Saltar ao contido

Domo de lava

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe do domo de lava riolítica do volcán Chaitén durante a súa erupción de 2008–2010.
Un dos Cráteres de Mono, un exemplo de domo de riolita.

En vulcanoloxía, un domo de lava ou domo volcánico é unha protrusión con forma de montículo ou cúpula aproximadamente circular orixinado pola lenta extrusión de lava viscosa nun volcán. A xeoquímica dos domos de lava pode variar de basáltica a riolítica aínda que a maioría dos domos conservados adoitan ter un alto contido de sílice.[1] A forma característica de domo atribúese á alta viscosidade que impide que a lava flúa a moita distancia. Esta alta viscosidade pode deberse a dúas posibles razóns: que o magma teña altos niveis de sílice, ou á desgasificación dun magma fluído. Como os domos viscosos basálticos e andesíticos meteorízanse rápido e doadamente, rompen coa irrupción de máis lava fluída, e a maioría dos domos conservados teñen un alto contido de sílice e constan de riolita ou dacita.

Suxeriuse a existencia de domos de lava en Marte nalgunhas estruturas da súa superficie que teñen esa forma na parte oeste de Arcadia Planitia e en Terra Sirenum.[2][3]

Dinámica dos domos

[editar | editar a fonte]
Domos de lava no cráter do Monte St. Helens

Os domos de lava evolucionan de maneira impredicible debido á dinámica non linear causada pola cristalización e desgasificación da lava moi viscosa no conduto magmático do domo.[4] Os domos sofren varios procesos, como o crecemento, colapso, solidificación e erosión.

Os domos de lava crecen por crecemento do domo endóxeno ou exóxeno. O primeiro implica a expansión do interior do domo para acomodar nova lava e o último refírese á acumulación superficial da lava.[1] É a gran viscosidade da lava que impide que flúa lonxe do punto de saída polo que foi extruída, creando unha forma similar a unha cúpula de lava pegañosa que despois arrefría lentamente in situ. Os domos poden chegar a ter alturas de varios centos de metros, e poden crecer lentamente e de forma estable durante meses (por exemplo, o volcán Unzen), anos (por exemplo o volcán Soufrière Hills) ou mesmo séculos (por exemplo, o volcán Monte Merapi). As partes laterais desta estrutura están formadas por entullos rochosos inestables. Debido á acumulación intermitente de presión dos gases, os domos en erupción poden ás veces experimentar co tempo episodios de erupción explosiva. Se parte do domo de lava colapsa cando aínda está fundido, pode producir fluxos piroclásticos,[5] que son unha das formas máis letais de fenómenos volcánicos. Outros perigos asociados cos domos de lava son a destrución de bens, incendios forestais e lahares desencadeados por un fluxo piroclástico en zonas con barro, neve ou xeo. Os domos de lava soa unha das características estruturais principais de moitos estratovolcáns en todo o mundo. Os domos de lava son proclives a explosións perigosas pouco comúns, xa que contñen lava riolítica rica en sílice.

Entre as características das erupcións dos domos de lava están unha sismicidade pouco profunda de longo período e híbrida, que se atribúe ao exceso de presións de fluídos na cámara magmática que contribúe á súa formación. Outras características dos domos de lava son a súa forma semiesférica, ciclos de crecemento dos domos ao longo de grandes períodos de tempo e o comezo repentino de actividade explosiva violenta.[6] A velocidade media de crecemento dun domo pode utilizarse como un indicador aproximado da subministración de magma, pero non mostra unha relación sistemática coa temporización e características das explosións dos domos de lava.[7]

Relevos relacionados

[editar | editar a fonte]
Foto que mostra o criptodomo voluminoso que fixo protrusión no Monte St. Helens no 27 de abril de 1980.

Criptodomos

[editar | editar a fonte]

Un criptodomo (do grego κρυπτός, kryptos, 'oculto') é unha estrutura con forma de domo creada por acumulación de magma viscoso a unha profundidade baixa sen asomar ao exterior. Un exemplo de criptodomo formouse na erupción do Monte St. Helens en maio de 1980, na cal a erupción explosiva empezou despois de producirse un desprendemento de terras que fixo que caese a ladeira do volcán, orixinando unha descompresión explosiva do criptodomo subterráneo, que quedou exposto.

Coulées de lava

[editar | editar a fonte]
Domos de fluxos de coulée de dacita no Cerro Chao (centro esquerda), no norte de Chile, vistos desde o satélite Landsat 8.

As coulées son domos de lava que fluíron certa distancia desde a súa posición orixinal, polo que lembran tanto a domos de lava coma a fluxos de lava.[1]

O maior fluxo de dacita do mundo que se coñece é o do complexo do domo de dacita do Chao, un enorme domo-fluxo de coulée entre dous volcáns no norte de Chile. Este fluxo ten uns 14 km de longo, ten características de fluxo obvias, como cristas de presión, e unha fronte de fluxo de 400 m de alto (a liña escura ondulada na parte inferior esquerda).[8] Hai outro importante fluxo de coulée na ladeira do volcán Llullaillaco, na Arxentina,[9] e outros exemplos nos Andes.

