Empire State Building

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Empire State Building
Empire State Building from the Top of the Rock.jpg
Empire State Building
Edificio
Custo 24 988 000 $US
Dirección Intersección entre a Quinta Avenida e a Rúa 34 Oeste.
Localización Manhattan, Nova York Estados Unidos de América Estados Unidos
Coordenadas 40°44′54.3″N 73°59′09″O / 40.748417, -73.98583Coordenadas: 40°44′54.3″N 73°59′09″O / 40.748417, -73.98583
Nova York
Empire State Building
Localización do Empire State Building
Propietario W & H Properties
Uso(s) mixto
Construción
Inicio 17 de marzo de 1930
Remate 11 de abril de 1931
Dimensións
Superficie 208.879 m2
Altura máxima 443,2 m
Altura da azotea 381 m
Altura da última planta 373,1 m
Plantas 102[1]
Número de ascensores 73
Equipo
Arquitecto(s) Shreve, Lamb and Harmon
Enxeñeiro estrutural Homer Gage Balcom[2]
Contratista Starrett Brothers & Eken
Promotor John J. Raskob

O Empire State Building é un rañaceos de 102[1] plantas dedicado a oficinas situado na Quinta Avenida entre a intersección das rúas 33 e 34 de Manhattan no oeste da cidade de Nova York, en Estados Unidos. A súa altura é de 381 metros, pero acada 443 metros contando coa antena. O nome do edificio deriva do alcume que ten o Estado de Nova York: "Empire State" ("Estado do Imperio"). Foi o edificio máis alto do mundo durante máis de corenta anos, desde a súa finalización en 1931 ata 1972, ano en que se completou a construción da torre norte do World Trade Center. Tras a destrución do World Trade Center o 11 de setembro de 2001, o Empire State Building converteuse novamente no edificio máis alto da cidade de Nova York e do estado de Nova York, ata que foi outra vez superado polo One World Trade Center o 30 de abril de 2012, quedando o Empire State outra vez en segundo lugar.[3]

O Empire State Building foi nomeado pola Sociedade Estadounidense de Enxeñeiros Civís como unha das Sete Marabillas do mundo moderno. O edificio e o seu interior son designados monumentos da Comisión para a Preservación de Monumentos Históricos de Nova York, e confirmado pola Xunta de Estimación da Cidade de Nova York. Foi designado como un monumento Histórico Nacional en 1986. En 2007, ocupou o número uno na lista das edificacións favoritas estadounidenses e hoxe día tamén. O edificio é propiedade e está xestionado por W & H Properties.

Historia[editar | editar a fonte]

A súa construción comezou oficialmente o 17 de marzo de 1930, no mesmo soar que ocupaba anteriormente o antigo Hotel Waldorf-Astoria, baseado no deseño Art Déco do arquitecto William F. Lamb. O proxecto foi financiado principalmente polos empresarios John Jacob Raskob e Pierre Samuel du Pont, ligados coa empresa química DuPont e coa General Motors. 3400 traballadores participaron na obra, a maioría inmigrantes europeos, e moitos mohawk especialistas no traballo co ferro. Segundo as contas oficiais, 5 persoas morreron na construción. O 1 de maio de 1931 foi inaugurado polo propio presidente dos Estados Unidos Herbert Hoover, quen premendo un botón dende Washington fixo que se acendesen tódalas luces do edificio en Nova York.

O Empire State Building foi o edificio máis alto do mundo dende a súa construción ate o ano 1972, cando foron inauguradas a dúas torres xemelgas do World Trade Center. Esta altura causou certos percances, como o sucedido o 28 de xullo de 1945, cando un bombardeiro B-25 Mitchell pilotado entre a néboa bateu co edificio entre os andares 79 e 80, causando 14 mortes.

Trala caída das torres xemelgas nos atentados do 11 de setembro de 2001, o Empire State converteuse de novo no rañaceos máis alto da cidade de Nova York, o terceiro máis alto dos Estados Unidos, e o 15º máis alto do mundo.

Actualmente é propiedade da empresa inmobiliaria W & H Properties, e está considerado un dos maiores atractivos turísticos do mundo, ademais de ser designado Monumento Histórico Nacional.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Vista cara arriba do Empire State.
O Empire State coas súas luces encendidas durante a noite. O edificio Chrysler está o fondo.
O Empire State.

O edificio Empire State elévase ata os 381 metros (1 250 pés) a nivel do piso 102, e incluíndo os 62 metros (203 pés) do pináculo, a súa altura total chega aos 443 metros ou 1 453 pés e 8 polgadas. Dispón de 85 vías de comunicacións e o espazo de oficinas supón unha superficie de 200 500 m2. Ten unha cuberta ao aire libre e cuberta de observación no piso 86.

