Saltar ao contido

Edward E. Burr

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaEdward E. Burr
Biografía
NacementoEdward Everett Burr
18 de xaneiro de 1895.
Lebanon, Ohio, Estados Unidos.
Morte6 de agosto de 1886 (91 anos)
Memphis, Tennessee, Estados Unidos.
País de nacionalidade Estadounidense.
EducaciónInstituto de Arte de Chicago.
Actividade
OcupaciónEscultor, medallista, deseño de moedas.
EmpregadorUniversidade de Illinois en Chicago.
Universidade de Illinois en Urbana–Champaign.
Familia
CónxuxeMargaret Love Stewart (1946). Editar o valor en Wikidata
PaisGeorge Alfred Burr Editar o valor en Wikidata  e Virginia Stainback Hamlin Editar o valor en Wikidata
IrmánsAlfred Hamlin Burr e Laura Esther Burr. Editar o valor en Wikidata

Edward Everett Burr (coñecido artisticamente como Everett Burr) nado en Lebanon, Ohio, o 18 de xaneiro de 1895 e finado en Memphis , Tennessee, o 6 de agosto de 1986, foi un profesor de arte, escultor, medallista e deseñador de moedas estadounidense.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación en Alemaña

[editar | editar a fonte]

Everett Burr naceu en xaneiro de 1895 en Lebanon, condado de Warren, Ohio, o máis novo dos tres fillos de Virginia Stainback Hamlin (1868-1915)[1] e do avogado George Alfred Burr (1863-1949),[2] máis tarde ministro metodista.[3][4][5]

Burr cumpriu o seu servizo militar en 1917, dous anos despois de ficar orfo de nai, e na súa xuventude traballou nunha factoría de automoción en Detroit.[5]

Na década de 1920 desenvolveu a súa formación artística na escola do Instituto de Arte de Chicago,[4] onde tivo como mestres, entre outros, o retratista Leopold Seyffert e o escultor Albin Polasek.[5]

Carreira artística

[editar | editar a fonte]

Everett Burr instalouse en Chicago e comezou a traballar como deseñador gráfico publicitario nunha compañía de artes gráficas. As súas primeiras exposicións salientables foron a do Instituto de Arte de Chicago en 1926, a da Academia de Belas Artes de Illinois en 1927 e a patrocinada pola Sociedade Renacentista en 1931. En 1933 participou con dúas obras na Exposición Universal de Chicago, e ese mesmo ano foi premiado polo Instituto de Arte de Chicago.[5]

Paralelamente á súa obra pictórica e escultórica, Burr é coñecido polas súas incursións na medallística e, sinaladamente, no deseño de moedas, xa que resultou gañador do concurso convocado en 1934 pola Comisión do Centenario de Arcansas para elixir o deseñador dunha moeda de medio dólar conmemorativo da efeméride.[4] Malia o éxito no concurso, a Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos rexeitou inicialmente, en xullo de 1934, os modelos propostos por Burr para o anverso e o reverso da moeda, aínda que finalmente estes foron aprobados en marzo de 1935, e a moeda foi cuñada nas cecas de Filadelfia, de Denver e de San Francisco entre 1935 e 1939.[6] O mesmo deseño do reverso utilizouse tamén en posteriormente, en 1936, para a moeda de medio dólar dedicada ao senador Joseph T. Robinson, xunto cun reverso creado ad hoc polo artista Henry Kreiss.[5][7][8]

Medio dólar do Centenario de Arkansas (1935).

Ademais das moedas, Burr creou tamén algunhas medallas coñecidas, como a conmemorativa do Sesquicentenario de Memphis, para a US Mint (1969).[4][5][9]

Entre as súas creacións posteriores mestúranse pinturas e esculturas figurativas con diversas representacións arquitectónicas e arte publicitaria, como anuncios de automóbiles. Tamén exerceu a docencia no campus de Navy Pier da Universidade de Illinois en Chicago, así como na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign e na Universidade do Noroeste, en Evanston, ata que se retirou da docencia universitaria en 1963.[5]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Edward Everett Burr casou en 1946 con Margaret Love Stewart (1903-1988), de Memphis, Tennessee.[10] Logo do seu matrimonio, a parella abandonou Chicago e instalouse na cidade da súa muller, para coidar a nai desta.[5]

Logo do seu retiro da docencia, continuou impartindo clases como voluntario nun centro para persoas maiores en Memphis ata uns meses antes do seu falecemento, o 6 de agosto de 1986,[4] aos 91 anos. Tanto o seu corpo como o da súa muller, finada dous anos despois, foron doados á ciencia.[3][5]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]