Domenico Sestini
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 10 de agosto de 1750 Florencia, Toscana, Italia. |
| Morte | 8 de xuño de 1832 (82 anos) Florencia, Toscana, Italia. |
| País de nacionalidade | |
| Relixión | Católico (monxe escolapio). |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Numismática, arqueoloxía, exploración. |
| Ocupación | botánico, arqueólogo, numismático, profesor universitario, bibliotecario, explorador |
| Empregador | Universidade de Pisa |
| Membro de | Academia de Ciencias de Rusia. Accademia della Crusca. Instituto de Francia. Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. |
| Orde relixiosa | Escolapios |
| Obra | |
| Abreviación dun autor en botánica | Sest. |
| Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Domenico Sestini, nado en Florencia o 10 de agosto de 1750 e finado na mesma cidade o 8 de xuño de 1832, foi un numismático e arqueólogo italiano, coñecido polas súas viaxes por Oriente Medio.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Domenico Sestini naceu en Florencia en 1750[1] e cursou os seus primeiros estudos nas Escolas de San Marco desa cidade.[2]
Logo optou por dedicarse á vida relixiosa e ingresou como frade na orde dos Escolapios, e aos 24 anos, en 1774, deixou a casa familiar para se dedicar ao estudo e á investigación.[2]
Vida de viaxeiro e erudito
[editar | editar a fonte]A traxectoria posterior de Sestini estivo marcada polas constantes viaxes, a primeira delas a Roma, Nápoles e, finalmente, Sicilia. Na cidade siciliana de Catania ficou residindo tres anos, contratado en 1775 polo Príncipe de Biscari como bibliotecario e arqueólogo para se encargar da organización da súa colección de obxectos raros e antigos.[1][2]
Concluído o seu labor en Sicilia, viaxou primeiro a Malta, logo a Esmirna e en 1768 a Constantinopla, e desde alí viaxou a Cízico, pasando por Bursa e Nicea, cos fillos do Conde Landoff, embaixador do Rei de Nápoles ante a Porta Otomá, do que deixou constancia nunha publicación posterior, en 1785.[3] Landoff levou a Sestini á súa residencia en Constantinopla e confioulle a educación dos seus dous fillos. Sestini aproveitou tamén a súa vida sosegada alí para continuar cos seus escritos.[4]
Cara a 1780 Sestini deixou a residencia do embaixador e viviu unha tempada co príncipe de Valaquia Constantino Ypsilanti. Logo visitou Transilvania, Hungría e Viena, ata que regresou a Constantinopla. Alí entrevistouse co embaixador británico, Robert Ainslie, coñecedor da erudición de Sestini pola profundidade dos seus escritos sobre arqueoloxía e numismática, e este encomendoulle a creación dunha gran colección de moedas das antigas Grecia e Roma, para o que puxo ao seu dispor o financiamento necesario. Sestini aceptou a encarga e, logo de diversas viaxes na procura das pezas desexadas, logrou reunir máis de dez mil exemplares,[4] a maioría descoñecidos na época e que logo lle serviron tamén para o seu estudo e para as súas publicacións.[5]
A partir de ese momento, a numismática antiga converteuse no tema central das súas investigacións.[5] Sestini foi un dos seguidores máis destacados da doutrina numismática clasicista numorun veterum establecida polo numismático austríaco Joseph Eckhel (1737-1798), moi difundida en Italia e seguida tamén por outros eruditos como Ennio Quirino Visconti (1751-1818), Bartolomeo Borghesi (1781-1860) ou Celestino Cavedoni (1795-1865).[2]
Sestini establecera contacto persoal co presidente da Compañía Británica das Indias Orientais e, cando este foi destinado cun alto cargo a Golconda, decidiu acompañalo en agosto de 1782 ata Basora, e desde alí viaxou polo Tigris, o Éufrates e o deserto, ata regresar a Constantinopla. Mais esta non foi a derradeira das súas viaxes a Oriente, sempre coa intención de realizar novos estudos e de achar novas incorporacións á colección numismática encargada polo embaixador Ainslie. Nesta nova campaña, que se estendeu durante toda unha década, viaxou territorios como Alepo en Siria, Bagdad na Asia occidental, Chipre, Alexandría en Exipto, Rodas e diversos portos do mar Mediterráneo e da costa de Asia Menor, Galacia, Tesalónica, Esmirna, Macedonia, o Monte Athos, Tesalia, Lemno, Micenas, a Dalmacia etc. En agosto de 1791 navegou de regreso a Tesalónica e desde alí emprendeu camiño de volta a Italia, ata chegar á Toscana en abril de 1792.[1][5]
Finalizada a etapa das longas viaxes de Sestini por Oriente, retomou as súas xiras polos centros culturais europeos do momento. Visitou novamente diversos lugares de Italia, Francia e Alemaña. En Berlín, onde residiu unha tempada, traballou na ordenación da colección numismática real, que foi o xermolo do posterior Gabinete Numismático de Berlín.[6] O rei de Prusia, Federico Guillerme III, en recoñecemento á súa traxectoria, concedeulle unha pensión que mantivo ata a súa derrota ante Napoleón en Jena en 1806. En Florencia, Elisa Bonaparte, nomeada por Napoleón Gran Duquesa de Toscana, elixiuno en 1810 como o seu bibliotecario e arqueólogo oficial, e logo do período bonapartino, o rei Fernando III de Toscana confirmouno en 1814 no seu cargo, ao que engadiu o título de Anticuario Real e Profesor Honorario da Universidade de Pisa.[7]
A partir dese momento, Sestini fixou a súa residencia en Florencia, a súa cidade natal, que xa non abandonou máis que para viaxes puntuais motivadas polas súas investigacións e os seus estudos numismáticos, que ocuparon o seu labor na etapa final da súa vida.[7]
Entre outras entidades e sociedades eruditas, Sestini foi membro da Accademia della Crusca,[8] do Instituto de Francia e da Académie des Inscriptions et Belles-Lettres (1810), e membro honorario da Academia das Ciencias de Rusia.[9]
Domenico Sestini finou en Florencia o 8 de xuño de 1832, aos 82 anos.[1][9]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma da abundante obra publicada por Domenico Sestini ao longo da súa traxectoria:
- (1785). Lettere odeporiche osia viaggio per la penisola di Cizico, per Brussa e Nicea. Tomo I; Tomo II. Livorno.
