Erdapfel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O Erdapfel de Behaim, 1492.

O Erdapfel (en alemán: literalmente «mazá da terra») é o globo terrestre máis antigo que se conserva. Foi elaborado polo navegante, cosmógrafo e xeógrafo alemán Martin Behaim en 1492. Trátase dunha bóla de 51 cm de diámetro, composta de dúas semiesferas feitas de liño laminado con reforzo de madeira e cuberta cun mapa pintado por Georg Glockendon.[1] O mapa foi debuxado en papel e colouse na capa de pergamiño coa que primeiramente se cubriu o globo.[2]

Historia e características[editar | editar a fonte]

Martin Behaim e o seu Erdapfel.
Proxección do Erdapfel.
Área oceánica descrita no globo de Martin Behaim.

O continente americano non aparece, pois Cristovo Colón non retornou da súa primeira viaxe até marzo de 1493. O globo presenta unha Eurasia magnificada e un océano baleiro entre a Europa occidental e o leste de Asia. Cipango (Xapón), que se sitúa ó sur da súa verdadeira posición, e as illas asiáticas tamén son desproporcionadamente grandes. Inclúese a mítica illa de San Brandán, así como unha multitude de illas fabulosas.

Europa e o Mediterráneo son os que están representados con maior precisión. África represéntase con gran detalle, especialmente as costas norte e oeste, o que indica a viaxe de Behaim a bordo dun barco portugués ou a adquisición dunha carta náutica portuguesa por parte de Behaim. A costa leste, porén, amósase de xeito moi impreciso. Canto máis ó leste, máis distorsionada se torna a imaxe. O subcontinente indio case non é recoñecíbel como tal.[3]

A idea de lle chamar «mazá» pode estar relacionada co Reichsapfel («Mazá Imperial» ou globus cruciger), tamén gardada en Nürnberg, xunto coas xoias do Reich (Reichskleinodien). O nome non está relacionado co significado moderno de Erdapfel no sur de Alemaña e Austria, que é «pataca», pois as castañas de terra aínda non se trouxeran de América a Europa.

Desde a súa creación até comezos do século XVI ficou nunha sala de recepción do concello de Nürnberg. Posteriormente estivo en posesión da familia Behaim. En 1907 foi transferido ó Museo Nacional Xermánico (Germanisches Nationalmuseum) de Nürnberg.

Dixitalización[editar | editar a fonte]

En 1992 foi trasladado durante algún tempo á Universidade Técnica de Viena para ser estudado e dixitalizado co gallo do seu 500 aniversario.[4] En 2011, o Museo Nacional comezou unha segunda dixitalización.[5]

Edición facsímile do Erdapfel, 1908.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Der Behaim-Globus in Nürnberg". Bayern-online (en alemán). 
  2. Hering, Bernd (1992). "Die Herstellungstechnik des Behaim-Globus: Neue Ergebnisse". En G. Bott, J. Willers. Focus Behaim-Globus (en alemán). Nürnberg: Germanisches Nationalmuseum Nürnberg. 
  3. Hilsenbeck, Renate (1992). "Mittelalterliche Weltkunde und Behaim-Globus". Focus Behaim Globus, Teil 1: Aufsätze (en alemán). Nürnberg. pp. 226–236. 
  4. Dorffner, Lionel (1996). "Der digitale Behaim-Globus – Visualisierung und Vermessung des historisch wertvollen Originals". Cartographica Helvetica (en alemán) (14). ISSN 1015-8480. 
  5. "Digitalfotografische Erfassung und Erstellung eines 3-D-Computermodells des Behaim-Globus". Germanisches Nationalmuseum (en alemán). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]