Saltar ao contido

Ecosistema mariño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata dos tipos de ecosistemas en auga salgada, incluíndo os organismos vivos e as súas interaccións. Para aspectos máis detallados sobre tipos específicos de ambientes en ecosistemas mariños, ver Hábitat mariño.
Os arrecifes de coral forman complexos ecosistemas mariños con enorme biodiversidade.

Os ecosistemas mariños son os ecosistemas acuáticos máis grandes da Terra e existen en augas cun alto contido en sal. Contrapóñense aos ecosistemas de auga doce, que teñen un menor contido de sal. As augas mariñas cobren máis do 70 % da superficie do planeta e conteñen máis do 97 % da auga terrestre[1][2] e o 90 % do espazo habitable da Terra.[3] A auga de mar ten unha salinidade media de 35 partes por mil de auga. A salinidade actual varía entre distintos ecosistemas mariños.[4] Os ecosistemas mariños poden dividirse en moitas zonas dependendo da profundidade da auga e cracterísticas da costa. A zona oceánica é a vasta parte do océano aberto, onde viven animais como as baleas, tiburóns e atúns. A zona bentónica consta dos substratos de fondo baixo a auga onde viven moitos invertebrados. A zona intermareal é a área entre as mareas altas e baixas. Outras zonas próximas á costa (neríticas) poden incluír chairas de lodo, pradeiras mariñas, mangleirais, sistemas intermareais rochosos, marismas salinas, arecifes de coral, bosques de kelp e albufeiras. En augas profundas, poden orixinarse respiradoiros hidrotermais onde as bacterias do xofre quimiosintéticas constitúen a base da rede trófica.

Os ecosistemas mariños caracterízanse pola comunidade de organimos biolóxicos cos que están asociados e o seu ambiente físico. Algunhas das clases de organismos que se encontran nos ecosistemas mariños son: algas pardas, dinoflaxelados, corais, cefalópodos, equinodermos ou tiburóns e outros peixes.

Os ecosistemas mariños son fontes importantes de servizos do ecosistema e de alimentos e traballos para porcións significativas da poboación mundial. Os usos humanos dos ecosistemas mariños e a contaminación en ecosistemas mariños son feitos significativos para a estbilidade destes ecosistemas. Entre os problemas ambientais que afectan os ecosistemas mariños están a explotación insustentable dos recursos mariños (por exemplo, a sobrepesca de certas especies), a contaminación mariña, o cambio climático e a edificación en áreas costeiras. Ademais, gran parte do dióxido de carbono que causa o quecemento global e a calor capturada polo quecemento global é absorbida polo océano, fai que a química oceánica estea cambiando por procesos como a acidificación do océano que á súa vez ameaza os ecosistemas mariños.

Debido ás oportunidades que brindan os ecosistemas mariños aos humanos e as ameazas creadas polos humanos, a comunidade internacional priorizou a "Vida baixo a auga" como o Obxectivo para o Desenvolvemento Susentable 14.[5] O obxectivo é "conservar e usar sustentablemente os océanos, mares e recursos mariños para o desenvolvemento sustentable".[6]

Tipos ou localizacións

[editar | editar a fonte]

Ecosistemas costeiros mariños

[editar | editar a fonte]
Distribución global da diversidade do coral, mangleirais e pradeiras mariñas
Artigo principal: Ecosistema mariño costeiro.

Arrecifes de coral

[editar | editar a fonte]
Arrecife de coral.
Artigo principal: Arrecife de coral.

Os arrecifes de coral son un dos ecosistemas mariños mellor coñecidos, e o máis grande é o da Gran Barreira de Coral australiana. Estes arrecifes están compostos por grandes colonias de corais de diversas especies que viven xuntos. Os corais forman múltiples relacións simbióticas cos organismos que os rodean.[7]

Mangleirais

[editar | editar a fonte]
Mangleiral.
Artigo principal: Mangleiral.

Os mangleiros son árbores ou arbustos que crecen en solos con baixo nivel de oxíxeno preto das costas en latitudes tropicais ou subtropicais.[8] Son un ecosistema extremadamente produtivo e complexo que conecta a terra co mar. Os mangleiros son un grupo de especies que non están necesariamente relacionadas entre si e a miúdo agrúpanse polas características que comparten e non pola súa semellanza xenética.[9] Debido á súa proximidade á costa, todos desenvolveron adaptacións como a excreción de sal e aireación das raíces en auga salgada e con pouco oxíxeno.[9] Os mangleiros poden xeralmene recoñecerse polo seu denso enguedello de raíces que actúan protexendo a costa ao reduciren a erosión das tormentas, correntes, ondas e mareas.[8] O ecosistema do mangleiral é tamén unha importante fonte de alimento para moitas especies así como excelentes no secuestro de dióxido de carbono da atmosfera cun almacenamento de carbono global estimado en 34 millóns de toneladas métricas por ano.[9]

Pradeiras mariñas

[editar | editar a fonte]
Pradeiras acuáticas de plantas mariñas

As plantas mariñas forman densas pradeiras mariñas baixo a auga que están entre os ecosistemas máis produtivos no mundo. Proporcionan uns hábitats e alimento para unha diversidade de vida mariña comparable coa dos arrecifes de coral. Isto inclúe invertebrados como gambas e cangrexos, bacallau e peixes planos, mamíferos mariños e aves. Proporcionan refuxio a especies en perigo, como os cabalos de mar, tartarugas e dugongos. Funcionan como hábitats de criadeiro para camaróns, vieiras e moitas especies de peixes comerciais. As pradeiras de plantas mariñas proporcionan protección contra as tormentas costeiras porque as súas follas absorben enerxía das ondas que baten na costa. Manteñen as augas costeiras en bo estado de saúde ao absorberen bacterias e nutrientes e ralentizan o cambio climático ao secuestraren o dióxido de carbono no sedimento do leito do océano.

