Ennio Quirino Visconti
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 30 de outubro de 1751 Roma, Italia. |
| Morte | 7 de febreiro de 1818 (66 anos) París, Francia. |
| Lugar de sepultura | Cemiterio do Père-Lachaise, París. |
| Ministro de Relacións Exteriores | |
| | |
| Datos persoais | |
| Residencia | Roma |
| País de nacionalidade | |
| Relixión | Católico. |
| Educación | Universidade de Roma La Sapienza |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Arqueoloxía, numismática, política, museoloxía, historia da arte. |
| Ocupación | arqueólogo clásico, tradutor, escritor, historiador da arte, político, conservador, diplomático, arqueólogo |
| Membro de | Académie des inscriptions et belles-lettres. Academia Bávara das Ciencias (1809). Academia das Ciencias de Gotinga (1810). Academia Real das Ciencvias de Prusia (1812). Academia do Deseño de Florencia. .Accademia della Crusca. Academia de Belas Artes (Francia). |
| Obra | |
Obras destacables | |
| Outro | |
| Título | Marqués |
| Cónxuxe | Angela Theresa Doria (1885). |
| Fillos | Sigismond Visconti. Ludovico Visconti. |
| Pais | Giovanni Battista Visconti |
| Irmáns | Filippo Aurelio, Alessandro Visconti, Massimo, Matilde, Marta-Beatrice. |
| Premios | |
| Cabaleio do Imperio. Cabaleiro da Lexión de Honra. Cabaleiro da Orde da Reunión. | |
| Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Library of the World's Best Literature |
Sepultura de Visconti | |
Ennio Quirino Visconti, nado en Roma o 1 de novembro de 1751 e finado en París o 7 de febreiro de 1818, foi un arqueólogo, numismático e político italiano asentado en Francia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Ennio Quirino Visconti naceu en 1751 en Roma, no palacio Altoviti do século XVI, o primeiro dos seis fillos de Orsola Filonardi e Giovanni Battista Antonio Visconti (1722-1784),[1] home de gran cultura e Prefecto de Antigüidades, quen se encargou persoalmente da súa primeira educación. A súa aprendizaxe foi tan rápida que con só dous anos xa era quen de distinguir os bustos de todos os emperadores sobre as moedas da Antiga Roma, antes de rematar a idade do ensino primario podía ler en latín e en grego.[2][3]
Xa na súa xuventude, encargouse de traducir ao italiano varias obras mestras das literaturas grega e romana, e comezou a se sentir interesado pola investigación arqueolóxica, sinaladamente despois das descubertas de Herculano (1738) e de Pompeia (1748), e das escavacións da Vila Adriana en Tívoli.[4]
Nos anos seguintes, Ennio Quirino continuou coa súa formación, xa fóra da protección do seu pai, e acadou o título de doutor en Dereito Romano e Canónico o 7 de agosto de 1771, na Universidade de Roma La Sapienza.[3]
Traxectoria como erudito en Italia
[editar | editar a fonte]En virtude do seu cargo de Prefecto de Antigüidades, o seu pai foi o encargado da adquisición e da xestión dos obxectos que formarían parte dun novo museo ordenado construír polo papa Clemente XIV no Vaticano como complemento dos Museos Capitolinos, que se denominou Museo Pío-Clementino.[4] Mais ao caer gravemente enfermo antes de concluír o seu labor, o papa encomendoulle a súa continuación a Ennio Quirino, primeiro como axudante e, tras a morte do seu pai en 1784, en solitario. Entre 1782 e 1784 publicáronse os dous primeiros volumes ilustrados do Museo Pío-Clementino —os restantes volumes publicáronse nos anos seguintes, ata o sétimo, datado en 1807, aínda que se imprimiu en 1810—.[3][5]

O papa pío VI, que en 1775 o elixira como camareiro papal, nomeouno en xuño de 1783 como segundo conservador da Biblioteca do Vaticano, mais uns meses máis tarde contraeu matrimonio, o que fixo que perdese os honorarios que levaba consigo a pertenza á Cámara. Así as cousas, o Príncipe Sigismondo Chili nomeouno como o seu bibliotecario de manuscritos e arquiveiro persoal, acolleuno no seu palacio e ofreceulle un salario mensual de 10 escudos.[3][4]
Aínda que Pío VI decidiu en setembro de 1784 restituílo no seu posto na Cámara mesmo estando casado, Visconti renunciou a ese nomeamento, así como ao de vicebibliotrecario da Vaticana, para dedicar todo o seu esforzo á conclusión da serie de volumes sobre o Museo Pío-Clementino. Esta grande obra foi o motivo da sona acadada por Visconti no mundo cultural romano daquel momento, que o levou a ser nomeado conservador dos Museos Capitolinos en xuño de 1788.[3][5]
