Saltar ao contido

Ditadura de Francisco Franco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaDitadura de Francisco Franco
Estado Español (es) Editar o valor en Wikidata

HimnoMarcha Real Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 40°31′17″N 3°46′30″O / 40.5214, -3.775
CapitalSalamanca (1936–1939)
Madrid (1939–1975) Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación35.563.535 (1975) Editar o valor en Wikidata (70,56 hab./km²)
Lingua oficiallingua castelá Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica latina Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie504.030 km² Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación1 de abril de 1939 Editar o valor en Wikidata
Disolución20 de novembro de 1975 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porreinado de Xoán Carlos I de España e Transición Española Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernoditadura de partido único
monarquía constitucional (1947–) Editar o valor en Wikidata
 Xefe de estadoFrancisco Franco (1939–) Editar o valor en Wikidata
Membro de
Moedapeseta Editar o valor en Wikidata

BNE: XX5678483

A ditadura de Francisco Franco (tamén coñecida como ditadura franquista, España franquista, réxime franquista ou franquismo)[1] foi o período da historia contemporánea de España correspondente co exercicio polo xeneral Franco da xefatura do Estado desde o fin da guerra civil en 1939 até a súa morte en 1975.[a] A súa ampla dimensión temporal e a total identificación de Franco co réxime mesmo[2] fai que a miúdo tamén se designe como era de Franco.[3]

Acabada a guerra, o xeneral instaurou unha ditadura[b] fascistizada[4] ou réxime semifascista.[5] Incorporou unha influencia clara dos totalitarismos alemán e italiano en campos como as relacións laborais, a política económica autárquica, a estética, o uso dos símbolos[6] ou o unipartidismo.[7][c] Nos seus últimos estertores o réxime transitou máis próximo ás ditaduras desenvolvementistas,[8] aínda que sempre conservou trazos fascistas,[5] caracterizado pola ausencia dunha ideoloxía claramente definida alén do seu proclamado nacionalcatolicismo.

Nos anos 1940 a ditadura militar afianzouse mediante a represión política e económica da oposición. Unhas 485 000 persoas fuxiran ao exilio.[9] Algunhas fontes afirman que entre 9000 e 15 000 delas terminaron en campos de concentración nazis, das que sobreviviron a metade.[10][11] Outras acabaron nos campos de concentración franquistas. Os estudos informan de polo 367 000 prisioneiros e entre 150 e 188 campos.[10] Cara a novembro de 1940 había 280 000 persoas detidas nas prisións do Estado.[12][13] Parte da historiografía estima que entre 23 000 e 46 000 persoas foron executadas na posguerra;[14] outra, arredor de 50 000.[12] O total de persoas asasinadas polo réxime por motivos políticos ascendeu a entre 130 000 e 140 000.[15][16]

Mantívose unha política económica baseada na autarquía. Esta foi provocada pola derrota do Eixe na segunda guerra mundial. Durante ela, a ditadura franquista, malia adoptar unha política oficial de non belixerancia,[17] tivo unha participación favorable á Alemaña nazi para a derrota da Unión Soviética. Esta concretouse mediante o envío da División Azul, unha unidade de voluntarios integrada no Exército alemán na fronte oriental que serviu durante dous anos. A colaboración coas potencias do Eixo levou ao illamento internacional tras a derrota destas en 1945 promovido polos aliados no seo da recentemente creada Organización das Nacións Unidas.

Nos anos 1950, no marco da Guerra Fría, a posición xeográfica de España e a ditadura militar acabáronse convertendo en estratéxicos para os Estados Unidos e os seus aliados europeos fronte a Unión Soviética. A alianza de España cos Estados Unidos puxo fin ao illamento internacional do réxime e favoreceu unha paulatina apertura da economía nacional. Esta seguía nuns niveis de desenvolvemento inferiores aos do resto de economías de Europa occidental, que na Segunda Guerra Mundial sufriran desastres similares ao da guerra civil española.

Nos anos 1960 e principios dos 1970 o desenvolvementismo económico mellorou de forma notábel (aínda que desigual) o nivel de vida da maioría da poboación, co que se formou unha clase media até entón case inexistente. O nivel de liberdade persoal e política non aumentou do mesmo xeito. Así mesmo, empezaron as mobilizacións obreiraas e estudantís de oposición á ditadura.

Xoán Carlos de Borbón foi o sucesor designado por Franco para a xefatura do Estado, co título de príncipe de España. Tras a morte deste, na súa proclamación como rei, xurou acatar os principios do Movemento Nacional destinados a perpetuar o réxime franquista. Con todo, non o fixo, aínda que se baseou na armazón institucional franquista para promover a Lei para a Reforma Política, ratificada en referendo. O seu resultado, 94 % a prol da reforma, iniciou a transición á democracia en 1976.

