Saltar ao contido

Doncaster

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaDoncaster
Vista nocturna
Imaxe

Localización
Mapa
 53°31′22″N 1°07′57″O / 53.5228, -1.1325
EstadoReino Unido
PaísInglaterra
RexiónsYorkshire e Humber
Condado metropolitano (pt) TraducirSouth Yorkshire (pt) Traducir
Distrito metropolitanoDoncaster (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Capital de
Doncaster (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación109.805 (2011) Editar o valor en Wikidata (2.524,25 hab./km²)
Xeografía
Superficie43,5 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude15 m Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Prefixo telefónico01302 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Sitio webdoncaster.gov.uk Editar o valor en Wikidata

Doncaster (pronúnciase /ˈdɒŋkästər/) é unha cidade do nordeste de Inglaterra, que xunto coas cidades veciñas constitúe unha área metropolitana (metropolitan borough). Antigamente formaba parte do desaparecido condado de Yorkshire, substituído pola rexión de Yorkshire e Humber.

Toponimia

[editar | editar a fonte]

O nome actual provén de Don Caster, deturpación do saxón Don Castra, derivado do latín Castra Donum ("castro do río Don").[1]

Moitos nomes de rúas en Doncaster rematan co sufixo -gate. Este termo "porta" deriva do antigo danés gata, que significa "rúa". Na Idade Media, diversos artesáns instaláronse na mesma rúa e atopamos nomes como Baxtergate (rúa dos panadeiros en inglés medio).[2]

Economía e industria

[editar | editar a fonte]

A cidade prosperou coa cría de cabalos, o mercado de gando e a minaría de carbón. Durante anos tamén foi famosa pola produción de doces Butterscotch.[3]

Hoxe, as súas fábricas máis destacadas están relacionadas coa enxeñaría e os motores.

Comunicacións

[editar | editar a fonte]

Debido á boa localización na rede de comunicacións -a liña de ferrocarril da costa leste, a autoestrada A1(M), que vai de norte a sur e a estrada A6182 que vai cara ao oeste-, moitas empresas escolleron como lugar de almacén para a posterior distribución dos produtos. Unha empresa local especializouse na montaxe de mercadorías en vagóns de tren que despois se exportan a Europa, o Doncaster International Railport.

Aviación

[editar | editar a fonte]
Aeroporto de Doncaster Sheffield, anteriormente chamado "Robin Hood" (IATA: DSA).

En 1909, nos primeiros tempos da aviación, celebrouse alí unha competición de voo.[4] En xuño dese ano, o Daily Mail convocou un concurso para voar unha milla en círculo, imitando o que se fixera recentemente en Reims. Para iso, o hipódromo de Doncaster cedeu o seu espazo como pista de aterraxe. Chegaron pilotos de todo o mundo, entre eles o estadounidense Samuel F Cody que se naturalizara para gañar o premio, pero o seu avión estrelouse.[5][6]

En 1916 o exército creou un aeroporto, para se defender dos posíbeis ataques dos zeppelin alemáns.[7]

O aeroporto Robin Hood Airport Doncaster Sheffield foi inaugurado en abril de 2005, nomeado en homenaxe a Robin Hood pola proximidade coa foresta de Sherwood, situado a 8,9 km ao sueste do centro de Doncaster. Mudou o nome a Aeroporto de Doncaster Sheffield.

Foi construído sobre a antiga base aérea da RAF Finningley, estabelecida na década de 1930. Durante a Segunda guerra mundial foi utilizada significativamente pola Royal Air Force e mais tarde pola Royal Navy.[8][9]

A estación meteorolóxica máis próxima á cidade é a do aeroporto.

Poboación

[editar | editar a fonte]

Segundo o censo de 2001, tiña 67.977 habitantes. A súa poboación creceu até 111.782 habitantes (2015) (306.397, distrito).[10]

Idade Antiga

[editar | editar a fonte]

Fundada no século I polos romanos nun asentamento celta chamado Caure Daun, crese que é o Cair Daun que aparece na Historia Brittonum de Nennio.[11] [12]

O castro romano era un posto de control na ruta alternativa entre Lindum e Eboracum polo río Don, mentres a vía principal, a Vía Earninga, pasaba polo Humber. Doncaster era daquela un punto fronteirizo entre coritanos e brigantes, unha cidade que foi cliente do Imperio Romano nos primeiros tempos da conquista, pero que se converteu nunha das máis belixerantes.[13] [14] [15]

Esta foi a orixe da raza de cabalos chamada Crispians, que o exército romano trouxo de Crispiana, Alta Panonia, aínda que outros din que o nome deriva do césar Crispo.[16] [17]

Castelo de Conisbrough.

