Ellen Church

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ellen Church
Nacemento22 de setembro de 1904
Lugar de nacementoCresco
Falecemento22 de agosto de 1965
Lugar de falecementoTerre Haute
Causacaída de cabalo
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterUniversidade de Minnesota
Ocupaciónenfermeira, comissário de bordo e aviadora
CónxuxeLeonard Briggs Marshall
PremiosMedalla do Aire, Medalha de Vitória da Segunda Guerra Mundial, European-African-Middle Eastern Campaign Medal e Medalha da Campanha Americana
editar datos en Wikidata ]

Ellen Church, nada en Cresco (Iowa) o 22 de setembro de 1904 e finada en Terre Haute (Indiana) o 22 de agosto de 1965, foi unha auxiliar de voo e enfermeira estadounidense. Está considerada a primeira auxiliar de voo muller da historia, ao iniciar o seu traballo o 15 de maio do 1930 coa compañía Boeing Air Transport (predecesora de United Airlines).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha granxa preto de Iowa City. Apaixonada da aviación, tomara clases como piloto. Coa esperanza de exercer algún día, acudiu a Steve Stimpson, da Boeing Air Transport, en busca de traballo. Stimpson, quen regresaba dunha longa viaxe en avión, decatouse da necesidade de persoal na cabina. De feito, viña de persuadir aos seus superiores para contratar tres cabin boys cando recibiu a visita de Church o 23 de febreiro de 1930.

Tras varias reunións entre Stimpson e Church, suxeríronlle á dirección da empresa que as enfermeiras poderían ser a tripulación auxiliar máis idónea. Argumentaron que, ante unha posíbel incapacitación do piloto, elas poderían prestar atención médica apropiada e unha mellor asistencia aos pasaxeiros en caso de mareo ou medo a voar. Boeing (que entón non só era fabricante de avións senón tamén compañía aérea) en principio cuestionou a proposta, pois as mulleres, segundo prescrición médica, non eran aptas para voar habitualmente debido ás alteracións hormonais derivadas da menstruación. Porén, tras considerar os argumentos, decidiu contratar oito enfermeiras (The Orixinal Eight ou The Sky Girls) por un período experimental de tres meses, entre as que se atopaba Ellen.

As novas asistentes de voo axiña se converterían en parte integral da industria aeronáutica. Debían superar un estrito proceso de selección: enfermeiras cualificadas, solteiras, menores de 25 anos, peso máximo de 52 kg e estatura máxima de 1,60 metros. Cobraban 150 dólares por 100 horas de voo ao mes.

Con 23 anos, Church converteuse na primeira auxiliar de voo muller da historia. Porén, o alemán Heinrich Kubis xa a precedera en 1912. O 15 de maio de 1930 abordou un trimotor Boeing 80 A para un voo de 20 horas Oakland-San Francisco-Chicago con 13 escalas e 14 pasaxeiros. O piloto dese voo foi outro pioneiro da aviación, Elrey Borge Jeppesen.[1]

Ellen deixou de voar despois de 18 meses por mor dun accidente de coche[2] e dedicouse ao ensino de enfermaría na Universidade de Minnesota. En 1942, durante a segunda guerra mundial, volveu voar como capitá na "Army Nurse Corps Air Evacuation Service". Recibiu a Medalla do Aire polos seus servizos no norte de África, Sicilia, Inglaterra e Francia.

Foi directora de enfermaría do Terre Haute Union Hospital (Indiana) e casou con Leonard B. Marshall Sr., director do Terre Haute First National Bank, en 1964. Morreu o 22 de agosto de 1965 nunha caída mentres montaba de a cabalo.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

O aeroporto de Cresco chámase Ellen Church Field na súa honra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Executive Biography of Elrey B. Jeppesen". Boeing (en inglés). Consultado o 25 de outubro de 2022. 
  2. Ferrer Valero, Sandra (4 de xaneiro de 2013). "La chica del aire, Ellen Church (1904-1965)". Mujeres en la historia (en castelán). Consultado o 25 de outubro de 2022.