Engineering Test Satellite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O ETS-7 antes de ser lanzado.

Engineering Test Satellite, tamén coñecidos polo seu acrónimo ETS, é o nome dunha serie de satélites artificiais xaponeses adicados á proba de novas tecnoloxías e á verificación de novos procedementos e técnicas. Unha vez en órbita os satélites pásanse a denominar Kiku. O primeiro satélite Kiku foi lanzado o 9 de setembro de 1975.[1]

ETS 1 (Kiku 1)[editar | editar a fonte]

ETS 1, cunha masa de 85 kg, tiña forma de prisma recto octogonal cos extremos en forma de pirámide truncada. Tiña uns 90 cm de altura e diámetro e as caras do satélite estaban cubertas por células solares para proporcionar enerxía eléctrica. Do corpo surxían varias antenas e sensores. O obxectivo do satélite, entre outros, era desenvolver sistemas e procedementos de seguimento e control de satélites. Foi lanzado por un foguete N-1 o 9 de setembro de 1975.[1][2]

ETS 2 (Kiku 2)[editar | editar a fonte]

O obxectivo de ETS 2 foi adquirir a tecnoloxía necesaria para seguir, rastrexar e controlar satélites xeoestacionarios. Levaba a bordo un experimento de propagación de ondas milimétricas e case milimétricas. Tiña unha masa de 245 kg e forma cilíndrica, con 191 cm de alto e 141 cm de diámetro. Foi lanzado por un foguete N-1 o 23 de febreiro de 1977.[1][3]

ETS 3 (Kiku 4)[editar | editar a fonte]

ETS 3 foi deseñado para probar a estabilización de satélites nos tres eixos, o despregue de paneles solares no espazo, o control térmico e varias funcións instrumentais. Tamén foi lanzado mediante un foguete N-1, o 3 de setembro de 1982.[1][4]

ETS 4 (Kiku 3)[editar | editar a fonte]

ETS 4 tiña forma cilíndrica, 640 kg de masa e probou toda unha serie de tecnoloxías. Foi o primeiro satélite en ser lanzado mediante un foguete N-2, o 11 de setembro de 1981.[1][5]

ETS 5 (Kiku 5)[editar | editar a fonte]

ETS 5 foi lanzado mediante un foguete H-I o 27 de agosto de 1987 para probar a estabilización de satélites nos tres eixos en órbita xeoestacionaria e varias tecnoloxías relacionadas coas comunicacións móbiles. A súa misión durou ano e medio, ata o 31 de marzo de 1989, en que foi retirado.[1][6]

ETS 6 (Kiku 6)[editar | editar a fonte]

ETS 6, con 2000 kg de masa, tamén probou tecnoloxías de estabilización nos tres eixos e un novo bus para satélites, así como equipamento avanzado para satélites de comunicacións. Foi lanzado mediante un foguete H-II o 28 de agosto de 1994, pero a última fallou, quedando nunha órbita máis baixa da prevista.[1][7]

ETS 7 (Kiku 7, Orihime e Hikoboshi)[editar | editar a fonte]

ETS 7 estaba formado realmente por dous satélites unidos, denominados Orihime e Hikoboshi, lanzados mediante un foguete H-II o 27 de novembro de 1997. Orihime, de 400 kg, era un satélite obxectivo, mentres que Hikoboshi, duns 2500 kg, era un satélite cazador. Os dous satélites, unha vez en órbita, separáronse para practicar manobras de separación, achegamento, acoplamento e seguimento. Hikoboshi ía dotado dun brazo robótico de dous metros de longo. Despois do lanzamento produciuse un problema no sistema de control de actitude e no sistema de comunicacións de alta ganancia que puxo en risco a misión. Con todo conseguiuse facer un primeiro experimento de separación e acoplamento o 7 de xullo de 1998. Os satélites reentraron na atmosfera terrestre o 13 de novembro de 2015.[1][8]

ETS 8 (Kiku 8)[editar | editar a fonte]

Construído por Mitsubishi Electric, ETS 8 tiña unha masa de 5800 kg e foi lanzado mediante un H-IIA o 18 de decembro de 2006. A súa misión é probar novas tecnoloxías para satélites de comunicacións. Ten dúas antenas despregables que lle dan un diámetro de 40 m e dous grandes paneis solares que lle permiten dar cobertura a todo Xapón.[1][9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Mark Wade (2020). "ETS" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2020. 
  2. Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "ETS 1 (Kiku 1)" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2020. 
  3. Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "ETS 2 (Kiku 2)" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2020. 
  4. Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "ETS 3 (Kiku 4)" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2020. 
  5. Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "ETS 4 (Kiku 3)" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2020. 
  6. Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "ETS 5 (Kiku 5)" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2020. 
  7. Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "ETS 6 (Kiku 6)" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2020. 
  8. Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "ETS 7 Chaser / Target (Orihime, Hikoboshi)" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2020. 
  9. Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "ETS 8 (Kiku 8)" (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]