Características

[editar | editar a fonte]

O Caudillo e os seus poderes

[editar | editar a fonte]

O principal trazo definitorio do franquismo foi que unha única persoa, o Xeneralísimo Franco —de aí o nome co que se coñece—, acumulou nas súas mans uns poderes absolutos,[18] como ningún outro gobernante gozara xamais na historia de España.[19] A Lei de Reorganización da Administración Central do Estado, promulgada polo propio Franco só catro meses despois do final da guerra civil española, así o confirmou ao atribuír ao Caudillo, «invicto e providencial», todos os poderes executivos e lexislativos:[20][21]

«Artigo 7. Correspondendo ao Xefe do Estado a suprema potestade de ditar normas de carácter xeral, conforme o artigo 17º da Lei de 30 de xaneiro de 1938, e radicando nel de modo permanente as funcións de goberno, as súas disposicións e resolucións, adopten a forma de Leis ou Decretos, poderán ditarse, malia non iren precedidas da deliberación do Consello de Ministros, cando razóns de urxencia así o aconsellen, aínda que o Xefe do Estado dará despois coñecemento a aquel de tales disposicións ou resolucións».
Moeda de 5 pesetas cuñada en 1949. No anverso, a efixie do xeneral Franco coa inscrición Francisco Franco Caudillo de España por la G. [Graza] de Dios. No reverso, o novo escudo de España

Como sinalou Stanley G. Payne: «Franco sempre considerou o seu propio mandato como «vitalicio».[22] Nun dos seus momentos máis baixos, declarou enfaticamente a un destacado xeneral nunha conversación privada:[22]

«Eu non farei a parvada de Primo de Rivera. Eu non dimito, de aquí ao cemiterio». Franco cría que a súa vitoria absoluta na guerra civil déralle un certo dereito de conquista, de modo que podía aspirar a un mandato histórico, mesmo divino, para conservar a súa posición de Caudillo mentres llo permitisen as súas condicións físicas».

A Franco preocupábanlle menos as cuestións ideolóxicas que a outros ditadores, o que lle permitiu ir adoptando diferentes programas económicos e modalidades de discurso político. No conceptual estaba moi próximo á extrema dereita, e o seu sentido pragmático da realidade é en gran parte un invento de quen fan apoloxía do franquismo. Porén, isto non lle impediu exercer certa habilidade para adaptarse ás situacións que ía marcando a política internacional.[23]

En principio, a lexitimidade do poder de Franco proviña da súa designación por parte dos xenerais que encabezaran a sublevación militar contra a República como «Xeneralísimo das forzas nacionais de terra, mar e aire» e como «xefe do Goberno do Estado español» ao que se lle conferían «todos os poderes do Novo Estado». Desa maneira, Franco personificaba a autoridade do exército, «símbolo efectivo da unidade nacional», como se afirmaba nun dos decretos que promulgou.[24]

Pero enseguida o xeneral demostrou a súa intención de superar esa categoría de mero ditador militar para asumir outras fontes de lexitimación do seu poder. En efecto, moi pronto demostrou a súa vontade de emular os ditadores fascistas ao proporse a si mesmo como o «caudillo» dunha España «unha, grande e libre». Ao mesmo tempo foise forxando a terceira fonte de lexitimidade: ser unha persoa enviada pola Providencia Divina para a «redención» e «salvación» da «nación» e da súa relixión, o catolicismo. A caudillaxe como principio de autoridade basearíase, pois, no carisma excepcional dun dirixente exemplar polos seus dotes e capacidades demostradas nunha conxuntura específica: a guerra civil española.[25]

Así, cando esta terminou o 1 de abril de 1939 a lexitimidade do seu poder ficou plenamente confirmada. Desde entón a vitoria na guerra converteríase na fonte última e suprema da súa autoridade indiscutida e do seu dereito a exercer o poder de modo vitalicio. Franco era a persoa que «salvara» España da súa «destrución», polo que tiña «dereito» a rexer con plenos poderes os seus «destinos» durante o resto da súa vida. A inscrición «Francisco Franco, Caudillo de España pola graza de Deus» imprimiuse nas moedas que portaban a súa efixie.[26] Doutra banda, o «mito da cruzada», a negación da existencia dunha guerra civil iniciada por unha insurrección militar (a contenda fora unha «cruzada de liberación» desencadeada por un Alzamento Nacional), converteuse nun dos nexos de identidade das «familias franquistas».[27]

Os «piares» da ditadura

[editar | editar a fonte]

A ditadura franquista apoiouse en tres «piares»: o Exército, a Igrexa e o partido único, Falange Española Tradicionalista y de las JONS.[20] Como o mesmo Franco recoñeceu en privado, eran as tres «forzas» que formaban «a base do Movimiento Nacional».[20]

O Exército, polo menos durante o primeiro franquismo, ocupou cerca do 40 % dos altos cargos da administración e das empresas estatais, e sempre houbo entre 4 e 7 ministros militares.[28] Ademais, sempre actuou como o garante último da continuidade do franquismo e durante moito tempo foi o instrumento principal na represión de calquera movemento ou organización de oposición á ditadura.[20] [29]A Igrexa católica proporcionou a xustificación ideolóxica, militante e belixerante do franquismo.[20] O partido único FET y de las JONS foi o instrumento clave para organizar os partidarios do réxime, fornecer servidores administrativos fieis e controlar a sociedade civil a través dos seus órganos, como a Organización Sindical, a Sección Femenina e o Frente de Juventudes, entre outros.[20][28]

O papel das institucións

[editar | editar a fonte]

O franquismo non se dotou do equivalente a unha constitución dos réximes liberais ou democráticos, pois Franco sempre se mostrou remiso a promulgar leis que puidesen obrigalo a el mesmo. O que máis lle importou foi conservar intacto todo o seu inmenso poder, do que só era responsábel «ante Deus e ante a historia» -e ante ninguén máis-.[30] Así, baixo o franquismo a fonte de autoridade foi o propio Franco, non as institucións, e só foi promulgando as chamadas «Leis Fundamentais do Reino» cando o creu necesario para afianzalo. En consecuencia, a estrutura definitiva do sistema creouse lentamente, no período comprendido entre 1942 e 1947. En 1943 constituíronse unhas Cortes totalmente controladas e baseadas no corporativismo, seguindo a tendencia filosófica e política dominante na España da preguerra.

