Edicto de Tesalónica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Edicto de Teodosio»)
Teodosio I o Grande.

O Edicto de Tesalónica foi decretado o ano 380 polo emperador romano Teodosio I, polo cal o cristianismo pasou a ser a relixión oficial do Imperio romano.

O 24 de novembro de 380, facíase público o edicto nos seguintes termos:

Edicto dos emperadores Graciano, Valentiniano II e Teodosio Augusto, ao pobo da cidade de Constantinopla. Queremos que todos os pobos que son gobernados pola administración da nosa clemencia profesen a relixión que o divino apóstolo Pedro deu aos romanos, que até hoxe se predicou como a predicou el mesmo, e que é evidente que profesan o pontífice Damas e o bispo de Alexandría, Pedro, home de santidade apostólica. Isto é, segundo a doutrina apostólica e a doutrina evanxélica cremos na divindade única do Pai, do Fillo e do Espírito Santo baixo o concepto de igual maxestade e da piadosa Trindade. Ordenamos que teñan o nome de cristiáns católicos quen sigan esta norma, mentres que os outros os xulgamos dementes e tolos sobre os cales pesará a infamia da herexía. Os seus lugares de reunión non recibirán o nome de igrexas e serán obxecto, primeiro da vinganza divina, e despois serán castigados pola nosa propia iniciativa que adoptaremos seguindo a vontade celestial. Dado o terceiro día das calendas de marzo en Tesalónica, no quinto consulado de Graciano Augusto e primeiro de Teodosio Augusto.

Con este edicto, o Imperio Romano na súa totalidade pasaba a ter unha nova relixión oficial despois de 67 anos de liberdade de culto. O panteón romano complementouse ao longo de moitos séculos cos deuses, deidades e lares domésticos, co culto aos propios antepasados e mesmo con divindades prerromanas que foran asimiladas despois do proceso de romanización en moitos lugares do Imperio. Todo isto tiña que ser agora abandonado para abrazar o culto a unha relixión monoteísta e ás normas morais que o acompañaban. A pesar disto, Teodosio protexeu na medida das súas posibilidades aos agora semi clandestinos pagáns da persecución e o acoso dos cristiáns.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]