E.T. the Extra-Terrestrial (videoxogo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
E.T. the Extra-Terrestrial
Desenvolvedor(es) Atari, Inc.
Distribuidora(s) Atari, Inc.
Deseñador(es) Howard Scott Warshaw
Lanzamento Flag of the United States.svg Decembro de 1982[1]
Xénero Aventuras
Modos de xogo Un xogador
Plataforma(s) Atari 2600

E.T. the Extra-Terrestrial (referido tamén simplemente como E.T.) é un videoxogo de aventuras de 1982 desenvolvido e publicado por Atari, Inc. para a consola Atari 2600. Baseado no filme homónimo, foi deseñado por Howard Scott Warshaw. O obxectivo do xogo é guiar o protagonista epónimo a través de varias pantallas de xogo recollendo tres pezas dun teléfono interplanetario que lle permita contactar co seu planeta de orixe.

Warshaw tiña a intención de que o xogo fose unha adaptación innovadora do filme, e Atari consideraba que acadaría bos números de vendas a causa da súa conexión co filme, que tiña unha gran popularidade en todo o mundo. As negociacións polos dereitos para facer o xogo remataron a finais de xullo de 1982, o que lle deixou a Warshaw só cinco meses e unha semana para desenvolver o xogo a tempo para a súa publicación prevista no Nadal dese mesmo ano.[2] O videoxogo resultante está considerado un dos peores videoxogos publicados e foi un dos maiores fracasos comerciais da historia dos videoxogos. Este fracaso comercial e os efectos que tivo na empresa Atari adoitan citarse como factores contribuíntes na crise norteamericana dos videoxogos de 1983.

Existía unha crenza popular de que como resultado da sobreprodución e devolucións de varios títulos, millóns de copias non vendidas de cartuchos de Atari foran soterradas nun vertedoiro en Alamogordo, Novo México. No ano 2013 fixéronse públicos uns plans para realizar unha escavación que determinaría a certeza dos informes deste soterramento,[3] e en abril do seguinte ano as escavacións realizadas confirmaron que o soterramento incluíra cartuchos de E.T. entre outros títulos de Atari.[4][5] James Heller, anterior director de Atari que estivera a cargo do enterro orixinal, estivo tamén presente nesta escavación e declarou que houbera uns 728 000 cartuchos de varios títulos soterrados no lugar.[6]

Mecánica de xogo[editar | editar a fonte]

Esquema da interface do xogo

E.T. é un videoxogo de aventuras no que o xogador controla o alieníxena E.T. nunha perspectiva cenital. O obxectivo do xogo é recoller tres pezas dun teléfono interplanetario. Estas pezas atópanse repartidas ó chou en varias fosas ou pozos. O xogador ten unha barra de enerxía na pantalla, que se reduce cando E.T. realiza calquera acción, incluíndo moverse, teletransportarse ou levitar tras caer nun pozo. Para previr isto E.T. pode recoller doces "Reese's Pieces" que recuperan a barra de enerxía, e que no caso de obter nove outorgan unha peza do teléfono. O xogador pode tamén gardalos para conseguir puntos de bonificación ó finalizar o xogo. Tras conseguir as tres pezas do teléfono, o xogador debe guiar a E.T. cara a unha zona onde poida usalo, o que lle permite chamar ó seu planeta de orixe. Tras realizar a chamada, E.T. precisa chegar á nave espacial dentro dun límite de tempo marcado. Cando E.T. chega ó bosque na zona designada para a chegada da nave, esta aparece en pantalla e recólleo para levalo ó seu planeta. Nese momento o xogo comeza de novo, co mesmo nivel de dificultade, cambiando a localización das pezas do teléfono. A puntuación obtida na primeira rolda acumúlase na seguinte iteración, e o xogo remata cando a barra de enerxía queda baleira.[7]