A desconfianza cara aos partidos políticos como instrumento de representación foi característica de personaxes tan diferentes como o ditador Primo de Rivera —que organizou a actividade política nunha Asemblea Nacional Consultiva sen eles— ou Fernando de los Ríos, deputado do PSOE e un dos seus pensadores de cabeceira. Este cuñou o termo «democracia orgánica» para o sistema do partido que confiaría a representación a organizacións naturais, como os sindicatos. De feito, Franco adoptou esta etiqueta para definir o seu réxime. En 1945 promulgouse oForo dos Españois, unha lei que definía os dereitos da cidadanía e unha das oito leis fundamentais do seu estado. En 1947 instituíuse unha monarquía de carácter unicamente nominal.[31]

Desde o punto de vista institucional, o órgano máis importante foi o Goberno. Neste estaban representadas as «familias» que integraban o franquismo —falanxistas, carlistas, monárquicos e católicos—, sen esquecer a presenza militar, como corresponde á orixe do réxime. O propio Franco recoñeceu en privado que «os gobernos deben ter unha representación das forzas que contribuíron á vitoria». Como sinalou o historiador Enrique Moradiellos:[20]

«A habitual reunión dos venres do Consello de Ministros debería ser o decisivo foro de encontro e debate franco e reservado entre as forzas da coalición franquista; o mesmo foro que nun réxime liberal e democrático desempeña o Parlamento ou os órganos da prensa libre. [...] Franco tivo a gran habilidade de exercer unha continua arbitraxe moderadora entre todas elas,... contrapondo unhas «familias» con outras para evitar o excesivo crecemento dunha única opción que puidese facer sombra á súa poder persoal e á súa condición arbitral».

A ideoloxía franquista

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Simboloxía do franquismo.

A ideoloxía ou mentalidade franquista baseábase en cinco sinxelas «ideas motrices» «que recollían a doutrina compartida por todas as institucións e «familias» da dereita española por igual:[32]

Así, por exemplo, o libro de texto Catecismo patriótico español (1939), do bispo Menéndez-Reigada,[33] dicía que «os inimigos de España son sete: o liberalismo, a democracia, o xudaísmo, a masonaría, o capitalismo, o marxismo e o separatismo».

O historiador Javier Tusell sinala en relación coa ideoloxía do réxime:[34]

Se a vontade fascistizadora, sen dúbida, existía, cómpre preguntarse, porén, por que non só non triunfou, senón por que estivo sempre moi lonxe de conseguilo. Por suposto, a resposta a esta pregunta atópase na dinámica política, é dicir, na propia evolución dos acontecementos en que, como vimos, se entrelazou estreitamente a política interna coa situación internacional. Así, a fascistización do réxime só sería posíbel no caso de que a España de Franco decidise intervir na guerra mundial ao lado do Eixe; iso traería, con toda probabilidade, unha modificación paralela das súas estruturas políticas definitiva e irreversíbel.
Javier Tusell, Historia de España en el siglo XX. III. La dictadura de Franco (1999)

O historiador estadounidense Stanley G. Payne cualifica o franquismo de 1939 a 1945 de «semifascista» e, a partir da segunda data, de «autoritario burocrático»:[35]

É innegábel que o franquismo inicialmente contiña un importante compoñente de fascismo; pero estaba tan limitado no marco dunha estrutura dereitista, pretoriana, católica e semipluralista que probabelmente sería máis exacto aplicarlle a categoría de «semifascista». (...) A finais de 1945, España avanzara bastante no proceso de transición dun Estado semifascista e parcialmente mobilizado a un réxime «autoritario burocrático», corporativista e non mobilizado.
Stanley G. Payne, El fascismo (1982)[36]

A coalición «contrarrevolucionaria»

[editar | editar a fonte]

Dentro dunha completa subordinación ao caudillo houbo varias «familias» ou grupos —nunca partidos— con diversa sensibilidade política. Cada unha tratou de influír nas decisións do ditador e a habilidade deste consistiu en confiarlles parcelas de poder convenientemente medidas. O ditador apoiouse sucesivamente nunha «familia» ou outra segundo conviñese en cada momento, desprazando do primeiro plano (sen deixar de contar con elas) as que se facían incómodas por algunha razón interna ou externa. Desa maneira garantiuse a súa presenza indiscutida no poder. Cando estalou algún escándalo que podía atribuírse dalgún modo aos receos entre as familias (como o caso MATESA) Franco optaba por solucións expeditivas e salomónicas («castigar» ambas as partes de forma paternalista). Eran habituais as expresións de Franco en que desprezaba a actividade política e mesmo desconsideraba os seus propios ministros. Fíxose soado o seu consello: «faga coma min, non se meta en política».[37]

Falanxistas

[editar | editar a fonte]
Xugo e frechas para camisa. Anos 1940.

