Pecado orixinal antixénico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Efecto Hoskins»)
O pecado orixinal antixénico: Cando o corpo se encontra por primeira vez cun axente infeccioso produce anticorpos efectivos contra os seus antíxenos dominantes e así elimina a infección. Pero cando se volve a encontrar co mesmo axente infecccioso, nun estadio posterior no que evolucionou, cun antíxeno dominante novo, e co antíxeno orixinal sendo agora recesivo, o sistema inmunitario aínda seguirá producindo os anticorpos iniciais contra este vello "antíxeno agora recesivo" e non desenvolverá novos anticorpos contra o antíxeno dominante novo, o que ten como resultado a produción de anticorpos que non son efectivos e a xeración dunha inmunidade feble.

O pecado orixinal antixénico, tamén coñecido como efecto Hoskins,[1] é a propensión do sistema inmunitario do corpo a utilizar preferentemente a memoria inmunolóxica baseada en infeccións previas cando se encontra cunha segunda versión lixeiramente diferente da entidade allea (por exemplo, un virus ou bacteria). Isto deixa o sistema inmunitario "atrapado" pola primeira resposta que desenvolveu contra cada antíxeno e non pode orixinar respostas potencialmente máis efectivas durante as seguintes infeccións. O fenómeno do pecado orixinal antixénico describiuse en relación con virus como o da gripe, dengue, virus da inmunodeficiencia humana (VIH) entre outros.[2]

Este fenómeno describiuse primeiramente en 1960 por Thomas Francis, Jr. no artigo "On the Doctrine of Original Antigenic Sin" (Sobre a doutrina do pecado orixinal antixénico).[3][4] Foi nomeado por analoxía co concepto teolóxico do pecado orixinal. Segundo Thomas Francis, que describiu orixinalmente a idea,[3] e citado por Richard Krause:[4]

"O anticorpo da nenez é en grande medida unha resposta ao antíxeno dominante do virus causante da primeira infección de gripe tipo A da vida. [...] A impronta establecida pola infección polo virus orixinal goberna a resposta de anticorpos de aí en adiante. A isto chamámoslle a doutrina do pecado orixinal antixénico."

En células B[editar | editar a fonte]

Unha célula B de memoria de alta afinidade específica para o virus A, é activada preferentemente por unha nova cepa, o virus A1, para producir anticorpos que de forma non efectiva se unen á cepa A1. A presenza destes anticorpos inhibe a activación de células B virxes que producen anticorpos máis efectivos contra o virus A1. Este efecto leva a unha diminución da resposta inmune contra o virus A1 e eleva as posibilidades de que se produza unha infección grave.

Durante unha infección primaria, xéranse células B de memoria de longa vida, que permanecen no corpo e proporcionan protección ante posteriores infeccións. Estas células B de memoria responden a epítopos específicos da superficie de proteínas virais para producir anticorpos específicos de antíxeno, e poden responder á infección moito máis rapidamente do que o fan as células B ante novos antíxenos. Este efecto acurta a cantidade de tempo necesario para eliminar posteriores infeccións.

Entre as infeccións primaria e secundaria, ou despois da vacinación, un virus pode sufrir deriva antixénica, na cal as proteínas da superficie viral (os epítopos) son alterados por medio de mutacións naturais, o que permite que o virus escape á acción do sistema inmunitario. Cando isto acontece, o virus alterado reactiva preferentemente células B de memoria de alta afinidade previamente activadas e acelera a produción de anticorpos. Porén, os anticorpos producidos por estas células B xeralmente únense de forma non efectiva aos epítopos alterados. Ademais, estes anticorpos inhiben a activación de célula B virxe de maior afinidade que poderían producir anticorpos máis efectivos contra o segundo virus. Isto orixina unha resposta inmunitaria menos efectiva e as infeccións recorrentes poden tardar máis tempo en ser neutralizadas.[5]

O pecado orixinal antixénico é de especial importancia na aplicación de vacinas.[6] No dengue, o efecto do pecado orixinal ten importantes implicacións para o desenvolvemento de vacinas. Unha vez que se establece unha resposta contra un serotipo do virus do dengue, é improbable que a vacinación contra un segundo serotipo sexa efectiva, o que implica que deben establecerse respostas equilibradas contra todos os serotipos do virus (hai catro) coa primeira dose de vacina.[7] Porén, en 2015, illouse unha nova clase de anticorpos neutralizantes moi potentes que é efectiva contra todos os serotipos do virus, o que trouxo novas esperanzas de conseguir desenvolver unha vacina universal para o dengue.[8]

