Ekin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Ekin foi unha organización nacionalista vasca clandestina durante parte da ditadura franquista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ekin (en éuscaro, "emprender, iniciar" ou "insistir") xurdiu como grupo de estudo universitario en Bilbao en 1952. Trataba de dar carácter de continuidade ás súas reunións semanais nas cales discuten temas relativos á cultura. Entre os seus membros atopábanse fillos de familias acomodadas e incluso algúns membros de EIA que foran detidos en 1950. Co fin de protexerse da policía, o grupo permaneceu pechado a novos membros durante o ano seguinte á súa fundación. Asemade, os seus integrantes procuraron formarse nas súas principais áreas de interese: o coñecemento do pobo vasco, a súa historia e a súa cultura.

En principio, os membros de EKIN mostraban un profundo respecto e simpatía cara ós militantes do PNV, así como ós membros do Goberno vasco no exilio. Ademais, interesábanse por coñecer a política vasca da guerra e a inmediata posguerra. O entusiasmo tornouse decepción tralos primeiros contactos.

En 1953, o grupo comezou a abrirse ó exterior, impartindo cursos de formación cos que esperaba captar a novos membros. A través do PNV chegaron a coñecer a EGI, proporcionando o partido a infraestrutura necesaria para que EKIN se dese a coñecer en Guipúscoa. Porén, as intencións do PNV eran controlar a EKIN e integrarla en EGI, e conseguiuno ó fundirse ambas organizacións en 1956. As intenciones de control foron denunciadas por EKIN, o que aumentou a tensión entre o partido e os mozos. En 1958, o BBB (Bizkai Buru Batzar) decide expulsar de EGI a Benito del Valle, membro de EKIN. É entón cando estoupan as tensións latentes dende fai tempo entre o conservadurismo do PNV e a orientación socialista que tomaba EKIN. O grupo non aceptou a expulsión e produciuse unha división no seo de EGI entre aqueles que permaneceron fieis ó PNV e aqueles máis próximos a EKIN. O grupo disidente decidiu crear unha nova organización no verán de 1959, Euskadi Ta Askatasuna (ETA).