Saltar ao contido

Entimema

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Entimema
 Subclase de
Códigos e identificadores
Freebase/m/02kjmq Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata

Un entimema (en grego: ἐνθύμημα, enthýmēma) é un argumento cunha premisa escondida.[1][2] Os entimemas desenvólvense normalmente desde premisas que coinciden coa visión do mundo da audiencia e que son consideradas sentido común. Porén, mentres que a premisa xeral dun siloxismo asúmese que é certa, facendo así que a dedución subseguinte sexa necesaria, a premisa xeral dun entimema é soamente probable, o cal leva só a unha conclusión posible mais incerta.[3] Orixinalmente teorizado por Aristóteles, hai catro tipos de entimema, polo menos dous dos cales están descritos na obra de Aristóteles.[4]

Aristóteles referiuse ao entimema como "o corpo de proba", "a máis forte das probas retóricas... unha clase de siloxismo" (Retórica I, 1.3,11). Considerouno unha das dúas clases de proba, sendo a outra o paradigma. As máximas, pensou Aristóteles, derivan dos entimemas. (II de Retórica.XX.1). Aristóteles fala de dous tipos de entimemas: demostrativos [deiktika] e refutativos [elentika ou rézoi (ῥέζοι)].[5] (Retórica II.XXII.14). Os entimemas demostrativos abordan se algo é ou non é o caso; chegan a unha conclusión desde o que é asumido como certo. Os entimemas refutativos chegan a conclusións coas que o adversario non está de acordo. (Retórica II.XXII.15). Segundo Aristóteles, ás audiencias gústanlles máis os entimemas refutativos porque as inconsistencias e os argumentos opostos están expostos máis claramente cando estes se colocan un ao lado doutro. (Retórica II.XXIII.30). Os entimemas derivan das probabilidades, ou o que sucede maioritariamente, e as sinais, as cales ás veces lévanos a unha conclusión necesaria e noutras ocasións son refutables.

Siloxismos cunha premisa non exposta

[editar | editar a fonte]

O primeiro tipo de entimema é un siloxismo truncado, ou un siloxismo cunha premisa non exposta.[6]

Aquí temos un exemplo dun entimema derivado dun siloxismo a través do truncamento (redución) do siloxismo:

O siloxismo formal completo sería o clásico:
Todos os humanos son mortais. (Premisa importante – non exposta)
Sócrates é humano. (A premisa menor ou siloxismo– exposta)
Por tanto, Sócrates é mortal. (A conclusión – exposta)

Mentres que os siloxismos presentan as súas premisas e conclusión explicitamente, estas clases de entimemas manteñen polo menos unha das premisas ou a conclusión sen expoñer.

Siloxismo baseado en sinais

[editar | editar a fonte]

No seu libro Retórica, Aristóteles argumenta que algúns entimemas derívanse dos siloxismos que se basean en sinais (semeia) en vez de feitos absolutos. Neste contexto, as sinais son "cousas [que] están tan estreitamente relacionadas que a presenza ou a ausencia dunha indica a presenza ou ausencia da outra." Os exemplos están abaixo.[7]

  • "Está enfermo, xa que ten unha tose."
  • "Xa que ela ten un neno, pariu."
  • "Está bocexando; por tanto, é durmiñón."

Nos exemplos, 'ter unha tose', 'ter un neno', e 'bocexando' son sinais de enfermidade, parir, e ser durmiñón, respectivamente. Naqueles casos, o entimema é só probabelmente certo porque hai outras fontes de toses ademais da emfermidade, de nenos ademais de parilos, e razóns para bocexar ademais de ser durmiñón, como alerxias, a adopción, e fatiga por exercitar, respectivamente.

Siloxismos nos que a audiencia imaxina unha premisa

[editar | editar a fonte]

A terceira clase de entimema consiste nun siloxismo cunha premisa que falta e, polo tanto, a audiencia ten que supoñer a súa presenza. Nas palabras do retórico William Benoit, a premisa faltante é: "suposta polo orador cando o inventa e pola audiencia cando entendende o argumento."[8]

Algúns exemplos desta clase de entimema son as seguintes:

  • "Candide é unha novela francesa típica; por tanto é irreverente."
  • "Moitos clientes van a Starbucks; por tanto, a estes clientes gústalles o café."

No primeiro exemplo, a parte non exposta do siloxismo é "as novelas francesas son irreverentes" e podería ser unha suposición que ten a audiencia, a cal lle daría sentido ao argumento entimématico. No segundo exemplo, a parte non exposta do siloxismo é "a todos os clientes de Starbucks gústalles o café" e esta podería ser outra suposición que ten a audiencia que lle dá sentido a este argumento particular. Tales premisas non expostas tamén poden chegar ao nivel de axiomas (afirmacións tan xeralmente aceptadas que se cren universalmente certas) e falacias lóxicas.

Entimemas visuais

[editar | editar a fonte]

Outra clase de entimema é o entimema visual. Algúns eruditos teñen argumentado que as palabras non son a única forma de expresión que se pode usar para crear argumentos entimemáticos. As imaxes tamén poden funcionar como entimemas porque requiren que a audiencia constrúa o seu significado.[9][10] Os memes modernos da Internet son un bo exemplo disto, posto que o seu significado é herdado polas modificacións e adaptacións do grupo colectivo de usuarios que os atopan, compárten, e crean.

Algúns eruditos argumentan que o noso entendimento do entimema evolucionou co tempo e xa non é representativa do entimema tal como o concibiu orixinalmente Aristóteles. Isto é evidentemente certo co que respecta ao entimema visual, só concibido a principios do século XXI e tamén pode aplicarse ao entimema como siloxismo cunha premisa faltante. Carol Poster argumenta que esta interpretación máis tardía do entimema foi inventado por retóricos británicos como Richard Whately no século XVIII.[11]

  1. Walton (2009), pp. 1-22
  2. Bizzell (2001), p. 171
  3. Bizzell (2001), p. 4
  4. Benoi (1982), pp. 2–9
  5. Cope (1867, p. 175
  6. Madden. (1952), pp. 368–376
  7. "Reasoning". comm.pitt.edu (en inglés). Consultado o 25 de decembro de 2025.
  8. Benoit (1987), pp. 261–267
  9. Smith (2007), pp. 114–123
  10. Finegan (2001), pp. 133–149
  11. Poster (2003), pp. 67–103

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]