Elba (pastora)
Elba é o nome que recibe unha muller do Mesolítico, da cal se atopou un cranio duns 9.300 anos de antigüidade[1], os restos humanos máis antigos atopados en Galiza. Apareceu na cova de Chan de Lindeiro, na parroquia de Zanfoga, no concello de Pedrafita do Cebreiro.
Descubrimento
[editar | editar a fonte]O cranio foi atopado en 1996 no fondo da cova, a uns vinte metros de profundidade. En sucesivas campañas arqueolóxicas recuperáronse tamén restos de animais, entre eles tres uros e un oso das cavernas.
As conclusións científicas
[editar | editar a fonte]A análise do cranio revelou unha antigüidade duns 9.300 anos. Elba medía arredor dun metro e medio e no momento da morte tiña entre 20 e 40 anos.
Os tres uros que se recuperaron da cova estaban no mesmo estrato que Elba. A análise dos restos dálles a mesma antigüidade que aos da muller, do que se deduce que formaban parte dun rabaño que a muller pastoreaba. Os científicos, con todo, entenden que non se trataría de animais completamente domesticados.
A análise dos sedimentos depositados arredor da cova permitiu así mesmo analizar a contorna na que se movía Elba. Segundo o informe, tratábase dunha área eminentemente forestal, onde predominaban os bidueiros[2]. Con todo, atopáronse tamén restos da presenza de carballos e especies propias do bosque de ribeira. A mesma análise revelou evidencias de lumes forestais, debidas probabelmente á acción humana.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Así foi a agonía de Elba hai 9.300 anos". GCiencia. 08/11/2018. Consultado o 30/07/2020.
- ↑ "El mundo de una mujer llamada Elba" en Cadernos nº39. Laboratorio Xeolóxico de Laxe, p. 15.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cadernos nº 39. Laboratorio Xeolóxico de Laxe, 2017.