As «camisas vellas» da Falanxe orixinal de José Antonio Primo de Rivera axiña empezaron a recelar das «camisas novas» incorporados, sobre todo, na Guerra Civil. Isto sucedeu especialmente cando o Decreto de Unificación suprimiu todos os partidos e reuniu os que apoiaron o Alzamento Nacional no partido único FET y de las JONS ao servizo do liderado absoluto de Franco. O partido único aspiraba a controlar a vida social e económica a través do resto das institucións do Movimiento, entre elas, o Frente de Juventudes, a Sección Femenina, o Sindicato Vertical e o Auxilio Social.

Dentro do goberno a Falange desempeñou as carteiras sociais, como o Ministerio de Traballo, o de Vivenda e o de Agricultura, ademais da Secretaría xeral do Movimiento (cargo nato do goberno, aínda que tamén designado por Franco). No primeiro franquismo alcanzaron o 37,9 % dos ministerios e o 30,3 % dos altos cargos da administración. Un exemplo notábel foi José Antonio Girón de Velasco, o ministro máis novo (30 anos) e un dos que máis durou no goberno (1941-1957). Tamén houbo «aperturistas», como Adolfo Suárez, quen finalmente levou a cabo a transición democrática. Esa «pluralidade» podíase observar nas publicacións afíns, como o diario El Alcázar. Tras pasar por distintas orientacións, desde 1968 expresou as opinións do que se denominou o «búnker», o sector que aglutinaba a dereita máis extrema. Outros medios foron o oficialista Arriba e o Diario Pueblo, próximo ao Sindicato Vertical e dirixido por Emilio Romero.

Católicos

[editar | editar a fonte]
Valle de Los Caídos, monumento franquista de carácter relixioso no cal xace Primo de Rivera

Desde o comezo do franquismo a Asociación Católica de Propagandistas demostrou moita actividade, dirixida polos bispos e especialmente pola figura de Ángel Herrera Oria, quen controlaba tamén a prensa católica. Esta «familia» tiña unha especial relación co exterior pola súa vinculación coa Santa Sé e as democracias cristiás europeas. Controlaban o Ministerio de Asuntos Exteriores e o Ministerio de Educación. Un bo exemplo foi Joaquín Ruiz-Giménez. A ACNdP tamén controlou o sistema de represión franquista durante o final da guerra e a posguerra en España. Os dous primeiros ministros de Xustiza (Tomás Domínguez e Esteban Bilbao) e o primeiro director xeral de prisións da ditadura (Máximo Cuervo) foron propagandistas.[38]

A partir de 1957 accederon ao goberno os ministros económicos (denominados «tecnócratas») procedentes do Opus Dei (institución relixiosa fundada por Xosemaría Escrivá de Balaguer) e protexidos por Luis Carrero Blanco: Mariano Navarro Louro e Alberto Ullastres (responsábeis do Plan de Estabilización de 1959 e o desenvolvementismo posterior) e, á fronte de todos eles, Laureano López Rodó.

A renovación da Igrexa católica no Concilio Vaticano Segundo propiciou un distanciamento co réxime dunha parte da xerarquía eclesiástica dirixida polo cardeal Vicente Enrique y Tarancón. Chegou a ser moi evidente no caso Añoveros.

O tradicionalismo ou carlismo perdeu gran parte da súa relevancia política en canto acabou a guerra. Porén, mantivo certas cotas de poder. As áreas que se lle confiaban era o Ministerio de Xustiza e a presidencia das Cortes. Exemplo diso foron Esteban de Bilbao Eguía e Antonio Iturmendi Bañales, ambos ministros de xustiza e presidentes das Cortes Españolas.

Monárquicos

[editar | editar a fonte]

O seu órgano de expresión era o xornal ABC, da familia Luca de Tena. As súas relacións co réxime pasaron por achegamentos e distanciamentos. Chegouse a algún tipo de represión, como o desterro de quen acudiron ao chamado Contubernio de Múnic en 1962 ou o secuestro dunha edición de ABC en 1966. Do mesmo xeito, tamén mantiveron unha relación ambigua Franco e o pretendente á Coroa, Xoán de Borbón, exiliado en Estoril. Desde alí mantiña un consello privado que incluía personaxes destacados da ditadura, como José María Pemán ou Pedro Sainz Rodríguez.[39]

España definiuse nas Leis Fundamentais como un reino. Porén, Franco negouse a ceder a xefatura do Estado e a designar un sucesor, como prevía a Lei de Sucesión na Xefatura do Estado votada en referendo en 1947 (nun acto de lexitimación de masas do franquismo. Moito menos admitía a un personaxe en quen non confiaba, o conde de Barcelona (o título que usaba Xoán de Borbón), malia ser o herdeiro do rei anterior, Afonso XIII.

Mentres tanto, o seu fillo Xoán Carlos estaba a ser educado en España separado do seu pai. Finalmente quen obtivo a designación foi Xoán Carlos, en 1969. O nomeamento produciuse tras unha prolongada espera, non sen signos inquietantes de que podía optarse por calquera outro «príncipe de sangue real». Un dos candidatos era Afonso de Borbón e Dampierre, primo de Xoán Carlos, que contraera matrimonio con Carmen Martínez-Bordiú Franco, neta do ditador, e que reclamara simultaneamente os seus dereitos lexítimos sobre o trono de Francia. Na doenza final de Franco, Xoán Carlos, titulado príncipe de España, chegou a ocupar interinamente a xefatura do Estado en 1974, que lle foi retirada como consecuencia dunha transitoria melloría do ditador. Neste contexto referiuse a Franco como «figura decisiva historicamente e politicamente para España». Afirmou que «para min é un exemplo, día a día polo seu desempeño patriótico ao servizo de España, e ademais teño un afecto e admiración moi grande para el».[40]

Ademais, Xoán Carlos debeu xurar lealdade aos principios do Movemento Nacional tanto na súa designación como príncipe en 1969 como na súa proclamación real en novembro de 1975. No seu primeiro discurso de Nadal falou da súa «tristeza» ante a perda do Xeneralísimo e o seu «respecto e admiración» cara a el.[41]

O franquismo, un réxime fascista?

