Saltar ao contido

Enterro de videoxogos de Atari

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Restos de produtos de Atari en Alamogordo

O enterro de videoxogos de Atari foi un soterramento masivo de cartuchos de videoxogos, consolas e computadoras nun vertedoiro de Novo México, levado a cabo pola compañía norteamericana Atari, Inc. no ano 1983. Entre os obxectos soterrados a crenza popular indicaba que se incluíran copias non vendidas de E.T. the Extra-Terrestrial, un dos maiores fracasos comerciais dos videoxogos e frecuentemente citado como un dos peores videoxogos da historia, así como cartuchos da adaptación do videoxogo Pac-Man para a Atari 2600, que si tivo éxito comercial pero recibira gran cantidade de críticas negativas.

Dende o momento en que a prensa deu a coñecer o enterro existiron dúbidas sobre a súa veracidade e alcance, facendo que habitualmente se desbotase o feito por considerarse unha lenda urbana. Porén, o evento converteuse nun símbolo cultural e nun recordatorio da crise norteamericana dos videoxogos de 1983, marcando a fin dun pobre ano fiscal para Atari, Inc., que acabaría sendo vendida pola súa empresa nai Warner Communications. Na crenza popular indicábase que dous millóns de copias de E.T. foran soterradas no vertedoiro, pero declaracións posteriores de empregados de Atari confirmaron que os números foran do arredor duns 700 000 cartuchos de varios títulos, incluíndo os de E.T.

No ano 2014 Fuel Industries, Microsoft e outras empresas traballaron xunto o goberno de Novo México para realizar unha escavación no sitio e validar os contidos do vertedoiro como parte dun documental titulado Atari: Game Over. O 26 de abril de 2014 a escavación revelou diversos cartuchos de xogos desbotados así como pezas de hardware. Só unha pequena fracción dos obxectos soterrados foron recuperados, uns 1300 deles, cunha parte destinada para a súa curación e o resto destinados a súa venda en poxa para recadar fondos para un museo que conmemorase o soterramento.

Circunstancias

[editar | editar a fonte]

Dificultades financeiras

[editar | editar a fonte]

A empresa Atari, Inc. fora adquirida por Warner Communications no ano 1976 por uns 28 millóns de dólares, e o seu valor neto acadara os 2000 millóns de dólares no ano 1982.[1] Naquel momento a compañía tiña unha cota de mercado dos videoxogos do 80%,[1] e era a responsable da metade dos beneficios da súa empresa nai,[2] abarcando entre o 65 e o 70% dos seus beneficios operativos.[1][2] No último cuarto de 1982 as expectacións de crecemento para o ano seguinte estaban estimadas no arredor do 50%.[1] Porén, o 7 de decembro de 1982 a empresa informou que os seus beneficios só se incrementaran nun 10–15%.[1] Ó seguinte día o prezo das accións de Warner Communications caeu nun terzo do seu valor, e o cuarto fiscal rematou cunha diminución dun 56% dos beneficios para Warner.[1] A maiores disto, o CEO de Atari, Ray Kassar, foi investigado por posibles cargos de aproveitamento de información privilexiada como resultado da súa venda dunhas 5000 accións de Warner media hora antes do informe dos baixos resultados de beneficios de Atari. Kassar non foi finalmente culpado, pero foi forzado a dimitir en xullo de 1983.[3] Atari, Inc. acabou perdendo uns 536 millóns de dólares en 1983, e foi vendida por Warner Communications ó ano seguinte.[1]

Títulos con problemas

[editar | editar a fonte]
Restos de E.T. the Extra-Terrestrial e Centipede en Alamogordo

A tendencia de Atari de realizar adaptacións de videoxogos arcade para a súa consola doméstica tivo como resultado algúns dos xogos con maior éxito comercial da empresa, incluíndo a adaptación de Asteroids e as versións baixo licenza do Space Invaders de Taito e do Pac-Man de Namco. Cando este último foi adaptado oficialmente para a Atari 2600, Atari tiña a a confianza de que o número de vendas sería alto, polo que manufacturou 12 millóns de cartuchos malia que o número de consolas Atari 2600 vendidas fora só duns 10 millóns de uniades.[1] A empresa considerou que o xogo acadaría un éxito suficiente como para reportar uns 500 millóns de dólares en beneficios, e que aumentaría as vendas de consolas en varios millóns xa que os xogadores procurarían xogar esta adaptación doméstica do xogo.[4][5] Porén, o produto final, publicado en marzo de 1982, recibiu abondosas críticas negativas por mor da súa pobre xogabilidade,[1] e malia converterse no xogo máis vendido para esta consola cuns 7 millóns de unidades vendidas, deixou a Atari con máis de 5 millóns de cartuchos non vendidos, problema que aumentou debido o alto número de clientes que devolveron o videoxogo trala súa compra.[4][6]

