Encáustica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Folla de outono encáustica de Mitzi Humphrey.

A palabra encáustica deriva do grego enkaustikos (, que quere dicir, gravar a lume.

Encáustica é unha técnica de pintura que se caracteriza polo uso da cera como aglutinante dos pigmentos. A mestura ten efectos moi cubrintes e é densa e cremosa. A pintura aplícase cun pincel ou cunha espátula quente. O acabado é un puído que se fai con trapos de liño sobre unha capa de cera quente previamente estendida (que neste caso xa non actúa como aglutinante senón como protección). Esta operación chámase encaustización e está perfectamente descrita por Vitruvio, arquitecto e enxeñeiro romano (c. 70 a.C.-c. 25 a.C.) que di así: "Hai que estender unha capa de cera quente sobre a pintura e a continuación hai que pulir cuns trapos de liño ben secos".

Historia[editar | editar a fonte]

É unha técnica coñecida e utilizada dende a Antigüidade. Os romanos usábana sobre todo en táboas. Plinio o vello, enciclopedista romano do século I describe o uso da encáustica sobre o marfil[1], técnica que xa entón se consideraba antiga. Tamén conta como é unha boa técnica para rematar a fabricación dun barco por ser moi dura e resistente ó sal e ós rigores do tempo.

Na rexión de Fayum, ó norte de Exipto descubríronse uns retratos de gran forza expresiva, en sartegos de madeira, realizados en encáustica. Son dos séculos I e II. Tamén algúns murais descubertos en Pompeia están feitos con esta técnica.

Nos comezos da Idade Media é tamén utilizada e, máis tarde, en Oriente e no ámbito cristián, é o procedemento máis requirido para elaborar as iconas. Un bo exemplo de icona encáustica é o da Virxe con neno entronizados do mosteiro de Santa Catalina do monte Sinaí, en Exipto. Durante os séculos seguintes e a partir do VIII e o IX esta técnica cae en desuso ata que reaparece no século XVIII e XIX, especialmente en Inglaterra e Francia. O pintor francés Eugène Delacroix (1798-1863), utiliza en moitas das súas obras unhas cores previamente desleídas con cera. O pintor, escultor e artista gráfico Jasper Johns (estadounidense) realiza encáusticas sobre tea en obras que anuncian xa o Pop Art.

Preparación[editar | editar a fonte]

Facíase unha mestura de cera con pigmentos de cores e engadíase unha solución que se obtiña coas cinzas de madeira e auga (solución alcalina de carbonato e bicarbonato de potasio ou de sodio, unha lixivia da época). A esta combinación engadíase cola ou resina. Quentábase a superficie a pintar e tamén as espátulas cos braseiros chamados cauterium. Ás veces facíase primeiro o debuxo gravándoo coa espátula quente e despois enchíase a incisión co preparado de pintura.

Outra receita[editar | editar a fonte]

A mestura de cera para encáustica, utilizada por moitos artistas de encáustica hoxe en día, componse de cera de abellas refinada, do tipo utilizado en cosmética, e resina de damar. Outros tipos de cera que tamén se poden empregar para a encáustica son a parafina e o microcristalino, ambos derivados do petróleo, e a carnuba e a candelia, que son resinas.

Como utensilios auxiliares necesítanse un forno eléctrico, un cazo e uns recipientes de metal suxeitados con pinzas para verter a cera e facer as mesturas de cor.

A cera fóndese a uns 80 °C, inda que para facer a mestura se necesita quentar ata a temperatura de fusión máis elevada do damar. A cera derrétese case inmediatamente mentres que se ten que remover ata que os cristais de damar máis duros terminen de derreterse. Para a mestura engádese unha proporción 1 a 8 de damar a cera. Isto non é unha medida exacta. A razón pola que se engade damar é para facer a cera máis dura e resistente a rabuños. A cera así é tamén máis dura de traballar. Así mesmo utilizar unha proporción excesiva de damar aumenta a fraxilidade da cera, facéndose máis doado que poida descascarse polos bordos accidentalmente por un golpe.

Unha vez que a mestura sexa homoxénea, vertese o líquido nos moldes ou reservase para facer as mesturas con pigmentos. Se se usa un molde de teflón, pódense facer pastillas de mestura de cera para a súa posterior utilización. Deste xeito, pódense sacar os restos de plantas da resina que se pousan abaixo de todo mentres a cera se arrefría. Ó quedar logo na superficie da pastilla, pódense retirar doadamente.

Para facer as pastillas de cor pódese empregar pigmentos ou óleos. Débese sempre de observar o poder de pigmentación do pigmento ou o óleo. Canto menos teña, máis transparente será a mestura. A dureza e o punto de fusión tamén varía segundo o tipo de pigmento utilizado.

Se se utiliza óleo, debe lembrarse que o aceite de liño segue o seu propio proceso de oxidación. Se a cantidade de aceite da mestura é moi elevada, ó secarse e volver a traballar a superficie da encáustica, a película do óleo se cuartea, creando un efecto non desexado (segundo os gustos claro). Este problema evítase ou ben deixando a pintura repousar previamente sobre un papel de cociña para retirar o exceso de aceite, ou ben fixándose en que sempre predomine a cera na proporción da mestura óleo/cera. O óleo engadido debe ser o xusto para conseguir a pigmentación desexada.

Vértese a mestura de cera nos moldes e vaise mesturando o óleo ou pigmento ata que a mestura se disolva completamente. Déixase arrefriar e a pastilla estará lista para o seu uso posterior, volvéndoa a fundir para o seu uso líquido cun pincel ou ben utilizando ferramentas eléctricas quentes.

Soportes e ferramentas[editar | editar a fonte]

Emprégase como soporte a táboa de madeira, a tea e as paredes de albanelería. Como ferramentas úsanse as espátulas, o braseiro para quentalas, os pinceis e os panos de liño para puír e sacar brillo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Tratado de la Pintura y el color" (en castelán). Plinio o Vello (Libro XXXV-122). Consultado o 19-03-2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]