O xogo divídese en seis ambientes, cada un deles representando unha ambientación diferente baseada no filme. Para completar o obxectivo do xogo, o xogador ten que guiar a E.T. cara ós distintos pozos, onde se atopan as pezas para recoller. Tras recoller cada peza, o xogador pode facer que E.T. levite para saír do pozo.[8] Unha icona na parte superior de cada pantalla representa a zona, e cada unha destas zonas permítelle ó xogador realizar diversas accións. Entre os inimigos están os científicos que queren atrapar a E.T. para a súa observación e un axente do FBI que persegue o alieníxena para confiscarlle unha das pezas recollidas ou os seus doces.[7]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O proceso de desenvolvemento comezou en xullo de 1982, e completouse antes do final do ano. Tralo éxito comercial do filme en xuño de 1982, o CEO da compañía nai de Atari Warner Communications, Steve Ross, comezou as negociacións con Steven Spielberg e Universal Pictures para adquirir a licenza para producir un videoxogo baseado no filme. A finais de xullo, Warner anunciou a súa adquisición dos dereitos en exclusiva para a produción de máquinas arcade e videoxogos para consola baseados neste filme.[9] Malia que os detalles exactos da transacción non se fixeron públicos no anuncio, posteriormente informouse de que Atari pagara entre 20 e 25 millóns de dólares polos dereitos, unha cantidade naquel momento considerada como elevada para unha licenza de videoxogos.[10][11][12] O CEO de Atari Ray Kassar declarou nunha entrevista como resposta a que pensaba sobre a realización dun videoxogo baseado en E.T.: "Creo que é unha idea estúpida. Realmente nunca fixemos un videoxogo de acción a partir dun filme".[11] Atari planeou tamén unha máquina arcade baseada na licenza de E.T., pero finalmente foi desbotado por considerarse imposible por mor do pouco tempo dispoñible para o seu desenvolvemento antes da data límite de publicación.[13]

Unha vez finalizadas as negociacións, Kassar chamou a Howard Scott Warshaw o 27 de xullo de 1982 para asignarlle a tarefa do desenvolvemento do videoxogo.[14][15] Kassar informoulle que Spielberg pedira especificamente que fose el o encargado e que o desenvolvemento precisaba estar finalizado o día 1 de setembro para cumprir o calendario programado de produción de cara ó Nadal. Malia que Warshaw estivera máis dun ano traballando en varios títulos consecutivos (sete meses para Yars' Revenge e outros seis para Raiders of the Lost Ark), aceptou a oferta polo desafío de completar un xogo nun curto período de tempo e pola petición de Spielberg.[13][15] Warshaw considerou que era unha oportunidade para desenvolver un xogo de Atari 2600 innovador baseado nun filme do seu gusto, "sempre que chegasen a un acordo axeitado".[15][16] Kassar ofreceulle a Warshaw unha compensación de 200 000 dólares e unhas vacacións pagadas a Hawai polo traballo,[13] e indicoulle que tería que tomar un voo cara ó Aeroporto Internacional San Jose uns días despois para asistir a unha reunión con Spielberg.[15]

Warshaw empregou eses días para deseñar a estrutura do xogo, dividindo o concepto en catro ideas: mundo, obxectivo, camiño para conseguir o obxectivo e obstáculos. Considerou un cubo tridimensional para o mundo como ambientación e adaptou parte do argumento do filme, E.T. chamando a casa, como o obxectivo. Deseguido engadiu que E.T. debería reunir varias pezas dun teléfono especial para chamar á súa nave e chegar a un punto de aterraxe concreto para conseguir este obxectivo. Considerou os obstáculos como un elemento que determinaría o éxito da partida, e sufriu dificultades no momento de ter en conta as limitacións de tempo e as limitacións técnicas da consola. Inspirado polo filme, os adultos servirían como inimigos que perseguirían o alieníxena, e engadiu un tempo límite para que os xogadores acadasen o obxectivo do xogo. Os pozos deseñáronse como elemento para esconder as pezas do teléfono, así como para ampliar o mundo de xogo.[15]

