Entamoeba coli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Entamoeba coli
Ciste de Entamoeba coli
Ciste de Entamoeba coli
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Filo: Amoebozoa
Clase: Archamoebae
Xénero: Entamoeba
Especie: 'E. coli'
Nome binomial
'Entamoeba coli'

Entamoeba coli é unha especie de protista non patóxeno do xénero Entamoeba, que existe frecuentemente no tracto gastrointestinal humano como parasito comensal. O seu nome abreviado E. coli non debe confundirse coa abreviación idéntica da bacteria Escherichia coli. Ás veces para non confundilos úsanse en certos contextos abreviacións alternativas como Esch. coli para a bacteria e Ent. coli para o protista.[1][2] Entamoeba coli é importante en medicina porque pode confundirse durante os exames microscópicos de mostras de feces tinguidas coa especie patóxena do mesmo xénero Entamoeba histolytica.[3] A ameba E. coli non se move moito malia poder emitir pseudópodos, e crea un "movemento no mesmo lugar (non progresivo)" dentro do intestino groso. Xeralmente a ameba é inmóbil, e conserva a súa forma arredondada. A ameba no seu estadio de trofozoíto, só é visible en mostras de feces frescas non fixadas. Ás veces a propia Entamoeba coli está á súa vez parasitada. Un dos seus posibles parasitos é o fungo Sphaerita spp., o cal vive no citoplasma da ameba.[4] Aínda que a diferenciación entre as distintas entamebas faise xeralmente por exame visual com microscopio óptico dos cistes do parasito, desenvolvéronse tamén novos métodos que usan técnicas de bioloxía molecular.[5]

Ciclo vital común dos parasitos non patóxenos.

Importancia clínica[editar | editar a fonte]

Ciste de Entamoeba coli con máis de catro núcleos.

A presenza de Entamoeba coli non supón que haxa que poñerse en tratamento médico, xa que se considera inofensiva.[6] Porén, cando unha persoa é infectada por esta entameba benigna, é bastante probable que outros organismos patóxenos se introduciran no corpo xunto con ela, e ditos acompañantes poden ser infecciosos e causar doenzas.[7]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Estadios do ciclo de vida de Entamoeba coli.

As especies de Entamoeba son todas monoxenéticas, ou teñen ciclos vitais dunha xeración. Entamoeba coli ten tres formas morfolóxicas diferenciadas chamadas trofozoíto, estadio pre-cístico e estadio cístico. Este parasito no estadio de trofozoíto ten un gran núcleo, cunha grosa membrana nuclear. O núcleo contén moita cromatina en un gran cariosoma de forma irregular.[8] A cromatina está aglomerada de forma irregular. O parasito divídese por fisión binaria igual que a maioría das Entamoeba spp.[9] O ciste maduro é o estadio infectivo, e pode sobrevivir máis tempo que o de E. histolytica. Os cistes poden sobrevivir tres ou catro meses fóra do corpo do seu hóspede despois de sufriren desecamento.[8] Os cistes causan infección (benigna) ao consumirmos alimentos ou auga contaminados. Ás veces, os insectos e roedores portan o parasito e son os que levan o microorganismo aos alimentos e á auga. A saída da ameba do ciste ocorre unha vez que este se inxire e chega ao intestino groso.[4]

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

Os trofozoítos de Entamoeba coli poden distinguirse polos seus amplos e cónicos pseudópodos. Confúndese a miúdo con E. histolytica porque son do mesmo tamaño. Os cistes distínguense pola presenza de oito núcleos nas formas maduras.[10] Para diagnosticar Entamoeba coli, xeralmente o que se fai é examinar unha mostra de feces. Este é o mellor método para comprobar se o parasito atopado é Entamoeba coli ou E. histolytica. Isto xeralmente require comprobar o tamaño dos cistes, a súa forma e o número de núcleos. Entamoeba coli ten cistes dun tamaño de 10 a 35 micrómetros, a súa forma é irregular, oval cunha aparencia de cuncha que é máis uniforme en comparación con E. histolytica, e ten ata oito núcleos no ciste comparados cos catro que se encontran en E. histolytica. Para o ollo non adestrado ou para microbiólogos non moi experimentados, os "cistes tetranucleados de Entamoeba coli poden ser confundidos con cistes maduros de Entamoeba histolytica" Xeralmente "un ciste tetranucleado de Entamoeba coli é meirande que un ciste maduro de Entamoeba histolytica, pode ser variable en forma, e ten unha cromatina periférica nuclear e cariosoma compostos de gránulos irregulares". Para facer o diagnóstico de calquera especie de Entamoeba, o normal é facer unha preparación húmida "procurando os característicos cistes nunha tinguidura con iodo, no método da concentración de formol-éter ou detectando os trofozoítos característicos nunha preparación húmida ou unha preparación tinguida permanente" para ver o aspecto que teñen estes microorganismos.[11] Ademais, poden usarse tinguiduras de tricromo para facer preparacións para ver os cistes de calquera Entamoeba spp.[12] Ademais do uso de microscopio óptico e métodos de cultivo poden utiizarse outras probas para Entamoeba spp. Estas probas implican o uso de métodos de laboratorio entre os que están os seguintes: análises de isoencimas, probas de detección de anticorpos ou de antíxenos, ensaios inmunocromatográficos, e probas de diagnóstico baseadas no ADN.[13] Algúns usos do microscopio implican tamén o uso de microscopio electrónico de transmisión ou de varrido. Normalmente, os cistes son conxelados e fracturados para facilitar que sexan fáciles de examinar e poidan compararse as paredes dos cistes de Entamoeba spp.[14] Entre as probas de diagnóstico baseadas no ADN están as que usan a extracción de ADN, PCR, microarrays, e métodos de tipificado. Por exemplo, unha proba de diagnóstico baseada no ADN que está cambiando rapidamente o modo en que se diagnostican as Entamoeba spp. e está facendo que o diagnóstico sexa máis rápido e preciso é a proba chamada "Ensaio de Hibridación de Liña Inversa". O principal propósito desta proba é detectar e diferenciar distintas Entamoeba en mostras de feces para atopar o axente causante das disenterías amebianas, que é E. histolytica. Esta proba utiliza secuenciación xénica, e compara os diferentes xenomas das Entamoeba spp. para detectar a mortal E. histolytica entre as demais.[15]