As plantas mariñas evolucionaron, como todas as plantas, de algas mariñas que colonizaron a terra e convertéronse en plantas terrestres, pero despois tornaron á vida no océano hai uns 100 millóns de anos. Porén, as pradeiras das plantas mariñas actuais están sendo prexudicadas polas actividades humanas como a contaminación por escorredura superficial procedente da terra, barcos de pesca que arrastran redes arrancando as plantas, e a sobrepesca que desequilibra o ecosistema. As pradeiras de plantas mariñas están sendo destruídas actualmente a unha velocidade duns dous campos de fútbol por hora.[Cómpre referencia].

Bosques de kelp

[editar | editar a fonte]
Bosque de kelp.
Artigo principal: Bosque de algas.

Os bosques de kelp crecen en todo o mundo en zonas costeiras de océanos temperados e polares.[10] En 2007, os bosques de kelp tamén se descubriron en augas tropicais de Ecuador.[11]

Os bosques de kelp, que están formados por macroalgas pardas, proporcionan un hábitat único para os organismos mariños[12] e serven para comprender moitos procesos ecolóxicos. No último século, fixéronse moitas investigacións sobre eles, especialmente en ecoloxía trófica e continúan xerando importantes ideas que son relevantes máis alá deste eosistema único. Por exemplo, os bosques de kelp poden influír nos padróns oceanográficos costeiros[13] e proporcionan moitos servizos do ecosistema.[14]

Porén, a influencia dos humanos contribuíu a miúdo á degradación dos bosques de kelp. Especilmente preocupantes son os efectos da sobrepesca en ecosistemas preto da costa, que pode liberar os herbívoros, como os ourizos de mar, da súa regulación poboacional normal e resulta nun sobreconsumo do kelp e outras algas.[15] Isto pode orixinar rapidamente transicións a paisaxes ermos nos que persisten poucas especies.[16][17] Pola combinación dos efectos da sobrepesca e o cambio climático, os bosques de kelp desapareceron en moitos lugares especialmente vulnerables, como a costa leste de Tasmania e a costa do Norte de California.[18][19] A creación de áreas mariñas protexidas é unha estratexia de xestión útil para enfrontarse a estes problemas, xa que pode limitar os efectos da pesca e tamponar o ecosistema dos efectos aditivos dutros estresantes ambientais.

Estuarios

[editar | editar a fonte]
Estuarios
Artigo principal: Estuario.

Os estuarios fórmanse nas desembocaduras de ríos onde hai un cambio significativo de salinidade entre a auga salgada e a doce e están afectados pola marea. A vida silvestre que se encontra nos estuarios é moi característica porque a auga destas zonas é salobre, unha mestura de auga oceánica salgada e doce fluvial.[20] Existen tamén outros tipos de estuarios que teñen similares características ás dos tradicionais estuarios salobres. Os que se forman en lagos son un bo exemplo. Neles, a auga do río mestúrase coa auga do lago e crea estuarios de auga doce.[20] Os estuarios son ecosistemas extremadamente produtivos dos que dependen moitas persoas e animais para as súas actividades.[21] Das 32 máis grandes cidades do mundo, 22 están localizadas en estuarios, xa que proporcionan moitos beneficios ambientais e económicos como hábitat fundamental para moitas especies, e son centros económicos para moitas comunidades costeiras.[21] Os estuarios tamén proporcionan servizos do ecosistema esenciais, como filtración da auga, protección do hábitat, control da erosión, regulación dos ciclos de nutrientes, e tamén serven para a educación, recreo e turismo.[22]

Lagoas costeiras

[editar | editar a fonte]
Lagoa costeira.
Artigo principal: Praia-barreira-lagoon.

As lagoas costeiras e albufeiras son áreas que están separadas dun mar ou corpo de auga maior por barreiras naturais como barras de area ou arrecifes de coral. Poden ser de dous tipos: costeiras e oceánicas (atol).[23] Unha lagoa costeira é a que está separada do océano por unha barreira de forma total ou permanente ou con algunha comunicación co océano. Un atol é un arrecife de coral circular ou varias illas de coral que rodean unha lagoa e adoitan ser moito mái profundas que as lagoas costeiras.[24] A maioría das lagoas costeiras son moi pouco profundas, o que significa que están moi afectadas polos cambio nas precipitacións, evaporación e ventos. Isto implica que a súa salinidade e temperatura varían amplamente nelas e que as súas augas poden variar de doces a hipersalinas.[24] Poden encontrarse na costas de todo o mundo, excepto na Antártida, e son un hábitat extremadamente diverso que alberga unha ampla variedade de especies como aves, peixes, cangrexos, plancto entre outros.[24] Son tamén importantes para a economía e proporcionan moitos servizos do ecosistema, como caladoiros de pesca, ciclo dos nutrientes, proteccións contra as cheas, filtración da auga e incluso tradicións humanas.[24]

Marismas salinas

[editar | editar a fonte]
Marismas salinas
Artigo principal: Marisma salina.

As marismas salinas son unha transición entre o océano e a terra, onde se mesturan a auga doce e salgada.[25] O solo destas marismas adoita ser de lama e unha capa de materia orgánica chamada turba. A turba caracterízase como material vexetal en descomposición cheo de raíces e asolagado que a miúdo fai que haxa baixos niveis de oxíxeno (hipoxia). Estas condicións hipóxicas causan o crecemento de bacterias que lle dan ás marismas un cheiro sulfuroso.[26] As marismas salgadas existen por todo o mundo e son necesarias para a boa saúde dos ecosistemas e da economía. Son ecosistemas extremadamente produtivos e proporcionan servizos esenciais para máis do 75 % das especies que se pescan e protexen a liña de costa da erosión e asolagamentos.[26] Poden xeralmente dividirse en tes partes: marisma alta, marisma baixa e límite coa terra alta. A marisma baixa é a máis próxima ao océano e queda asolagada con cada marea alta, pero non na marea baixa.[25] A marisma alta está localizada entre a marisma baixa e o límite coas terras altas e adoita asolagarse cando se producen mareas máis altas do normal.[25] O bordo coa terra alta, é dicir, terra dentro, a zona máis afastada do mar, é o límite da auga doce coa marisma e normalmente está situada a alturas lixieramente maiores que a marisma alta. Esta rexión normalmente só se inunda cando se dan condicións climatolóxicas extremas e está en condicións moito menos asolagadas e con menos estrés salino que outras áreas da marisma.[25]

Zonas intermareais

[editar | editar a fonte]
Zonas intermareais.

