Embarazo adolescente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Número de nacementos en adolescentes por cada 1000 mulleres entre 15 e 19 anos, 2002. En case todos os países do mundo, a taxa de natalidade dos adolescentes está a descender

O embarazo adolescente ou o embarazo precoz é aquel embarazo que se produce nunha muller adolescente; entre a adolescencia temperá ou a puberdade - comezo da idade fértil - e o final da adolescencia. A OMS estabelece a adolescencia entre os 10 e os 19 anos. O termo tamén se refire a mulleres embarazadas que non acadaron a idade da maioría legal, que varía segundo os diferentes países, así como ás mulleres adolescentes que están en situación de dependencia da familia de orixe.

A maioría dos embarazos adolescentes son embarazos non desexados.

O embarazo nunha muller adolescente pode chegar a termo, producíndose o nacemento ou pode ser interrompido por aborto, xa sexa espontáneo ou inducido (aborto con medicamentos ou aborto cirúrxico), no caso de aborto inducido pode ser legal ou ilegal segundo as leis sobre o aborto de cada país.

Aínda que a OMS considera o embarazo na adolescencia un problema culturalmente complexo, anima a atrasar a maternidade e o matrimonio para evitar altas taxas de mortalidade materna e mortalidade de neonatos, así como outras complicacións para a saúde (nacemento prematuro, baixo peso ao nacer, preeclampsia, anemia), asociadas ao embarazo en mozas adolescentes. En 2009 estimábase que 16 millóns de adolescentes, de entre 15 e 19 anos, daban a luz cada ano, un 95% destes nacementos prodúcese en países en desenvolvemento, representando o 11 % de todos os nacementos do mundo.

A OMS considera fundamental promover a educación sexual, a planificación familiar, o acceso a métodos anticonceptivos e a atención sanitaria universal no marco da saúde pública e dos dereitos reprodutivos para evitar os problemas asociados ao embarazo na adolescencia.

Determinación da adolescencia e do embarazo adolescente[editar | editar a fonte]

Silueta dunha adolescente embarazada

A idade media do período da menarquía (primeira menstruación ) sitúase nos 11 anos, aínda que esta cifra varía segundo a orixe étnica e o peso. A idade media da menarquía diminuíu e continúa diminuíndo. O avance da fecundidade permite a aparición de embarazos en idades máis temperás e, polo tanto, non só depende de factores biolóxicos senón tamén de factores sociais e persoais.

As taxas de adolescentes embarazadas ademais de atoparse na mesma situación que as de calquera outra muller embarazada deben enfrontarse a unha maior vulnerabilidade, maiores preocupacións sobre a súa saúde e situación socioeconómica, especialmente as menores de 15 anos e adolescentes de países con pouca atención médica e nula asistencia social á adolescente ás veces embarazada por falta de información.

Nos países desenvolvidos, os datos sobre embarazos en adolescentes confirman unha relación con niveis educativos máis baixos, taxas de pobreza máis elevadas e outras situacións de inestabilidade familiar e social.

O embarazo adolescente nos países desenvolvidos normalmente ocorre fóra do matrimonio e leva asociado un estigma social en moitas comunidades e culturas. Por estas razóns, practícanse estudos e campañas para coñecer as causas e limitar o número de embarazos adolescentes.

Nos países considerados en desenvolvemento ou subdesenvolvidos e, especialmente, en certas culturas, o embarazo na adolescencia ocorre xeralmente dentro do matrimonio e non implica estigma social. A percepción social do embarazo adolescente varía dunha sociedade a outra e implica un debate en profundidade sobre aspectos do comportamento, tanto biolóxicos como culturais relacionados co embarazo.

Notas[editar | editar a fonte]