Emin Paxá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Emin Paxá
Nome completoIsaak Eduard Schnitzer
Nacemento28 de marzo de 1840
Lugar de nacementoOpole
Falecemento23 de outubro de 1892
Lugar de falecementoEstado Libre do Congo
NacionalidadeReino de Prusia e Imperio Otomán
EtniaPobo xudeu
Relixiónxudaísmo, luteranismo e Islam
Ocupaciónexplorador, médico, ornitólogo, zoólogo e colecionador de animais
PremiosMedalha Vega e Founder’s Medal
editar datos en Wikidata ]

Mehmet Emin Paxá, nado en Oppeln (Silesia) o 28 de marzo de 1840 como Isaak Eduard Schnitzer e bautizado cara a 1847 como Eduard Carl Oscar Theodor Schnitzer e finado en Tanganica o 23 de outubro de 1892, foi un médico, aventureiro, naturalista e gobernador da provincia exipcia de Ecuatoria, no Alto Nilo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu na localidade silesia de Oppeln, agora Opole cidade de Polonia, no seo dunha familia xudía-asquenací de clase media, criouse na cidade de Nysa e tras a morte do seu pai a súa nai converteuse ao protestantismo tras casar cun xentil e el foi bautizado. Estudou medicina e comezou a exercer en 1864 en Albania, entón pertencente ao Imperio Otomán. En 1875 chegou ao Sudán, adoptou o nome de Mehemet Emin aínda que non está claro que se convertese ao islam e estableceu unha consulta privada na capital Khartún, o gobernador da provincia de Ecuatoria Charles George Gordon nomeouno director do servizo sanitario da provincia ao ano seguinte. Gordon enviouno en misións diplomática aos reinos de Buganda e Bunyoro.

Gobernador de Ecuatoria[editar | editar a fonte]

En 1878 substituíu a Gordon como gobernador da provincia, que era basicamente unha colonia penitenciaria a máis de 3000 km do Cairo. A revolta de Muhammad Ahmad Al Mahdi que pretendía expulsar aos exipcios do Sudán estoupou en 1881 pero nos primeiros anos non chegou a Ecuatoria pero en 1884 controlaba xa case todo o Sudán e se achegaba perigosamente á provincia gobernada por Emin Paxá, un dos xenerais mahdistas, Karam Allah, envioulle un ultimato para que entregase a provincia, Emin Paxá convocou unha asemblea de oficiais na capital, Lado, que decidiu por unanimidade entregar a provincia pero Emin Paxá aínda que aceptando a decisión procurou demorala para gañar tempo e convencer aos seus oficiais de resistir aos mahdistas e executou a máis de 300 sediciosos para asegurar o firme control da provincia. O 26 de decembro de 1884 caeu Khartún en mans de Al Mahdi pero a noticia non chegou a Lada ata abril do ano seguinte, Emin decidiu trasladar a capital a Wadelai, a 400 km ao sur de Lado.

Rescate[editar | editar a fonte]

Encontro de Emin Paxá con Stanley.

Tras Exipto abandonar as súas posesións no Sudán, o primeiro ministro exipcio Nubar Paxá ordenoulle evacuar a provincia, xunto ás 10.000 forzas exipcias que había repartidas en diferentes fortes, vía Zanzíbar, o cal era case imposible xa supuña atravesar 2000 km de territorio hostil. Emin Paxá realizou en 1886 un chamamento para que o mundo, e especialmente o Reino Unido, acudise no seu auxilio, o sentimento de culpa británico pola morte de Gordon o ano anterior fixo que o seu chamamento tivera éxito e fora organizado polo dono da Compañía de Navegación Británica, William Mackinon organizou unha expedición de rescate baixo a dirección de Henry Morton Stanley quen decide principiar a expedición desde a embocadura do río Congo en marzo de 1887, unha viaxe longa e extenuante que só se explica polo interese de Stanley por ofrecer a provincia de Ecuatoria a Leopoldo, rei dos belgas, exhausto Stanley encóntrase con Emin Paxá en abril de 1888, Stanley ten que volver ao Lago Vitoria para recoller ao que quedara da expedición, 200 portadores e 2 oficiais dos 620 portadores e 9 oficiais que eran ao comezo da expedición. En agosto de 1888 a gornición de Dufilé produciuse un motín e Emin Paxá e os oficiais exipcios depuxeron ao gobernador e decidiron xulgalo na capital da provincia pero en setembro cando se decidían a facelo os mahdistas entraron na provincia e Emin Paxá volveu ao poder coa axuda dos soldados rasos e decidiu deixalo forte de Dufilé e marchar cara Wadelai pero alí un consello de guerra condenara a Emin por deixar abandonada a posición de Dufilé. O 19 de febreiro de 1889 Emin e Stanley volvéronse encontrar en Msuá e o 10 de abril a expedición púxose en movemento sen agardar os exipcios de Waidelai que na súa totalidade decidiran partir coa expedición, foi unha marcha lenta e penosa, o 1 de decembro de 1889 chegaron á estación alemá de Bagamoyo e alí Emin Paxá sufriu un accidente ao caer desde o segundo andar da residencia onde se hospedaba, gravemente ferido Stanley marchou sen el e el non se recuperou ata xaneiro de 1890 e quedou na colonia alemá de Tanganica co ofrecemento de explorar o seu interior. En 1892 no transcurso dunha viaxe de exploración morreu asasinado por un mercador de escravos.