As zonas intemareais son as áreas que son visibles e quedan expostas ao aire durante a marea baixa e están cubertas pola auga salgada durante a marea alta.[27] Hai catro divisións físicas da zona intermareal con distintas características e seres vivos, que son: zona de salpicadura, zona intermareal alta, zona inermareal media e zona intermareal baixa. A zona de salpicadura é unha área húmida á que normalmente só chega o océano e queda mergullada cando hai mareas moi altas ou tormentas. A zona intermareal alta está mergullada coa marea alta diaria, mais permanece seca por longos períodos entre mareas.[27] Debido á gran variación das condicións posibles nesta rexión, está habitada por seres vivos resistentes que poden soportar estes cambios, como percebes, caramuxos, mexillóns e cangrexos emitáns.[27] O fluxo das mareas na zona intermareal media prodúcese dúas veces ao día e esta zona ten unha ampla variedade de vida.[27] A zona intermareal baixa está mergullada case todo o tempo excepto durante mareas especialmente baixas e a vida é máis abondosa aquí debido á protección que lles dá a auga case permanente.[27]

Superficie do océano

[editar | editar a fonte]
O aerosol mariño que contén microorganismos mariños pode ser lanzado alto na atmosfera, onde pasa a formar parte do aeroplancto e pode viaxar polo globo antes de volver caer a terra.

Os organismos que viven libres na superficie, denominados neuston, comprenden organismos clave como as algas Sargassum que flotan no mar dos Argazos, percebes flotantes, caracois mariños, nudibranquios e cnidarios. Moitas especies de peixes de importancia ecolóxica e económica viven ou dependen do neuston. As especies na superficie non están distribuídas uniformemente; a superficie do océano alberga comunidades neustónicas únicas e ecorrexións que se encontran só a certas latitudes e só en cuncas oceánicas específicas. Pero a superficie está tamén na liña de fronte do cambio climático e a polución. A vida na superficie do océano conecta mundos. Desde as augas pouco profundas ao mar profundo, e da alta mar a ríos e lago, numerosas especies terrestres e mariñas dependen do ecosistema da superficie e dos organismos que se atopan alí.[28]

A superficie do océano actúa como unha pel entre a atmosfera que está arriba e a auga de abaixo, e alberga un ecosistema único deste tipo de ambiente. Ese hábitat a pleno sol pode definirse como unha capa de aproximadamente un metro de profundidade, xa que case a metade dos raios UV-B son atenuados neste primeiro metro.[29] Os organismos que viven aquí deben lidar coa acción das ondas do mar e coas súas propiedades químicas[30][31][32] e físicas características.[33] A superficie utilízana unha ampla variedade de especies, desde diversos peixes e cetáceos, a especies que viven sobre os detritos mariños (denominados balseiros).[34][35][36] O máis saleintable é que a superficie é o fogar dunha comunidade de organismos de vida libre, denominados neuston (do grego, υεω, neo, que significa nadar ou flotar; e ben os organismos flotantes tamén ás veces se denominan pleuston, aínda que neuston é o termo máis común). Malia a diversidade e importancia da superfice do océano para conectar hábitats desiguais, e os riscos que supón, non se sabe demasiado sobre a vida neustónica.[28]

Unha corrente de microorganismos levados polo aire circula polo planeta por riba das perturbacións climatolóxicas pero por debaixo das rutas aéreas da aviación comercial.[37] Algúns microorganismos peripatéticos son absorbidos polas tormentas de po terestres e ascenden á atmosfera, pero a maioría orixínase de microorganismos mariños do spray ou aerosol mariño. En 2018, informouse que centos de millóns de virus e decenas de millóns de bacterias se depositaban diariamente e cada metro cadrado do planeta.[38][39]

Mar profundo e fondo do mar

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Comunidade do fondo do mar.

O mar profundo contén ata un 95 % do espazo ocupado por organismos vivos.[40] Combinado co fondo do mar (ou zona bentónica), estas dúas áreas aínda non foron compleamente exploradas e non teñen os seus organismos ben documentados.[40][41]

Grandes ecosistemas mariños

[editar | editar a fonte]
Características xerais dun grande ecosistema mariño (golfo de Alasca).
Mapa global dos grandes ecosistemas mariños. Os oceanógrafos e biólogos identificaron 66 grandes ecosistema mariños en todo o mundo.

En 1984 a Administración Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA) dos Estados Unidos desenvolveu o concepto de grandes ecosistemas mariños (LMEs polas súas siglas en inglés) para identificar as áreas dos océanos para a súa protección ambiental e para permitir unha xestión baseada no ecosistema colaborativa en áreas transnacionais, dun modo consistente coa Convención da Lei do Mar da ONU de 1982. Este nome refírese a rexións relativamente grandes da orde de 200.000 km2 ou maiores, caracterizadas pola súa distintiva batimetría, hidrografía, produtividade e poboacións troficamente dependentes. Como os grandes ecosistemas oceánicos comprenden áreas costeiras desde cuncas de ríos e estuarios aos límites en dirección ao mar de plataformas continentais e as marxes exteriores dos principais sistemas de correntes oceánicas.[42]