Ennio Quirino Visconti converteuse nun dos maiores coñecedores da a arte antiga da súa época, frecuentou os comerciantes de antigüidades, participou en coloquios, realizou peritaxes de coleccións privadas de importancia,[3] e publicou unha gran cantidade de descricións de monumentos, antigüidades e museos de todo tipo.[7]
Mais o labor de Visconti non foi alleo aos acontecementos que se estaban a desenvolver en Europa, sobre todo a Revolución Francesa en 1789 e o comezo da invasión dos republicanos franceses en Italia en 1796. O goberno da República Romana establecida polos francesas convocou un grupo de notables romanos, entre os que estaba Visconti. Non en van, o seu nome figuraba nunha listaxe de "patriotas" que Xosé Bonaparte levaba consigo á súa chegada a Roma o 31 de agosto de 1797. Visconti comezou a exercer o cargo de ministro do Interior da República Romana o 10 de febreiro de 1798, e o 20 de marzo foi nomeado como un dos cinco membros do Consulado da República Francesa en Roma,[7] aínda que en setembro foi destituído logo de denunciar abusos financeiros por parte dalgúns colegas xacobinos.[3]

Desencantado coa política, aos poucos meses Visconti abandonou todos os seus cargos para retomar a súa actividade erudita, mais a convulsa situación social e política de Italia naqueles momentos impediullo. Cando en 1798 o exército napolitano entrou en Roma e reinstaurou o poder dos Estados Pontificios, Visconti temeu represalias pola súa colaboración cos francesas, abandonou Roma e refuxiouse coa súa familia en Perugia, onde ficou 26 días, ata que os franceses puideron recuperar Roma. Mais coa volta definitiva do exército napolitano en 1799 viuse obrigado a exiliarse novamente, en setembro dese ano,[3] desta volta sen a compaña da súa muller e dos seus fillos.[8]
A vida no exilio francés
[editar | editar a fonte]Exiliado en Francia, Visconti non volveu xamais á súa patria.[8] O 8 de novembro de 1799 chegou a Marsella e, ao pouco de chegar, o 18 de decembro, foi nomeado supervisor do novo Museo de Antigüidades e Pinturas que se estaba a crear no seo do Louvre con antigüidades espoliadas procedentes de toda Europa, especialmente de Italia —convertido en Museo Napoleón en 1803—.[3] Máis tarde foi nomeado profesor de Arqueoloxía e finalmente conservador de antigüidades do Louvre, en 1803. Ademais do exercicio destes novos cargos, Visconto achou en Francia a serenidade que precisaba para continuar cos seus estudos e as súas investigacións.[9]
No Louvre encargouse do estudo e a ilustración de varias das súas coleccións e, por orde de Napoleón e a expensas do Goberno, iniciou en 1804 un dos seus traballos máis senlleiros, Iconographie grecque et romaine, unha colección de retratos dos gobernantes e personaxes ilustres da antigüidade, baseados sobre todo nas efixies representadas nas súas moedas. Iconographie grecque viu a luz en 1808 en tres volumes, en tanto que Iconographie romaine só viu publicado o primeiro volume, en 1817, pouco antes do falecemento de Visconti.[3][10]

Visconti adquiriu a cidadanía francesa en 1814, e foi confirmado no seu posto de conservador no Louvre por Luís XVIII en outono de 1815, que exerceu ata uns días antes do seu pasamento.[3]
Ao longo da súa traxectoria como erudito recibiu numerosas honras e recoñecementos. O 2 de xullo de 1789 foi condecorado por Napoleón co título de Cabaleiro do Imperio, e o 17 de xullo de 1804 concedéuselle a Lexión de Honra, confirmada por Luís XVIII en 1816.[3] Entre outras sociedades eruditas e institucións académicas, formou parte da Accademia della Creusca,[12] do Instituto de Francia (1803), da Academia de Belas Artes de Francia (1816) e da Académie des inscriptions et belles-lettres (1816).[3][13]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Ennio Quirino Visconti casou en 1785 con Angela Teresa Doria (finada en 1831). Con ela tivo catro fillos, dos que só dous chegaron á idade adulta, chamados Sigismondo e Ludovico.[3][5]
Visconti faleceu por mor dunha afección de vexiga que padecía desde 1816, o día 7 de febreiro de 1818, aos 67 anos,[9] e foi soterrado no cemiterio do Père-Lachaise, de París.[3]

Publicacións
[editar | editar a fonte]A obra de Ennio Quirino Visconti é moi abundante, e algúns dos seus manuscritos foron publicados de xeito póstumo. Esta é unha escolma dalgúns dos seus traballos monográficos máis salientables:[14]
- [1782-1807] Il Museo Pio Clementino. Milán.
- Reedidición en italiano: (1818-1822). Il Museo Pio Clementino. Tomo I (1818); Tomo II (1819); Tomo III (1819); Tomo IV (1820); Tomo V (1820); Tomo VI (1821); Tomo VII (1822). Milán.
