Erik Lamela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Erik Lamela
Información persoal
Nome Erik Manuel Lamela Cordero
Nacemento 4 de marzo de 1992
Lugar de nacemento Buenos Aires
Altura 1,81 m.
Posición extremo esquerdo
Información de club
Club actual Sevilla
Número 17
Carreira xuvenil
2000–2009 River Plate
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2009–2011 River Plate 36 (4)
2011–2013 Roma 62 (19)
2013–2021 Tottenham Hotspur 177 (17)
2021– Sevilla 20 (5)
Selección nacional
2011–2012 Arxentina sub-20 4 (3)
2011– Arxentina 25 (3)
Na rede
Facebook: Eriklamelacoco Twitter: ErikLamela Instagram: eriklamela FIFA: 330540 UEFA: 250038224 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 23 de maio de 2022.
Selección: actualizado a 23 de maio de 2022.editar datos en Wikidata ]

Erik Manuel Lamela Cordero, nado en Carapachay, Buenos Aires, o 4 de marzo de 1992, é un futbolista arxentino, de ascendencia galega. Xoga como centrocampista ofensivo ou extremo e dende 2021 milita no Sevilla, da Primeira División.

Con só 12 anos, as súas actuacións na canteira do River Plate atraeron a atención da prensa mundial e dos grandes clubs europeos, que tentaron a súa fichaxe. Con todo, continuou no club bonaerense ata debutar co primeiro equipo, e despois de dous anos na Primeira División da Arxentina, foi traspasado á Roma, da Serie A, na que xogou outras dúas tempadas. En 2013 fichou polo Tottenham, no que militou durante oito anos, ata 2021. Disputou co club de Londres 257 partidos oficiais, marcando 37 goles e repartindo 47 asistencias, e acadou a final da Liga de Campións na tempada 2018/19.

Internacional coa selección arxentina dende 2011, disputou 25 partidos coa selección celeste, coa que participou en dúas edicións da Copa América, en 2015 e 2016, rematando en ambas subcampión.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

Naceu o 4 de marzo de 1992 en Carapachay, no municipio de Vicente López, ao norte da cidade de Buenos Aires. Seu pai, José Lamela, é fillo de dous emigrantes galegos, de Castromaior (Abadín) e Vilalba, que se instalaron na Arxentina en 1955.[1] Súa nai, Miriam Cordero, é tamén descendente de galegos, sendo os avós desta naturais da Coruña e de Ourense.[1]

Comezos[editar | editar a fonte]

Ingresou na canteira de River Plate con sete anos e comezou axiña a destacar. Con 12 anos visitou por primeira vez Galicia, para disputar con River Plate o prestixioso torneo Arousa Fútbol 7.[1] Proclamouse campión do mesmo, despois de marcar 13 goles, dous deles na final contra o Valencia, e foi elixido mellor xogador do torneo.[2] As súas actuacións en Vilagarcía, así como os 120 goles que marcara con River na tempada anterior, espertaron o interese dos clubs de fútbol europeos e convertérono nunha figura dos medios que ocupaba titulares de medios internacionais.[1] O Barcelona ofreceulle a Lamela e á súa familia 120.000 euros ao ano, así como unha casa e un emprego para os seus pais, para que se mudaran á cidade de Barcelona,[3] pero a familia continuou na capital arxentina, onde Erik xogou cinco anos máis na canteira de River.[1]

River Plate[editar | editar a fonte]

O 14 de xuño de 2009 debutou co primeiro equipo de River Plate, nun partido contra Tigre correspondente ao Torneo Clausura de 2009. Entrou no campo no minuto 80, substituíndo a Robert Flores. Marcou o seu primeiro gol o 5 de decembro de 2010 nun partido do Torneo Apertura contra Colón.

