El barberillo de Lavapiés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

El barberillo de Lavapiés
O barberillo de Lavapiés
FormaZarzuela
Actos e escenas3 actos
Idioma orixinal do libretoCastelán
LibretistaLuis Mariano de Larra
Estrea19 de decembro de 1874
Teatro da estreaTeatro da la Zarzuela
Lugar da estreaMadrid
Música
CompositorFrancisco Asenjo Barbieri
Personaxes

Lamparilla (tenor)
D. Luis (tenor)
D. Juan (barítono)
D. Pedro (baixo
Paloma (mezzosoprano)
La Marquesita (soprano)

El barberillo de Lavapiés é unha zarzuela en tres actos en verso, con música de Francisco Asenjo Barbieri sobre libreto en castelán de Luis Mariano de Larra, fillo do famoso xornalista Mariano José de Larra. Foi estreada no Teatro de la Zarzuela de Madrid o 19 de decembro de 1874, acadando un grande éxito de crítica e público.

Historia[editar | editar a fonte]

Aínda que se descoñece a decisión que levou a Barbieri a poñerse en contacto con Larra e solicitarlle un libreto en tres actos, a correspondencia mantida entre ambos durante o verán do mesmo ano da estrea contén datos interesantes sobre o proceso creador da obra, revelando os esforzos levados a cabo polos autores para evitar o parecido entre esta nova zarzuela e Pan y toros.

A zarzuela corresponde a un argumento pseudohistórico de intrigas políticas. Este tipo de trama argumental entronca coa tradición inmediatamente anterior da "zarzuela grande" á que pertencen outras obras do compositor como Jugar con fuego, Los diamantes de la corona ou a mesma Pan y toros, mais á vez inaugura un novo tipo de obra lírica que serviría de modelo a xeracións posteriores. A obra parodia tanto no seu título como en certos xiros textuais á máis famosa ópera buffa italiana, Il barbiere di Siviglia de Rossini; porén leva a cabo unha importante descontextualización do modelo que obriga ao espectador a perder de vista a referencia orixinal: se Beaumarchais situara ao Figaro do século XVIII na pintoresca Sevilla, Larra decidiu que o barberillo do século XVIII se incorporara a unha turbulenta vida urbana: a que se desenvolve no Madrid de Carlos III, situando a acción no antigo barrio de Lavapiés, lugar onde o populacho se concentraba de xeito especial.

Deste xeito, aínda que o argumento se afaste temporalmente do espectador, referencias concretas, como a calle de la Paloma, a calle de Toledo, a Praza de Herradores, a igrexa de San Lourenzo, a calle del Avemaría, a calle de la Fe... o converten en realidade potencial. Dende este punto de vista, a obra corresponde ao modelo de cadro de costumes do Madrid castizo, reflectindo mellor que ningunha outra do seu autor a alma de Madrid, un Madrid distanciado temporalmente da estrea da obra, mais evocado de forma inconfundible como genius loci. El barberillo de Lavapiés emprega, como xa é propio do xénero, dous mundos sociais paralelos: o castizo da parella de "antihéroes" formada por Lamparilla (o barberillo) e Paloma, e o aristocrático, representado neste caso pola Marquesita Estrella e Don Luis de Haro; mais a diferenza do resto das zarzuelas grandes anteriores, a parella cómica convértese aquí en protagonista da historia, provocando deste xeito a necesidade de contrastar o buffo co serio. Este feito orixina que a trama argumental, dende a súa presentación ata o seu desenlace, sexa unha necesidade imposta, un mero pretexto para o desenvolvemento da obra.

Esta obra rara vez se representa na actualidade, figurando nas estatísticas de Operabase con tan só 6 representacións no período 2005-2010, sendo a primeira de Barbieri e a quinta en España.[1]

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Lamparilla, barberillo de Lavapiés e pícaro aventureiro (tenor)
  • D. Luis, sobriño de Grimaldi e namorado de La Marquesita (tenor)
  • D. Juan, conspirador contra Grimaldi (barítono)
  • Don Pedro, amigo de Don Luis e partidario de Grimaldi (baixo-barítono)
  • Paloma, costureira namorada de Lamparilla e amiga de La Marquesita (mezzosoprano)
  • La Marquesita, nobre conspiradora contra Grimaldi e prometida de Don Luis (soprano)

Argumento[editar | editar a fonte]

A zarzuela transcorre en Madrid a principios do século XVIII.[2][3]

Acto I[editar | editar a fonte]

Nos arredores de El Pardo estase a celebrar a concorrida Romaría de San Eugenio. Alí tamén asiste Lamparilla, un popular barbeiro coñecido polas súas aventuras, atopándose con Paloma, unha costureira á que pretende. Na pradeira hai unha casa á que chega La Marquesita para reunirse de incógnito cun conspirador, Don Juan de Peralta, os cales, baixo as ordes de "La Princesa", tratan de facer derrocar a Grimaldi para que poida subir ao poder o Conde de Floridablanca e así traer a xustiza ao país. Ela é seguida polo seu prometido, Don Luis, que é sobriño de Grimaldi e ao vela con Don Juan, bátese en duelo con el. Juan logra desarmalo e entrar na casa, Don Luis marcha a avisar á Policía para desenmascarar ao conspirador. Paloma consegue recoñecer a La Marquesita, quen lle pide axuda para salvar a Juan, polo que Paloma lle presenta a Lamparilla, quen escoita a súplica e decide axudarlle. Os policías acoden preparados para rodear a casa, mais atópanse cunha rondalla de estudantes, que é aproveitada por Lamparilla para poder entrar a casa e poñer a salvo a don Juan. Os policías entran e se levan a Lamparilla entre o asombro de todos.