En total, hai 66 grandes ecosistemas mariños, que contribúen cuns 3 billóns de dólares (1012) anualmente. Isto inclúe o 90 % da biomasa da pesca mariña anual global.[43] A conservación baseada en grandes ecosisemas mariños depende do recoñecemento de que as augas oceánicas costeiras do mundo son degradadas por prácticas pesqueiras insustentables, degradación do hábitat, eutrofización, contaminación tóxica, cotaminación por aerosois e doenzas emerxentas, e que as accións positivas para mitigar estas ameazas requiren accións coordinadas polos gobernos e a sociedade civil para recuperar as poboacións de peixes diminuídas, restaurar os hábitats degradados e reducir a contaminación costeira. Están considerándose cinco módulos para avaliar os grandes ecosistemas mariños: produtividade, peixes e caladoiros, contaminación e saúde do ecosistema, socioeconomía e goberno.[44] Recoméndase avaliar periodicamente o estado de cada módulo dentro dun gran ecosistema mariño para asegurar que se mantén a saúde do ecosistema e o beneficio futuro para a xestión dos gobernos.[45] The Global Environment Facility (GEF) axuda na xestión dos grandes ecosistemas mariños nas costas de África e Asia ao crear acordos de xestión de recursos entre os ministerios do ambiente, pesca, enerxía e turismo dos países lindantes. Isto significa que os países participantes compartan o coñecemento e recursos que pertencen aos grandes ecosistemas mariños locais para promover a lonxevidade e recuperación de caladoiros e outras industrias dependentes dos grandes ecosistemas mariños.[46]

Papel na prestación de servizos do ecosistema

[editar | editar a fonte]
Servizos do ecosistema prestados por arrecifes de bivalvos epibentónicos. Os arrecifes proporcionan a protección costeira por control da erosión e a estabilización da liña de costa, e modificar a paisaxe física pola enxeñaría do ecosistema, proporcionando así hábitat para especies por interaccións facilitativas con outros hábitats como os das comunidades bentónicas de chairas mareais, plantas mariñas e marismas.[47]
Véxase tamén: Servizos do ecosistema.

Ademais de proporcionaren moitos beneficios ao mundo naural, os ecosistemas mariños tamén proporcionan servizos do ecosistema sociais, económicos e biolóxicos aos humanos. Os sisemas mariños peláxicos regulan o clima global, contribúen ao ciclo da auga, manteñen a biodiversidade, proporcionan recursos alimenticios e de enerxía, e cren oportunidades para a recreación e turismo.[48] Economicamente, os sistemas mariños supoñen miles de millóns de dólares pola pesca, acuicultura, pozos de petróleo e gas no mar, e comercio e transporte marítimo.

O servizo dos ecosistemas é de moitas clases, incluíndo servizos de soporte, provisión, regulación e culturais.[49]

A produtividade do ecosistema mariño pode medirse de varios xeitos. As medidas que pertencen á biodiversidade do zooplancto e a composición de especies, a biomasa de zooplancto, estrutura da columna de auga, radiación fotosinteticamente activa, a transparencia, clorofila a, nitrato e produción primaria utilízanse para avaliar os cambios na produtividade dos grandes ecosistemas mariños e o rendemento potencial dos caladoiros.[50] Os sensores ancorados no fondo de barcos ou despregados en flotadores poden medir estas métricas e ser usadas para describir cuantitativamente cambios en produtividade xunto con cambios físicos na columna de auga, como a temperatura e a salinidade.[51][52][53] Estes datos poden usarse en conxunción con medidas por satélite da clorofila e as temperaturas da superficie do mar para validar as medidas e observar as tendencias en escalas espaciais e temporais máis grandes.

Utilízanse estudos da pesca de arrastre de fondo e de especies peláxicas para avaliar cambios en biodiversidade de peixes e abundancia de grandes ecosistemas mariños. As poboacións de peixes poden estudarse para a idenificación de stocks, lonxitude, contido estomacal, relacións idade-crecemento, fecundidade, contaminación costeira e condicións patolóxicas asociadas, así como as relacións tróficas multiespecies. Os aparellos de arrastre de fondo poden tamén recoller sedimentos que informan sobre as condicións do fondo oceánico, como a anoxia.[54]

Impulsores do cambio en cosistemas mariños.[55]

As actividades humanas afectan á vida mariña e aos hábitats mariños pola sobrepesca, perda de hábitat, introdución de especies invasoras, contamiñación mariña, acidificación do océano e quecemento oceánico. Estes impactos sobre os ecosistemas mariños e as redes tróficas poden ter como resultado consecuencias aínda non coñecidas para a biodiversidade e a continuación das formas de vida mariñas.[56]

O océano pode describirse como o ecosistema máis grande do mundo e fogar de infinidade de especies, que se ve afectado polas diferentes actividades levadas a cabo polo ser humano ou causadas indirectamente por el. Nos últimos 50 anos, máis do 90 % do quecemento global resultante de actividades humanas foi absorbido polo océano. Isto produce o aumento das temperaturas oceánicas e a acidificación oceánica, que son daniñas para moitos peixes e prexudican hábitats como os arrecifes de coral.[57] A produción polo coral de materiais como rochas carbonatadas e sedimentos calcarios crea un ecosistema único e moi valioso que non só xera alimentos e refuxios para as criaturas mariñas, senón que tamén ten moitos beneficios para os humanos. A acidificación oceánica causada polo aumento dos niveis de dióxido de carbono orixina o branqueamento dos corais, con menores taxas de calcificación e de creemento do coral.[58] Ademais, outro problema causado polos humanos que afecta a vida mariña é a contaminación por plástico mariña.[59] Segundo o IPCC (2019), desde 1950 "moitas especies mariñas de varios grupos experimentaron cambios na súa distribución xeográfica e acividades estacionais en resposta ao quecemento oceánico, cambios no xeo oceánico e cambios bioxeoquímicos, como a perda de oxíxeno, nos seus hábitats."[60] Estimouse que só o 13 % da área oceánica permanece en estado silvestre, principalmente en áreas de alta mar e menos ao longo da costa.[61]

