El Informal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

El Informal foi un transgresor programa humorístico que comezou a emitirse en xullo de 1998 en Telecinco cultivando un enorme éxito entre certo sector dos espectadores.

Presentado por Javier Capitán (Capi) e Florentino Fernández (Flo), o programa contaba coa colaboración do humorista Miguel Nadal (Miki) e os reporteiros Félix Álvarez (Felishuco) e Inma del Moral, quen posteriormente foi substituída por Patricia Conde (Mistry). O programa tamén contaba coa colaboración de Mario Gil (encargado da banda sonora e os efectos de son) e Fernando Costela como dobrador habitual.

O formato consistía en resumir as noticias do día, (incluíndo política, corazón etc), enfocándoas desde un punto de vista humorístico por medio de diversos sketches, vídeos dobrados, imitacións, entrevistas etc. A isto había que sumar algunhas seccións fixas non necesariamente vinculadas á actualidade, como Pffff... Mentales ou Falsas Tomas Falsas entre outras. Cada certo tempo emitíanse sketches especiais que parodiaban os videoclips de determinados temas musicais clásicos, como Ven a Sacedón (versión do mítico I Still Haven?t Found What I?m Looking For de U2) ou Qué Manía (en referencia ao coñecido Mamma Mia de ABBA).

Durante o tempo que se mantivo en antena, os responsables do programa (Javier Capitán á cabeza), crearon unha auténtica mitoloxía paródica repleta de rechamantes personaxes como Gil Kong (referido ó falecido Jesús Gil), o Sargento Tárrega ou O Poli Risitas, entre outros; ademais de todo un vocabulario cómico composto de innumerables expresións como Requetequete,Lo que diga la rubia ou ¡¡VaaaaaaaMÓS!! que se fixeron enormemente populares durante aqueles anos.

As vítimas das súas bromas/ parodias/ sátiras eran políticos, futbolistas, famosos e demais personaxes procedentes da actualidade; como Po Zi, Bette Davis, Fernando Fernán-Gómez, El Dioni, Michael Landon, El Cuñao, José María Aznar, Bertín Osborne, Carmina Ordóñez, Jesús Gil, George W. Bush, Arnold Schwarzenegger (ó que bautizaron co nome de "El Chuache" e dotaron dun curioso acento maño, obra de Miguel Nadal), Charlton Heston ou El Cordobés entre outros moitos.

O programa foi cancelado en abril de 2002, entre protestas dos fans pola súa supresión, debido principalmente a un baixón de audiencia consecuencia da chegada da "idade dourada" dos Reality show e os programas do corazón.

Xa durante unha parte da súa segunda tempada practicamente tivo que compartir horario cos resumos de Gran Hermano, vendo notablemente reducida a súa franxa de emisión ata 15 minutos. Pero o golpe definitivo foi o descomunal (e efémero) éxito da primeira edición de Operación Triunfo en TVE, cuxos resumos (emitidos en La 2) conseguían mellores resultados de audiencia en idénticos horarios.

Ó pouco tempo o equipo separouse: tras unha tempada interpretando ao fillo de Soledad Huete en 7 Vidas, Florentino Fernández marchou a Televisión Española, onde presentou El Show de Flo e participou en Splunge xunto a Miguel Nadal (ó que tamén vimos Mis Adorables Vecinos) e Patricia Conde. Esta última tamén fixo os seus primeiros pasos como actriz na obra de teatro 5 Mujeres.com e na errada sitcom de Cuatro Siete Días al Desnudo. Pola súa banda Javier Capitán, mentres continuaba en RNE, probou sorte en Antena 3 co latexa night Ya es viernes... o no, pero a cousa non terminou de callar. Felix Álvarez foi o único que permaneceu en Telecinco durante unha longa tempada, traballando como interlocutor de A Tu Lado, un programa cancelado en xullo de 2007, pero que el abandonara un ano antes.

Indubidablemente El Informal marcou a toda unha xeración: son moitos os que a día de hoxe considérano un programa de culto e un clásico moi a ter en conta na historia da televisión española, digno de ocupar un lugar de honra á altura doutros inesquecibles programas humorísticos coma os especiais de "Martes y 13" ou os máis recentes "La Hora Chanante", "Camera Cafe" ou "Vaya Semanita". Tanto é así, que en 2007 cobraron forza os rumores de que o programa podería regresar á pequena pantalla, esta vez en La Sexta, que ten en persoal practicamente á totalidade dos colaboradores orixinais (salvo Javier Capitán, que permanece en TVE presentando o programa O Negociador).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]