Acto II[editar | editar a fonte]

Na praza de Lavapiés, os veciños comentan a ausencia de Lamparilla, que se presenta por arte de maxia e comenta a todos como foi a súa detención, interrogatorio e saída da cadea. Paloma reúnese con La Marquesita, dando grazas aos cartos que lle ten deixado para subornar ao carcereiro e ela coméntalle a conspiración que hai contra Grimaldi, para facer ver ao rei a valía de Floridablanca e poder facer un goberno máis xusto. Preséntase Don Luis e fala con La Marquesita sobre o amor que se profesan, mais el está preocupado pola viaxe que ela emprenderá pronto, levantando sospeitas de que poida serlle infiel con outro home o que estea a conspirar. Paloma encóntrase con Lamparilla e falan sobre o seu amor, cando ven pasar a seis embozados que entran na casa de La Marquesita, sospeitando que poidan ser conspiradores. Ao pouco tempo ven pasar a Don Luis e Don Pedro, que van preparar unha emboscada contra "La Princesa". Lamparilla e Paloma, puideron escoitar todo dende a tenda del e deciden facer un plan de emerxencia, chama aos veciños cas súas coplas e coméntalles o seu plan. Paloma avisa á Marquesita, que consegue escapar cos conspiradores. Ao chegar a garda, os veciños os atacan con pedras e paus.

Acto III[editar | editar a fonte]

Na bufarda de Paloma reúnese o taller das costureiras, que cantan con ledicia unhas coplas mentres realizan os seus labores. Nela, Paloma oculta a La Marquesita, que se disfraza de "maja" e que xunto con Lamparilla, preparan un plan para fuxir de Madrid. Don Luis aparece tamén disfrazado de "majo" e disposto a axudar no plan. Chegan os gardas e os apresan a todos na bufarda, mais cando proceden a levalos chega a noticia de que Grimaldi foi cesado e Floridablanca é o novo secretario de Estado. Ao final todos son libres, acabando a obra coa gran ledicia de todos os personaxes.

Números musicais[editar | editar a fonte]

  • Acto I[4]
    • Preludio, coro xeral: "Dicen que en el Pardo, madre"
    • Entrada de Lamparilla: "Salud, dinero y bellotas"
    • Entrada de Paloma: "Como nací en la calle de la Paloma"
    • Terceto de la Marquesita, D. Luis e D. Juan: "¡Este es el sitio!"
    • Terceto de La Marquesita, Paloma e Lamparilla: "¡Lamparilla! ¡Servidor!"
    • Jota de Los Estudiantes e Final do Acto I: "Ya los estudiantes madre"
  • Acto II
    • Escena: "Aquí está la ronda"
    • Relato de Lamparilla: "Mil gracias vecinos"
    • Dúo de La Marquesita e D. Luis: "En una casa solariega"
    • Dúo de Paloma e Lamparilla: "Una mujer que quiere"
    • Seguidillas Manchegas: "En el templo de marte"
    • Final do Acto II: "¡La puerta de esta casa!"
  • Acto III
    • Introdución e coplas das costureiras: "El noble gremio"
    • Intermedio instrumental
    • Dúo de Paloma e La Marquesita: "Aquí estoy vestida"
    • Cuarteto de La Marquesita, Paloma, D. Luis e Lamparilla: "El sombrero hasta las cejas"
    • Caleseras de Lavapiés: "En entrando una maja"
    • Coro xeral: "¡Aquí están los que buscamos!"
    • Final da obra: "En entrando una maja"
    • Na publicación da guía completa de Orquestra da colección Música Hispana, apartado música lírica do ICCMU inclúese o final orixinal da obra: "Y es necesario"

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Estatísticas de Operabase". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2015. Consultado o 02 de xaneiro de 2013. 
  2. Varios Autores. Diccionario de la Zarzuela. ICCCMU. Madrid. 2002
  3. Segundo as fontes a acción desenvólvese en 1766 no Madrid de Carlos III, na corte, nos arredores do Pardo, e no popular barri de Lavapiés.
  4. Francisco Asenjo Barbieri. El Barberillo de Lavapies. Ed. Crítica de Mº Encina Cortizo e Ramon Sobrino. Col Musica Hispana, sección música Lírica. ICCMU. Madrid

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]