Enrique Fernández Sendón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Enrique Fernández Sendón
Nacemento3 de decembro de 1909
 Ribeira
Falecemento30 de novembro de 1954
 Ribeira
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista e político
editar datos en Wikidata ]

Enrique Fernández Sendón, coñecido como Fersen, nado en Ribeira o 3 de decembro de 1909 e finado no mesmo concello o 30 de novembro de 1954,[1] foi un escritor, político e pintor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Medrou no seo dunha familia acomodada de Ribeira emparentada cos Colomer. Na súa mocidade relacionouse co marxismo revolucionario e con Rafael Dieste, Manuel Antonio e Xosé Otero Espasandín. Trasladouse a Madrid en 1928, onde comezou a carreira de comercio e participou nos parladoiros, entre outros, de La Granja. Fíxose trotskista na súa época de frustrado estudante de Ciencias Exactas. Foi un dos fundadores e ideólogos da OCE. Cando a República, comezou a destacar como xornalista e militou nas agrupacións marxistas revolucionarias que deron lugar á ICE. Mantivo contacto cos compatriotas residentes en Madrid que animaban Nueva España, Crisol, Nosotros e PAN, nas que colaborou. Chegou a manter estreitos vencellos coa esquerda do PSOE e da UGT, escribindo en Leviatán, voceiro teórico da fracción achegada ás teses de Largo Caballero e dirixido por Luís Araquistain, así como na Revista de Economía Socialista editada pola Federación Española de Trabajadores de Banca.

Pertenceu a Izquierda Comunista de España (ICE) de tendencia trosquista, e dende xuño de 1931 foi membro dos Comités Executivo e Central da organización e redactor da revista Comunismo baixo o alcume de "Fersen". Despois de varios anos de militancia incorporouse ao PSOE. O seu irmán Manuel foi fusilado polos franquistas en xaneiro de 1937. Ao remate da Guerra Civil foi detido en Alacant e internado nun campo de concentración ata 1940. Volveu a Ribeira e utilizou o pseudónimo de A. Martín para asinar as súas colaboracións en Industrias Pesqueras a partir de 1943, grazas á protección de Valentín Paz-Andrade. Tamén colaborou en Faro de Vigo.

Obras[editar | editar a fonte]

En 1931 publicou o folleto Qué es el trosquismo, en 1934 apareceu o opúsculo ¿A dónde va el Partido Socialista? e xa en 1936 outro novo folleto, Antecedentes del triunfo del Frente Popular.

Especializado en temas pesqueiros, publicou varios artigos sobre a materia, así como un artigo dedicado a Manuel Antonio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Voz de Galicia, 27-11-1994, Barbanza p. 33.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Do Castro, ed. (1998). Enrique Fernández Sendón (L. Fersen). Memoria e antoloxía dun republicano galego. Sada. ISBN 84-7492-868-0. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]