Emilio Corral Vázquez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEmilio Corral Vázquez
Biografía
Nacemento7 de febreiro de 1910 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte13 de abril de 2013 Editar o valor em Wikidata (103 anos)
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióngaiteiro Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata


Emilio Corral Vázquez, nado na Coruña o 7 de febreiro de 1910 e finado ibídem o 13 de abril de 2013,[1] foi gaiteiro maior de Galicia. Chegou a ser, xunto con Francisco Paradela, un dos máis veteranos de tódolos míticos do instrumento. Tamén foi ben coñecido por ser o dedicatario ou mesmo o autor de varias pezas moi interpretadas, entre elas a "Muiñeira de Cabana", a el debida[2].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no Camiño Novo da Coruña, actual rúa Juan Flórez. O seu avó era de Rábade, a quen seu pai, fillo deste e ao que parece tamén un bo bailarín, adoitaba de acompañar co tamboril.

Emilio aprendeu música nas Escolas Populares Gratuítas, as coruñesas "Escolas do Caldo" da Cidade Vella, e aos dez anos comezou a aprender o clarinete[3] cun instrumento que lle comprara seu pai na tenda de Canuto Berea. Logo pasou ás Escolas Labaca, onde tiña outros tres irmáns. Daquela había na Coruña catro bandas de música infantís, que eran a das Escolas Labaca, a dos Salesianos, a das Escolas Populares Gratuítas e a do Hospicio Provincial (onde hoxe está o barrio de Zalaeta). Corral pasou a tocar o clarinete na banda das escolas Labaca, e mesmo seguiu facéndoo como exalumno.

Aos 15-16 anos, Emilio quixo traballar e o seu pai procuroulle emprego nunha imprenta, un traballo duro polo que gañaba uns 10 reais, 2’50 pesetas daquela, "que pouco máis daban que para zapatillas para xogar ao fútbol e estragalas", segundo el mesmo di[4]. Foi por entón cando o director das Escolas Labaca, Javier Anta, convenceulle de que trocase o clarinete pola gaita para que lle dese uso ao instrumento que o seu irmán Fernando Anta deixara na casa para irse facer cura ao Seminario. Emilio levou a gaita, e o seu pai lle fixo unha palleta coa que o rapaz xa tocaba o instrumento quince días despois[3], malia que recoñece que lle custou temperar o fol. El mesmo conta que debutou de camiño á Torre de Hércules, con motivo dunha excursión ao faro das escolas Labaca: "nun brazo levaba a gaita, e noutro a merenda"[3].

Por aquel entón, D.Manuel Fernández Amor, gaiteiro e director do coro "Cántigas da Terra", causou baixa nesta agrupación por ser músico militar e ter que cumprir co servizo, polo que o coro tivo necesidade de incorporar un novo gaiteiro. Para cubrir esta vacante, Corral foi invitado a "Cantigas" por Adolfo Anta, outro irmán de Javier Anta que era daquela membro do coro e pasou a ser director na falla de Fernández Amor. Ao cabo dos anos, Corral diría: "Lembro que cando cheguei estaba ensaiando Adolfo Anta cun harmonio dándolle o ton a Francisco Paradela, outro gaiteiro, e dixo Anta: “Veña, ensaiade vós”. E deixoume con Paradela. A Paradela custáballe un pouco coller as cancións, pero unha vez as sabía, tocábaas con moita graza e moi ben". Posteriormente formou tamén nos grupos "Aturuxo", "Follas Novas", "El Eco" e outros[4].