Explotación humana e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

Os ecosistemas mariños costeiros experimentan presións polo aumento da poboación humana, xa que case o 40 % das persoas viven a unha distancia de 100 km ou menos da costa.[62] Esta concentración da poboación nas costas débese a que o ser humano se aproveita dos servizos do ecosistema. Por exemplo, os caladoiros de pesca nos hábitats de mangleiral e de arrecife de coral supoñen uns ingresos de 34 mil millóns de dólares ao ano.[62] Porén, moitos destes hábitats están protexidos só marxinalmente ou non protexidos. A área de mangleirais diminuíu no mundo en máis dun terzo desde 1950,[63] e o 60 % dos arrecifes de coral do mundo están agora ameazados de forma inmediata ou directa.[64][65] O desenvolvemento humano, a acuicultura e a industrialización levan con frecuencia á destrución, substitución ou degradación dos hábitats costeiros.[62]

En alta mar, os sistemas peláxicos mariños están directamente ameazados pola sobrepesca.[66][67] A descarga de capturas de peixe nos caladoiros globais chegou a un máximo na década de 1980 e agora está diminuíndo, malia o aumento do esforzo pesqueiro.[48] A biomasa de peixes e o nivel trófico medio dos caladoiros están diminuíndo, o que leva a un declive na biodiversidade mariña. En concreto, as extincións locais levaron a declives en especies grandes, de longa vida e de lento crecemento, e nas que teñen unha distribución máis restrinxida.[48] A diminución da biodiversidade pode levar asociada unha diminución dos servizos do ecosistema. Un estudo a longo prazo informou dun declive do 74–92 % das capturas de tiburóns por unidade de esforzo na liña costeira australiana desde a década de 1960 á de 2010.[68] Tal perda de biodiversidade afecta non só as propias especies, senón os humanos tamén, e pode contribuír ao cambio climático en todo o mundo. A Administración Nacional Atmosférica e Oceánica (NOAA) dos Estados Unidos afirma que é fundamental a xestión e protección dos ecosisemas mariños para intentarmos conservar a biodiversidade no escenario dun rápido cambio climático na Terra.[69]

Polución

[editar | editar a fonte]

A contaminación mariña ocorre cando substancias usadas ou espalladas polo seu humano, como os residuos industriais, agrícolas e urbanos, as partículas; o ruído ou luz, o exceso de dióxido de carbono ou os organismos invasores entran no océano e causan efectos daniños. A maioría destes residuos (80 %) procede de actividades baseadas en terra, aínda que o transporte marítimo contribúe significativamene tamén.[70] É unha combinación de compostos químicos e lixo, a maioría dos cales procede de fontes terrestres e é arrastrada pola auga ou o vento ao océano. Esta polución causa danos ao ambiente, á saúde dos organismos e a estruturas económicas en todo o mundo.[71] Como a maioría das entradas de contaminantes proceden de terra a través de ríos, augas residuais ou da atmosfera, iso significa que a plataforma continental é a parte máis vulnerable á contaminación. A contaminación do aire é outro factor que contribúe, xa que transporta ao océano ferro, ácido carbónico, nitróxeno, silicio, xofre, pesticidas e partículas de po.[72] A contaminación a miúdo procede de fontes difusas, como a escorredura superficial agrícola, residuos levados polo vento e po. Estas fontes difusas débense en grande medida á escorredura que pasa aos ríos e entra no océano, pero os residuos levados polo vento e po son tamén importantes porque sedimentan nas vías de auga e océanos.[73] As vías que segue a polución inclúen a vertedura directa, escorrentía superficial desde terra, polución xerada polos barcos, contaminación por auga de sentina ou lastre, dragados (que poden crear plumas de dragado), contaminación atmosférica e, potencialmente, a minaría no fondo do mar.

Os diferentes tipos de contaminación mariña poden agruparse en contaminación por residuos mariños, contaminación por plástico, incluíndo microplásticos, acidificación oceánica, contaminación por nutrientes en exceso, toxinas e ruído subacuático. A contaminación por plásticos no océano é un tipo de contaminación mariña causada por obxectos de plástico que van desde o seu tamaño orixinal, como botellas e bolsas, ata os microplásticos formados pola sucesiva fragmentación dos materiais plásticos. Os residuos mariños son principalmente vertidos polos humanos como lixo que aboia na superficie ou queda suspendido no océano. A contaminación por plástico é nociva para a vida mariña.

Especies invasoras

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Especie invasora.

Poden proceder de:

  • Tráfico global de especies de acuario.
  • Transporte e vertido da auga de lastre.
  • Acuicultura.

Cambio climático

[editar | editar a fonte]

Os principais efectos do cambio climático sobre os océanos son:

Sociedade e cultura

[editar | editar a fonte]

Obxectivos globais

[editar | editar a fonte]

Integrando as medicións socioeconómicas con solucións de xestión dos ecosistemas, poden utilizarse os descubrimentos científicos para o beneficio tanto do ambiente coma da economía das rexións locais. As medidas de xestión deben ser prácticas e rendibles. En 2000, o Departamento de Recursos Económicos Naturais da Universidade de Rhode Island creou un método para medir e comprender as dimensións humanas dos grandes ecosistemas mariños e tomar en consideración os custos socioeconómicos e ambientais da xestión de ditos ecosistemas.[74][75][76]

A atención internacional dirixida ás ameazas ás costas foi recollida no Obxectivo para o Desenvolvemento Sustentable 14 "Vida baixo a auga" que establece os obxectivos das políticas internacionais enfocadas á preservación dos ecosistemas costeiros e apoiar unhas prácticas económicas máis sustentables para as comunidades costeiras.[77][5] Ademais, a Organización das Nacións Unidas declarou o período 2021-2030 como Década das Nacións Unidas para a Restauración dos Ecosistemas, pero a restauración de ecosistemas costeiros recibiu insuficiente atención.[78]

