Elizabeth Jones

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Elizabeth Jones
Nacemento31 de maio de 1935
 Montclair.
Nova Jersey.
Estados Unidos de América Estados Unidos
ÁreaDeseño e gravado.
EducaciónVassar College.
ObrasMoedas conmemorativas dos EEUU.
NacionalidadeEstadounidense
editar datos en Wikidata ]

Elizabeth Jones, nada en Montclair, Nova Jersey, o 31 de maio de 1935, é unha gravadora, medallista e deseñadora de moeda estadounidense, a undécima en ocupar a xefatura do Departamento de Gravado da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1981-1991).[1][2]

A súa marca de gravadora, que estampa nas moedas e medallas da súa creación, é EJ.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Jones, filla dun médico xinecólogo de Nova Jersey, cursou o seu ensino secundario na súa vila natal e en 1953 graduouse na Montclair Kimberley Academy. Posteriormente fixo estudos superiores no Vassar College, no Estado de Nova York, no que acadou a súa graduación en Historia da Arte en 1957. Entre 1958 e 1960 ampliou os seus estudos na Art Students League, de Nova York, e en 1961 marchou a Roma para seguir a súa formación, cidade na que pasou as dúas décadas seguintes.[2] Alí comezou a se sentir atraída polo mundo da medalla logo de coñecer o escultor italiano Renato Signorini, autor da medalla oficial dos Xogos Olímpicos de Roma de 1960.[3] Entre outras institucións, en Roma instruíuse en medallística na Scuola dell’Arte della Medaglia do Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato.[2]

En 1979, o Goberno italiano encomendoulle a elaboración dunha medalla de ouro na honra de Xoán Paulo II. Alí gravou tamén outras medallas sobre diversos personaxes como Mozart, Picasso, Albert Schweitzer, Charles Dickens ou Susan B. Anthony.[2]

De volta nos Estados Unidos, en setembro de 1981, cando tiña 46 anos, o presidente Ronald Reagan nomeouna gravadora xefa da US Mint, logo da xubilación do anterior xefe, Frank Gasparro.[1] Tratábase da primeira vez que unha muller ocupaba este posto.[3] Naquel momento, Jones xa era considerada como unha reputada gravadora de medallas, e xa levara a cabo diversos traballos por encarga, entre outros, da Frankling Mint, da Medallic Art Company e da Judaic Heritage Society.[2]

En 1991, Elizabeth Jones xubilouse do seu posto como gravadora xefa logo dunha década no cargo e, desde ese momento, o posto quedou vacante durante 15 anos, antes de ser ocupado por John Mercanti.[2]

Un dos traballos máis sobranceiros de Jones foi a moeda dun dólar de prata de 1983 conmemorativa dos Xogos Olímpicos dos Ánxeles, que amosa un lanzador de disco cos contornos marcados en tres capas, o que dá a sensación dun movemento estroboscópico.[4][5] Tamén é relevante a súa medalla presidencial, correspondente a Ronald Reagan.[3][6]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Escolma de traballos de Elizabeth Jones[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Frank Gasparro

Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1981 - 1990
Sucesor:
John Mercanti