Warshaw e outros executivos de Atari presentáronlle este deseño a Spielberg, quen non expresou entusiasmo pola idea.[14] No seu lugar Spielberg pediulles que creasen un xogo semellante ó Pac-Man de Namco.[15] Warshaw cría que este concepto estaba demasiado afastado do deseño de xogo común, polo que seguiu co seu propio concepto de deseño, crendo que así conseguiría capturar o sentimentalismo que vira no filme orixinal.[10][14] En restrospetiva, Warshaw declarou que a idea de Spielberg podería ter sido máis axeitada.[14][15] Pasou o tempo restante programando o xogo, mentres que Atari anticipaba un gran número de vendas baseándose na popularidade do filme e na estabilidade da industria dos videoxogos ata aquel momento do ano 1982. Por mor das limitacións de tempo, Atari decidiu non facer probas de audiencia para o produto.[17] Emanual Gerard, xefe de operacións de Warner naquel entón, suxeriu que a empresa estaba baixo unha falsa sensación de seguridade debido ós éxitos das súas publicacións previas, en particular da súa versión para consola de Pac-Man que obtivera un bo resultado comercial malia as críticas negativas recibidas.[18][19]

Lanzamento[editar | editar a fonte]

A expectación polo videoxogo de E.T. era alta en 1982, e ese ano foi un regalo de Nadal moi procurado.[15] A comezos de decembro de 1982 o New York Times publicou un artigo no que se dicía que os videoxogos baseados en filmes de éxito, especificamente E.T., se converterían "nunha fonte de ingresos cada vez maior" para a industria dos videoxogos.[20] Inicialmente as tendas pediron máis unidades do que se esperaba vender, pero Atari recibiu un número cada vez maior de cancelacións cando novos competidores entraron no mercado, un evento que a empresa non anticipara.[18][21][22] John Hubner e William Kistner de InfoWorld atribuíron as cancelacións a cambios iniciados por Atari nas súas relacións coas distribuidoras. O 1 de novembro de 1982 Atari informara as cadeas de distribución de que os seus contratos foran cancelados e que establecerían tratos exclusivos con distribuidoras seleccionadas. Segundo Hubner e Kistner este feito provocou que moitas tendas cancelasen os seus pedidos, algo que Atari non considerara axeitadamente.[23]

E.T. obtivo unha boa recepción comercial inicial. Entrou na lista dos 15 títulos máis vendidos de Billboard en decembro de 1982 e xaneiro de 1983.[24] O xogo chegou a vender 1,5 millóns de unidades, converténdose nun dos videoxogos máis vendidos da Atari 2600.[19][25] Porén, entre 2,5 e 3,5 millóns de cartuchos do xogo quedaron sen vender.[8][25][26] Segundo Hubner e Kistner, o gran número de cartuchos producidos terían resultado un exceso de inventario independentemente de que o xogo tivese éxito ou non.[23] Malia ter boas vendas durante a tempada do Nadal, os puntos de venda afirmaron que os números non se axustaban ás expectacións. Warner Communications tamén expresou a súa decepción polo número de exemplares vendidos.[12] O número de vendas por baixo das expectacións en combinación co exceso de inventario produciu un evento de oferta e demanda negativa, dando lugar a que as tendas tivesen que descontar o prezo en repetidas ocasións. Segundo Ray Kassar, ó redor de 3,5 millóns dos 4 millóns de copias producidas foron devoltas á compañía como inventario non vendido ou devolucións dos clientes.[27] A gran cantidade de exemplares non vendidos xunto co pago da licenza do filme e o gran número de devolucións fixo que E.T. fose un gran fracaso comercial para Atari.[26] No ano 2004 os cartuchos orixinais aínda podían atoparse nos mercados de segunda man e videoxogos clásicos de forma habitual, a prezos moi reducidos.[28]

Recepción da crítica[editar | editar a fonte]

Aínda que as críticas do filme E.T. foron positivas, o videoxogo recibiu críticas moi negativas, con queixas comúns enfocadas no argumento, na mecánica de xogo e nos gráficos. Nicholas Pileggi da revista New York describiuno coma un perdedor en comparación con outros xogos que Atari podería ter publicado, como Donkey Kong ou Frogger.[22] Video Games dixo do xogo que era "realmente para nenos (para os máis pequenos))".[29] Kevin Bowen de GameSpy's Classic Gaming cualificou a mecánica de xogo como "complicada e estúpida", criticando tamén a súa historia por afastarse do ton máis serio do filme.[7] Steven Kent describiu o xogo como "infame" dentro da industria, indicando que os gráficos eran "primitivos", a mecánica de xogo "aburrida" e que tiña unha "historia decepcionante".[11] En 1984 os lectores de Softline escolleron o xogo como o segundo peor programa de Atari do ano 1983, só por detrás de Congo Bongo.[30]

