Edgar Adams
| Biografía | |||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Nacemento | (en) Edgar Holmes Adams 7 de abril de 1868. | ||||||||||||||||
| Morte | 5 de maio de 1940 (72) anos. Bayville, Nova York, EEUU. | ||||||||||||||||
| País de nacionalidade | |||||||||||||||||
| Actividade | |||||||||||||||||
| Ocupación | Nadador, saltador, numismático, autor. | ||||||||||||||||
| Membro de | American Numismatic Association. American Numismatic Society. New York Numismatic Club. Chicago Numismatic Society. British Numismatic Society. | ||||||||||||||||
| Nacionalidade deportiva | Estados Unidos | ||||||||||||||||
| Deporte | salto de trampolín natación | ||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| Participou en | |||||||||||||||||
| 1 de xullo de 1904 | Xogos Olímpicos de 1904 (medalla de prata olímpica) | ||||||||||||||||
| 1904 | Salto nos Xogos Olímpicos de 1904 (medalla de prata olímpica) |
||||||||||||||||
| Familia | |||||||||||||||||
| Cónxuxe | Sarah E. Kelly (1895). | ||||||||||||||||
Edgar Adams, nado en Grafton, Virxinia Occidental, o 7 de abril de 1868 e finado en Bayville, Nova York, o 5 de maio de 1940, foi un nadador, saltador olímpico e numismático estadounidense, coñecido tamén por ser coleccionista e comerciante de moedas, e un eminente autor, editor e investigador numismático.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Adams naceu o 7 de abril de 1868 na vila de Grafton, en Virxinia Occidental. En 1880, cando só tiña 12 anos sufriu un accidente cunha arma de fogo que o deixou gravemente ferido, e aínda que se recuperou, ficou con moitas limitacións nas súas extremidades inferiores, polo que nunca puido andar con normalidade e precisou sempre da axuda dun bastón. Este feito —que condicionou toda a súa vida posterior— provocou que a súa educación se levase a cabo case exclusivamente na súa cama, principalmente a cargo do seu pai e das súas tías.[1][2][3]
Deportista
[editar | editar a fonte]Para compensar a súa deficiencia nos membros inferiores, Adams comezou a dedicarse á natación, inicialmente por prescrición facultativa e logo por afección, ata o punto de que xa en 1902 gañou o seu primeiro campionato de cuarto de milla en Coney Island, formando parte do Bath Beach Swimming Club, e nos anos seguintes seguiu acadando premios co Human Fish Club e co New York Athletic Club.[1][4]
Edgar Adams chegou a ser un dos representantes do equipo olímpico dos Estados Unidos nos Xogos Olímpicos de Verán de 1904 en St. Louis, Missouri, onde gañou unha medalla de prata na proba de salto masculino.[1][4][5]
Competiu tamén nas probas de natación dos mesmos Xogos Olímpicos, nas que rematou en cuarta posición en 220 iardas estilo libre, en 880 iardas estilo libre e no relevo de 4×50 iardas estilo libre.[1][4]
Numismático
[editar | editar a fonte]A súa adolescencia sedentaria por mor do seu accidente favoreceu que Adams se interesase desde moi novo pola numismática,[2] á que pasou a dedicarse por completo despois de abandonar o deporte olímpico. Adams Chegou a ser un destacado coleccionista, comerciante e estudoso numismático, espcializado na moeda estadounidense.[1]
En 1905 comezou a manter unha sección dedicada ao coleccionismo de moedas e de selos na edición dominical do xornal New York Sun, e ese mesmo ano ingresou na American Numismatic Association (ANA), de Colorado Springs, o que o levou tamén a publicar colaboracións en The Numismatist, unha revista vinculada a esa entidade. En 1909, o seu propietario, Farran Zerbe, introduciuno no consello editorial da revista, e entre 1912 e 1915 pasou a ser o seu editor principal.[1][2][6]
En 1906, Adams ingresou tamén na American Numismatic Society (ANS), de Nova York, que tamén lle abriu as portas para publicar no seu American Journal of Numismatics. En xaneiro de 1908, o presidente da ANS, Archer M. Huntington, nomeou a Adams para o comité permanente da entidade sobre medallas dos Estados Unidos.[1]
Entre outras entidades asociativas e sociedades eruditas —á parte das mencionadas ANA e ANS—, Adams foi membro fundador do Club Numismático de Nova York (1908),[2][6] e tamén formou parte da Sociedade Numismática de Chicago, da Sociedade Numismática da Costa do Pacífico e da British Numismatic Society.[1][7]
Como comerciante, o 10 de febreiro de 1911 celebrou a súa única poxa de moedas, correspondente á colección de pezas raras estadounidenses emitidas en proba pertencente a William H. Woodin,[2] na sala de poxas de Daniel R. Kennedy, en Nova York. Adams encargouse tamén da redacción do catálogo desta venda. O ano seguinte comezou a anunciarse na prensa numismática como comerciante especializado nese tipo de pezas, e a partir de 1913 comezou a publicar listaxess a prezos fixos das súas existencias, ademais de facer asociacións puntuais con outros comerciantes numismáticos e da redacción de diversos catálogos de poxas por encarga.[1][2]
En 1969, a American Numismatic Association honrouno coa súa inclusión no Salón da Fama da entidade.[1][2][8]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]En 1895 Adams casou con Sarah Ellen Kelly, estadounidense de orixe familiar escocesa e irlandesa, con quen non tivo descendencia.[1]
Por mor dunha doenza, Edgar Adams ficou prostrado na cama a partir de 1935, e o 5 de maio de 1940 finou na súa casa de Bayville en Long Island, Nova York.[1][2][3]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Estes son os principais traballos monográficos publicados por Edgar Adams ao longo da súa traxectoria:
- (1909). Adams' Official Premium List of United States Private and Territorial Gold Coins. Willett Press, Nova York.
- (1913). Private Gold Coinage of California, 1849-55. Its History and Its Issues. Edgar H. Adams, Nova York.
- (1913). United States Pattern, Trial and Experimental Pieces (con W. H. Woodin). American Numismatic Society, Nova York.
- (1913). New York City and State Store Cards. New York Numismatic Club, Nova York.
- (1920). United States Store Cards. Adams & Raymond, Nova York.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 Lupia, J. N. "Adams, Edgar Holmes". Encyclopedic Dictionary of Numismatic & Philatelic Biographies (NumismaticMall.Com).
- 1 2 3 4 5 6 7 8 Smith, P. (2025).
- 1 2 Zerbe, F. (1940). Páxina 425.
- 1 2 3 "Edgar Adams". Olympedia.org
- ↑ "Edgar Adams". SR Olympic Sports (Sports-reference.com).
- 1 2 Zerbe, F. (1940). Páxina 426.
- ↑ Portada de Adams, E. H. (1909). Adams' Official Premium List of United States Private and Territorial Gold Coins. Willett Press, Nova York.
- ↑ "Past Numismatic Hall of Fame Inductees". American Numismatic Association (Money.org).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Edgar Adams |
- Smith, P. (2025). "Adams, Edgar Holmes". En American Numismatic Biographies. Páxina 3.
- Zerbe, F. (1940). "Edgard H. Adams (1868-1940)". En The Numismatist. Vol. 53. Nº 6. Xuño. Páxinas 425-426.