Idade Media

[editar | editar a fonte]

A cidade menciónase no testamento do nobre Wulfric Spot, do ano 1003.[18] Pouco despois da conquista normanda, Nigel Fossard mandou construír a muralla e o castelo de Conisbrough. No Domesday Book menciónase a aldea de Hexthorpe, cunha igrexa e dous muíños. O historiador David Hey cre que se refería a Doncaster, xa que "Hexthorpe" aínda existe nos arredores, e que a rúa chamada Frenchgate indica que Fossard estableceu relacións comerciais con Normandía.

Debuxo de Sta. María Magdalena antes da súa demolición.

En 1194, Ricardo Corazón de León concedeu unha carta de liberdades. En 1204, a cidade sufriu un grave incendio que se estendeu rapidamente, xa que a maioría dos edificios eran de madeira. No ano 1248 deuse permiso para celebrar unha feira fronte á igrexa de Sta. María Magdalena. No século XVI a igrexa foi utilizada como edificio do concello e en 1846 foi derrubada. Na actualidade, o mercado aínda ten lugar pero nun edificio chamado Corn Exchange de 1873.[19]

Durante o XIV establecéronse alí varias comunidades de monxes: en 1307 chegaron os franciscanos (Greyfriars) e os carmelitas (Whitefriars).[20] Na época medieval construíronse os hospitais de San Nicolás e o de Santiago (St James' Hospital) para a lepra, un moot hall e xustiza, unha escola, e unha ponte de pedra. En 1334 Doncaster era a cidade máis próspera de South Yorkshire, pero en 1379 a Peste Negra reduciu a poboación a 1.500 habitantes.

Igrexa de Saint George, onde Edward Miller foi organista durante cincuenta anos.

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]

En outubro de 1536, a chamada peregrinación de graza rematou en Doncaster. Esta foi unha rebelión iniciada polo xoieiro Robert Aske, que reuniu a 40.000 persoas de Yorkshire contra Henrique VIII en protesta pola decisión do monarca de disolver os mosteiros.[21]

A cidade estaba amurallada e había que pagar un imposto de aduana para entrar nela. En 1605 o rei Xacobe I concedeu o dereito de cobrar peaxes nas pontes de Monk's e St Mary's a William Levett de Doncaster, irmán dun comerciante de York, Percival Levett, e este foi o inicio de serios problemas na cidade. Os Levitt xa ocuparan o cargo de alcalde e a xente detestaba que buscasen ter un monopolio. En 1618 subiron o prezo das aduanas e en 1628 os cidadáns subleváronse. O capitán Christopher Levett, fillo de Percival, pediu reforzos para controlar as pontes, pero o Parlamento opúxose.[22]

Fachada da Mansion House.

Durante os séculos XVI e XVII a actividade comercial continuou a medrar, a pesar dos episodios de epidemias de 1562 e 1606, que pecharon temporalmente o mercado. A epidemia de gando volveu atacar en 1865.[23]

En agosto de 1645, durante a Guerra civil inglesa, as tropas de Carlos I de Inglaterra foron coa intención de atacar, pero a xente de Doncaster uniuse á súa causa. O 2 de maio de 1664, a cidade recibiu por iso o título de Free Borough, de mans de Carlos II.[24]

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]

Na cidade construíronse numerosas casas señoriais: Mansion House, Brodsworth Hall, Cantley Hall, Cusworth Hall, Hickleton Hall, Nether Hall e Wheatley Hall (demolida en 1934).

As minas de carbón foron fonte de riqueza durante a revolución industrial, pero pecharon na década de 1970.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Reserva natural Potteric Carr.

A cidade de Doncaster está situada nun outeiro do val do Don, a sotavento dos Peninos, que a protexen dos ventos e evitan que as temperaturas sexan moi baixas.

No seu contorno natural destacan as súas minas de carbón e a pradaría de 12 km² denominada Potteric Carr, explotada polos agricultores desde a antigüidade. A partir deste prado creouse unha reserva natural de 200 ha. A reserva está habitada por unhas 70 especies de aves, entre as que se atopan: o picapeixe, a tartaraña das xunqueiras, o peto pequeno e o scolopax. Alí tamén se poden atopar varios tipos de bolboretas e numerosas especies vexetais como o carex paniculata, o calamagrostis canescens, e diversas clemátide. A reserva está xestionada polo Yorkshire Wildlife Trust.[25] [26]

Hipódromo de Doncaster.

