Ducto biliar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ducto biliar.

O ducto biliar é un conxunto de ductos intra e extrahepáticos polos que discorre a bile producida no fígado até desembocar na segunda porción do duodeno.

Anatomía do ducto biliar[editar | editar a fonte]

A bile que excreta o fígado é colleitada por finos canalículos bilíferos que van confluíndo nas canles bilíferas e outras de maior calibre até a porta hepática. Cada porción hepática ten o seu conduto biliar (dereito e esquerdo); ambos fúndense nun conduto hepático común, que se une ó conduto cístico –procedente da vesícula biliar– para formar o conduto colédoco encargado de levar a bile até a porción descendente do duodeno.

A vesícula biliar está aloxada na foxa da cara visceral do fígado. Consta dun fondo, corpo, infundíbulo e pescozo que continúa co ducto cístico. A túnica mucosa é sumamente irregular, en forma de panal de abella, antes de continuar co ducto cístico. Na vesícula a secreción biliar almacénase ata que un estímulo adecuado causa a súa liberación pola contracción da súa parede muscular.

A bile, a partir da unión entre o ducto cístico e o ducto hepático común, segue polo ducto colédoco que discorre polo bordo libre do momento menor (ligamento hepatoduodenal). Logo colócase por detrás da porción superior do duodeno, atravesa a cabeza do páncreas para drenar finalmente na porción descendente do duodeno na papila duodenal unido ó ducto pancreático. A arteria hepática dereita emite a arteria cística destinada á irrigación da vesícula biliar. As relacións entre a arteria cística e o ducto cístico son de importancia cirúrxica na extirpación da vesícula biliar (colecistectomía).