Malia todo o xogo recibiu tamén algunhas críticas máis positivas. Un editor do The Miami Herald describiuno como un xogo difícil de aprender a xogar, pero indicou que pagaba a pena dedicarlle o tempo.[31] Kevin Christopher de Vidiot criticou as continuas caídas do protagonista nos pozos, pero indicou que o consideraba "o único fallo nun xogo sobresaínte".[32] Pola súa banda, Arcade Express outorgoulle unha puntuación de 6 sobre 10 en decembro de 1982.[33]

A xente preocúpase de que poida ser sensible sobre o fracaso de ET, pero o feito é que non me importa falar do tema. Despois de todo, foi o xogo que se fixo en menos tempo de todos, vendeu millóns de copias, e dos miles de xogos da [Atari] 2600, cantos outros seguen a ser tema de conversa? Outra cousa que me gusta pensar é que ter feito ET (cualificado de forma consistente entre os peores xogos de tódolos tempos) e Yars' Revenge (cualificado de forma consistente como un dos mellores) imaxino que teño a distinción única de ter o maior rango de tódolos deseñadores de videoxogos da historia.
——Howard Scott Warshaw (Tradución do orixinal)[15]

A crítica foi dura coas mecánicas de xogo repetitivas do videoxogo, en particular co sistema de pozos.[11][34] O escritor Sean "Seanbaby" Reiley criticou tamén esta mecánica, afirmando que "levaba moito tempo" e que era "difícil saír deles sen caer de novo".[35] Trent Ward de Next Generation comentou que este elemento levárao a devolver o xogo á tenda inmediatamente cando o mercara na súa xuventude,[36] e os rapaces que atoparan os xogos no vertedoiro de Novo México desfixéranse dos cartuchos de E.T. xa que, nas súas palabras, "o xogo apestaba... non podías rematalo".[37][38]

En publicacións máis recentes, unha década trala súa publicación, E.T. recibiu críticas negativas xeneralizadas e adoita cualificarse como o peor videoxogo de tódolos tempos.[15] Reiley considerouno o número un nunha lista dos 20 peores xogos de tódolos tempos no número 150 de Electronic Gaming Monthly.[35] Michael Dolan, editor de FHM, escolleu tamén este xogo como o peor videoxogo de tódolos tempos.[39] Townsend colocou E.T. no máis alto da súa lista dos peores videoxogos, indicando que "ó redor dun terzo da xente á que preguntei indicou este xogo de forma case inmediata, e non é difícil ver por que".[34] GameTrailers cualificou o xogo na segunda posición da súa lista dos "Dez mellores e peores xogos de tódolos tempos".[40]

A crítica adoita atribuír a baixa calidade do xogo ó pouco tempo de desenvolvemento que tivo.[41][42] Townsend comentou que as présas no desenvolvemento tornábase moi aparente tras xogar ó xogo.[34] As contribucións de Warshaw ó xogo recibiron respostas mixtas da crítica. Classic Gaming afirmou que o xogo estaba mal deseñado, mentres que Levi Buchanan de IGN afirmou que as limitacións de tempo que tivera Warshaw librábano da culpa.[19] Warshaw nunca expresou arrepentimento polo seu traballo en E.T., afirmando que cría que creara un bo xogo dado o tempo que tivera dispoñible para producilo.[10][15]

Legado[editar | editar a fonte]

E.T. foi un dos primeiros videoxogos producidos baseados nun filme,[43] e GamePro, GameTrailers, e Bowen citárono como a primeira adaptación a videoxogo de baixa calidade dun filme.[7][40][44] Patrick O'Luanaigh de SCi Games cualificouno como a historia do desastre máis famoso entre os videoxogos inspirados en filmes dentro da industria dos videoxogos.[45] Describíndoo como un dos "xogos que cambiaron o mundo", GamePro afirmou que E.T. estableceu un estándar de videoxogos de baixa calidade baseados en filmes, comentando que outras distribuidoras adoptaron prácticas de publicidade e produción semellantes en base a licenzas de filmes.[46] A mesma publicación situou o xogo na segunda posición dos "peores videoxogos de filmes de tódolos tempos", citándoo como exemplo de como unha pobre mecánica de xogo pode xerar unha recepción negativa do público para unha licenza recoñecida.[44]

