagnóstico clínico de erisipela é doado na súa forma típica, nalgúns pacientes nos cales a doenza é máis profunda, o diagnóstico é máis difícil pola aparencia clínica e a posibilidade de que estea involucrada outra bacteria.
Definición
[editar | editar a fonte]A erisipela defínese como un tipo clínico de celulite (entendendo como tal unha inflamación cutánea) que pode afectar a derma e o tecido celular subcutáneo (hipoderma).
A aplicación do termo celulite pode ser impreciso. Non corresponde a un tecido anatómico ou histopatolóxico e outras formas non bacterianas de inflamación da pel descríbense como celulite. Canto máis dérmica é a localización da erisipela, máis definidos son os límites do eritema e o edema. Nalgúns pacientes a localización é máis profunda na hipoderma, o que fai que teña límites máis indefinidos, cunha coloración rosada. Nestes suxeitos é frecuente unha orixe estreptocócica, pero non é a única posibilidade e pode haber outras bacterias asociadas.
Anatomía patolóxica
[editar | editar a fonte]Na fase aguda obsérvase un denso infiltrado inflamatorio dérmico composto por neutrófilos, menos intenso na hipoderma. Pode asociarse con pústulas, abscesos ou necrose focal. O edema dérmico, rico en fibrina, é importante e pode contribuír ao desenvolvemento de bochas subepidérmicas. Os vasos linfáticos dilatados conteñen neutrófilos e macrófagos. Tamén se observan neutrófilos nas paredes venulares e pode ocorrer trombose.
Fisiopatoloxía
[editar | editar a fonte]
A erisipela é unha infección bacteriana e a maioría dos investigadores consideran que a causa principal son os estreptococos. Encóntranse tres clases de estreptococos: Streptococcus pyogenes no 58 % ao 67 % dos casos, Streptococcus agalactiae no 3 % ao 9 %, e S. dysgalactiae sp. equisimilis no 14 % ao 25 %. Nalgúns pacientes poden encontarse outras bacterias, en xeral asociadas a estreptococos, como Staphylococcus aureus no 10 % ao 17 %, e Pseudomonas aeruginosa e enterobacterias no 5 % ao 50 %.[5]
Existen argumentos indirectos que sinalan o papel único dos estreptococos na erisipela. O número de bacterias estreptocócicas é pequeno na erisipela e os métodos que usan antíxenos estreptocócicos aumentaron a porcentaxe de casos de erisipela estreptococo-positiva. A colonización bacteriana da pel é frecuente e isto explica a presenza de estafilococos e Pseudomonas sp. nas áreas intertrixinosas. Non se atoparon hemocultivos positivos para estafilococos nas erisipelas. Finalmente, a penicilina G, á cal normalmente son resistentes os estafilococos, úsase regularmente con éxito no tratamento da erisipela e as súas recorrencias.
Os estreptococos teñen moitos factores protectores e de virulencia, o que pode explicar os síntomas clínicos da enfermidade. A proteína M e a cápsula atrasan a fagocitose e facilitan a invasión tisular. A proteína M e os ácidos teicoicos aumentan a adhesividade celular. A difusión de encimas e exotoxinas contribúe á inflamación local. As exotoxinas SpeB e SpeC son as que se atopan máis frecuentemente na erisipela, mentres que a SpeA (responsable da síndrome de choque tóxico) só se observan moi rara vez. Estes superantíxenos estreptocócicos tamén contribúen á inflamación e morte celular.
Diagnóstico clínico
[editar | editar a fonte]No 90 % dos casos a erisipela localízase nas pernas. Outros sitios afectados son a cara, os brazos e as coxas (pacientes con cirurxía de cadeira). A entidade caracterízase pola presentación súbita, con febre unhas horas antes da aparición dos signos cutáneos, que xeralmente é máis alta en pacientes con celulite e fascite. Porén, pode estar ausente no 15 % dos pacientes. O eritema esténdese gradualmente e acompáñase de edema e dor. A placa está ben delimitada e esténdese uns 5 a 25 cm por día, sen involución central.
Nas pernas, a porta de entrada máis frecuente é a través do pé de atleta, que se encontra con máis frecuencia en pacientes con erisipela que na poboación xeral. Outras portas de entrada son úlceras, dermatites por estase venosa e feridas. Na face pode ser unha complicación da sinusite, procesos ou manipulacións dentarias, otites e feridas.
Os síntomas xerais asociados a eritema crecente normalmente son diagnósticos. Pode observarse linfadenopatía rexional, e linfanxite. No momento do diagnóstico é importante termos en conta marcadores clínicos de gravidade, que poden indicar a necesidade de hospitalización. Estes inclúen síntomas e signos xerais, como febre alta e confusión mental, taquipnea, taquicardia, oliguria e hipotensión. Tamén deben valorarse manifestacións locais de gravidade, como dor local intensa, gran edema, ampolas hemorráxicas, necrose focal, livedo reticularis e crepitación. Finalmente, tamén son motivo de hospitalización a existencia de comorbilidades como diabetes mellitus e obesidade.
Os factores de risco son numerosos. Inflúen as condiciones locais (pé de atleta, úlceras de perna) e as doenzas asociadas (linfedema, diabetes, alcoholismo) ou as condicións de vida. No único estudo de casos e controis realizado viuse que o linfedema e a porta de entrada son os principais factores de risco para a erisipela.
En pacientes con dermohipodermite atípica cómpre considerar outros diagnósticos, igual que cando a enfermidade non se resolve tras 48 a 72 horas de tratamento.
As manifestacións máis serias son a dermohipodermite ou erisipela necrotizante e a fascite. Ambas as entidades poñen en risco a vida do paciente e requiren tratamento cirúrxico.