Foi o primeiro edificio en ter máis de 100 pisos. Ten 6 500 fiestras e 73 ascensores, e hai 1 860 pasos desde o nivel da rúa ata o piso 102. Ten unha superficie total de 257 211 m2; a base do Empire State ten uns 8 094 m2. Aloxa 1 000 negocios e ten o seu propio código postal. Desde 2007, traballan aproximadamente 21 000 empregados nel diariamente, co que é o segundo maior complexo de oficinas de América, logo do Pentágono. Orixinalmente o edificio contaba con 64 ascensores que se atopan nun núcleo central; hoxe, o Empire State conta con 73 ascensores en total, incluídos os de servizo. Tárdase menos dun minuto por ascensor en chegar ao piso 80, onde se atopa unha plataforma de observación e unha tenda de recordos. Ten 113 km de tubos, 760 km de cable eléctrico, e preto de 9 000 billas. Quéntase por vapor a baixa presión, malia a súa altura, o edificio só require entre 2 e 3 libras por pulgada cadrada (14 e 21 kPa) de presión de vapor para a calefacción. Pesa aproximadamente 370 000 toneladas (340 000 t). O seu exterior construiose con paneis de pedra calcaria de Indiana.

A diferenza da maioría dos actuais rañaceos, o Empire State conta cun deseño art déco, típico da arquitectura de pre-segunda guerra mundial en Nova York. As modernistas marquesiñas das entradas dos pisos 33 e 34 conducen a dous pisos de altos corredores de todo o núcleo de ascensores, atravesado por pontes pechadas de aceiro inoxidable e vidro no segundo piso.

O vestíbulo é de tres pisos de altura. O corredor norte contén oito paneis de iluminación, creados por Roy Sparkia e Renée Nemorov en 1963, que representa o edificio como a oitava marabilla do mundo, xunto ás tradicionais sete.

A longo prazo, durante a fase de deseño tivéronse en conta as posibles demandas futuras para garantir que a construción puidese ser usada segundo as novas necesidades. Isto é particularmente evidente no exceso de deseño da construción do sistema eléctrico. A construción do edificio Empire State custou 40 948 900 dólares da época (equivalentes a aproximadamente 500 millóns de dólares en 2010)[4]

Iluminación[editar | editar a fonte]

En 1964 engadíronse focos para iluminar a parte superior do edificio pola noite, en cores elixidas en función da tempada e outros eventos, tales como o Día de San Patricio e o Nadal. Despois do octoxésimo aniversario e a posterior morte de Frank Sinatra, por exemplo, o edificio foi bañado en luz azul para representar ao cantante do alcumo de "Ol' Blue Eyes". Logo da morte da actriz Fay Wray (King Kong) a finais de 2004, o edificio estivo en completa escuridade durante 15 minutos.

Os focos bañárono en vermello, branco e azul durante varios meses logo da destrución do World Trade Center e, a continuación, volveu ao calendario normal. Tradicionalmente, ademais de en función do calendario, o edificio é iluminado coas cores dos equipos deportivos de Nova York nas noites que xogan cada un (laranxa, azul e branco para o New York Knicks; vermello, branco e azul para o New York Rangers; e así sucesivamente).

En xuño de 2002, durante o xubileo dourado da súa maxestade a raíña Elizabeth II do Reino Unido, a cidade de Nova York iluminou ao edificio Empire State en púrpura e ouro (os cores monárquicos da Casa Real de Windsor). O alcalde de Nova York Michael Bloomberg dixo que era un xeito de dicir grazas a súa maxestade a raíña por cantar o Himno Nacional dos Estados Unidos no Palacio de Buckingham logo da traxedia do 11 de setembro de 2001, así como o apoio que o Reino Unido sempre brindou logo.

En 1995, o edificio foi iluminado en azul, vermello, verde e amarelo pola saída á venda do novo sistema operativo de Microsoft, Windows 95, que se iniciou con 300 millóns de dólares da campaña.

O edificio tamén foi iluminado en púrpura e branco en honor aos estudantes que se gradúan na Universidade de Nova York.

O 9 de xullo de 2006, iluminouse por primeira vez coas cores da bandeira de Arxentina, en honor á súa independencia en 1816,[5] así tamén como o 17 de agosto de 2008, no cal facíanse homenaxes a todos os países que participaban nos Xogos Olímpicos de Pekín do 2008, data que coincidiu tamén co falecemento do xeneral José de San Martín.[6] Igualmente, en 2010, luciu as cores da bandeira da Arxentina con motivo de celebración do bicentenario deste país; tamén nese ano luciu as cores da bandeira de Colombia igualmente polo bicentenario de devandito país.

O edificio foi alumado en verde durante tres días en honor da festa islámica de Eid al-Fitr, en outubro de 2007. A iluminación, a primeira dunha festividade musulmá, está destinada a ser un evento anual, e repetiuse en 2008.