A maiores dos problemas causados polo baixo número de vendas de Pac-Man, Atari pasou dificultades como resultado da súa adaptación a videoxogo do filme E.T. the Extra-Terrestrial. O xogo, titulado tamén E.T. the Extra-Terrestrial, foi o resultado dun acordo entre Warner Communications e o director do filme Steven Spielberg. O concepto dun videoxogo baseado nun filme, no lugar da adaptación dunha máquina arcade ou a continuación nunha serie de videoxogos xa establecida, considerábase unha novidade por aquel entón.[1] Informes posteriores indicaron que Warner pagara entre 20 e 25 millóns de dólares polos dereitos, unha cantidade elevada naquel entón para unha licenza dun videoxogo.[4] Atari produciu 5 millóns de cartuchos do xogo,[1] pero trala súa publicación en decembro de 1982 só se venderon 1,5 millóns de copias, deixando a Atari con máis da metade dos cartuchos do xogo sen vender.[7] O xogo recibiu críticas negativas xeneralizadas, e está considerado un dos peores videoxogos da historia.[8][9] Earl Paige da revista Billboard informou que o gran número de copias non vendidas de E.T the Extra-Terrestrial xunto a un aumento na competición foi causante de que as tendas demandasen programas oficiais de devolucións ás empresas fabricantes de videoxogos.[10]

Aos fracasos comerciais destes títulos engadíronse os tratos comerciais de Atari feitos dende 1981. Confiada nun gran número de vendas, a empresa comunicara as súas distribuidoras que fixeran os seus pedidos de 1982 todos xuntos. Xa que as vendas de videoxogos sufriron unha diminución nese ano, as distribuidoras, que realizaran pedidos en masa en previsión de beneficios, víronse obrigadas a devolver grandes cantidades de unidades non vendidas a Atari. Como resultado disto a empresa viuse en posesión de varios millóns de cartuchos de videoxogos que non foi capaz de vender.[1]

Soterramento

[editar | editar a fonte]

En setembro de 1983 o xornal Alamogordo Daily News de Alamogordo en Novo México, informou nunha serie de artigos que entre 10 e 20 camións con caixas, cartuchos e hardware de Atari procedentes do seu almacén en El Paso (Texas) foran compactados e soterrados nun vertedoiro da cidade.[11] Este era o primeiro acordo de Atari co vertedoiro, escollido xa que alí estaba prohibida a recuperación de obxectos e a lixo compactábase e soterrábase cada noite. A explicación oficial fornecida por Atari para este soterramento foi que estaba a mudar os seus xogos dende a Atari 2600 cara a Atari 5200,[12] mais posteriormente un traballador anónimo da empresa declarou de forma contraditoria que ese non era o motivo.[13] O empregado de Atari Bruce Enten afirmou que Atari estaba enviando na súa maioría material roto ou devolto por clientes cara ao vertedoiro, e que era "na súa maioría cousas que non funcionan".[11]

Produtos de Atari soterrados no vertedoiro de Alamogordo.

O 27 de setembro de 1983 o servizo de novas UPI informou que "a xente presenciando a operación declarou que incluía casetes dos coñecidos videoxogos E.T., Pac-Man, Ms. Pac-Man, as consolas usadas para xogar a estes xogos nos televisores e ordenadores persoais de alta gama."[14] O servizo de novas Knight-Ridder engadiu a esta nova que o 28 de setembro varios rapaces da vila foran ó vertedoiro "comezando a roubar a tumba de Atari, volvendo con cartuchos de xogos como E.T., Raiders of the Lost Ark, Defender e Berzerk".[15]

O 28 de setembro de 1983 o xornal The New York Times publicou a historia da vertedura de Atari en Novo México. Un representante de Atari confirmou a historia presentada no xornal, afirmando que o inventario desbotado proviña do edificio de Atari en El Paso, que ía pecharse e converterse nun centro de reciclaxe.[16] O informe indicaba que o sitio estaba vixiado para previr que xornalistas e público puidesen confirmar os contidos da vertedura. O artigo non chegaba a suxerir ningún título específico dos xogos que estaban a destruírse, mais en artigos posteriores foi habitual que se ligase a historia da vertedura ó coñecido fracaso do videoxogo de E.T.[1]