Patoloxía[editar | editar a fonte]

Entamoeba coli é un parasito esencialmente inofensivo, polo que non causa danos ao hóspede. Porén, rexistráronse casos de hemorraxias internas. Xeralmente o citoplasma de Entamoeba coli "non contén glóbulos vermellos sanguíneos, agás no raro caso de pacientes con hemorraxia intestinal", nos que se observa sangue nas feces. Isto pode orixinar lesións intestinais. Outros problemas raros que pode causar Entamoeba coli son resultado de ter unha gran cantidade dela no intestino groso. Por exemplo, ter grandes poboacións de Entamoeba coli pode orixinar "dispepsia, hiperacidez, gastrite, e indixestión"; que son problemas comúns da maioría dos parasitos intestinais.[8]

Tratamento[editar | editar a fonte]

Xeralmente non hai necesidade de tratar as infeccións por Entamoeba coli, debido ao raro que é que este parasito se converta nun organismo infeccioso daniño. Nunha situación excepcional deuse un caso de Entamoeba coli infecciosa: no norte de Europa, detectáronse grandes poboacións destas entamebas en mostras de feces examinadas con microscopio electrónico nun grupo de pacientes con diarrea.[16] Algúns compostos de arsénico serven para tratar o estadio de trofozoíto, como a carbarsona cando hai grandes poboacións do parasito.[8] Outro composto que se ten utilizado é a diloxanida furoato.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Food Biotechnology, Second Edition". Books.google.com. p. 9. Consultado o 2015-12-03. 
  2. "Entamoeba". Microscope-microscope.org. Consultado o 2015-12-03. 
  3. Sodeman WA (1996). "Intestinal Protozoa: Amebas". Baron's Medical Microbiology (Baron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. ISBN 0-9631172-1-1. 
  4. 4,0 4,1 "Atlante dei protozoi intestinali umani - sezione AMEBE identificazione microscopica di Giovanni Swierczynski e Bruno Milanesi". Atlas-protozoa.com. Consultado o 2015-12-03. 
  5. Verweij JJ, Laeijendecker D, Brienen EA, van Lieshout L, Polderman AM (2003). "Detection and identification of entamoeba species in stool samples by a reverse line hybridization assay". J. Clin. Microbiol. 41 (11): 5041–5. PMC 262518. PMID 14605136. doi:10.1128/JCM.41.11.5041-5045.2003. 
  6. "CDC - Nonpathogenic (Harmless) Intestinal Protozoa - Biology". Cdc.gov. 2015-03-17. Consultado o 2015-12-03. 
  7. "CDC - DPDx - Intestinal Amebae". Cdc.gov. 2013-11-29. Consultado o 2015-12-03. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Saritha Pujari (2015-11-14). "Parasite Entamoeba Coli : Life Cycle, Mode of Infection and Treatment". Yourarticlelibrary.com. Consultado o 2015-12-03. 
  9. Don Lehman. "Diagnostic Parasitology; E. coli". Udel.edu. Consultado o 2015-12-03. 
  10. "Intestinal Protozoa". Tulane.edu. 2015-06-03. Consultado o 2015-12-03. 
  11. Jim McMorran; Damian Crowther; Stew McMorran; Steve Youngmin; Ian Wacogne; Jon Pleat; Clive Prince. "Entamoeba coli - General Practice Notebook". Gpnotebook.co.uk. Consultado o 2015-12-03. 
  12. "CDC - DPDx - Intestinal Amebae - Images". Cdc.gov. 2013-11-29. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 2015-12-03. 
  13. "Laboratory Diagnostic Techniques for Entamoeba Species". Ncbi.nlm.nih.gov. 2015-09-28. Consultado o 2015-12-03. 
  14. "High-Resolution Electron Microscopical Study of Cyst Walls of Entamoeba spp. - CHÁVEZ-MUNGUÍA - 2011 - Journal of Eukaryotic Microbiology - Wiley Online Library". Onlinelibrary.wiley.com. 2011-08-25. Consultado o 2015-12-03. 
  15. "Detection and Identification of Entamoeba Species in Stool Samples by a Reverse Line Hybridization Assay". Ncbi.nlm.nih.gov. 2015-09-28. Consultado o 2015-12-03. 
  16. 16,0 16,1 "The other intestinal protozoa: Enteric infections caused by Blastocystis hominis, Entamoeba coli, and Dientamoeba fragilis". Seminars in Pediatric Infectious Diseases 11: 178–181. doi:10.1053/pi.2000.6228. 

Véxase tamén =[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]