No século XVI, Doncaster foi unha parada de dilixencias, o que levou á cría de cabalos e xurdiu o interese pola equitación. A competición máis antiga celebrouse en 1766, a Gold Cup.

Hai dous clubs de rugby: Doncaster RLFC, fundado en 1951 e Doncaster Knights Rugby.

Tamén hai dous equipos de fútbol, o Doncaster Rovers F.C. masculino e o feminino Doncaster Rovers Belles. O equipo masculino foi comprado por Louis Tomlinson, nado na cidade, cantante e compositor do grupo One Direction.

Outro deporte que se practica é o motociclismo e no Greyhound Stadium celebráronse competicións de speedway.

  1. "Doncaster :: Survey of English Place-Names". epns.nottingham.ac.uk. Consultado o 2024-11-03. 
  2. Muirhead, Muirhed & Rossiter 1972, p. 451.
  3. "Traditional Chewy Butterscotch Candy". Pastry Chef Online (en inglés). 2012-09-12. Consultado o 2024-11-04. 
  4. Official Programme of the Doncaster Aviation Contest (en English). 1909. 
  5. "Doncaster marks first for flying" (en inglés). 2009-08-10. Consultado o 2024-11-04. 
  6. "Daily Mail". oakingtonplane.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2016. Consultado o 04 de novembro de 2024. 
  7. "Doncaster District through time; Census tables with data for the District/Unitary Authority". www.visionofbritain.org.uk. Consultado o 2024-11-04. 
  8. "Doncaster Sheffield (DSA)". Aeropuertos del Mundo (en castelán). Consultado o 2024-11-04. 
  9. "Finningley; RAF Heraldry Trust" (en inglés). Consultado o 2024-11-04. 
  10. City Population de. "Doncaster" (en inglés). Consultado o 2017-09-08. 
  11. "Nennius cities". www.britannia.com. Consultado o 2024-11-03. 
  12. Wainwright 1829, p. 1.
  13. Ross & Cyprien 1985, p. 14.
  14. Barwick 1975, p. 9.
  15. D A 1870, p. 264-267.
  16. Blew 1898, p. 45.
  17. D A 1870, p. 264.
  18. Fleming 2004, p. 44.
  19. Henshaw 2013, p. 61.
  20. Hey 2005, p. 145.
  21. Dodds & Dodds 2015, p. 252.
  22. D A 1893, p. 318.
  23. Gamgee 1866, p. 390.
  24. Southey 1865, p. 95.
  25. Rhodes 1966, p. 11.
  26. The Wildlife Trusts (ed.). "YWTPotteric". 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Barwick, John. The Doncaster region in Roman times. Doncaster Museum, 1975.
  • Blew, William Charles Arlington. Light Horses: Breeds and Management. Vinton, 1898.
  • Dodds, Madelina H; Dodds, Ruth. The Pilgrimage of Grace 1536–1537 and the Exeter Conspiracy 1538, Volum 2. Cambridge University Press, 2015.
  • D A, Diversos Autores. Proceedings of the Yorkshire Geological Society, Volums 5-6, 1870.
  • D A, Diversos Autores. Collections and Proceedings of the Maine Historical Society, 1893.
  • Fleming, Robin. Kings and Lords in Conquest England. Cambridge University Press, 2004.
  • Gamgee, John. The Cattle Plague. Hardwicke, 1866.
  • Henshaw, Victoria. Urban Smellscapes: Understanding and Designing City Smell Environments. Routledge, 2013.
  • Hey, David. A History of Yorkshire: "county of the Broad Acres". Carnegie Pub., 2005.
  • Muirhead, Findlay; Muirhed, Litellus; Rossiter, Stuart. England. Macmillan, 1972.
  • Rhodes, R J. Doncaster museum. Report on the birds of Doncaster district 1965 Compiled by the Doncaster and District Ornithological Society, 1966.
  • Ross, Anne; Cyprien, Mihael. A Traveller's Guide to Celtic Britain. Routledge & Kegan Paul, 1985.
  • Wainwright, John. Yorkshire: An historical and topographical introduction. Blackwell, 1829.
  • Southey, Robert. The Doctor, Etc. Longmans, Green, 1865.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]