A partir do 29 de setembro de 1983 comezou a botarse unha capa de cemento por riba do material destruído, algo pouco habitual no tratamento de residuos. Un traballador anónimo do vertedoiro afirmou que o motivo disto era que "hai animais aí abaixo, non queremos que ningún rapaz se manque escavando no vertedoiro".[13] Eventualmente as protestas xurdiron na cidade por mor da gran cantidade de obxectos que Atari estaba a depositar no vertedoiro,[11] e as autoridades locais ordenaron que a vertedura tería que finalizar en pouco tempo. A cidade promulgou unha ordenanza para limitar as actividades futuras do vertedoiro, e o naquel entón alcalde Henry Pacelli, comentou que "non queremos que volva a ocorrer algo como isto nunca máis".[13]

Simbolismo cultural e especulación

[editar | editar a fonte]

Todos estes factores deron lugar á especulación de que a maioría dos 3,5 millóns de copias non vendidas de E.T. the Extra-Terrestrial acabaron neste vertedoiro, destruídas e soterradas baixo cemento.[17] Tamén se publicaron informacións indicando que prototipos do sistema de control Atari Mindlink foron depositados no lugar,[18] contribuíndo ás especulacións do contido das verteduras, xa que no Museo Atari hai exemplares deste prototipo.[19] John Wills, nun artigo da Pacific Historical Review, especulou que a localización do vertedoiro, próximo ós lugares da Proba nuclear Trinity e do Caso Roswell, incrementou a popularidade da historia.[20]

A información contraditoria que acompañou ó enterramento deu lugar a que se chamase o "Vertedoiro de E.T." e se convertese nunha lenda urbana,[21] que á súa vez deu lugar ó escepticismo e á dúbida sobre a veracidade da historia da vertedura en si mesma, e da relevancia do evento na crise da industria dos videoxogos do ano 1983.[22][23] En outubro de 2004 Howard Scott Warshaw, o programador de E.T. the Extra-Terrestrial, expresou a súa dúbida de que a destrución de millóns de copias tivese chegado a ocorrer. Na súa opinión, a caída de Atari debeuse máis a un resultado das súas prácticas de negocio, incluíndo a venda en conxunto de videoxogos de pouco éxito xunto a outros de maior número de vendas, que a ningún fracaso dun xogo en particular.[24] Esta opinión foi compartida posteriormente por Travis Fahs de IGN, quen indicou que os problemas de Atari xurdiron da sobreestimación da empresa dos beneficios operativos en base as vendas de exemplares de Atari 2600 no lugar de estar causados pola calidade individual dos xogos publicados para esta plataforma.[25]

Este suceso tamén pasou a ser considerado unha especie de símbolo cultural representativo da crise norteamericana dos videoxogos de 1983, citándose como un aviso de precaución perante as malas prácticas comerciais,[26][27] malia que tamén se suxeriu que o soterramento axudou á empresa a eliminar o material desbotado para aliviar o pago de impostos.[27]

[editar | editar a fonte]

Existen diversas referencias ó enterramento na cultura popular. O vídeo musical para o tema ""When I Wake Up" de Wintergreen amosa ó grupo viaxando ata o vertedoiro e cavando para recuperar os cartuchos abandonados.[28][29] A novela Lucky Wander Boy de D.B. Weiss inclúe unha escena que ten lugar preto de Alamogordo, na que dous dos personaxes conversan nun aparcadoiro construído sobre o vertedoiro.[30] O filme de 2014 Angry Video Game Nerd: The Movie inclúe unha liña argumental centrada no soterramento,[31], e en decembro de 2015 o evento e o seu legado presentáronse como un dos elementos principais do argumento no episodio titulado The Games Underfoot da serie de televisión Elementary.[32]

Escavación

[editar | editar a fonte]
Equipo de escavación traballando na recuperación dos produtos de Atari en Alamogordo

