Elena Maseras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Elena Maseras
Elena Maseras.jpg
Nacemento25 de maio de 1853
 Vila-seca
Falecemento1900
 Maó
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Barcelona
Ocupaciónmédica
editar datos en Wikidata ]

María Elena Maseras Ribera, nada en Vila-seca (Tarragona) o 25 de maio de 1853 e finada en Maó (Baleares), en 1905, foi unha médica española, a primeira muller española en matricularse na Universidade, concretamente na Facultade de Medicina da Universidade de Barcelona, no curso 1872-73.

O feito considerouse excepcional e orixinou unha intensa polémica sobre a conveniencia de que as mulleres se incorporaran á vida universitaria. Ela foi a primeira dunha trintena de mozas españolas que, acompañadas polos seus familiares, escoltadas por carabineiros, sentadas en cadeiras preferentes e recluídas nos despachos dos seus profesores nos intervalos de clase, matriculáronse en diferentes universidades para cursar, preferentemente, os estudos de Medicina e Filosofía e Letras, antes de que finalizara o século XIX

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou os seus estudos como alumna libre en setembro de 1872, ata que foi admitida nas aulas en 1875, sendo ben recibida por compañeiros e profesores.

Aínda que rematou os estudos en 1878, non obtivo a autorización para presentarse ó exame de licenciatura ata xuño de 1882, pois as autoridades burocráticas non sabían que facer ante o feito de que fose unha muller. Finalmente, examinouse o 25 de outubro dese mesmo ano e obtivo a cualificación de excelente.

Non consta que chegase a doutorarse, a diferenza de Dolors Aleu Riera e Martina Castells Ballespí, que, con Elena, foron as tres primeiras mulleres en licenciarse en Medicina, en 1882.

Suponse que, desanimada polas trabas burocráticas que se lle puxeron por ser muller, deixou a medicina e dedicouse ó ensino [1], primeiro en Vilanova i la Geltrú (Barcelona) e, desde 1890, en Maó, onde morreu.

En Maó foi colaboradora habitual de El Pueblo, un periódico local republicano e democrático, onde publicou diversos artigos no ámbito da saúde, a cultura e o ocio. Pronunciou tamén numerosas conferencias sobre temas relacionados coa saúde e a muller, como A hixiene en harmonía coa cultura da muller ou Necesidade de hixiene nas escolas.

Morreu ó pouco de cumprir 50 anos, dunha enfermidade cardíaca.

Non foi ata o 8 de marzo de 1910 que o Ministerio de Instrución Pública ditou un Decreto Real polo que se permitía, para toda España, o acceso libre das mulleres en tódalas institucións docentes, en igualdade de condicións que os homes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Estudou Maxisterio mentres esperaba a autorización para facer a licenciatura en medicina.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]