Efecto do espectador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O efecto espectador ou difusión da responsabilidade[1], chamado Bystander effect en inglés,[2] é un fenómeno observado en psicoloxía social e descrito por primeira vez por John Darley e Bibb Latané nun estudo de 1968, que apunta ao feito de que a presenza doutra xente (é dicir, espectadores) fai diminuír as posibilidades dunha persoa de intervir nunha situación de emerxencia.[2] O efecto tamén se coñeceu como síndrome de Genovese en alusión a Catherine Susan Genovese, que o 13 de marzo de 1964, con 28 anos, foi vítima dun homicidio por apuñalamento múltiple cometido por un home que se achegou a ela nas inmediacións da súa residencia, por ao redor das 3:20 horas, en Queens, Nova York, sen que ninguén a axude a pesar das súas insistentes peticións de axuda e da gran cantidade de testemuñas que confirmaron ter escoitado os berros da vítima. A policía non foi chamada até media hora despois. A tráxica morte e a aparente falta de reacción dos veciños repercutiron nos medios de comunicación, propiciando o estudo deste fenómeno social.[1] [3]

Estudo[editar | editar a fonte]

No estudo de 1968 de Darley e Latané, influenciado en parte polo tráxico caso de Genovese anos antes, unha persoa foi colocada nunha sala para responder a un cuestionario. Informárona que nunha sala contigua respondería tamén o cuestionario outro participante ou un grupo de participantes. Nesta sala anexa, os gravadores reproducían audios de berros de auxilio e axuda simulando unha convulsión tempo despois do inicio do experimento. As persoas ás que se lles dixo que só un participante máis na sala anexa respondeu ao formulario tiñan máis probabilidades de intervir co obxectivo de axudar que as persoas ás que se lles dixo que había máis participantes na sala anexa. A probabilidade de intervención diminúe a medida que aumenta o número de participantes informados de que estarían presentes na sala contigua.[2]

Accións para diminuír o efecto espectador[editar | editar a fonte]

Nun estudo publicado en 1975 e realizado por Thomas Moriarty na Universidade de Nova York no verán de 1972, demostrouse que os espectadores eran máis propensos a intervir nunha situación de emerxencia se se comprometeran coa vítima con antelación. No experimento roubáronse un grupo de pertenzas da vítima que estaban preto doutra persoa; aqueles que se comprometeran coa vítima a coidar das súas pertenzas (mentres ela estaba afastada do lugar nese momento) tiñan máis probabilidades de se decatar do roubo e de interviren na situación que os do grupo de control cos que a vítima non tiña compromisos previos. A conclusión dos autores é que o compromiso previo xera un espectador máis responsable.[4] Estudos posteriores de Darley e Latané na década de 1970 tamén demostraron que a forma en que se lle pedía axuda ao espectador na situación influía no seu comportamento. Máis persoas axudaban cando a vítima solicitaba a axuda do espectador polo seu nome. Cando se lle deu unha xustificación de axuda ao asistente, tamén aumentaron as posibilidades de que interveña en comparación cunha solicitude de axuda sen xustificación presentada.[5]

Outros termos[editar | editar a fonte]

Outros termos relacionados sobre o comportamento individual son o efecto Pigmalion e o efecto do observador, que non é sinónimo do efecto do espectador, senón que se refere, en psicoloxía, a como varía o comportamento dunha persoa cando está a ser observada, e ten outros significados noutros eidos.[6] "Efeito do espectador" é tamén unha canción do grupo portugués Os azeitonas, gañadora en 2019 no festival aRi[t]mar.[7]

Nota[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Sousa, Paulo; Mendes (2014). Segurança do Paciente: criando organizações de saúde seguras (en portugués). Rio de Janeiro. p. 140. ISBN 978-85-7541-594-8. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Cieciura, J. (2016). A Summary of the Bystander Effect: Historical Development and Relevance in the Digital Age. Inquiries Journal, 8(11).
  3. Kleinman, Paul. Tudo o que você precisa saber sobre psicologia: Um livro prático sobre o estudo da mente humana (en portugués). São Paulo. p. 151. ISBN 978-85-452-0041-3. 
  4. Moriarty, Thomas (1975). "Crime, commitment, and the responsive bystander: Two field experiments.". Journal of Personality and Social Psychology (en inglés) 31 (2): 370–376. ISSN 1939-1315. doi:10.1037/h0076288. 
  5. Latané, Bibb; Darley (1970). The Unresponsive Bystander: Why Doesn't He Help? (en inglés). 
  6. "El efecto observador en física cuántica". Universidad en Tu Casa (en castelán). 2020-05-20. Consultado o 2022-08-19. 
  7. "Os Azeitonas - Efeito do Observador [Vídeo Oficial]". Consultado o 2022-08-19. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

----

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre psicoloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.