Coa chegada da Guerra Civil, Corral foi mobilizado para traballar na Fábrica de Armas, como montador de precisión. "Polas noites poñía a radio clandestina e escoitaba falar a Salvador de Madariaga con admiración", el mesmo lembrará daquela época[3]. A Madariaga tivo o azo de coñecelo persoalmente co galo dunha recepción no Concello d'A Coruña, no ano 1976: "Alí estaba eu coa gaita -narra Corral-, e entón el [Madariaga] quedou a mirar, achegouse a min e púxose a cantar en galego: O gaiteiro de Loroña / mala centella o xante / non quere tocar a gaita / sen que lle dean chiculate".[3]

Acabada a conflagración, Corral fica por un tempo a traballar na fábrica de armas ata que en 1947, no tempo do alcalde Alfonso Molina e por iniciativa do concelleiro Antonio López Prado, créase a Banda Municipal da Coruña[5]. Corral aproba a oposición e pasa a ser titular de clarinete na mesma, converténdose co tempo no derradeiro dos membros fundadores que fica vivo[3]. Como compoñente da banda gañaba moi pouco, unhas tres veces menos do que lle pagaban na Fábrica de Armas, pero el prefire este traballo e dedícase a copiar partituras para completa-los seus ingresos[4].

Na formación municipal coruñesa sempre estivo moi ben considerado. Aínda ao escribirse estas liñas é ben coñecido por ir a tódalas actuacións que pode, xa de espectador e acompañado do seu fillo. Nos anos 50 e 60, e sen deixa-lo seu exercicio regular na banda, Corral proseguiu a súa carreira como gaiteiro. "Teño viaxado moito -conta deses anos-, pero lembro sobre todo unha viaxe de 42 días a Colombia". Tamén por aqueles anos chovéronlle ofertas como gaiteiro ou profesor de gaita, coma na mesma Colombia, onde un rico emigrante de orixe coruñesa propúxolle quedar no país para dar clases, ou na Compañía de Antoñita Moreno, quen lle ofreceu un posto gañando mil pesetas diarias, daquela unha fortuna, ofertas lucrativas que el sempre rexeitou por non saír fóra de Galicia. Foron anos nos que tamén comezou a ser parte habitual en orquestras coma "Follas Novas", "Los Satélites" ou "Los Tamara", nas que entraba e saía por incompatibilidade coa Banda.[3]. Con todos eses grupos fixo gravacións, e tamén máis tarde as faría como artista principal tocando a gaita, mesmo en solitario.

Pouco despois de integra-la banda, entrou de director e mestre na recentemente creada Academia de Gaitas do Concello Coruñés, hoxe extinta, a petición do alcalde Molina[4].

Emilio Corral e a Muiñeira de Cabana[editar | editar a fonte]

Mención a parte, pola controversia que ten xerado, merece a relación de Corral coa célebre "Muiñeira de Cabana". Sobre a autoría desta obra téñense dado toda clase de especulacións, das que a máis forte é a que a atribúe ao gaiteiro Manuel Figueroa Moreira, "Manuel do Bosque"[6]. Porén, Emilio Corral sempre saíu ao paso destes rumors sostendo que é el o verdadeiro autor da obra. Aínda nunha entrevista concedida no ano 2008 a Luís Sánchez Graiño e Erea Estévez Campos, o gaiteiro detense a contar con todo detalle como foi a xénese desa muiñeira: «Fíxena eu! Seica fixeron un panfleto dicindo que copiara a muiñeira, e a quen lla ía copiar se ninguén sabía esa muiñeira? Un verán fora tocar coa orquestra “Los Satélites” á Trabe, á entrada de Ponteceso, preto de Cabana. Daquela, todos os rapaces e mociños dun lugar ían e volvían todos xuntos da festa. Nós xa acabaramos de tocar, pois só tiñamos permiso ata as doce, e os pequenos estaban a agardar polos maiores debaixo da habitación que compartía na fonda con Lolito, o director da orquestra. “Ei rapaces, os de Cabana!” dicían. Os pequenos, estaban impacientes, querían marchar. Pero os outros, que andaban ás mozas, non querían. As cousas sonche así! Para entretérense, facían música cunha cana. As canas eran de alcacel, unha forraxe que se sega polo verán e amontoan para penso de animais. Collen a cana cunha navalla e fan dous ou tres buratos e tocan. Dicía Lolito: “Me cago...que están dando a lata e non nos deixan durmir”, pero eu escoiteinos e como tocaban desafinados, veume á cabeza a Muiñeira de Cabana. Xa tiña a idea de facer unha muiñeira en ton menor, que non se fixera e se podía facer perfectamente, inda que tiña que dalo a gaita. Nese sentido, hoxe adiantouse moito. A unha gaita que había en Cántigas, púsenlle uns aneis que me facían os torneiros da Fábrica de Armas, para ir pechando ou abrindo os buratos segundo o oído. Volvendo ao tema, seica que os nenos estaban a imitar o que tocaba un home que lle chamaban Manolo o do Bosque, pero, como vai ser iso o que fixen eu? Poderá haber un xiro ou dous que se parezan, pero eu fixen a Muiñeira de Cabana en ton menor, e non ten nada que ver co que tocaba ese señor».[4]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