  1. ↑ "Oceanic Institute". www.oceanicinstitute.org. Arquivado dende o orixinal o 2019-01-03. Consultado o 2018-12-01.
  2. ↑ "Ocean Habitats and Information". 2017-01-05. Arquivado dende o orixinal o 1 de abril de 2017. Consultado o 2018-12-01.
  3. ↑ "Facts and figures on marine biodiversity | United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization". www.unesco.org (en inglés). Consultado o 2018-12-01.
  4. ↑ United States Environmental Protection Agency (2 de marzo de 2006). "Marine Ecosystems". Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2007. Consultado o 2006-08-25.
  5. 1 2 Ritchie, Roser, Mispy, Ortiz-Ospina. "Measuring progress towards the Sustainable Development Goals. SDG 14" SDG-Tracker.org, website (2018).
  6. ↑ United Nations (2017) Resolution adopted by the General Assembly on 6 July 2017, Work of the Statistical Commission pertaining to the 2030 Agenda for Sustainable Development (A/RES/71/313)
  7. ↑ "Corals and Coral Reefs". Ocean Portal | Smithsonian (en inglés). 2012-09-12. Consultado o 2018-03-27.
  8. 1 2 US Department of Commerce, National Oceanic and Atmospheric Administration. "What is a mangrove forest?". oceanservice.noaa.gov (en inglés). Consultado o 2019-03-21.
  9. 1 2 3 "Mangroves". Smithsonian Ocean (en inglés). 30 de abril de 2018. Consultado o 2019-03-21.
  10. ↑ Mann, K.H. 1973. Seaweeds: their productivity and strategy for growth. Science 182: 975-981.
  11. ↑ Graham, M.H., B.P. Kinlan, L.D. Druehl, L.E. Garske, and S. Banks. 2007. Deep-water kelp refugia as potential hotspots of tropical marine diversity and productivity. Proceedings of the National Academy of Sciences 104: 16576-16580.
  12. ↑ Christie, H., Jørgensen, N.M., Norderhaug, K.M., Waage-Nielsen, E., 2003. Species distribution and habitat exploitation of fauna associated with kelp (Laminaria hyperborea) along the Norwegian coast. Journal of the Marine Biological Association of the UK 83, 687-699.
  13. ↑ Jackson, G.A. and C.D. Winant. 1983. Effect of a kelp forest on coastal currents. Continental Shelf Report 2: 75-80.
  14. ↑ Steneck, R.S., M.H. Graham, B.J. Bourque, D. Corbett, J.M. Erlandson, J.A. Estes and M.J. Tegner. 2002. Kelp forest ecosystems: biodiversity, stability, resilience and future. Environmental Conservation 29: 436-459.
  15. ↑ Sala, E., C.F. Bourdouresque and M. Harmelin-Vivien. 1998. Fishing, trophic cascades, and the structure of algal assemblages: evaluation of an old but untested paradigm. Oikos 82: 425-439.
  16. ↑ Dayton, P.K. 1985a. Ecology of kelp communities. Annual Review of Ecology and Systematics 16: 215-245.
  17. ↑ Norderhaug, K.M., Christie, H., 2009. Sea urchin grazing and kelp re-vegetation in the NE Atlantic. Marine Biology Research 5, 515-528
  18. ↑ Morton, Adam; Cordell, Marni; Fanner, David; Ball, Andy; Evershed, Nick (23 de febreiro de 2020). "The dead sea: Tasmania's underwater forests disappearing in our lifetime". the Guardian (en inglés). Consultado o 2020-10-22.
  19. ↑ Steinbauer, James (21 de xuño de 2020). "What Will It Take to Bring Back the Kelp Forest? - Bay Nature Magazine". Bay Nature (en inglés). Consultado o 2020-10-22.
  20. 1 2 US Department of Commerce, National Oceanic and Atmospheric Administration. "What is an estuary?". oceanservice.noaa.gov (en inglés). Consultado o 2019-03-22.
  21. 1 2 US Department of Commerce, National Oceanic and Atmospheric Administration. "Estuaries, NOS Education Offering". oceanservice.noaa.gov (en inglés). Consultado o 2019-03-22.
  22. ↑ "Estuaries". www.crd.bc.ca (en inglés). 2013-11-14. Arquivado dende o orixinal o 2019-03-22. Consultado o 2019-03-24.
  23. ↑ US Department of Commerce, National Oceanic and Atmospheric Administration. "What is a lagoon?". oceanservice.noaa.gov (en inglés). Consultado o 2019-03-24.
  24. 1 2 3 4 Miththapala, Sriyanie (2013). "Lagoons and Estuaries" (PDF). IUCN, International Union for Conservation of Nature. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2016-11-23. Consultado o 2019-03-24.
  25. 1 2 3 4 "What is a Salt Marsh?" (PDF). New Hampshire Department of Environmental Services. 2004. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2020-10-21. Consultado o 2019-03-24.
  26. 1 2 US Department of Commerce, National Oceanic and Atmospheric Administration. "What is a salt marsh?". oceanservice.noaa.gov (en inglés). Consultado o 2019-03-20.
  27. 1 2 3 4 5 US Department of Commerce, National Oceanic and Atmospheric Administration. "What is the intertidal zone?". oceanservice.noaa.gov (en inglés). Consultado o 2019-03-21.
  28. 1 2 Helm, Rebecca R. (28 de abril de 2021). "The mysterious ecosystem at the ocean's surface". PLOS Biology (Public Library of Science (PLoS)) 19 (4). ISSN 1545-7885. PMC 8081451. PMID 33909611. doi:10.1371/journal.pbio.3001046. O material copiouse desta fonte, que está dispoñible con Creative Commons Attribution 4.0 International License.
