Saltar ao contido

Dolicol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dolicol
Estrutura do dolicol.
Identificadores
Número CAS 11029-02-0, 2067-66-5
PubChem 6433320
KEGG C00381
MeSH Dolichol
ChEBI CHEBI:16091
Imaxes 3D Jmol
Propiedades
Fórmula molecular Variable
Dolicol-20: C100H164O
Masa molecular Variable
Dolicol-20: 1382,37 g/mol

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

Os dolicois son un grupo de compostos orgánicos insaturados na súa maioría de cadea longa que están constituídos por distintas cantidades de unidades de isopreno terminando nun grupo isoprenoide α-saturado, que contén un grupo funcional alcohol.

Funcións

[editar | editar a fonte]

Os dolicois exercen unha función na modificación postraducional de proteínas chamada N-glicosilación en forma de dolicol fosfato. Os dolicois funcionan como áncora de membrana para a formación do oligosacárido Glc3–Man9–GlcNAc2 (onde Glc é glicosa, Man é manosa e GlcNAc é N-acetilglicosamina). Este oligosacárido transfírese desde o doante dolicol en certos residuos de asparaxina (nunha secuencia específica que é "Asn–X–Ser/Thr") de cadeas de polipéptidos acabados de formar. O dolicol está tamén implicado na transferencia de monosacáridos para formar o transportador Glc3–Man9–GlcNAc2–dolicol.

Ademais, os dolicois poden incorporarse como adutos a proteínas como unha modificación postraducional, un proceso no cal se forman "árbores" de carbohidratos ramificados sobre un residuo de dolicol e despois son transferidos a unha ensamblaxe de proteínas para formar unha glicoproteína grande no retículo endoplasmático rugoso.

Os dolicois son un importante compoñente lipídico (14 % en masa) da neuromelanina da substancia negra humana.[1] O dolicol fosfato descubriuse na Universidade de Liverpool na década de 1960, aínda que os investigadores non sabían a súa función no momento do seu descubrimento.[2]

Papel no envellecemento

[editar | editar a fonte]

Suxeriuse o uso do dolicol como biomarcador do envellecemento.[3] Durante o envellecemento, o cerebro humano mostra un aumento progresivo nos niveis de dolicol, unha redución nos niveis de ubiquinona, pero concentracións relativamente sen cambio de colesterol e dolicol fosfato (ou doliquil fosfato). Na enfermidade neurodexenerativa enfermidade de Alzheimer, a situación está invertida, con niveis diminuídos de dolicol e niveis aumentados de ubiquinona. As concentracións de dolicol fosfato tamén están incrementadas, mentres que o colesterol permanece sen cambios. Os cambios en isoprenoides na enfermidade de Alzheimer difiren dos que ocorren durante o envellecemento normal, e, por tanto, esta doenza non pode ser considerada como vellez prematura.[4] O incremento no transportador de azucres dolicol fosfato pode reflectir un incremento na taxa de glicosilación no cerebro enfermo, e o incremento do antioxidante endóxeno ubiquinona pode considerarse un intento de protexer o cerebro do estrés oxidativo, por exemplo, o inducido pola peroxidación de lípidos.[5]

O dolicol é un produto da vía da HMG-CoA redutase (tamén coñecida como via do mevalonato), e, por tanto, a súa creación e dispoñibilidade está afectada pola inhibición do mevalonato. Primeiro, unha cis (ou Z)-preniltransferase (deshidrodoliquil difosfato sintase en humanos) cataliza a condensación do farnesil difosfato (FPP) cun número variable (dependente da cis-preniltransferase concreta) de moléculas do isopentenil difosfato (IPP), resultando na formación dun poliprenil difosfato (tamén coñecido como deshidrodoliquil difosfato). Este seguidamente sofre a perda de ambos os grupos fosfato, resultando nun poliprenol (deshidrodolicol). Finalmente, a unidade α isoprenoide é saturada por unha α-saturase (que aínda é un encima hipotético), e este alcohol poliprenil α-saturado coñécese como dolicol.[6]