Xa en 2007, o edificio iluminouse de cor amarela para indicar a estrea da película The Simpsons.

Na noite do 11 de xullo de 2010 puxo como luces as cores correspondentes á bandeira de España, con motivo da vitoria no Mundial de Suráfrica da FIFA.[7]

Na noite do 15 de setembro de 2010, os seus focos prendéronse en verde, branco e vermello, con motivo da celebración do Bicentenario da Independencia de México.[8]

Plataformas de observación[editar | editar a fonte]

O edificio Empire State é un dos máis populares observatorios ao aire libre do mundo, logo de ser visitado por máis de 111 millóns de persoas. A plataforma de observación do piso 86 ofrece unha impresionante vista de 360º da cidade. Hai unha segunda plataforma de observación no piso 102 que está aberta ao público. Pechouse en 1999, pero volveu abrir en novembro de 2005. É completamente pechada e moito máis pequena que a primeira delas, que poden estar pechadas nos días de alto tráfico. Os turistas poden pagar para visitar a plataforma de observación no piso 86 e unha cantidade adicional para a do piso 102. O observatorio aparece nuns clásicos cinemáticos de Hollywood, incluíndo: "An Affair to Remember", "Love Affair" e "Sleepless in Seattle". No clásico literario latinoamericano "El imperio de los de sueños" de Giannina Braschi, a plataforma de observación serve como escenario dunha revolución pastoril; os pastores do campo invaden á cidade de Nova York. A mesma plataforma é invadida por marcianos nun episodio do programa de televisión "I Love Lucy". O edificio está situado nun punto estratéxico para poder observar a cidade.

Vista panorámica de Nova York desde a plataforma de observación do piso 86

NY Skyride[editar | editar a fonte]

O edificio Empire State tamén ten unha atracción dun simulador de movemento, situado no segundo piso. Inaugurado en 1994 como un complemento á plataforma de observación, o New York Skyride (ou Skyride NY) é unha simulación de viaxe aérea pola cidade. A presentación dura aproximadamente 25 minutos.

Edificio sostible[editar | editar a fonte]

Logo dun proceso de mellora enerxética, e cun investimento de 550 millóns de dólares, durante o mes de setembro de 2011 o Empire State Building obtivo a certificación LEDE Gold para edificios sostibles outorgada polo US Green Building Council a fin de xerar un aforro de enerxía e diminución da pegada de carbono. Cun aforro estimado de 4,4 millóns de dólares ao ano, previuse recuperar o investimento en tres anos.[9]

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

Unha de tantas aventuras cinematográficas na que o edificio é protagonista.
  • Quizais a representación popular máis famosa é a da película de 1933 King Kong, na que un simio xigante, sobe ao edificio para escapar dos seus captores. En 1983, con motivo do 50º aniversario da película, un King Kong inflable incluiose no actual edificio. En 2005, estreouse unha nova versión de King Kong, incluíndo un enfrontamento final entre Kong e os avións na cima do edificio.
  • Na película Independence Day, o Empire State é destruído por alieníxenas e o lugar onde se situaba queda nun estado moi similar ao da Zona Cero.
  • O Empire State Building aparece en 1966 na serie Doutor Who e en múltiples capítulos posteriores.
  • Serviu como escenario da última escena e un dos temas principais na película Sleepless in Seattle (1993), de Nora Ephron, con Tom Hanks e Meg Ryan; baseada parcialmente na película An affair to remember, 1957), de Leo McArey, con Cary Grant e Deborah Kerr remake da película Love affair, 1939 tamén de Leo McArey, con Charles Boyer e Irene Dune.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Empire State Building" The Skyscraper Center Council on Tall Buildings and Urban Habitat website
  2. "Homer G. Balcom, Engineer, Is Dead". The New York Times. July 5, 1938. Consultado o August 8, 2011. 
  3. "La Freedom Tower supera al Empire State Building por seis metros, pero sin contar con la antena de este último". ABC. 30 de abril de 2012. Consultado o 30 de abril de 2012. 
  4. Rosenberg, Jennifer. "Empire State Building Trivia and Cool Facts" (en inglés). About.com. Consultado o 17 de outubro do 2015. 
  5. "La noche en que el Empire State se iluminó de celeste y blanco" (en español). InfoBae. Consultado o 17 de outubro do 2015. 
  6. "Celeste y blanco en el Empire State" (en español). La Nacion. 17 de agosto de 2008. Consultado o 17 de outubro do 2015. 
  7. "El Empire State rinde homenaje a la victoria de España" (en español). La Voz Digital. Consultado o 17 de outubro do 2015. 
  8. "Celebridades mexicanas en desfile del Bicentenario". Impre. 14 de setembro de 2010. Consultado o 14 de setembro de 2010. 
  9. "Empire State Building's green transformation earns LEED Gold" (en inglés). Business Green. Consultado o 17 de outubro do 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]