Foi un habitual no centro do campo de River durante a tempada 2010/11, xogando 34 partidos e marcando catro goles, pero o equipo acabou descendendo á Primeira B.[4]

Roma[editar | editar a fonte]

Lamela (dereita) coa camiseta da Roma nun partido contra o Chelsea en 2013

O 6 de agosto de 2011 desembarcou no fútbol europeo ao ser traspasado á Roma da Serie A, por 12 millóns de euros máis 2 adicionais por obxectivos.[5] Realizou a súa estrea na Serie A o 23 de outubro de 2011, nun partido ante o Palermo no que ademais marcou o seu primeiro gol en Italia.[6] Rematou a súa primeira tempada no Stadio Olimpico con seis goles en 31 partidos entre liga e Copa de Italia.

Os seus números melloraron na tempada 2012/13, na que a pesar de perder un mes de competición por unha lesión nun nocello, acadou os 15 goles, sendo o quinto máximo goleador da liga e o segundo da Roma, cun gol menos que Pablo Osvaldo. Entre os seus tantos destacaron un no derbi contra a Lazio e dous nunha vitoria por 4-2 sobre o Milan. O equipo acabou sexto, fóra de novo das competicións europeas, e pechou a tempada perdendo a final da Copa de Italia ante o seu máximo rival, a Lazio.[7]

Tottenham Hotspur[editar | editar a fonte]

En agosto de 2013, converteuse na fichaxe máis cara da historia do Tottenham Hotspur, que pagou por el un prezo duns 30 millóns de euros.[8][9][10] Debutou na Premier League o 1 de setembro, nun derbi contra o Arsenal no Emirates Stadium no que substituíu no minuto 75 a Andros Townsend.[11] O 7 de novembro marcou o seu primeiro gol co club de Londres na vitoria por 2-1 sobre o Sheriff Tiraspol na Europa League.[12] Disputou só 17 encontros entre tódalas competicións durante a súa primeira tempada en Inglaterra, que rematou cunha lesión nas costas en abril de 2014.[13]

Na tempada 2014/15, trala chegada ao banco do seu compatriota Mauricio Pochettino, fíxose coa titularidade no equipo londiniense. Xogou un total de 46 encontros, e aínda que marcou só 5 goles, foi o líder do equipo en asistencias, con 10. Un dos seus goles foi unha "rabona" dende fóra da área fronte ao Asteras Tripoli na Europa League, que foi elixido mellor gol da competición.

Continuou sendo unha peza clave no Tottenham de Pochettino na tempada 2015/16, contribuíndo ao terceiro posto acadado polo equipo na Premier League, competición na que fixo cinco goles.[14] Con todo, as súas mellores cifras goleadores conseguiunas na Europa League, na que marcou seis tantos, incluído un triplete sobre o Monaco.[15]

Na tempada 2016/17 sufriu unha lesión na cadeira que lle impediu sumar máis de 14 partidos.[16][17] Despois de dúas operacións e máis dun ano de baixa,[18] reapareceu o 28 de novembro de 2017 nun partido contra o Leicester no King Power Stadium. Deulle a asistencia a Harry Kane no único gol dos Spurs, pero o partido rematou en derrota por 2-1.[19] Disputou 34 partidos oficiais durante a tempada e marcou catro goles.

En xullo de 2018 asinou unha ampliación do seu contrato co Tottenham durante catro anos máis, ata 2022.[20] O 3 de outubro de 2018 marcou o gol número 8.000 da historia da Liga de Campións, nunha derrota por 2-4 contra o Barcelona.[21] Nesa mesma edición da Liga de Campións, acadou a final, aínda que viu dende o banco como o título ía parar ás vitrinas do Liverpool. Pechou a tempada con 35 partidos e 6 goles.