Noutros organismos

[editar | editar a fonte]

Os dolicois encóntranse en eucariotas e arqueas,[7] aínda que as moléculas de poliprenol similares encóntranse en bacterias. Os poliprenois en bacterias non conteñen un isoprenoide α-saturado e son normalmente menores en canto á cantidade de unidades isoprenoides ou lonxitude da cadea carbonada. Os poliprenois realizan funcións similares en bacterias; é dicir, funcionan como lípidos transportadores de glicosil implicados na formación de polisacáridos ramificados complexos. Porén, os procesos celulares nos que están implicados non son a glicosilación, senón a biosíntese da parede celular. As estatinas diminúen os niveis de dolicol no corpo.[8]

Importancia médica

[editar | editar a fonte]

A compañía farmacéutica australiana Solagran estivo investigando a importancia médica de poliprenois e a súa substitución con dolicois cando se inxiren se hai deficiencia. Os ensaios de Ropren (xa rexistrados farmaceuticamente como un hepatoprotector) en relación a doenzas neurodexenerativas (como a enfermidade de Alzheimer) en Rusia[9] e Australia[10] indican un considerable potencial como tratamento seguro e efectivo.

O illamento de alcohois isoprenoides moi longos ata entón descoñecidos publicouse por primeira vez en 1960;[11][12] razón pola que o composto foi nomeado como dolicol, do grego antigo δόλιχος (dolichos, 'longo').

  1. Fedorow, Heidi; Pickford, Russell; Hook, James M.; Double, Kay L.; Halliday, Glenda M.; Gerlach, Manfred; Riederer, Peter; Garner, Brett (febreiro de 2005). "Dolichol is the major lipid component of human substantia nigra neuromelanin". Journal of Neurochemistry 92 (4): 990–995. PMID 15686500. doi:10.1111/j.1471-4159.2004.02975.x.
  2. Chojnacki, T; Dallner, G (1 de abril de 1988). "The biological role of dolichol.". The Biochemical Journal 251 (1): 1–9. PMC 1148956. PMID 3291859. doi:10.1042/bj2510001.
  3. "J Gerontol A Biol Sci Med Sci. xaneiro de 2005;60(1):39-43".
  4. Edlund C, Söderberg M, Kristensson K (1994). "Isoprenoids in aging and neurodegeneration". Neurochem. Int. 25 (1): 35–38. PMID 7950967. doi:10.1016/0197-0186(94)90050-7.
  5. Edlund C, Söderberg M, Kristensson K. Neurochem Int, xullo de 1994,25(1), 35-8
  6. Schenk, B.; Fernandez, F.; Waechter, C. J. Glycobiology, 2001, 11(5), 61R-70R.
  7. Meyer, Benjamin H.; Albers, Sonja-Verena (2013-02-01). "Hot and sweet: protein glycosylation in Crenarchaeota". Biochemical Society Transactions (en inglés) 41 (1): 384–392. ISSN 0300-5127. PMID 23356316. doi:10.1042/BST20120296.
  8. Bełtowski J, Wójcicka G, Jamroz-Wiśniewska A (setembro de 2009). "Adverse effects of statins - mechanisms and consequences". Curr Drug Saf 4 (3): 209–28. PMID 19534648. doi:10.2174/157488609789006949. Arquivado dende o orixinal o 2013-10-29.
  9. Company announcement 20 de setembro de 2005.
  10. Company announcement 21 de febreiro de 2007.
  11. Pennock JF, Hemming FW, Morton RA (maio de 1960). "Dolichol : a Naturally Occurring Isoprenoid Alcohol". Nature 186 (4723): 470–472. Bibcode:1960Natur.186..470P. doi:10.1038/186470b0.
  12. Burgos J, Hemming F, Pennock J, Morton R (setembro de 1963). "Dolichol : a Naturally-Occurring C100 Isoprenoid Alcohol". Biochemical Journal 88 (3): 470–482. PMC 1202202. PMID 14071520. doi:10.1042/bj0880470.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]