  29. ↑ Fleischmann, Esther M. (1989). "The measurement and penetration of ultraviolet radiation into tropical marine water". Limnology and Oceanography 34 (8): 1623–1629. Bibcode:1989LimOc..34.1623F. doi:10.4319/lo.1989.34.8.1623.
  30. ↑ Hardy, J.T. (1982). "The sea surface microlayer: Biology, chemistry and anthropogenic enrichment". Progress in Oceanography 11 (4): 307–328. Bibcode:1982PrOce..11..307H. doi:10.1016/0079-6611(82)90001-5.
  31. ↑ Wurl, Oliver; Holmes, Michael (2008). "The gelatinous nature of the sea-surface microlayer". Marine Chemistry 110 (1–2): 89–97. Bibcode:2008MarCh.110...89W. doi:10.1016/j.marchem.2008.02.009.
  32. ↑ Cunliffe, Michael; Murrell, J Colin (2009). "The sea-surface microlayer is a gelatinous biofilm". The ISME Journal 3 (9): 1001–1003. Bibcode:2009ISMEJ...3.1001C. PMID 19554040. doi:10.1038/ismej.2009.69.
  33. ↑ Wurl, Oliver; Ekau, Werner; Landing, William M.; Zappa, Christopher J. (2017). "Sea surface microlayer in a changing ocean – A perspective". Elementa: Science of the Anthropocene 5. Bibcode:2017EleSA...5...31W. doi:10.1525/elementa.228.
  34. ↑ Thiel, M.; Gutow, L. (2005). "I. The floating substrata". En Gibson, Robin. Oceanography and marine biology: an annual review. Boca Raton, Fla: CRC Press. ISBN 978-0-203-50781-0.
  35. ↑ Thiel, M.; Gutow, L. (2005). "II. The rafting organisms and community". En Gibson, Robin. Oceanography and marine biology: an annual review. Boca Raton, Fla: CRC Press. ISBN 978-0-203-50781-0.
  36. ↑ Thiel, M.; Gutow, L. (2005). "III. Biogeographical and evolutionary consequences". En Gibson, Robin. Oceanography and marine biology: an annual review. Boca Raton, Fla: CRC Press. ISBN 978-0-203-50781-0.
  37. ↑ Living Bacteria Are Riding Earth's Air Currents Smithsonian Magazine, 11 de aneiro de 2016.
  38. ↑ Robbins, Jim (13 de abril de 2018). "Trillions Upon Trillions of Viruses Fall From the Sky Each Day". The New York Times. Consultado o 14 de abril de 2018.
  39. ↑ Reche, Isabel; D'Orta, Gaetano; Mladenov, Natalie; Winget, Danielle M; Suttle, Curtis A (29 de xaneiro de 2018). "Deposition rates of viruses and bacteria above the atmospheric boundary layer". ISME Journal 12 (4): 1154–1162. Bibcode:2018ISMEJ..12.1154R. PMC 5864199. PMID 29379178. doi:10.1038/s41396-017-0042-4.
  40. 1 2 "The Deep Sea". Ocean Portal | Smithsonian (en inglés). 2012-07-24. Consultado o 2018-03-27.
  41. ↑ "The Benthic Zone". Ecosystems. Consultado o 2018-03-27.
  42. ↑ "Large Marine Ecosystems (LME)". NOAA. 1 de xaneiro de 2005. Consultado o 31 de xullo de 2023.
  43. ↑ "Large Marine Ecosystems Hub - A Regional Perspective on the World's Ocean". Arquivado dende o orixinal o 31 de xullo de 2023. Consultado o 31 de xullo de 2023.
  44. ↑ Olsen SB, Sutinen JG, Juda L, Hennessey TM, Grigalunas TA. 2006. A Handbook on Governance and Socioeconomics of Large Marine Ecosystems. Kingston, RI: Coastal Resources Center, University of Rhode Island. 94 p.
  45. ↑ Wang H. 2004. An evaluation of the modular approach to the assessment and management of large marine ecosystems. Ocean Development and International Law 35:267-286.
  46. ↑ Juda L, Hennessey T. 2001. Governance profiles and the management of the uses of large marine ecosystems. Ocean Development and International Law 32:41-67.
  47. ↑ Ysebaert T., Walles B., Haner J., Hancock B. (2019) "Habitat Modification and Coastal Protection by Ecosystem-Engineering Reef-Building Bivalves". In: Smaal A., Ferreira J., Grant J., Petersen J., Strand Ø. (eds.) Goods and Services of Marine Bivalves. Springer. doi 10.1007/978-3-319-96776-9_13.
  48. 1 2 3 "Millennium Ecosystem Assessment, Marine Systems" (PDF).
  49. ↑ "Ecosystem Services | Mapping Ocean Wealth". oceanwealth.org (en inglés). Consultado o 2018-03-27.
  50. ↑ Pauly D, Christensen V. 1995. Primary production required to sustain global fisheries. Nature 374:255-257.
  51. ↑ Aiken J, Pollard R, Williams R, Griffiths G, Bellan I. 1999. Measurements of the upper ocean structure using towed profiling systems. In: Sherman K, Tang Q, editors. Large marine ecosystems of the Pacific Rim: Assessment, sustainability, and management. Malden, MA: Blackwell Science, Inc. p 346-362.
  52. ↑ Berman MS, Sherman K. 2001. A towed body sampler for monitoring marine ecosystems. Sea Technology 42(9):48-52.
  53. ↑ SAHFOS. 2008. Annual Report 2007. Plymouth, UK: The Sir Alister Hardy Foundation for Ocean Science.
  54. ↑ Sea Around Us Project at www.seaaroundus.org/
  55. ↑ Österblom, Henrik; Crona, Beatrice I.; Folke, Carl; Nyström, Magnus; Troell, Max (2017). "Marine Ecosystem Science on an Intertwined Planet". Ecosystems 20 (1): 54–61. Bibcode:2017Ecosy..20...54O. doi:10.1007/s10021-016-9998-6.
  56. ↑ Human impacts on marine ecosystems Arquivado 22 de outubro de 2019 en Wayback Machine.. GEOMAR Helmholtz Centre for Ocean Research. Consultado o 22 de outubro de 2019.
  57. ↑ "5 ways that climate change affects the ocean". www.conservation.org. Consultado o 2022-12-09.