Efecto na industria[editar | editar a fonte]

E.T. the Extra-Terrestrial adoita citarse como un dos títulos máis importantes da historia da industria dos videoxogos.[47][48][49] Earl Paige da revista Billboard afirmou que o gran número de copias non vendidas de E.T. xunto a un incremento na competición do mercado levara ás tendas a pedir programas oficiais de devolucións ás distribuidoras de videoxogos.[50] O xogo está tamén considerado unha das causas da crise norteamericana dos videoxogos de 1983.[51][52][53] Cara finais de 1982 Atari comezara a perder o dominio dos videoxogos por mor da aparición de máis competidores no mercado.[12] As malas críticas e a falta dunha estratexia de publicidade que reportase beneficios converteu a este xogo nunha das moitas decisións que levaron a Atari a sufrir unha perda de 536 millóns de dólares en 1983 e deu lugar a súa venda en 1984.[26] GameSpy's Classic Gaming cualificou a E.T. como a peor equivocación de Atari, así como o maior fracaso financeiro na industria dos videoxogos.[54][55] Reiley comentou que a baixa calidade do xogo fora responsable da fin do ciclo de vida da Atari 2600.[35] Con pouca marxe de tempo trala recepción negativa da crítica do Pac-Man para a Atari 2600, a pobre recepción de E.T. supuxo un impacto negativo na reputación e beneficios de Atari.[11] Nick Montfort e Ian Bogost concordan con esta visión do efecto negativo de Pac-Man e E.T. na reputación da empresa e na reacción da industria.[56] Buchanan cita o xogo tamén como un factor da caída de Atari e da crise de 1983, indicando que o gran número de exemplares non vendido supuxeron unha carga financeira para Atari que levou a empresa á entrar en débeda.[19]

O 7 de decembro de 1982 Kassar anunciou que as previsións de beneficios de Atari para 1982 reducíranse dende un incremento dun 50% ata un 15%.[57] Inmediatamente tralo anuncio o valor das accións de Warner Communications baixou un 35%, dende os 54 $ ata os 35 $, dando como resultado unha perda de 1300 millóns de dólares de valoración de mercado para a empresa.[58] Kassar vendeu 5000 das súas accións de Warner media hora antes do anuncio,[57] o que provocou que fose investigado por uso ilícito de información privilexiada por parte da U.S. Securities and Exchange Commission.[57] Atari tentou recuperar a súa cota de mercado licenciando xogos arcade populares para as súas consolas. Porén, estes xogos non axudaron a deter o declive de Atari, que caeu máis en débeda. En 1983 a empresa reducira o seu número de empregados nun 30% e tiña unhas perdas de 356 millóns de dólares. Outras compañías como Activision, Bally Manufacturing e Mattel tiveron resultados financeiros semellantes por mor do declive da industria naquel entón.[11]

Enterro de videoxogos de Atari[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Enterro de videoxogos de Atari.
Caixas de E.T. the Extra-Terrestrial e Centipede recuperadas en Alamogordo

En setembro de 1983 o xornal Alamogordo Daily News de Alamogordo en Novo México, informou nunha serie de artigos que entre 10 e 20 camións con caixas, cartuchos e hardware de Atari procedentes do seu almacén en El Paso, Texas foran compactados e soterrados nun vertedoiro da cidade.[59] Este era o primeiro acordo de Atari co vertedoiro, escollido xa que alí estaba prohibida a recuperación de obxectos e o lixo compactábase e soterrábase cada noite. A explicación oficial fornecida por Atari para este soterramento foi que estaba a mudar os seus xogos dende a Atari 2600 cara a Atari 5200,[60] mais posteriormente un traballador anónimo da empresa declarou de forma contraditoria que ese non era o motivo.[61] A historia do soterramento dos cartuchos pasou a ser considerada unha lenda urbana, con moitos escépticos (incluído Warshaw) desbotando os informes do feito.[10][42][45]