[editar | editar a fonte]
Estatua ecuestre de Franco, obra de José Capuz, que se atopaba na praza do Caudillo (actual Plaça de l'Ajuntament) de Valencia. Foi inaugurada en 1964 con motivo da celebración dos «XXV Anos de Paz». Foi retirada da praza en 1983 e trasladada á sede da Capitanía Xeral de Valencia no Convento de Santo Domingo. En 2010, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, foi levada a un acuartelamento de Bétera

A cuestión de se o franquismo foi un réxime fascista foi o núcleo central do longo, intenso e inacabado debate historiográfico sobre a natureza do franquismo. Neste debate non só interviñeron especialistas en historia senón tamén en política, socioloxía e leis (e mesmo protagonistas dos feitos). Estabeleceuse arredor de dúas posturas fundamentais: a que defenden quen consideran que o franquismo foi un réxime fascista e a de quen, seguindo a proposta do politicólogo Juan José Linz (formulada en 1964), consideran o franquismo un réxime autoritario, pero non fascista. As dúas posicións foron achegándose ao longo dos anos. Quen defenden a tese do autoritarismo recoñeceron a existencia dunha fase inicial «semifascista» no franquismo (como Stanley G. Payne ou Javier Tusell). Mesmo o propio Linz caracterizou xa o franquismo como un réxime autoritario «con compoñente fascista». Quen definen o réxime franquista como fascista engadiron algún tipo de matiz para diferencialo do «fascismo clásico».

Con todo, como non se chegaba a alcanzar un consenso sobre o tema, o historiador Ismael Saz propuxo en 1993 considerar o franquismo como un «réxime fascistizado». A alternativa foi aceptada por algunhas fontes e introduciu no debate o concepto de fascistización. Coa súa proposta Saz consideraba que se captaba a especificidade do franquismo:

«Os elementos que o asemellan ao fascismo diferénciano nítidamente das simples ditaduras de dereitas ou réximes autoritarios; os que o distancian daquel impiden a súa consideración como ditadura fascista. Na combinación de ambas facetas está a esencia do réxime franquista».

O cadro seguinte expón as diferenzas e coincidencias entre o franquismo e o fascismo segundo Saz:

Coincidencias e diferenzas entre o franquismo e os réximes fascistas segundo Ismael Saz.
Coincidencias Diferenzas
A ditadura franquista baseábase na mesma alianza antidemocrática e contrarrevolucionaria ca a italiana ou alemá, era tan represiva ―e en certo sentido mesmo máis― que aquelas. A correlación de forzas no seo da alianza contrarrevolucionaria non foi nunca favorábel ao sector fascista. A súa política represiva e aniquiladora da oposición obreira e democrática só foi parcialmente acompañada dun esforzo de remobilización ou articulación dun consenso activo. Houbo algo de política de praza pero bastante máis de cárcere, igrexa e cuartel.
Estruturábase sobre a base dun partido único e no principio da caudillaxe. O partido único foi realmente un partido unificado desde arriba e desde fóra. O caudillo non era a expresión ou concreción dalgunha forma de suposta vontade popular, senón da vontade divina («pola graza de Deus») e militar.
Tiña a mesma concepción centralizada e uniformadora do Estado; copiou boa parte das institucións esenciais do réxime fascista italiano. O Estado franquista era menos intervencionista e máis respectuoso da sociedade civil có fascista, pero estaba tamén mellor estruturado, carecía, é dicir, das connotacións anárquicas e darwinistas, propias, en maior ou menor grao, dos réximes fascistas.
Adoptou algo parecido a unha ideoloxía oficial. A ideoloxía oficial podía ser ou non unha ideoloxía pero desde logo non era unha ideoloxía fascista.
Instaurou unhas estruturas pretendidamente supraclasistas ou corporativas e refuxiouse na autarquía económica. Ninguén creu nunca no sindicalismo do Sindicato Vertical. A autarquía, máis que seguir a lóxica interna dos réximes fascistas, conectaba perfectamente coas tendencias autárquicas e defensivas dun capitalismo que máis que en expansión cara fóra buscaba protección fronte ao exterior.
Anunciou, como as ditaduras fascistas, o seu propósito de durar. Quixo durar con moito da retórica e instrumentos do modelo fascista mentres existise o ditador, para deixar paso despois a unha monarquía máis ou menos tradicional pero que, desde logo, pouco tería que ver xa co fascismo.

O primeiro franquismo (1939-1959)

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: O primeiro franquismo.

A primeira gran etapa da historia da ditadura do xeneral Franco abranguía dende o final da guerra civil española e o abandono da política autárquica coa aplicación do Plan de Estabilización de 1959. Adoita dividirse en tres subetapas.