  58. ↑ Kawahata, Hodaka; Fujita, Kazuhiko; Iguchi, Akira; Inoue, Mayuri; Iwasaki, Shinya; Kuroyanagi, Azumi; Maeda, Ayumi; Manaka, Takuya; Moriya, Kazuyoshi; Takagi, Haruka; Toyofuku, Takashi; Yoshimura, Toshihiro; Suzuki, Atsushi (2019-01-17). "Perspective on the response of marine calcifiers to global warming and ocean acidification—Behavior of corals and foraminifera in a high CO2 world "hot house"". Progress in Earth and Planetary Science 6 (1): 5. ISSN 2197-4284. doi:10.1186/s40645-018-0239-9.
  59. ↑ Villarrubia-Gómez, Patricia; Cornell, Sarah E.; Fabres, Joan (2018-10-01). "Marine plastic pollution as a planetary boundary threat – The drifting piece in the sustainability puzzle". Marine Policy (en inglés) 96: 213–220. Bibcode:2018MarPo..96..213V. ISSN 0308-597X. doi:10.1016/j.marpol.2017.11.035.
  60. ↑ Special Report on the Ocean and Cryosphere in a Changing Climate (SROCC). IPCC (Informe). 25 de setembro de 2019. p. 2. Consultado o 25 de marzo de 2020.
  61. ↑ Jones, Kendall R.; Klein, Carissa J.; Halpern, Benjamin S.; Venter, Oscar; Grantham, Hedley; Kuempel, Caitlin D.; Shumway, Nicole; Friedlander, Alan M.; Possingham, Hugh P.; Watson, James E.M. (2018). "The Location and Protection Status of Earth's Diminishing Marine Wilderness". Current Biology 28 (15): 2506–2512.e3. Bibcode:2018CBio...28E2506J. PMID 30057308. doi:10.1016/j.cub.2018.06.010.
  62. 1 2 3 "Millennium Ecosystem Assessment, Coastal Systems" (PDF).
  63. ↑ Alongi, Daniel M. (setembro de 2002). "Present state and future of the world's mangrove forests". Environmental Conservation (en inglés) 29 (3): 331–349. Bibcode:2002EnvCo..29..331A. ISSN 1469-4387. doi:10.1017/S0376892902000231.
  64. ↑ "Coral Reefs". Ocean Health Index (en inglés). Consultado o 2018-12-01.
  65. ↑ Burke, Lauretta Marie (2011). Reefs at Risk Revisited (en inglés). World Resources Institute. ISBN 978-1-56973-762-0. Consultado o 2018-12-01.
  66. ↑ Coll, Marta; Libralato, Simone; Tudela, Sergi; Palomera, Isabel; Pranovi, Fabio (2008-12-10). "Ecosystem Overfishing in the Ocean". PLOS ONE (en inglés) 3 (12 (número de artigo: e3881)). Bibcode:2008PLoSO...3.3881C. ISSN 1932-6203. PMC 2587707. PMID 19066624. doi:10.1371/journal.pone.0003881.
  67. ↑ Urbina, Ian (19 de xuño de 2020). "The Bane of Unsustainable Fishing". The Safina Center.
  68. ↑ Mumby, Peter J.; Mark A. Priest; Brown, Christopher J.; Roff, George (2018-12-13). "Decline of coastal apex shark populations over the past half century". Communications Biology (en inglés) 1 (1): 223. ISSN 2399-3642. PMC 6292889. PMID 30564744. doi:10.1038/s42003-018-0233-1.
  69. ↑ Information, NOAA National Centers for Environmental (2021-09-27). "In Hot Water: Ocean Heat and Our Warming World". ArcGIS StoryMaps (en inglés). Consultado o 2022-03-01.
  70. ↑ Sheppard, Charles, ed. (2019). World seas: an Environmental Evaluation. III, Ecological Issues and Environmental Impacts (Second ed.). Londres: Academic Press. ISBN 978-0-12-805204-4. OCLC 1052566532.
  71. ↑ "Marine Pollution" (en inglés). Education | National Geographic Society. Consultado o 2023-06-19.
  72. ↑ Duce, Robert; Galloway, J.; Liss, P. (2009). "The Impacts of Atmospheric Deposition to the Ocean on Marine Ecosystems and Climate". WMO Bulletin (World Meteorological Organization) 58 (1). Arquivado dende o orixinal o 18 de decembro de 2023. Consultado o 22 de setembro de 2020.
  73. ↑ "What is the biggest source of pollution in the ocean?". National Ocean Service (US). Silver Spring, MD: National Oceanic and Atmospheric Administration. Consultado o 2022-09-21.
  74. ↑ Sutinen J, ed. 2000. A framework for monitoring and assessing socioeconomics and governance of large marine ecosystems. NOAA Technical Memorandum NMFS-NE-158:32p.
  75. ↑ Sutinen, J.G., P. Clay, C.L. Dyer, S.F. Edwards, J. Gates, T. Grigalunas, T. Hennesey, L. Juda, A.W. Kitts, P. Thunberg, H.R. Upton, and J.B. Walden. 2005. A framework for monitoring and assessing socioeconomics and governance of large marine ecosystems. 27-81 In, Hennessey, T.M. and J.G. Sutinen (Editors), Sustaining Large Marine Ecosystems: The human dimension. Elsevier.368p.
  76. ↑ Duda, A.M.. 2005.Targeting development assistance to meet WSSD goals for large marine ecosystems and small island developing states. Ocean & Coastal Management 48:1014
  77. ↑ United Nations (2017) Resolution adopted by the General Assembly on 6 July 2017, Work of the Statistical Commission pertaining to the 2030 Agenda for Sustainable Development (A/RES/71/313)
  78. ↑ Waltham, Nathan J.; Elliott, Michael; Lee, Shing Yip; Lovelock, Catherine; Duarte, Carlos M.; Buelow, Christina; Simenstad, Charles; Nagelkerken, Ivan; Claassens, Louw; Wen, Colin K-C; Barletta, Mario (2020). "UN Decade on Ecosystem Restoration 2021–2030—What Chance for Success in Restoring Coastal Ecosystems?". Frontiers in Marine Science. 7 (número de artigo: 71). Bibcode:2020FrMaS...7...71W. ISSN 2296-7745. doi:10.3389/fmars.2020.00071. hdl:2440/123896.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]