- Reedición en francés: (1818-1822). Museée Pie-Clémentin. Tomo I (1818); Tomo II (1819); Tomo III (1820); Tomo IV (1820); Tomo V (1820); Tomo VI (1821); Tomo VII (1822). Giegler, Milán.
- (1788). Osservazioni si Ennio Quirino Visconti su due musaici antichi. Reale Tipografia, Parma.
- (1794). Inscrizioni greche triopee ora borghesiane. Pagliarini, Roma.
- (1796). Sculpture del Palazzo della Villa Borghese detta Pinciana. Tomo I. Roma.
- (1797). Monumenti gabini della Villa Pinciana. Fulgoni, Roma.
- (1798). Lettera su due monumenti ne'quali e' memoria d'Antonia Augusta. Fulgoni, Roma.
- (1808). Iconographie grecque. Tomo I; Tomo II; Tomo III. Didot L'Ainé, París.
- (1817). Description des antiques du Musée Royal. París.
- (1817). Iconografie romaine. Tomos I . Didot L'Ainé, París [tamén editada en Milán (1818)].
- (1818). Mémoires sur des ouvrages de sculpture du Parthénon. P. Dufart. París.
- (1827). Lettera di Ennio Quirino Visconti intorno a una antica supelletile d'argento. Salviucci, Roma.
- (1827-1831). Opere varie italiane e francesi di Ennio Quirino Visconti. Vol. I (1827); Vol. II (1829); Vol III (1830); Vol. IV (1831). Stella, Milán.
- (1837). Monumenti scelti borghesiani illustrati da Ennio Quirino Visconti. Classici Italiani, Milán.
- (1841). Due discorsi inediti di Ennio Quirino Visconti. G. Resnati, Milán.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Valeri, C. (2020). "Visconti, Giovanni, Antonio Battista". En Dizionario biografico degli italiani. Vol. 99. Istituto dell'Enciclopedia Italiana, Roma.
- ↑ Luppi, C. (1890). Páxina 561.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 Gallo, D. (2020).
- 1 2 3 Luppi, C. (1890). Páxina 562.
- 1 2 3 Luppi, C. (1890). Páxina 563.
- ↑ Luppi, C. (1890). Páxina 565.
- 1 2 Luppi, C. (1890). Páxinas 563-564.
- 1 2 Luppi, C. (1890). Páxina 564.
- 1 2 Luppi, C. (1890). Páxina 567.
- ↑ Luppi, C. (1890). Páxinas 567-568.
- ↑ "Donadio, Angelo: Ennio Quirino Visconti. 1818". The Digital Coin Cabinet of the Institute of Classical Archaeology. Universsität Tübingen (ikmk.uni-tuebingen.de).
- ↑ "Visconti, Ennio Quirino (1751-1818)". Accademiadellacrusca.org
- ↑ "Visconti, Ennius, Quirinus". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHAS.fr).
- ↑ "Visconti, Ennio Quirino". En Dictionnaire critique des historiens de l'art actifs en France de la Révolution à la Première Guerre mondiale.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ennio Quirino Visconti |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Boccardo, G. (1888). "Visconti, Ennio Quirino". En Nuova enciclopedia italiana. Vol. XXIII. Turín. Páxinas 204-205.
- "Ennio Quirino Visconti". En Serie di vite e ritratti de famosi personaggi degli ultimi tempi. Batelli e Fanfani. Milán 1818.
- Feller, F-X. (1833). "Visconti (Ennius Quirinus)". En Dictionnaire historique. Tomo XIII. 8ª ed. L. Lefort, Lille. Páxinas 334-335.
- Gallo, D. (2020). "Visconti, Ennio Quirino". En Dizionario biografico degli italiani. Vol. 99. Istituto dell'Enciclopedia Italiana, Roma.
- Giglioti, G. Q. (1937). "Visconti, Ennio Quirino". En Enciclopedia Italiana. Istituto dell'Enciclopedia Italiana, Roma.
- Luppi, C. (1890). "Vite di illustri Numismatici Italiani: Ennio Quirino Visconti". En Rivista italiana di numismatica. Páxinas 561-569.
- Michaud, J. F. (1827). "Visconti, Ennius Quirinus". En Biographie Universelle ancienne et moderne. Tomo 49. L. H. Michaud, París. Páxinas 251-266
- Zevi, F. (1966). "Visconti, Ennio Quirino". En Enciclopedia dell'arte antica. Istituto dell'Enciclopedia Italiana, Roma.
- Nados en 1751
- Finados en 1818
- Nados en Roma
- Numismáticos de Italia
- Arqueólogos de Italia
- Políticos de Italia
- Escritores de Italia
- Historiadores de Italia
- Historiadores da arte
- Historiadores de Historia Antiga
- Membros da Académie des inscriptions et belles-lettres
- Alumnos da Universidade Sapienza de Roma
- Cabaleiros da Lexión de Honra
- Museo do Louvre
- Escritores en lingua italiana
- Directores de museos