  • A primeira (1939-1945) correspóndese coa Segunda Guerra Mundial e durante ela o réxime experimentou un proceso de fascistización xa iniciado durante a guerra civil para asemellarse á Alemaña nazi e sobre todo á Italia fascista. Dito proceso viuse abortado pola derrota das potencias do Eixe.
  • A segunda (1945-1950) constituíu o período máis crítico da historia da ditadura por causa do illamento internacional ao que foi sometido e á ofensiva da oposición. Porén, os cambios «cosméticos» que introduciu e sobre todo o inicio da Guerra Fría acabou reintegrándoo ao bloque occidental anticomunista.
  • A terceira (1951-1959) foi chamada tamén o decenio bisagra por tratarse dunha época intermedia entre o estancamento da autarquía dos anos 1940 e o desenvolvementismo dos anos 1960. Foi a época do esplendor do nacionalcatolicismo.

O franquismo de 1939 a 1945

[editar | editar a fonte]

A diferenza doutras ditaduras europeas do momento, só en España se estableceu tras unha guerra civil polo que, despois da derrota, chego o momento do castigo e da represión dos opoñentes do bando contrario.[42] A postguerra inmediata tivo un gran custo demográfico pois, ademais das perdas durante a guerra, na década seguinte, unhas 50.000 persoas foron executadas e na "retirada" (como se coñeceu ao exilio e a fuxida a través de Francia, marcharon outras 450.000 persoas.[43]

O franquismo de 1945 a 1950

[editar | editar a fonte]
Franco e o dirixente nazi Heinrich Himmler durante a súa visita a Madrid en 1940

Cando comezou a Segunda Guerra Mundial o 1 de setembro de 1939 Franco viuse obrigado a proclamar «a máis estrita neutralidade» de España. Isto debíase á precaria situación económica que atravesaba o país tras unha guerra civil que terminara só cinco meses antes. Pero as vitorias alemás sobre os Países Baixos, Bélxica e Francia en xuño de 1940 e a entrada na guerra de Italia do lado de Alemaña o día 10 deron un xiro á situación. Así, o 13 de xuño de 1940, co exército nazi a piques de entrar en París, Franco abandonou a neutralidade e declarouse «non belixerante», o status que adoptara Italia antes de entrar na guerra. O día seguinte as tropas españolas ocupaban Tánxer, cidade baixo un protectorado internacional, que quedou incorporada de feito ao Protectorado español de Marrocos.

O 23 de outubro de 1940 Franco e Hitler mantiveron unha entrevista en Hendaia para tentar resolver os desacordos sobre as condicións españolas para a súa entrada na guerra ao lado das potencias do Eixe. Un primeiro resultado foi a sinatura dun protocolo secreto no que Franco se comprometía a entrar na guerra nunha data que el mesmo determinaría, e no que Hitler garantía só vagamente que España recibiría «territorios en África». Outro resultado foi que, cando Hitler iniciou a invasión da Unión Soviética o 22 de xuño de 1941, Franco decidiu enviar un continxente de soldados e oficiais voluntarios (uns 47 000 en total, incluídas as diferentes substitucións). Foi coñecido como División Azul pola cor do uniforme falanxista.

Visita a Berlín de Ramón Serrano Suñer e o xeneral Sagardía, onde foron recibidos por Himmler

Ao ritmo dos éxitos militares do Eixe, o réxime acelerou o seu proceso de fascistización, é dicir, de adopción do ideario fascista e das súas formas específicas de organización política e social. Seguiu sobre todo o modelo da Italia fascista, que comezara na zona sublevada en plena guerra civil. A inspiración e dirección do proceso ficou a cargo do cuñadísimo, Ramón Serrano Suñer. Así se puxo en marcha o encadramiento e a mobilización social a través de tres organizacións sectoriais do partido único FET y de las JONS: a Frente de Juventudes, o Sindicato Español Universitario (SEU) e a Sección Femenina, cuxa finalidade era «formar a muller con sentido cristián e nacionalsindicalista». Tamén se estabeleceu unha extensa armazón nacionalsindicalista, a Organización Sindical Española (OSE), á que estaban obrigados a afiliarse todos os «produtores» (empresarios e traballadores).

O 17 de xullo de 1942 Franco promulgaba a segunda Lei Fundamental, a Lei Constitutiva das Cortes, o «órgano superior de participación do pobo español nas tarefas do Estado» e ámbito para o intercambio de opinións dentro da unidade do réxime. Porén, non tiñan capacidade lexislativa, senón unicamente «consultiva».

Con todo, o proceso de fascistización provocou serios temores entre os outros dous piares do franquismo, a Igrexa católica e o Exército. As tensións co partido único acabaron estalando en agosto de 1942 co atentado de Begoña que provocou unha grave crise política. Franco resolveuna destituíndo o «cuñadísimo» Serrano Suñer. Este foi substituído polo xeneral monárquico Francisco Gómez-Jordana, quen volvía facerse cargo do Ministerio de Asuntos Exteriores.

En novembro de 1942 tropas británicas e estadounidenses desembarcaban no norte de África para desaloxar de alí o Afrika Korps de Rommel e as tropas italianas. Para Franco era o fin dos seus soños imperiais e un posíbel risco de invasión por parte dos aliados, dado o seu aliñamento con Alemaña e Italia. Pero non foi até despois da caída de Mussolini en xullo de 1943, tras o desembarco aliado en Sicilia, cando Franco volveu á «estrita neutralidade» en contra dos seus propios desexos. En novembro ordenou a retirada da fronte rusa da División Azul e a paralización do proceso de fascistización.