- (1786). Viaggio da Costantinopoli a Bassora, fatto dall’ abate Domenico Sestini. Yverdun.
- (1796). Illustrazione di un antica medaglia di piombo appartenente a Velletri. Fulgoni, Roma.
- (1815). Viaggio curioso-scientifico-antiquario per la Valachia, Transilvania e Ungheria fino a Vienna. R. Tondini, Florencia.
- (1789-1806). Lettere e dissertazioni numismatiche sopra alcune medaglie rare. Tomo I (1789); Tomo II (1789); Tomo III (1779); Tomo IV (1790), Tomo V (1794); Tomo VI (1804); Tomo VII (1805); Tomo VIII (1805); Tomo IX (1806). Livorno, Roma e Berlín.
- (1789). Descrizione d’alcune medaglie greche del museo particolare di sua altezza reale Monsig. Cristiano Federigo, principe ereditario di Danimarca. Piatti, Florencia.
- (1804). Descrizione delle medaglie rare del Museo Knobelsdorffiano. C Quien, Berlín.
- (1808). Descriptio selectiorum numismatum in aere maximi moduli. C Quien, Berlín.
- (1813-1820). Lettere e dissertazione numismatiche. Tomo I (1813); Tomo III (1817); Tomo IV (1818); Tomo V (1818); Tomo VI (1819); Tomo VII (1820); Tomo VIII (1820). Milán e Florencia.
- (1817). Descrizione degli stateri antichi. Piatti, Florencia.
- (1817). Sopra le medaglie antiche relative alla Confederazione degli Achei. A. F. Stella, Milán.
- (1818). Descrizione delle medaglie Ispane appartenenti alla Lusitania, alla Betica é alla Tarragonese, che si conservano nel museo Hedervariano. Piatti, Florencia.
- (1822-1829). Descrizione d’alcune medaglie greche del Museo del signore Carlo d’Ottavio Fontana di Trieste. Tomo I (1822); Tomo II (1827); Tomo III (1829). Piatti, Florencia.
- (1828). Descrizione di molte medaglie antiche greche esistenti in piú musei. Piatti, Florencia.
- (1828-1830). In catalogi Musei Hedervariani / Descrizione delle medaglie antiche greche del Museo Hedervariano. Tomo I (1828); Tomo II (1830); Tomo III (1830). Piatti, Florencia.
- (1831). Descrizione d'alcune medaglie greche del museo del signore Barone Stanislao di Chavdoir. Piatti, Florencia.
- (1834). Descrizione d'alcune medaglie greche del museo particolare di [...] Cristiano Federico [...] di Dinamarca. Piatti, Florencia.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 Pugliese Carratelli, G. (1936).
- 1 2 3 4 Luppi, C. (1890). Páxina 473.
- ↑ Véxase "(1785)" en "Publicacións".
- 1 2 Luppi, C. (1890). Páxina 474.
- 1 2 3 Luppi, C. (1890). Páxina 477.
- ↑ Kluge, B. (2004). Das Münzkabinett - Museum und Wissenschaftsinstitut. Staatliche Museen zu Berlin. ISBN 978-3886094943. Páxinas 11-17.
- 1 2 Luppi, C. (1890). Páxina 478.
- ↑ "Sestini, Domenico <1750-1832>". Accademiadellacrusca.org
- 1 2 Luppi, C. (1890). Páxina 480.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Domenico Sestini |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kumerloeve, H. (1986). "Domenico Sestini (1750–1832). Aus der Frühzeit zoologischer Forschung im Bosporus-Raum (Türkei)". En Annalen des Naturhistorischen Museums in Wien. Serie B. Nº 88/89. Páxinas 345-350.
- Luppi, C. (1890). "Vite di illustri Numismatici Italiani: Domenico Sestini". En Rivista italiana di numismatica. III. Páxinas 473-480.
- Pace, B. (1920). "Per la storia dell’archeologia italiana in Levante. Viaggi dell’abate Domenico Sestini in Asia Minore (1779-1792)". En Annuario della Regia Scuola Archeologica in Atene e delle Missioni italiane in Oriente. Nº 3. 1916/1920. Páxinas 243-252
- Pugliese Carratelli, G. (1936). "Sestini, Domenico". En Enciclopedia Italiana. Nº 36. Istituto della Enciclopedia Italiana, Roma.