Saltar ao contido

Entroido de Meira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Entroido de Meira é un carnaval tradicional baseado no baile de madamas e galáns celebrado na parroquia de Meira (Moaña), recuperado no ano 2011 pola Asociación folclórico-cultural e xuvenil Meiramar Axóuxeres.

O entroido comezaba no lugar do Paso do Redondo, no barrio do Pombal. Actualmente é unha pequena rúa, pero antigamente era un importante lugar de paso. Desde alí, a festa percorría Meira cara á costa, até chegar a antiga illa de Samertolameu. Até o lugar chegaba xente das parroquias veciñas. A festa deixou de celebrarse en 1936 coa chegada da guerra civil española. Desde o 2011 recuperouse a tradición, lembrándose aínda algunhas das cancións da troula, sendo dez delas recompiladas.

Características

[editar | editar a fonte]

A festa tiña como protagonistas as figuras das Madamas e os Galáns, recoñecidos principalmente polo seu baile e vestimenta. A estética das Madamas e Galáns é moi similar á que locen os participantes nas danzas de Domaio, Darbo, O Hío e Aldán.

As mulleres visten un gorro de palla con flores, neste caso feitas de papel, e un vestido branco. Os homes tamén locen camisa e pantalóns brancos, un chapeu con follas de cores, nalgúns casos de avestruz, unha banda azul e un cinto. Dos sombreiros de todos os bailaríns colgan ademais moitísimas cintas de cores que destacan coas roupas brancas e que teñen un protagonismo especial no baile.

Amais dos bailaríns principais, neste entroido tamén participaba outra personaxe de igual importancia para a diversión da festa, coñecido como O Fedelloso ou O Merdento. Desta persoa a xente fuxía, din algunhas fontes, pois era recoñecido por leva-la cara tapada cun trapo, levar a peor roupa posible vestida, e facer o que estivese nas súas mans para ser o que peor fedese do lugar.

Ademais dos bailaríns destacaba a música que os facía bailar, hoxe en día representada como música tradicional galega , na que son imprescindibles instrumentos como a gaita, as pandeiretas ou os tambores. Personalidades de sona do entroido de Meira foron Perfeuto, o gaiteiro que traía toda a música e que facía bailar; madamas coma María de Taboada, Florentina ou Saladina de Paz; e bailaríns máis apreciados, galáns coma José do Chicho ou Agustín de Menduíña.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

O carnaval tradicional en Meira, Madamas e Galáns. Recuperando e difundindo as nosas tradicións. Meiramar-Axóuxeres, 2011.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]