O cambio no signo da guerra propiciou a maior crise que viviu o poder ditatorial de Franco. O 8 de setembro de 1943 recibiu unha carta asinada por 8 dos 12 tenentes xenerais na que lle pedían que considerase a restauración da monarquía. Foi a única vez en 39 anos que a maioría dos xenerais lle pedían a Franco que renunciase. Uns meses antes tamén llo reclamara Xoán de Borbón, herdeiro lexítimo de Afonso XIII. Porén, o ditador non fixo a máis mínima concesión. Limitouse a esperar e a situar nas postos claves a militares fieis á súa persoa.

Cartilla de racionamento española de 1945.

Entrementres, a situación económica non melloraba debido fundamentalmente á catastrófica política económica autárquica e intervencionista que se estaba aplicando. O resultado era unha pésima asignación dos recursos produtivos. A proba do mal funcionamento do sistema foi que inmediatamente xurdiu (á marxe do mercado regulado e das cartillas de racionamento) un mercado negro, o estraperlo, cara ao que se canalizaban os produtos xa que alí alcanzaban uns maiores prezos.

Imaxe de arado en 1950 en El Saucejo (Sevilla). A agricultura española durante os anos 1940 caracterizouse pola baixa produtividade e a escasa tecnificación

Así, a aplicación da política autárquica e intervencionista provocou unha fonda depresión económica de máis dunha década. A forte caída da produción agraria causou unha gravísima fame. Unicamente na segunda metade da década dos 40, cando a escaseza chegou a ser dramática, Franco autorizou a importación de produtos alimentarios. Só grazas ao trigo arxentino e estadounidense España salvouse dunha total catástrofe alimentaria.

Empeoraron as condicións de vida e traballo dos xornaleiros, dos campesiños pobres, dos obreiros das industrias e dos traballadores dos servizos, cun marcado descenso dos salarios reais. Interrompeuse o proceso de industrialización que España viña experimentando desde a segunda década do século XX. Non se conseguiu recuperar os niveis industriais de 1935 até quince anos despois de terminada a guerra, en 1955. Disparouse a inflación debido aos cuantiosos déficits orzamentarios financiados con emisións de débeda que era tomada pola banca privada, a cal a podía transformar inmediatamente en efectivo no Banco de España. O historiador da economía Carlos Barciela, ao facer balance dos anos da autarquía franquista, destacou que «o consumo da poboación, incluído o de produtos de primeira necesidade, afundiuse de forma dramática, e a fame cebouse en millóns de españois» polo que conclúe que a «evolución da economía española nos anos corenta foi catastrófica».

O franquismo de 1945 a 1950

[editar | editar a fonte]
Caricatura do debuxante estadounidense John F. Knott (1945). Nela aparece Franco coa esvástica nazi ameazado pola súa colaboración coas potencias do Eixe na Segunda Guerra Mundial, como as declaracións a prol da vitoria da Alemaña nazi ou o envío da División Azul á fronte rusa

Na Conferencia de Potsdam as tres potencias vencedoras na Segunda Guerra Mundial (Estados Unidos, Reino Unido e a Unión Soviética) fixeron pública unha declaración sobre a «cuestión española» que dicía:[44]

Os tres gobernos, con todo, séntense obrigados a declarar que, pola súa parte, non apoiarán ningunha solicitude de ingreso (na ONU) do presente Goberno español, o cal, sendo estabelecido co apoio das potencias do Eixe, non posúe, con base nas súas orixes, a súa natureza, o seu historial e a súa asociación estreita cos países agresores, as cualidades necesarias para xustificar ese ingreso.

A probábel vitoria dos aliados na Segunda Guerra Mundial suscitara enormes expectativas entre a oposición republicana, o que dera lugar á creación da Alianza Nacional de Forzas Democráticas e ao agravamento da actividade guerrilleira co maquis. O feito máis destacado foi o intento de invasión do Val de Arán en outubro de 1944 por parte dun continxente duns 6000 guerrilleiros comunistas, o cal constituíu un sonoro fracaso.

José Giral, presidente do Goberno da República no exilio

Namentres, en agosto de 1945 celebrouse unha sesión especial das Cortes republicanas en México. Nela nomeouse un goberno presidido por José Giral do que quedaron excluídos o negrinismo e o PCE. Con todo, ese goberno non foi recoñecido por ningunha das potencias vencedoras nin pola ONU, polo que José Giral acabou presentando a súa dimisión en febreiro de 1947. Ademais, a oposición republicana dividiuse en dous bandos: quen defendían aliarse cos monárquicos e aceptar un referendo sobre a forma de Estado, e quen seguían a defender a lexitimidade republicana.

Paralelamente os monárquicos recruaron a súa ofensiva. O 19 de marzo de 1945, cando a derrota de Hitler estaba moi próxima, Xoán de Borbón rompeu totalmente co franquismo. No Manifesto de Lausana declaraba que «o réxime implantado polo xeneral Franco, inspirado desde o principio nos sistemas totalitarios das Potencias do Eixe», era incompatíbel coa vitoria aliada e comprometía «o porvir da Nación». Por iso mesmo pedíalle a Franco que deixase paso á «monarquía tradicional». En febreiro de 1946 Xoán trasladou a súa residencia oficial a Estoril (Portugal). Recibiu unha carta de benvida asinada por 458 membros da elite española, incluídos dous exministros. O xesto causou unha fonda preocupación en Franco, que o considerou unha declaración de guerra».