O 28 de maio de 2013 a Comisión da Cidade de Alamogordo outorgoulle a Fuel Industries, unha empresa canadense, un permiso de acceso ó vertedoiro de seis meses para escavar o sitio do verquido.[62] O 6 de abril, varios restos de E.T. e doutros xogos de Atari foron descubertos durante as primeiras horas das operacións de escavación.[5][63] O documental titulado Atari: Game Over, publicado en 2014, recolle imaxes destas operacións e da recuperación de varios dos xogos que foran soterrados alí.[64]

Intentos de arranxo do xogo e adaptacións[editar | editar a fonte]

No ano 2006 Dennis Debro decompilou o xogo e reconstruíuse unha variación do código fonte do xogo.[65] Posteriormente en febreiro de 2013 Neocomputer.org publicou varios arranxos non oficiais para o xogo.[66] Segundo esta web, o infame "bug" de E.T. caendo nos pozos debíase a unha detección de colisións píxel-perfecta, e detallou outros problemas do xogo orixinal arranxados neste parche non oficial.[66]

En outubro de 2013 Internet Archive publicou unha versión para navegador que emprega o sistema MESS,[67] e a finais de 2014 KHAN Games publicou unha adaptación non oficial do xogo orixinal para o sistema da Nintendo Entertainment System con algúns cambios e engadidos.[68]

Notas[editar | editar a fonte]

Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario
  1. "E.T.™ NEEDS YOUR HELP!". AtariAge. Consultado o 2 de marzo de 2014. 
  2. "DP Interviews". Digitpress. Consultado o 6 de marzo de 2014. 
  3. "Alamogordo approves Atari excavation". KRQE. Consultado o 2 de xuño de 2013. 
  4. Schreier, Jason. "E.T. Found In New Mexico Landfill". Kotaku. Consultado o 4 de febreiro de 2015. 
  5. 5,0 5,1 Llorca, Juan Carlos (28 de setembro de 1983). "Diggers Find Atari's E.T. Games in Landfill". ABC News. Consultado o 26 de abril de 2014. 
  6. "Diggers Find Atari's E.T. Games In Landfill". NPR. Associated Press. 26 de abril de 2014. Consultado o 26 de abril de 2014. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Bowen, Kevin. "Game of the Week: E.T. the Extra-Terrestrial". Classic Gaming. Arquivado dende o orixinal o 9 de xaneiro de 2014. Consultado o 18 de agosto de 2014. 
  8. 8,0 8,1 "Good Game Stories - Game Review: E.T. the Extra-Terrestrial". ABC Television. Consultado o 21 de setembro de 2009. 
  9. "Atari Gets 'E.T.' Rights". The New York Times. 19 de agosto de 1982. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Keith, Phipps (2 de febreiro de 2005). "Howard Scott Warshaw". A.V. Club. Consultado o 24 de setembro de 2009. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 Kent 2001, pp. 237–239
  12. 12,0 12,1 12,2 "E.T. STARRING IN SALES OF TOYS". The New York Times. 13 de decembro de 1982. 
  13. 13,0 13,1 13,2 "Many Video Games Designers Travel Rags-to-Riches-to-Rags Journey". Los Angeles Times. 14 de xaneiro de 1986. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Bowen, Kevin. "ClassicGaming Expo 2000: Atari 2600 Keynote". GameSpy. Consultado o 28 de setembro de 2009. 
  15. 15,00 15,01 15,02 15,03 15,04 15,05 15,06 15,07 15,08 15,09 15,10 Warshaw, Howard Scott (2007). "Core Memory". GamesTM (63): 140–141. Consultado o 26 de setembro de 2009. 
  16. "The Crash". G4 Icons. Tempada 2. Episodio 14. Escena en 9:34. G4techTV. Consultado o 18 de agosto de 2014. 
  17. Cummings, Betsy (December 2003). "How I got here". Sales and Marketing Management. 
  18. 18,0 18,1 Pollack, Andrew (19 de decembro de 1982). "The Game Turns Serious at Atari". The New York Times. Sección 3, p. 1. 
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Buchanan, Levi (26 de agosto de 2008). "IGN: Top 10 Best-Selling Atari 2600 Games". IGN. Consultado o 21 de setembro de 2009. 
  20. "A Squeeze in Video Games". The New York Times. 7 de decembro de 1982. 
  21. Cohen 1984
  22. 22,0 22,1 Pileggi, Nicholas (24 de xaneiro de 1983). "The Warner Case: Curiouser and Curioser". New York (New York Media, LLC) 16 (4): 26–32. ISSN 0028-7369. 
  23. 23,0 23,1 Hubner, John; William F. Kistner Jr. (December 5, 1983). "What went wrong at Atari". InfoWorld 5 (49): 145–155. ISSN 0199-6649. 
  24. "Top 15 Video Games". Billboard 95 (1): 36. 
  25. 25,0 25,1 Glenday 2009, p. 20
  26. 26,0 26,1 26,2 "Five Million E.T. Pieces". Snopes. Consultado o 1 de xullo de 2006. 
  27. Bruck 1995, pp. 179-180
  28. Ellis 2004, p. 85
  29. Wiswell, Phil (1983). "New Games From Well-Known Names". Video Games. p. 69. Consultado o 26 de maio de 2014. 
  30. "The Best and the Rest". St.Game. 1984. p. 49. Consultado o 28 de xullo de 2014. 
  31. Vogt, Rick (5 de marzo de 1983). "E.T. Game is Extra-Tough But Worth The Effort". The Miami Herald. 
  32. Christopher, Kevin (1983). "ET Phones Home for the Holidays". Vidiot (2): 41–43. 
  33. "E.T. The Extra-Terrestrial (Atari VCS)" (PDF). Arcade Express 1 (10): 7. 19 de decembro de 1982. 
  34. 34,0 34,1 34,2 Townsend, Emru (23 de outubro de 2006). "The 10 Worst Games of All Time". PC World. Consultado o 24 de xaneiro de 2007. 
  35. 35,0 35,1 35,2 Reiley, Sean. "Seanbaby's EGM's Crapstravaganza: The 20 Worst Video Games of All Time. - #1: ET, The Extra Terrestrial (2600)". Electronic Gaming Monthly. Consultado o 25 de setembro de 2009. 
  36. "What the hell happened?". Next Generation (Imagine Media): 47. 1998. 
  37. Terdiman, Daniel (26 de abril de 2014). "Success! Atari E.T. games found in New Mexico dump". CNET. Consultado o 27 de abril de 2014. 
  38. Llorca, Juan Carlos (26 de abril de 2014). "Diggers begin quest to unearth Atari's E.T. games". The State Journal. Associated Press. Consultado o 27 de abril de 2014. 
  39. "History of Gaming: The Best and Worst Video Games of All Time". Public Broadcasting Service. Consultado o 25 de setembro de 2009. 