Na seguinte tempada disputou 25 partidos de liga e foi foi titular nos oitavos de final da EFL Cup ante o Chelsea, onde marcou o único gol do seu equipo para empatar o partido (1-1). Na quenda de penaltis anotou o seu lanzamento, contribuíndo así á vitoria do Tottenham por 5-4.[22] En xaneiro de 2021 foi multado e afastado do equipo durante varias xornadas por incumprir a normativa relativa á prevención do COVID-19 ao asistir a unha festa de Nadal.[23][24] O 14 de marzo saíu dende o banco e anotou unha rabona para axudar aos Spurs a tomar a vantaxe no derbi do norte de Londres, pero posteriormente foi expulsado por unha dobre tarxeta amarela e os Spurs caeron por 2-1.[25] O seu gol foi votado como o Gol da Tempada en Match of the Day e gañou tamén o Premio Puskás da FIFA ao mellor gol do ano no mundo.[26][27]

Sevilla[editar | editar a fonte]

En xullo de 2021 foi traspasado ao Sevilla, nun intercambio por Bryan Gil.[28] Marcou dous goles no seu debut na Primeira División, na vitoria por 3-0 ante o Rayo Vallecano.[29]

Selección arxentina[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección arxentina sub-20 coa que disputou a Copa do Mundo de Fútbol sub-20 de 2011, marcando tres goles en catro partidos e caendo nos cuartos de final ante Portugal na quenda de penaltis.[30]

Debutou como internacional absoluto coa selección arxentina o 25 de maio de 2011, nun partido amigable contra Paraguai.[31] O 3 de setembro de 2014 marcou o seu primeiro gol coa selección, poñendo o 2-0 no marcador ante Alemaña, nun partido amigable que rematou con vitoria arxentina por 4-2.[32]

En maio de 2015 foi un dos seleccionados polo adestrador Gerardo Martino para a Copa América 2015 celebrada en Chile, pero disputou só uns minutos no partido contra Xamaica.[33] En 2016 foi convocado de novo polo "Tata" Martino para a Copa América Centenario. Participou en tódolos partidos, incluída a final que o seu equipo perdeu ante Chile na quenda de penaltis.[34] Marcou dous goles durante o torneo, ante Bolivia, cun lanzamento de libre directo,[35] e contra Venezuela.[36]

