Saltar ao contido

Enrique Flórez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaEnrique Flórez

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento21 de xullo de 1702 Editar o valor en Wikidata
Valladolid Editar o valor en Wikidata
Morte5 de maio de 1773 Editar o valor en Wikidata (70 anos)
Madrid Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepneumonía Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Salamanca
Universidade de Alcalá Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónhistoriador, filósofo, xeógrafo, tradutor, numismático, arqueólogo, escritor Editar o valor en Wikidata
Membro de
Orde relixiosaOrde de Santo Agostiño Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteSvensk uppslagsbok
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Library of the World's Best Literature Editar o valor en Wikidata
Enciclopedia Galega Universal: 201949 Galiciana: 8017 BNE: XX1724659 Dialnet: 2419020

Enrique Fernando Flórez de Setién Huidobro y Velasco, nado en Villadiego, Burgos, o 21 de xullo de 1702 e finado en Madrid o 5 de maio de 1773, foi un relixioso agostiño e catedrático español da época da Ilustración, salientable como historiador, numismático, xeógrafo, epigrafista, paleógrafo, bibliógrafo, tradutor e arqueólogo.

Ingresou en 1719 na Orde de Santo Agostiño. Estudou en Valladolid e en Salamanca, e doutorouse en Teoloxía en 1729 na Universidade de Alcalá. Foi reitor do colexio dos agostiños e catedrático de Teoloxía en Alcalá. Pertenceu ao Consello da Inquisición, na que foi censor des libros.

Flórez está considerado como un dos pioneiros do criticismo histórico e como o iniciador dos estudos científicos da numismática ibérica.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos, formación e xuventude

[editar | editar a fonte]

Enrique Flórez naceu en 1702 en Villadiego, Burgos, un dos doce fillos de Josefa de Huidobro y Velasco Puelles e de Pedro José Flórez de Setién Calderón de la Barca, que era corrixidor de El Barco de Ávila.[1] Dous dos seus irmáns faleceron na infancia, e tres varóns foron relixiosos e outro cabaleiro dunha orde militar.[2]

Logo da súa educación inicial entre Villadiego e Barco de Ávila —por mor do destino do seu pai—,[1] comezou a amosar interese pola vida relixiosa. Tomou os hábitos no convento de Santo Agostiño de Salamanca o 5 de xaneiro de 1718, e ingresou na orde o 6 de xaneiro de 1719, e logo trasladouse ao colexio agostiño de Valladolid para cursar estudos de Filosofía, e novamente a Salamanca, en cuxa universidade estudou Teoloxía.[2][3]

Concluídos os seus estudos eclesiásticos en 1725, aprobou as oposicións Lector en Artes e tivo como destino o colexio de Madrigal de las Altas Torres, en Ávila.[2][3]

O 25 de xullo de 1725 ordenouse sacerdote en Madrid, e en outono dese ano foi trasladado á cidade de Ávila, onde se graduou como bacharel no Colexio de San Tomé. No mesmo ano foi trasladado ao Colexio Agostiño de Alcalá, een cuxa universidade acadou o grao de doutor.o 6 de febreiro de 1729. Na Universidade de Alcalá exercería a docencia, e mantería a súa residencia na cidade ata 1750.[2][4]

Carreira como erudito

[editar | editar a fonte]

Por instancias do superior da súa orde, o padre Avilés, Flórez recibiu en 1726 a encomenda de completar a obra filosófica do padre Andrés Sierra, catedrático da Universidade de Salamanca, e encargouse da redacción do seu tomo IV. A Summa Philosophica de Sierra foi publicada en Madrid o ano seguinte, omitíndose calquera referencia á autoría de Flórez, aínda que o citado tomo IV pode considerarse realmente como a primeira obra de Enrique Flórez.[2][5]

En 1730, o padre Avilés encargoulle a Flórez a redacción dun curso de Teoloxía para utilizar como manual na Universidade de Alcalá, que se publicou en Madrid en cinco volumes, entre os anos 1732 e 1738.[6]

En 1736 superou os exames que o conduciron ao grao de mestre, e logo a Inquisición nomeouno revisor e visitador de librarías conventuais, en agosto de 1740.[3] Nesa época comezou a interesarse polos estudos históricos e, sinaladamente, pola numismática. En repetidas ocasións intentou tamén acceder á cátedra de Teoloxía, as sete veces que esta ficou vacante durante a súa estadía en Alcalá, aínda que sen éxito, malia a gran vinculación que estaba a ter con esa universidade.[2]

Aínda que residindo en Alcalá, Flórez desprazábase adoito á capital do reino e nos veráns frecuentaba alí o convento de San Filipe. Entrambas as localidades foi forxando un círculo de relacións con destacados intelectuais do seu tempo, e mantivo correspondencia con especialistas das materias das súas investigacións, como Gregorio Mayans y Siscar, Martín Sarmiento ou o Padre Feijoo.[2]

Portada do tomo XX de España Sagrada (1765), dedicado á historia compostelá.