  40. 40,0 40,1 "GT Countdown: Top Ten Best and Worst Games of All Time". GameTrailers. 17 de novembro de 2006. Consultado o 25 de setembro de 2009. 
  41. Elektro, Dan (8 de agosto de 2003). "Secrets & Lies". GamePro. Arquivado dende o orixinal o 7 de xuño de 2011. Consultado o 29 de setembro de 2009. 
  42. 42,0 42,1 Montfort, Nick; Bogost, Ian (2009). Racing the Beam: The Atari Video Computer System. MIT Press. p. 127. ISBN 0-262-01257-X. 
  43. Glenday 2009, p. 184
  44. 44,0 44,1 Smithee, Alan (1 de xullo de 2004). "10 to 1: The Worst Movie Games Ever". GamePro. Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2010. Consultado o 28 de setembro de 2009. 
  45. 45,0 45,1 Morris 2004, p. 126
  46. "20 Games that Changed the World". GamePro. 4 de abril de 2006. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2010. Consultado o 28 de setembro de 2009. 
  47. Montfort & Bogost 2009, p. 94
  48. "The 52 Most Important Video Games of All Time". GamePro. 25 de abril de 2007. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2008. Consultado o 27 de setembro de 2009. 
  49. Parish, Jeremy. "The Most Important Games Ever Made: #13: E.T.". 1UP.com. Consultado o 1 de xullo de 2006. 
  50. Paige, Earl (8 de xaneiro de 1983). "Video Game Firms Ready Formal Return Policies". Billboard (Nielsen Business Media, Inc) 95 (1): 1, 21. ISSN 0006-2510. 
  51. Dvorak, John C (12 de agosto de 1985). "Is the PCJr Doomed To Be Landfill?". InfoWorld 7 (32): 64. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  52. Jary, Simon (19 de agosto de 2011). "HP TouchPads to be dumped in landfill?". PC Advisor. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  53. Kennedy, James (20 de agosto de 2011). "Book Review: Super Mario". Wall Street Journal. Consultado o 10 de setembro de 2011. 
  54. "ClassicGaming.com's Museum: Five Must-See 2600 Games". GameSpy. Consultado o 25 de setembro de 2009. 
  55. "ClassicGaming.com's Museum: Atari 2600 - 1977-1984". GameSpy. Consultado o 25 de setembro de 2009. 
  56. Montfort & Bogost 2009, p. 76
  57. 57,0 57,1 57,2 "This Month in Gaming History". Game Informer (GameStop) (140): 202. 2004. 
  58. Taylor, Alexander L.; Thompson, Dick; Washburn, Susanne (20 de decembro de 1982). "Pac-Man Finally Meets His Match". Time. Consultado o 30 de setembro de 2009. 
  59. McQuiddy, Marian (27 de setembro de 1983). "City to Atari: 'E.T.' trash go home". Alamogordo Daily News. 
  60. McQuiddy, Marian (25 de setembro de 1983). "Dump here utilized". Alamogordo Daily News. 
  61. McQuiddy, Marian (28 de setembro de 1983). "City cementing ban on dumping: Landfill won't house anymore 'Atari rejects'". Alamogordo Daily News. 
  62. Goldsmith, Alex (30 de maio de 2013). "Alamogordo approves Atari excavation". KRQE. Arquivado dende o orixinal o 1 de xuño de 2013. Consultado o 31 de maio de 2013. 
  63. Hilliard, Kyle (26 de abril de 2014). "E.T. Atari Cartridge Landfill Excavation Uncovers Fabled Cache". Game Informer. Consultado o 26 de abril de 2014. 
  64. Gasser, Marc (20 de novembro de 2014). "Xbox Documentary on Atari's Lost 'E.T.' Games Debuts for Free". Variety. Consultado o 20 de novembro de 2014. 
  65. Johnson, Phil (6 de maio de 2014). "Digging up E.T.’s source code". ITworld. 
  66. 66,0 66,1 "Fixing E.T. The Extra-Terrestrial for the Atari 2600". Neocomputer. Consultado o 6 de abril de 2013. 
  67. Robertson, Adi (25 de outubro de 2013). "The Internet Archive puts Atari games and obsolete software directly in your browser". The Verge. Consultado o 29 de outubro de 2013. 
  68. "E.T. the Extra-Terrestrial". khangames.com. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bruck, Connie (1995). Master of the Game: Steve Ross and the Creation of Time Warner (en inglés). Penguin Books. ISBN 0-14-024454-9. 
  • Cohen, Scott (1984). Zap! The Rise and Fall of Atari (en inglés). McGraw Hill. ISBN 0-07-011543-5. 
  • Ellis, David (2004). Official Price Guide to Classic Video Games (en inglés). Random House. ISBN 0-375-72038-3. 
  • Glenday, Craig, ed. (2009). Guinness World Records 2009 Gamer's Edition (en inglés). Guinness World Records. ISBN 978-1-904994-45-9. 
  • Kent, Steven L. (2001). The Ultimate History of Video Games (en inglés). Roseville, California: Prima. ISBN 0-7615-3643-4. 
  • Montfort, Nick; Bogost, Ian (2009). Racing the Beam: The Atari Video Computer System (en inglés). MIT Press. ISBN 978-0-262-01257-7. 
  • Morris, Dave (2004). The Art of Game Worlds (en inglés). HarperCollins. ISBN 0-06-072430-7.