O 28 de maio de 2013 a Comisión da Cidade de Alamogordo outorgoulle a Fuel Industries, unha empresa canadense, un permiso de acceso ó vertedoiro de seis meses para filmar un documental titulado Atari: Game Over centrado no enterro e para escavar o sitio da vertedura.[33] Xbox Entertainment Studios tiña planeado emitir este documental en exclusiva para a Xbox One e a Xbox 360 no 2014 como parte dunha serie de documentais producidos por Lightbox, unha produtora estadounidense e británica.[34] Malia que a escavación estivo detida temporalmente por mor dunha queixa por parte da New Mexico Environmental Protection Division Solid Waste Bureau que citaba diversos problemas potenciais, estes foron resoltos a comezos de abril do 2014 permitindo que a escavación continuase.[35]

A escavación comezou o 26 de abril de 2014 en forma de evento aberto ó público.[36] O deseñador de E. T. the Extra-Terrestrial Howard Scott Warshaw, Ernest Cline de Ready Player One e o director Zak Penn asistiron ó evento como parte do documental sobre o soterramento,[37] xunto a outros residentes da cidade como Armando Ortega, un empregado municipal que fora un dos nenos que entraran no vertedoiro en 1983. Ortega afirmou que malia que el e os seus amigos atoparan ducias de xogos de calidade, desfixéranse dos cartuchos de E.T. porque "o xogo apestaba... non se podía acabar".[38][39] James Heller, antigo director de Atari que estivera ó cargo do soterramento orixinal, tamén asistiu á escavación. Heller revelou que el dera a orde de cubrir a vertedura con cemento. Desmentindo a lenda urbana que afirmaba que se soterraran millóns de cartuchos alí, Heller afirmou que só 728 000 cartuchos foron enterrados no vertedoiro.[40]

Nas primeiras horas da escavación atopáronse restos de cartuchos de E.T. e doutros xogos de Atari.[41][42] Un equipo de arqueólogos estivo presente para examinar e documentar o material recuperado pola maquinaria. Este equipo estivo formado por Andrew Reinhard da American School of Classical Studies at Athens, Richard Rothaus de Trefoil Cultural and Environmental e Bill Caraher da Universidade de Dakota do Norte, coa asistencia do historiador dos videoxogos Raiford Guins da Universidade Stony Brook e o historiador Bret Weber da Universidade de Dakota do Norte.[43]

Só se recuperaron uns 1300 cartuchos do total de 700 000 estimados, xa que o material restante estaba máis fondo do esperado e era de moi difícil acceso, e tras finalizar a escavación o sitio foi tapado de novo.[44] Joseph Lewandowski, quen traballara xunto ós gobernantes locais para chegar ó acordo da escavación, afirmou que esta fora unha ocasión única para recuperar os obxectos do sitio, xa que non esperaban que a cidade aceptase a realización doutro evento semellante de novo.[45] O documental Atari: Game Over que inclúe gravacións do vertedoiro e da escavación, foi publicado o 20 de novembro de 2014.[46][47]

Curación e poxa

[editar | editar a fonte]

Unha fracción dos obxectos recuperados foi entregada ó New Mexico Museum of Space History para a súa exposición, e uns 100 deles quedaron nas mans dos produtores do documental Lightbox e Fuel Entertainment. A alcaldesa de Alamogordo naquel entón, Susie Galea, afirmou que os cartuchos restantes poderían venderse a través do museo, financiando así a promoción do sitio do enterramento como unha atracción turística.[44] O concello de Alamogordo aprobou a venda en poxa dos xogos recuperados en setembro de 2014, a través de eBay e da páxina web do concello. A data de setembro de 2015 vendéranse uns 880 cartuchos recuperados por un total de máis de 107 000 dólares, cun exemplar de E.T. vendido por máis de 1500 dólares. Uns 300 cartuchos permanecían en posesión do concello para a súa venda posterior por mor do seu valor histórico.[45][48][49][50][51]

Un dos cartuchos recuperados de E.T. foi adquirido polo Instituto Smithsoniano para o seu arquivo, afirmando que este era representativo do sitio do enterro e que no ámbito dos videoxogos representaba "o desafío continuo de facer unha boa adaptación dun filme a un videoxogo, o declive de Atari e o fin dunha era para a industria dos videoxogos, e o ciclo da vida dos cartuchos de videoxogos".[52] Pola súa parte, o museo Henry Ford adquiriu no 2015 varios dos cartuchos recuperados, un controlador táctil, unha mostra da terra sacada do vertedoiro e pezas de roupa usadas polo equipo da escavación para a súa colección, deixando unha selección destes obxectos en exposición permanente.[53][54]

Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 Mikkelson, Barbara; Mikkelson, David P (10 de maio de 2011). "Buried Atari Cartridges". Snopes.com. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  2. 2,0 2,1 "From the Archives: Atari Inc". Retro Gamer (93): 88. 2011. 
  3. Hubner, John; Kistner Jr, William F (28 de novembro de 1983). "What went wrong at Atari?". InfoWorld 5 (48): 151–158. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Staff (1998). "What the hell happened?". Next Generation Magazine (40): 41. 
  5. Kent, Steven (2001). "The Fall". The Ultimate History of Video Games. Three Rivers Press. pp. 227–228. ISBN 0-7615-3643-4. 
  6. Goodman, Danny (1983). "Pac-Mania". Creative Computing Video & Arcade Games 1 (1): 122. 
  7. Buchanan, Levi (26 de agosto de 2008). "IGN: Top 10 Best-Selling Atari 2600 Games". IGN. Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2011. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  8. Pileggi, Nicholas (January 24, 1983). "The Warner Case: Curiouser and Curiouser". New York 16 (4): 26. 
  9. Townsend, Emru (23 de outubro de 2006). "The 10 Worst Games of All Time". PC World. Arquivado dende o orixinal o 06 de setembro de 2011. Consultado o 19 de setembro de 2011. 
  10. Paige, Earl (8 de xaneiro de 1983). "Video Game Firms Ready Formal Returns Policies". Billboard 95 (1): 1, 21. 
  11. 11,0 11,1 11,2 McQuiddy, Marian (27 de setembro de 1983). "City to Atari: 'E.T.' trash go home". Alamogordo Daily News. 
  12. McQuiddy, Marian (25 de setembro de 1983). "Dump here utilized". Alamogordo Daily News. 
  13. 13,0 13,1 13,2 McQuiddy, Marian (28 de setembro de 1983). "City cementing ban on dumping: Landfill won't house anymore 'Atari rejects'". Alamogordo Daily News. 
  14. UPI, UPI (27 de setembro de 1983). "City dump gobbles Pacman". The Hawk Eye. 
  15. Knight-Ridder, Knight-Ridder (28 de setembro de 1983). "'Pac Kids' gobble up dumped Atari cartridges". Chronicle-Telegram. 
  16. "Atari Parts Are Dumped". The New York Times. 28 de setembro de 1983. 
  17. Smith, Shelley (12 de abril de 2005). "The 1983 Atari Titanic is rising". Alamogordo Daily News. 
  18. Vendel, Curt (2008). "The Atari Mindlink". Cartridge Consoles. The Atari Museum. Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2013. 
  19. Wills, John (2008). "Pixel Cowboys and Silicon Gold Mines: Videogames of the American West". Pacific Historical Review (University of California Press) 77 (2): 273–275. JSTOR 10.1525/phr.2008.77.2.273. doi:10.1525/phr.2008.77.2.273. 
  20. Montfort, Nick; Bogost, Ian (2009). Racing the Beam: The Atari Video Computer System. MIT Press. p. 127. ISBN 0-262-01257-X. 
  21. Heim, Michael (2004). Exploring America's Highways: Minnesota Trip Trivia. Travel Organization Network Exchange, Inc. p. 171. ISBN 0-9744358-1-3. 
  22. Berens, Kate; Howard, Geoff (16 de setembro de 2008). The Rough Guide to Videogames. Rough Guides. p. 7. ISBN 1-84353-995-0. 
  23. Phipps, Keith (2 de febreiro de 2005). "Howard Scott Warshaw | Interview". The A.V. Club. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  24. Fahs, Travis (18 de decembro de 2008). "Revising History: The Crash of '83". IGN. Consultado o 12 de setembro de 2011. 
  25. Dvorak, John C (12 de agosto de 1985). "Is the PCJr Doomed To Be Landfill?". InfoWorld 7 (32): 64. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  26. 27,0 27,1 Jary, Simon (19 de agosto de 2011). "HP TouchPads to be dumped in landfill?". PC Advisor. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  27. "Keith Schofield / Wintergreen". Keithschofield.com. Consultado o 11 de setembro de 2011. 
  28. Brown, Damon (2006). "Reset for Life". Spin: 99. Consultado o 22 de setembro de 2011. 
  29. Weiss, D.B. (2003). Lucky Wander Boy. Plume. pp. 177, 193–195. ISBN 0-452-28394-9. 
  30. "'Angry Video Game Nerd: The Movie' – Trailer". Cinemassacre Productions. 10 de novembro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2012. Consultado o 11 de novembro de 2012. 