A especificidade e a calidade da resposta inmune contra novas cepas do virus da gripe a miúdo está diminuída en individuos que son vacinados repetidamente (por vacinación ou por infeccións recorrentes).[9] Porén, o impacto do pecado antixénico sobre a protección non foi aínda ben establecido e parece diferir con cada vacina de axente infeccioso, localización xeográfica e idade.[5] Atopáronse respostas a anticorpos reducidas á vacina do virus da gripe pandémico H1N1 de 2009 en individuos, que foran vacinados contra o virus estacional A/Brisbane/59/2007 (H1N1) nos tres meses previos.[6]

En células T citotóxicas[editar | editar a fonte]

Describiuse un fenómeno similar nas células T citotóxicas (CTL).[10] Foi demostrado que durante a infección secundaria por diferentes cepas do virus do dengue, os CTL prefiren liberar citocinas en vez de causar a lise da célula. Como resultado, a produción destas citocinas pénsase que incrementa a permeabilidade vascular e exacerba os danos nas células endoteliais.[11]

Varios grupos de investigadores intentaron deseñar vacinas para o VIH e o virus da hepatite C baseándose na indución de respostas citotóxicas (CTL). O descubrimento de que os CTL poden quedar nesgados polo pecado antixénico orixinal, pode axudar a explicar a efectividade limitada destas vacinas. Os virus como o VIH son moi variables e sofren mutacións frecuentemente, e así, debido ao pecado antixénico orixinal, a infección por VIH inducida por virus que expresan epítopos lixeiramente diferentes (dos da vacina viral) non poderán ser controlados pola vacina. De feito, a vacina podería facer que a infección fose aínda peor, ao "atrapar" a resposta inmune na primeira resposta non efectiva que desenvolveu contra o virus.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. FDA Center for Biologics Evaluation and Research Vaccines and Related Biological Products: Advisory Committee(RTF)
  2. Deem, Michael W.The Adaptive Immune Response Arquivado 04 de xullo de 2008 en Wayback Machine. Rice University
  3. 3,0 3,1 Thomas Francis Jr (1960). "On the doctrine of original antigenic sin". Proceedings of the American Philosophical Society 104 (6): 572–578. JSTOR 985534. 
  4. 4,0 4,1 Krause R (2006). "The swine flu episode and the fog of epidemics". Emerg Infect Dis 12 (1): 40–43. PMC 3291407. PMID 16494715. doi:10.3201/eid1201.051132. 
  5. 5,0 5,1 Lambert PH, Liu M, Siegrist CA (2005). "Can successful vaccines teach us how to induce efficient protective immune responses?". Nat Med 11(4 Suppl): S54-62,doi 10.1038/nm1216 PMID 15812491
  6. 6,0 6,1 Choi, Yoon Seok; Baek, Yun Hee; Kang, Wonseok; et al. (September 2011). "Reduced Antibody Responses to the Pandemic (H1N1) 2009 Vaccine after Recent Seasonal Influenza Vaccination". Clinical and Vaccine Immunology 18 (9): 1519–1523. PMC 3165229. PMID 21813667. doi:10.1128/CVI.05053-11. 
  7. Midgley, Claire M.; Bajwa-Joseph, Martha; Vasanawathana, Sirijitt; et al. (January 2011). "An In-Depth Analysis of Original Antigenic Sin in Dengue Virus Infection". Journal of Virology 85 (1): 410–421. PMC 3014204. PMID 20980526. doi:10.1128/JVI.01826-10. 
  8. Wanwisa Dejnirattisai; Juthathip Mongkolsapaya; Wiyada Wongwiwat; Sunpetchuda Supasa; Xiaokang Zhang; Xinghong Dai; Alexander Rouvinski; Amonrat Jumnainsong; Carolyn Edwards; Nguyen Than Ha Quyen; Thaneeya Duangchinda; Jonathan M Grimes; Wen-Yang Tsai; Chih-Yun Lai; Wei-Kung Wang; Prida Malasit; Jeremy Farrar; Cameron P Simmons; Z Hong Zhou; Felix A Rey; Gavin R Screaton (2015). "A new class of highly potent, broadly neutralizing antibodies isolated from viremic patients infected with dengue virus". Nature Immunology 16 (2): 170–177. PMC 4445969. doi:10.1038/ni.3058. 
  9. Kim, J.H.; Skountzou, I.; Compans, R.; Jacob, J. (1 September 2009). "Original antigenic sin responses to influenza viruses.". Journal of Immunology 183 (5): 3294–301. PMC 4460008. PMID 19648276. doi:10.4049/jimmunol.0900398. 
  10. 10,0 10,1 McMichael AJ (1998). "The original sin of killer T cells". Nature 394 (6692): 421–422. PMID 9697760. doi:10.1038/28738. 
  11. Juthathip Mongkolsapaya (2006). "T Cell Responses in Dengue Hemorrhagic Fever: Are Cross-Reactive T Cells Suboptimal?". J. Immunol. 176 (6): 3821–3829. doi:10.4049/jimmunol.176.6.3821. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]