A erisipela necrotizante é unha complicación grave en pacientes con insuficiencia arterial. Neles, a erisipela descompensa a enfermidade arterial e provoca necrose. Aparece especialmente en anciáns e diabéticos.
Laboratorio
[editar | editar a fonte]Na forma clásica non se requiren exames complementarios para o diagnóstico. As análises mostrarán unha doenza infecciosa bacteriana con neutrofilia e niveis elevados de proteína C reactiva. As probas de laboratorio para estreptococos teñen varios niveis de sensibilidade. Debe realizarse o exame bacteriolóxico da porta de entrada, pero é positivo en menos do 40 % dos pacientes. Os resultados dos estudos serolóxicos tardan moito en dispoñerse como para que sexan útiles. Os hemocultivos están indicados nos pacientes con calofríos, febre elevada ou signos tóxicos.
Complicacións
[editar | editar a fonte]Algúns signos asociados non se deben considerar complicacións se están localizados e desaparecen co tratamento. En ocasións obsérvanse ampolas a consecuencia do edema e púrpura no centro da placa.
Os abscesos localizados non son infrecuentes e deben sospeitarse cando a febre non responde aos antibióticos. Pódese palpar unha zona branda e dolorosa. A punción da lesión orixinará a emisión de pus, a miúdo estéril.
A septicemia e a bacteriemia son raras. Os cultivos de sangue son positivos en menos do 5 % dos pacientes. No 1 % ao 5 % ocorre tromboflebite venosa profunda.
A recorrencia é relativamente elevada, prodúcese nun 10 % dos pacientes durante os seis meses despois do primeiro episodio e nun 30 % aos tres anos. Non sempre aparece no mesmo lugar. Os factores de risco de recorrencia son as úlceras nas pernas, o pé de atleta, o linfedema crónico e os traumas cutáneos. A erisipela recorrente é na súa maioría debida á falta de tratamento dos factores locais.
Tratamento
[editar | editar a fonte]Na erisipela da perna e na celulite, a primeira medida de tratamento é o repouso por varios días coa perna elevada. Isto reduce o edema e a dor, e é importante para combater a febre. Unha vez que o paciente pode deambular, as medias elásticas permiten mellor contención e reducen a recorrencia do edema e o risco de linfedema.[6]
A penicilina G continúa sendo o tratamento estándar nas erisipelas non complicadas e é eficaz en máis do 80 % dos casos. A dosis diaria inicial varía, de acordo cos estudos, de 10 a 20 MU en 4 a 6 infusións. Na maioría dos estudos continúase a terapia endovenosa con penicilina oral por 2 a 3 días, en tres doses diarias de 3 a 6 MU, axiña que desapareza a febre. Tamén se pode utilizar amoxicilina, 3 a 4,5 g/día. O tratamento debe continuarse por 10 a 20 días.
Outros antibacterianos utilizados para a erisipela son os macrólidos (eritromicina, roxitromicina e azitromicina), novas cefalosporinas (cefalexina, cefadroxilo e cefotaxima) e fluoroquinolonas (ciprofloxacino), con actividade equivalente á da penicilina. A indicación do uso destes fármacos é principalmente a celulite complicada.
Debateuse durante moito tempo o uso de anticoagulantes no período inicial do tratamento. Actualmente, considerando a baixa prevalencia de trombose venosa profunda, só se indica heparina subcutánea a pacientes con antecedente de trombose venosa ou embolia pulmonar, con veas varicosas, ou en pacientes obesos que non poden deambular.
Normalmente cómpre realizar o tratamento da porta de entrada da infección. A maioría dos antimicóticos tópicos utilizados para tratar o pé de atleta teñen certa actividade antiestreptocócica, mais non foron avaliados na prevención ou recorrencia da erisipela. Deben utilizarse asociados cunha boa hixiene. Os antibióticos sistémicos son suficientes en pacientes con úlceras na perna por Streptococcus pyogenes. É importante que o paciente comprenda a importancia do tratamento tópico na prevención das recorrencias.
O tratamento da erisipela recorrente non se estudou ben. O uso de penicilina V e eritromicina resultou nunha redución significativa das recorrencias.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para erisipela.
- ↑ Moyano, Mónica; Peuchot, Agustina; Giachetti, Ana Claudia; Moreno, Rina; Cancelara, Aldo; Falaschi, Andrea; et al. (2014). "Infecciones de piel y partes blandas en pediatría: consenso sobre diagnóstico y tratamiento" (PDF). Arch Argent Pediatr 2014;112(1): (Arxentina) 112 (1): e96–e102. doi:10.5546/aap.2014.e96. Consultado o 11 de agosto de 2017.
- ↑ Fonseca Capdevila, E.: «Infecciones bacterianas». En: Ferrándiz, C. (ed.): Dermatología clínica (páx. 23-35). Barcelona: Elsevier, 3ª edición, 2009.
- ↑ Veraldi, S (2009). "Erysipeloid: a review". Clinical and Experimental Dermatology 34 (8): 859–862. PMID 19663854. doi:10.1111/j.1365-2230.2009.03444.x.
- ↑ "A systematic review of bacteremias in cellulitis and erysipelas.". Epistemonikos (en castelán). Consultado o 2022-03-30.
- ↑ "Vendas y medias de compresión para ayudar a la cicatrización de las úlceras venosas de las piernas". www.cochrane.org (en castelán). Consultado o 2022-03-30.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Erisipela |
- "Erisipela". MedlinePlus (en castelán).
- Erisipela, artigo con imaxes sobre a doenza e os seus criterios diferenciais coa trombose venosa.
- Bagó.com.
- En Epistemonikos hai máis información sobre Erisipela.