  31. ""Elementary" The Games Underfoot (2015)". IMDb. Consultado o 7 de xullo de 2016. 
  32. Goldsmith, Alex (30 de maio de 2013). "Alamogordo approves Atari excavation". KRQE. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2013. Consultado o 31 de maio de 2013. 
  33. Chieng, Kevin (13 de decembro de 2013). "Documentary Debut on Xbox Will Explore E.T. Atari Landfill". GameTrailers. Consultado o 27 de abril de 2014. 
  34. Campbell, Colin (4 de abril de 2014). "Historic Atari E.T. New Mexico dig set to proceed". Polygon. Consultado o 4 de abril de 2014. 
  35. Nunneley, Stephanny (10 de abril de 2014). "Microsoft invites you to attend the Atari Landfill excavation on April 26". VG247. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2020. Consultado o 10 de abril de 2014. 
  36. "Witness Video Game History: Attend Atari Landfill Excavation on April 26". Xbox Wire. Microsoft. 10 de abril de 2014. Consultado o 11 de abril de 2014. 
  37. Terdiman, Daniel (26 de abril de 2014). "Success! Atari E.T. games found in New Mexico dump". CNET. Consultado o 27 de abril de 2014. 
  38. Llorca, Juan Carlos (26 de abril de 2014). "Diggers begin quest to unearth Atari's E.T. games". The State Journal (Frankfort). Associated Press. Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2014. Consultado o 27 de abril de 2014. 
  39. "Diggers Find Atari's E.T. Games in Landfill". Associated Press. 26 de abril de 2014. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2014. Consultado o 26 de abril 2014. 
  40. Hilliard, Kyle (26 de abril de 2014). "E.T. Atari Cartridge Landfill Excavation Uncovers Fabled Cache". Game Informer. Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2014. Consultado o 26 de abril de 2014. 
  41. Caliborn, Samual (26 de abril de 2014). "The Dig: Uncovering the Atari E.T. Games Buried in New Mexico Desert". IGN. Consultado o 26 de abril de 2014. 
  42. "The Video Game Graveyard". Archaeology Magazine. 9 de xuño de 2014. Consultado o 30 de xuño de 2014. 
  43. 44,0 44,1 Crecente, Brian (30 de maio de 2014). "Unearthed E.T. Atari games will be sold at New Mexico space museum". Polygon. Consultado o 30 de maio de 2014. 
  44. 45,0 45,1 Smith, Aaron (3 de setembro de 2015). "New Mexico city finds buried treasure of Atari games". CNN. Consultado o 3 de setembro de 2015. 
  45. Crossley, Rob (27 de xullo de 2014). "ET burial trailer unearths lost stories of industry crash". Computer and Video Games. Consultado o 27 de xullo de 2014. 
  46. Gasser, Marc (20 de novembro de 2014). "Xbox Documentary on Atari's Lost 'E.T.' Games Debuts for Free". Variety. Consultado o 20 de novembro de 2014. 
  47. "Atari games buried in landfill net $37K on eBay". Canadian Broadcasting Corporation. 16 de novembro de 2014. Consultado o 13 de xuño de 2015. 
  48. Schulenberg, Thomas. "Excavated ET cartridges will be sold, distributed to museums". Joystiq. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2014. Consultado o 07 de xullo de 2016. 
  49. "World's Worst Video Game To Be Auctioned". Reuters. 10 de setembro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2014. Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  50. Nutt, Christian (1 de setembro de 2015). "Sales of unearthed Atari games from New Mexico dump generate over $100k". Gamasutra. Consultado o 3 de setembro de 2015. 
  51. Robarge, Drew (15 de decembro de 2014). "From landfill to Smithsonian collections: "E.T. the Extra-Terrestrial" Atari 2600 game". Smithsonian Institution. Consultado o 15 de decembro de 2014. 
  52. "Unearthing the Atari Tomb: How E.T. Found a Home at The Henry Ford". The Henry Ford Blog. Consultado o 14 de xaneiro de 2016. 
  53. "Collection". collections.thehenryford.org. Consultado o 14 de xaneiro de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Guins, Raiford (2014). Game After: A Cultural Study of Video Game Afterlife (en inglés). MIT Press. ISBN 9780262320184.