Doordarshan comezou a emitir experimentalmente o 15 de setembro de 1959 transmitindo para a zona de Delhi a través dun pequeno transmisor. As emisións regulares principiaron en 1965 como parte de All India Radio, en 1972 o servizo espallouse por Mumbai) e Amritsar e aínda en 1975 o servizo de televisión só estaba dispoñible en sete cidades. En 1976 separáronse o servizo de radio e o de televisión.
Ata 1982 todas as emisións eran locais pero a partir dese ano comezan a se transmitir emisións para toda a India, nese ano tamén comezaron as emisións en cor co discurso da primeira ministra Indira Gāndhi no Día da Independencia (15 de agosto) e nas transmisións dos Xogos Asiáticos que se celebraban en Deli.
Doordarshan opera múltiples canles, dúas emiten para toda a India, DD National e DD News, 11 canles por satélite en linguas rexionais, varias canles rexionais en estados de lingua hindi, unha canle deportiva, unha canle internacional e dúas canles para emisións de debates parlamentarios.
DD National, primeira canle e a máis vista no país, transmite maioritariamente en hindi porén ten desconexións en diferentes linguas do país.