No 1956 recibe o premio de instrumentistas no Festival de Gales, en Llangollen, título que volveu gañar en 1986; no 1961 foi premiado tamén en Normandía, no Festival de Gisors, e no 1968 é agasallado pola Academia Galega de Belas Artes coa "Medalla Marcial del Adalid". No 1998 o Ateneo Ferrolán, seguidor das mellores tradicións musicais, artísticas e literarias -a través da plataforma Constantino Bellón, preocupada pola música galega- entregoulle a insignia e o certificado da "Gaita de Ouro"[7]. Con todo, o recoñecemento que Corral ten estimado máis na súa vida é o que lle fixo o membro da Real Academia Galega Sebastián Martínez-Risco ao nomealo Gaiteiro Maior do Reino de Galicia en 1964, título que conservou ata o seu pasamento e que non foi concedido a ninguén após del. Martínez-Risco chegou a asegurar que unha muiñeira interpretada por Corral "debería figurar no museo da música"[3].

Discografía[editar | editar a fonte]

Como solista[editar | editar a fonte]

Personalidade e estilo[editar | editar a fonte]

O gaiteiro Corral representa moitas esencias da "Galicia Santa de romeiros e xograres", esas que se expresan na música de gaita que tocaba. Ao mesmo tempo, sorprendía por innovacións que hoxe xa forman parte da tradición: pioneiro como gaiteiro solista, na fusión da música de dúas gaitas nunha mesma peza. Paralelamente á corrente daqueles dignos e hábiles gaiteiros que tocaban de ouvido como se fai con moitas outras artesanías ou artes de Galicia, corrente que á súa vez amosa a quintaesencia en Ricardo Portela, Corral representa á outra liña de instrumentistas, os que entraron na gaita ao traveso do coñecemento previo da teoría musical, no que é por tanto pioneiro, polo que se lle recoñece o mérito de ser quen incorporou ao pentagrama a música da gaita[7]. Isto valeulle o recoñecemento de moitos gaiteiros posteriores cunha grande formación musical.[8].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fallece Emilio Corral, gaiteiro maior de Galicia, La Voz de Galicia, (en castelán).
  2. Portabales, Pablo (6 de febreiro de 2010). "O pai da muiñeira cumpre 100 anos". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 01/07/2013. Consultado o 25/02/2013. .
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 "O gaiteiro de buxo", entrevista de Xurxo Lobato e Omayra Lista a Emilio Corral en El País, 12 de marzo de 2010.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Corral, Emilio. Entrevista a Emilio Corral. Frouma. Entrevista con Luis Sánchez Graiño e Erea Estévez Campos. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2013. Consultado o 31 de marzo de 2012. .
  5. Perfil da Banda Municipal da Coruña en Facebook.
  6. "A discutida paternidade da «Muiñeira de Cabana», artigo de Patricia Blanco en La Voz de Galicia, 9 de febreiro de 2010.
  7. 7,0 7,1 "Gaiteiro Maior de Galiza: Emilio Corral" Arquivado 11 de novembro de 2016 en Wayback Machine., artigo de Felipe Senén López Gómez en Terra e Tempo, 18 de xuño de 2010.
  8. "Soutelo elixirá mañá ao mellor gaiteiro de Galicia" Arquivado 12 de marzo de 2016 en Wayback Machine., artigo de Rocío García en La Voz de Galicia, 18 de agosto de 2005.