Trala súa graves lesión, estivo ausente da selección durante dous anos, ata que volveu ser convocado en novembro de 2018.[37]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Ten dous fillos coa súa parella, Sofía Herrero: Tobias, nacido en 2017,[38][39] e Thiago, nacido en 2020.[40] É curmán do tamén futbolista Agustín Palavecino, xogador de River Plate.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Candal, Rocío (30 de maio de 2021). "Erik Lamela, la emigración y el Deportivo" (en castelán). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  2. "Ríver Plate se corona en Arousa". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 2004. p. 46. 
  3. Ben, Jefferson (30 de agosto de 2013). "WATCH: Tottenham's Erik Lamela spurned Barcelona as a child" (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  4. "Erik Lamela". argentinesoccer.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2020. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  5. "Un millón por Lamela" (en castelán). 26 de decembro de 2011. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  6. "AS Roma 1-0 Palermo". ESPN (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2013. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  7. "Roma 0-1 Lazio". goal.com (en inglés). 26 de maio de 2013. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  8. "Chío do Tottenham". Twitter (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  9. "Erik Lamela: Tottenham confirm the signing of Roma forward". bbc.co.uk. 30 de agosto de 2013. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  10. "Transfer news: Tottenham complete club record £30m deal for Roma winger Erik Lamela". The Independent (en inglés). 30 de agosto de 2013. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  11. "Arsenal continued their fine home record against Tottenham by handing their north London rivals a first defeat of the season.". BBC (en inglés). 1 de setembro de 2013. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  12. Nakrani, Sachin (8 de novembro de 2013). "Tottenham's Jermain Defoe breaks club scoring record in win over Sheriff". The Guardian (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  13. "Erik Lamela: Injured Tottenham midfielder to miss end of season". British Broadcasting Corporation (en inglés). 17 de abril de 2014. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  14. "Tottenham Hotspur season review 2015-16: How did Spurs mount a title bid?". The Daily Telegraph (en inglés). 15 de maio de 2016. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  15. "Tottenham Hotspur 4-1 Monaco" (en inglés). 10 de decembro de 2015. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  16. Hytner, David (6 de xaneiro de 2017). "Tottenham’s Érik Lamela returns to Roma for treatment on hip injury". The Guardian (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  17. "Erik Lamela: Tottenham midfielder out for the season". BBC (en inglés). 29 de marzo de 2017. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  18. James, Stuart (29 de novembro de 2017). "Tottenham’s Érik Lamela admits he feared he would never play again". The Guardian (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  19. "Leicester 2 Tottenham 1: Jamie Vardy strikes 100th league goal as hosts extinguish Spurs' title dreams". The Daily Telegraph (en inglés). 28 de novembro de 2017. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  20. "Tottenham Hotspur: Son Heung-min & Erik Lamela sign new contracts". BBC (en inglés). 20 de xullo de 2018. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  21. "La UEFA le dio el gol 8000 de la Champions a Griezmann, rectificó y así reaccionó el Atleti" (en castelán). 5 de outubro de 2018. Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2022. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  22. "Mason Mount missed the crucial spot-kick as Tottenham edged past Chelsea on penalties after a 1-1 draw to reach the Carabao Cup quarter-finals." (en inglés). 29 de setembro de 2020. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  23. Hytner, David (3 de xaneiro de 2021). "Érik Lamela will not play against Brentford after Christmas Covid breach". The Guardian (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  24. "Tottenham fine players after breaking Christmas lockdown - sources". ESPN (en inglés). 5 de xaneiro de 2021. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  25. "Arsenal came from behind to secure a fully deserved north London derby win and inflict damage on Tottenham's hopes of a place in the Premier League's top four.". BBC (en inglés). 14 de marzo de 2021. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  26. "Lamela takes Match of the Day’s Goal of the Season vote" (en inglés). 25 de maio de 2021. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  27. "Erik Lamela wins Puskas Award for stunning rabona goal against Arsenal" (en inglés). 17 de xaneiro de 2022. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  28. "EL ATACANTE ARGENTINO ERIK LAMELA, NUEVO JUGADOR DEL SEVILLA FC" (en castelán). 26 de xullo de 2021. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  29. "Lamela scores twice as Sevilla defeat Rayo Vallecano" (en inglés). 15 de agosto de 2021. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  30. "Erik LAMELA". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2011. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  31. "Argentina vs. Paraguay 4 - 2". soccerway.com (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  32. Leach, Conrad (4 de setembro de 2014). "Argentina avenge their World Cup final defeat with destruction of Germany". The Guardian (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  33. "Gerardo Martino confirmó la lista de 23 convocados y mantuvo a Casco para la Copa América". La Nación (en castelán). 28 de maio de 2015. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  34. "Copa America final RECAP: All the action as it happened as Argentina faced Chile at MetLife Stadium" (en inglés). 27 de xuño de 2016. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  35. "Tottenham’s Erik Lamela posts picture after goal for Argentina" (en inglés). 15 de xuño de 2016. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  36. "Messi matches record as Argentina win Copa quarter-final" (en inglés). 19 de xuño de 2016. Consultado o 23 de maio de 2022. 
  37. Kilpatrick, Dan (14 de novembro de 2018). "Erik Lamela motivated by Argentina return during career-threatening Tottenham lay-off". Evening Standard (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  38. Alasdair, Gold (28 de novembro de 2017). "Erik Lamela's new baby - will fatherhood treat Spurs star like Harry Kane and Kieran Trippier?" (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  39. Hytner, David (26 de xaneiro de 2018). "Érik Lamela: ‘My brother is in a wheelchair … you realise what is important’". The Guardian (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 
  40. Davies, Matt (29 de agosto de 2020). "Erik Lamela introduces his newborn son to Tottenham as Spurs beat Birmingham". Evening Standard (en inglés). Consultado o 23 de maio de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]