Editorial de los Bibliófilos Gallegos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Editorial Bibliófilos Gallegos")
Editorial de los Bibliófilos Gallegos
Tipo Sociedade Anónima
Fundación 1949
Localización Rúa Pasanteria, Pontevedra Galicia Galicia
Fundador

Francisco Javier Sánchez Cantón

Xosé Fernando Filgueira Valverde
Persoas clave

Francisco Javier Sánchez Cantón (presidente)
Marcelino Blanco de la Peña (vicepresidente)
Xosé Fernando Filgueira Valverde (secretario)

Felipe Cordero Carrete (xerente)
Industria Cultural

Bibliófilos Gallegos foi unha editorial galega fundada en Santiago de Compostela en 1949.[1] Considérase a primeira editorial galega.[Cómpre referencia]

Historia[editar | editar a fonte]

A Editorial de los Bibliófilos Gallegos nace en Santiago de Compostela en 1949 co obxectivo de paliar, dalgunha maneira, a case nula actividade editorial daqueles días no que respecta ao libro galego. Moi próxima ao Instituto Padre Sarmiento e ao Seminario de Estudos Galegos, os seus principais fundadores foron Francisco Sánchez Cantón e Xosé Filgueira Valverde, presidente e secretario respectivamente da nova empresa. Felipe Cordero Carrete, outro dos promotores, desempeñaría o posto de xerente e Marcelino Blanco de la Peña sería o vicepresidente. Participaron neste proxecto tamén Ramón Cabanillas, Gaspar Massó García, Antonio Rey Soto, Valentín Paz Andrade, Ramón Baltar Domínguez ou Francisco Fernández del Riego, entre outros. No ano 1994, a editorial extínguese.

Características[editar | editar a fonte]

Bibliófilos Gallegos foi unha das primeiras iniciativas editoriais da posguerra, xunto a outras como a colección de poesía Benito Soto (1949-50) ou a editorial Monterrey (1959), centrándose en obras de carácter histórico. Cabe destacar que os dirixentes non realizaban traducións do castelán ao galego e intentaban manter a obra na súa forma orixinal. Ademais, buscaban a publicación de obras de temática variada, un coñecemento máis profundo de Galicia e a difusión do mundo das artes, da literatura, da historia e da etnografía. Os seus promotores, nunha circular de presentación e subscrición á nova editora con data de xaneiro de 1948, explicaban deste xeito as intencións e o espírito que os movía:

El interés actual por el libro gallego, hoy tan raro como buscado, nos mueve a constituir una empresa editorial que contribuya a difundirlo mediante la reedición de obras antiguas y la publicación de originales de autores contemporáneos, en especial los que den a conocer aspectos ignorados de nuestras letras, nuestro arte y nuestras costumbres.

Para tal fin proxectaron a creación de tres coleccións diferentes e ben definidas: a Biblioteca de Galicia, concibida para dar a coñecer textos inéditos ou reimpresións de obras existentes; Obradoiro, serie de pequenas monografías de divulgación artística profusamente ilustradas; e, por último, a Colección de los Bibliófilos Gallegos, reservada para reedicións facsimilares de obras raras e notables.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1949 saíron do prelo os tres primeiros títulos en cadansúa colección: Camiños no tempo de Ramón Cabanillas, El Pórtico de la Gloria de Ángel del Castillo e unha coidada edición facsímile da Descripción del Reyno de Galizia do Licenciado Molina. Seguirían logo outros importantes como a novela A xente da Barreira de Ricardo Carballo Calero, o Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores de Antonio Couceiro Freijomil, o Cancioeiro da Poesía Céltiga de Julius Pokorny, en versión galega de Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, e a reedición facsimilar da Relación de Exequias de la Reyna Doña Margarita de Austria, ademais de varias entregas das monografías de arte Obradoiro.

Porén, este pulo inicial –con grande presenza divulgativa e publicitaria na prensa da época, convocatorias de premios, catálogos comerciais etc.- e o ritmo de produción de tres ou catro títulos anuais, só se mantivo ó longo do primeiro quinquenio. Despois decrecería considerablemente. A editorial convocou un certame de ‘novela galega’, aínda que o de ‘galega’ referíase tanto ao tema coma ao idioma. O premio concedeuse en abril do 1950 á obra de Ricardo Carballo Calero, A xente da Barreira.

Obras publicadas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]