Cara a 1742, Flórez focalizou o interese dos seus estudos na historia das primeiras épocas da igrexa católica española, unha materia sobre a cal a súa formación era autodidacta, e para este labor esforzouse tamén polo coñecemento de linguas como o grego clásico e outras modernas. O resultado dos seus estudos foi unha magna obra sobre a historia xeral da Igrexa en España titulada España sagrada,[3] composta 29 capítulos da súa autoría publicados entre 1747 e 1775 —os dous últimos editados postumamente—, e que foi continuada logo por outros autores.[7][8] O rei Fernando VI determinou o 17 de novembro de 1750, tomar baixo a súa protección esta obra monumental cando ían publicados os cinco primeiros volumes, e concedeulle a Flórez unha pensión anual de 600 ducados para que puidese continuar os traballos. Do mesmo xeito, o propio 1750 os superiores da súa orde trasladárono ao convento de San Filipe o Real na rúa Mayor de Madrid para que puidese ter ao seu dispor boas ferramentas e frecuentar os mellores eruditos e as máis completas bibliotecas.[3] Todas estas facilidades e os privilexios reais foron fonte de críticas nalgúns sectores da Igrexa e da intelectualidade madrileña, e mesmo provocaron a ruptura de relacións con amigos como Mayans e Siscar. [2]

En marzo de 1751, ao ficar novamente vacante unha praza como catedrático de Teoloxía na Universidade de Alcalá, concedéuselle finalmente este posto académico, avalado polo prestixio acadado pola empresa da redacción e a publicación de España sagrada, na que estaba inmerso. Mais naquel momento, Flórez xa non residía xa en Alcalá e asemade tiña todas as enerxías postas nese magno proxecto editorial, que, por outra parte, lle ocasionaba múltiples viaxes por toda España, o que lle entorpecía exercer a súa cátedra como el desexaría. Así as cousas, o 2 de abril de 1758 decidiu renunciar á cátedra e centrarse de cheo no seu proxecto.[2][9]

Ademais da súa dedicación á historia eclesiástica, o seu coñecemento do mundo antigo levouno a estender as súas investigacións cara a unha das súas paixóns, a numismática. Flórez chegou a recibir encargas para compilar pezas para coleccións persoais e corporativas de gran relevancia, entre elas a da Universidade de Alcalá, e os seus estudos nesta disciplina levárono a publicar o primeiro tratado sobre a numismática antiga da Península Ibérica que se publicou en tres capítulos entre 1757 e 1773.[2][10][11]

Estatua de Enrique Flórez na praza Maior de Villadiego.

Tamén se ocupou das ciencias naturais, sinaladamente a partir de 1760, e a el débeselle o impulso para a formación do Real Gabinete de Ciencias Naturais.[2][12]

En recoñecemento á súa traxectoria académica, en 1757 foi designado académico correspondente da Académie des inscriptions et belles-lettres de París.[2] En 1758 foi nomeado membro honorario da Academia Zaragozana de Bo Gusto.[12]

Na mañá do 1 de maio de 1773, logo das súas actividades relixiosas diarias ordinarias, Flórez sentiu unha indisposición, e o día seguinte un doutor diagnosticoulle unha pneumonía, que se foi agravando ata que lle provocou a morte na noite do día 5.[2][5]

O seu soterramento tivo lugar o 7 de maio, no panteón da igrexa do propio convento de San Filipe no que residía,[2] e o 18 dese mes celebráronse nese mesmo lugar as exequias na súa honra.[5][13] Como consecuencia da derruba do convento en 1838, a súa tumba ficou destruída e os seus restos foron trasladados ao Cemiterio do Sur e, tras o desmantelamento deste, ao Cemiterio de La Almudena en 1942.[14]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis salientables publicadas por Enrique Flórez ao longo da súa traxectoria:[15][16][17]

Teoloxía

[editar | editar a fonte]

Historia, numismática e xeografía

[editar | editar a fonte]
  • (1742). Clave historial con que se abre la puerta a la historia eclesiástica y política. Madrid. [3ª ed. 1754]
Portada do tomo XVIII de España sagrada (1764).
  1. 1 2 Martínez Añíbarro y Rives, M. (1889). Páxina 204.
  2. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 "Enrique Fernando Flórez de Setién Huidobro y Velasco". Historia Hispánica. Real Academia de la Historia (Historia-hispanica.rah.es).
  3. 1 2 3 4 5 Martínez Añíbarro y Rives, M. (1889). Páxina 205.
  4. Campos y Fernández de Sevilla, F. J. (2002).
  5. 1 2 3 Martínez Añíbarro y Rives, M. (1889). Páxina 210.
  6. Véxase "(1732-1738)" en "Publicacións".
  7. Véxase "(1747-1775)" en "Publicacións".
  8. Salvador y Barrera, JJ. M. (1914).
  9. Martínez Añíbarro y Rives, M. (1889). Páxinas 205-206.
  10. Fraile Miguélez, M. (1887).
  11. Vallejo Girvés, M. (2001).
  12. 1 2 Martínez Añíbarro y Rives, M. (1889). Páxina 206.
  13. Zeballos, E. (1773).
  14. "Cementerio General del Sur". Asociacionfunerarte.com
  15. Martínez Añíbarro y Rives, M. (1889). Páxinas 210-228.
  16. "Flórez, Enrique (1702-1773)". Biblioteca Digital Hispánica (BDH.BNE.es).
  17. "Flórez, Enrique, 1702-1773". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (Cervantesvirtual.com).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]