Exemplos de domos de lava

[editar | editar a fonte]
Domos de lava
Nome dos domos de lava País Área volcánica Composición Última erupción
ou episodio de crecemento
Domo de lava do Chaitén Chile Zona volcánica sur Riolita 2009
Domos de lava de Ciomadul Romanía Cárpatos Dacita Plistoceno
Domos de lava de Cordón Caulle Chile Zona volcánica sur Riodacita a riolita Holoceno
Domo de lava do volcán Galeras Colombia Zona volcánica norte Desoñecido 2010
Domo de lava do Katla Islandia Punto quente de Islandia Riolita de 1999 en adiante[10]
Pico Lassen Estados Unidos Arco volcánico das Cascadas Dacita 1917
Domos de lava do Monte Meager Canadá Arco volcánico das Cascadas Dacita 2350 a.C.
Domo de lava do Monte Merapi Indonesia Arco da Sonda Descoñecido 2010
Nea Kameni Grecia Arco volcánico do sur do Exeo Dacita 1950
Domo de lava de Novarupta Alasca (Estados Unidos) Arco das Aleutianas Riolita 1912
Domos de lava de Nevados de Chillán Chile Zona volcánica sur Dacita 1986
Puy de Dôme Francia Cadea dos Puys Traquita ca. 5760 a.C.
Domo de lava do Santa María Guatemala Arco volcánico de América Central Dacita 2009
Domo de lava de Sollipulli Chile Zona volcánica sur Andesita a dacita 1240 ± 50 anos
Domo de lava de Soufrière Hills Montserrat Antillas menores Andesita 2009
Domos de lava do Monte Saint Helens Estados Unidos Arco volcánico das Cascadas Dacita 2008
Domo de lava do Torfajökull Islandia Punto quente de Islandia Riolita 1477
Domos de lava de Tata Sabaya Bolivia Andes Descoñecido ~ Holoceno
Tate-iwa Xapón Arco do Xapón Dacita Mioceno[11]
Domos de lava de Valles Estados Unidos Montañas Jemez Riolita 50 000-60 000 a.C.
Domo de lava da illa Wizard Estados Unidos Arco volcánico das Cascadas Riodacita[12] 2850 a.C.
  1. 1,0 1,1 1,2 Fink, Jonathan H., Anderson, Steven W. (2001). Sigursson, Haraldur, ed. Bernard Lewis. Encyclopedia of Volcanoes (Academic Press). pp. 307–319. 
  2. Rampey, Michael L.; Milam, Keith A.; McSween, Harry Y.; Moersch, Jeffrey E.; Christensen, Philip R. (28 June 2007). "Identity and emplacement of domical structures in the western Arcadia Planitia, Mars". Journal of Geophysical Research 112 (E6). doi:10.1029/2006JE002750. 
  3. Brož, Petr; Hauber, Ernst; Platz, Thomas; Balme, Matt (April 2015). "Evidence for Amazonian highly viscous lavas in the southern highlands on Mars". Earth and Planetary Science Letters 415: 200–212. doi:10.1016/j.epsl.2015.01.033. 
  4. Melnik, O; Sparks, R. S. J. (4 November 1999). "Nonlinear dynamics of lava dome extrusion" (PDF). Nature 402 (6757): 37–41. Bibcode:1999Natur.402...37M. doi:10.1038/46950. 
  5. Parfitt, E.A.; Wilson, L (2008). Fundamentals of Physical Volcanology. Massachusetts, USA: Blackwell Publishing. p. 256. 
  6. Sparks, R.S.J. (August 1997). "Causes and consequences of pressurisation in lava dome eruptions". Earth and Planetary Science Letters 150 (3–4): 177–189. Bibcode:1997E&PSL.150..177S. doi:10.1016/S0012-821X(97)00109-X. 
  7. Newhall, C.G.; Melson., W.G. (September 1983). "Explosive activity associated with the growth of volcanic domes". Journal of Volcanology and Geothermal Research 17 (1–4): 111–131. Bibcode:1983JVGR...17..111N. doi:10.1016/0377-0273(83)90064-1. )
  8. Chao dacite dome complex at NASA Earth Observatory
  9. Coulées! de Erik Klemetti, profesor asistente de Xeociencias na Universidade Denison.
  10. Eyjafjallajökull and Katla: restless neighbours
  11. Goto, Yoshihiko; Tsuchiya, Nobutaka (July 2004). "Morphology and growth style of a Miocene submarine dacite lava dome at Atsumi, northeast Japan". Journal of Volcanology and Geothermal Research 134 (4): 255–275. doi:10.1016/j.jvolgeores.2004.03.015. 
  12. Map of Post-Caldera Volcanism and Crater Lake Arquivado 04 de agosto de 2020 en Wayback Machine. USGS Cascades Volcano Observatory. Retrieved 2014-01-31.

Véxaste tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]