Dolo (dereito)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Do latín "dolus", o dolo é o termo legal que describe o coñecemento ou vontade de realizar o tipo obxectivo dun delito (dolus naturalis).

Tamén se di que é a forma máis grave da culpabilidade e adoita definirse como conciencia ou vontade dun resultado típico.

Nos actos xurídicos, vontade maliciosa de enganar a alguén ou de incumprir unha obriga.

Contexto[editar | editar a fonte]

Nas diferentes escolas penais modernas, a discusión en relación co dolo escenificouse principalmente sobre o alcance que se lle da ao elemento cognitivo do mesmo e a súa situación sistemática:

  • É así como para o causalismo (clásico e neoclásico), o elemento cognitivo do dolo comprende o coñecemento dos feitos, isto é, o coñecemento do comportamento que se está a realizar, e o coñecemento da antixuricidade do feito, e dicir, o coñecemento de que o comportamento que se realiza está prohibido polo dereito penal. O dolo. No causalismo e concibido como un elemento ou característica da culpabilidade, categoría na cal se avalían a maior parte dos aspectos subxectivos ou psicolóxicos do feito que se xulga.
  • Polo contrario, para o finalismo (escola penal xermana), o elemento cognitivo do dolo só abrangue o coñecemento dos feitos, ou o que é o mesmo, o coñecemento do comportamento que se está a realizar. O dolo, no finalismo, sitúase como un elemento da tipicidade, conformando o denominado tipo subxectivo do delito doloso. O coñecemento da antixuricidade sepárase do dolo e é concibido como un elemento da culpabilidade.

Tamén se pode definir como aquela intención positiva de causar dano ou prexuízo na persoa o unha propiedade doutro.

Dereito natural e dereito positivo[editar | editar a fonte]

  • Dereito natural é o ordenamento xurídico que nace e se fundamenta na natureza humana, non debendo a súa orixe á vontade normativa de ningunha autoridade, como acontece no dereito positivo.
  • Dereito positivo é o conxunto de normas establecidas nun momento dado. Por exemplo, a constitución ou o código penal vixentes na actualidade pertencen ao dereito positivo.

É no dereito positivo onde o dolo adquire unha especial importancia, xa que é no seu contexto onde a vontade ou conciencia na realización dun feito poden ter consecuencias para o individuo.

O Dolo no Dereito Penal[editar | editar a fonte]

Circunstancias Atenuantes y Agravantes en el Derecho Penal.jpeg

Dereito Penal[editar | editar a fonte]

O dereito penal e o conxunto de normas xurídico – positivas (normas establecidas nun momento dado ou vixentes) reguladoras do poder do Estado, que definen como delitos ou estados perigosos certos presupostos, aos que se lle asignan certas penas ou medidas de seguridade. Tamén se di que é a parte do dereito que estuda o fenómeno criminal: o delito, o delincuente e a pena.

  • Dereito penal obxectivo:

Conxunto de normas xurídicas establecidas polo Estado, con rango de lei, que tipifican os delitos, as faltas e as súas penas ou medidas de seguridade.

  • Dereito penal subxectivo:

Facultade do Estado para establecer normas penais e aplicalas aos infractores das mesmas. Por todo isto, o dereito penal é positivo, público e imperativo.

A infracción penal: o delito e a falta[editar | editar a fonte]

O artigo 5 do código penal, di que “non hai pena sen dolo ou imprudencia”. O artigo 10 di que “son delitos ou faltas as accións e omisións dolosas ou imprudentes penadas pola lei”. Deste xeito, deducimos as seguintes consecuencias:

  • As accións delitivas consisten nunha acción (facendo o que a lei prohibe) ou omisión (non facendo o que a lei manda).
  • As accións teñen que ser dolosas ou imprudentes.
  • Ditas accións teñen que estar penadas pola lei.

Elementos do dolo[editar | editar a fonte]

Elemento intelectual ou cognoscitivo[editar | editar a fonte]

Para actuar de xeito doloso, o suxeito debe saber que é o que fai e coñecer os elementos que conforman o feito tipificado como delito. Dito coñecemento constitúe así un requisito previo á vontade (non se pode facer algo se non se sabe primeiro que se vai a facer).

Porén, non é necesario que o suxeito antes de actuar realice unha reflexión sobre a súa futura acción, e suficiente con que el mesmo recoñeza que na situación concorren os elementos obxectivos descritos ou tipificados como feito delitivo.

Por outra parte, tampouco é imprescindíbel que o suxeito teña un coñecemento exacto de cada un dos elementos típicos (tipificados como delito), senón que é suficiente con que posúa un coñecemento aproximado da significación social ou xurídica dos elementos do tipo. Por exemplo, no caso dun roubo, non é necesario que o suxeito coñeza exactamente o significado do concepto de "cousa moble allea"; é suficiente que o individuo sexa consciente de que está subtraendo un obxecto ao seu dono.

Elemento volitivo[editar | editar a fonte]

Para que se de unha actuación dolosa non é dabondo co coñecemento dos elementos dun feito típico, e preciso tamén querer realizalo.

É a concorrencia desa vontade o que fundamenta o maior desvalor da acción do tipo de inxusto doloso fronte ao imprudente: quen actúa co dolo decidiuse en contra do ben xurídico protexido no tipo correspondente.

En función da maior ou menor intensidade con que se presenten os seus elementos, poden identificarse 3 clases de dolo:

  • Dolo directo ou de primeiro grao.
  • Dolo directo ou de segundo grao.
  • Dolo eventual.

O intervalo de pena establecido no correspondente tipo de inxusto aplícase igualmente ás 3 formas de dolo, de xeito que, en realidade, a distinción ten relevancia sobre todo á hora de marcar a fronteira entre o tipo doloso e o imprudente: onde remata o dolo eventual, comeza a imprudencia consciente.

Tipos de Dolo[editar | editar a fonte]

Dolo directo ou de primeiro grao[editar | editar a fonte]

Adoita identificarse coa intención ou propósito. A finalidade do suxeito que actúa con dolo directo coincide exactamente coa produción do resultado.

Dolo indirecto ou de segundo grao[editar | editar a fonte]

A finalidade do suxeito non é producir o resultado, pero este asúmese como consecuencia necesaria do que se desexa.

Dolo eventual[editar | editar a fonte]

É a forma máis débil de dolo, xa que nestes supostos tanto o elemento cognoscitivo como o volitivo aparecen menos intensamente. A finalidade do suxeito que actúa con dolo eventual non é producir o resultado, pero recoñece a posibilidade de que este se produza e non obstante segue actuando.

Diferenza entre dolo e imprudencia[editar | editar a fonte]

O dolo implica, como xa dixemos anteriormente, o coñecemento e a vontade de realizar os elementos obxectivos do tipo penal.

A imprudencia e a falta de dilixencia debida. Infrínxese unha norma de comportamento axeitado. A falta de dilixencia non é un coñecemento e unha vontade de querer facer un tipo penal. Actúase de maneira non dilixente, Infrínxese a norma que se esixe. Non existe carácter de vontade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]