A resposta do franquismo ao illamento internacional e ao agravamento da oposición monárquica foi a paralización definitiva do proceso de fascistización. Introduciu certos cambios que o fixesen máis presentábel exteriormente, pero sen reducir un chisco o poder absoluto e vitalicio de Franco. Un primeiro paso foi a promulgación o 17 de xullo de 1945 do Foro dos Españois, a terceira das Leis Fundamentais. Pretendía ser unha carta de dereitos e liberdades pero impuña moitas restricións e non daba garantías no seu exercicio. Constituíu, xa que logo, unha mera manifestación retórica. Un segundo paso foi nomear un novo goberno no que daba entrada ao político católico Alberto Martin Artajo. Este encargaríase do Ministerio de Asuntos Exteriores, o máis transcendental daquela, que ía estar acompañado doutros dous ministros da mesma tendencia.

O obxectivo era reforzar o catolicismo do Réxime e ofrecer unha nova imaxe ao mundo. Así, o goberno eliminou boa parte dos símbolos falanxistas, como o saúdo fascista, e para referirse ao partido único xa non se utilizou o termo oficial Falange Española Tradicionalista y de las JONS, senón que se preferiu falar de Movimiento Nacional. Deuse prioridade á base católica do franquismo, o que deu orixe ao que se chamou máis tarde nacionalcatolicismo, é dicir, a identificación da Igrexa católica co réxime franquista.

Así, aínda que a volta a moitos aspectos da vida relixiosa xa se producira durante a guerra civil e a posguerra, os ritos relixiosos introducíronse en todos os aspectos da vida, tanto pública como privada. O 22 de outubro de 1945 Franco promulgou a Lei do Referendo Nacional, a cuarta das Leis Fundamentais, que permitía someter a consulta do pobo os proxectos de lei que considerase oportunos.

Áreas onde actuou o maquis

Finalmente, seguindo os consellos de Luis Carrero Blanco, Franco ordenou «pechar filas» en torno ao réxime e lembrou obsesivamente a guerra civil. Para iso a actividade guerrilleira foi utilizada como «proba» de que a guerra civil continuaba.

Con todo, os cambios «cosméticos» e a campaña e a actividade despregada para convencer ao mundo de que o franquismo non tivera nada que ver coas potencias fascistas derrotadas na guerra, non tiveron ningún efecto inmediato. O ostracismo efectivo do réxime iniciouse o 28 de febreiro de 1946, cando o goberno francés pechou a fronteira con España. Catro días despois unha declaración conxunta dos Estados Unidos, o Reino Unido e Francia expresaba o seu repudio do franquismo e a súa confianza en que «españois patriotas e de espírito liberal atoparán os medios para conseguiren unha pacífica retirada de Franco» e o retorno á democracia.

Ao mesmo tempo a cuestión das sancións ao réxime franquista foi debatida na ONU ese mesmo ano, sempre coa negativa do Reino Unido e dos Estados Unidos a acordar medidas económicas ou militares. O 12 de decembro de 1946 a Asemblea Xeral da ONU acordou por 34 votos a favor, 6 en contra e 13 abstencións, a condena do réxime franquista. Nela dicíase que «pola súa orixe, natureza, estrutura e comportamento xeral, o réxime de Franco é un réxime fascista, organizado e implantado en gran parte mercé á axuda da Alemaña nazi e da Italia de Mussolini», o que «fai imposible que este pobo participe cos das Nacións Unidas nos asuntos internacionais… ata que se forme en España un goberno novo e axeitado… cuxa autoridade emane do consentimento dos gobernados». A continuación recomendaba a inmediata retirada dos embaixadores acreditados en Madrid. Esta última medida foi aplicada pola gran maioría dos países.

O réxime franquista organizou o 9 de decembro de 1946 unha gran manifestación de «indignación nacional» na praza de Oriente de Madrid baixo o lema «Franco si, comunismo no!». Dende o balcón principal do Palacio Real o ditador dirixiuse á multitude e atribuíu o illamento do réxime a unha conxura da masonaría e o comunismo. O mesmo día que a Asemblea Xeral da ONU condenaba o réxime, as Cortes franquistas aprobaban cuñar novas moedas coa efixie de Franco e a lenda: «Francisco Franco Caudillo de España por la Gracia de Dios». Outra vía para facer fronte ao illamento foi buscar o apoio internacional dos círculos católicos e anticomunistas en todo o mundo, especialmente entre os países latinoamericanos. Atopou o apoio do xeneral Juan Perón en Arxentina.

Chegada de Eva Perón a España en 1947. A Arxentina de Juan Perón foi un dos poucos apoios con que puido contar a ditadura franquista durante o seu illamento internacional

Porén, a estratexia principal do franquismo para sobrevivir foi buscar a lexitimación monárquica. Así, en marzo de 1947 deuse a coñecer a Lei de Sucesión na Xefatura do Estado, a quinta Lei Fundamental. O artigo 1° definía o réxime político español como «un Estado católico, social e representativo» que se constituía nun Reino «de acordo coa súa tradición». O artigo 2° outorgaba de modo vitalicio a «Xefatura do Estado» ao «Caudillo de España e da Cruzada, Xeneralísimo dos Exércitos», convertendo así a Franco en rexente de feito nunha «monarquía sen rei». O artigo 6° concedía a Franco o dereito a designar sucesor «co título de Rei ou de Rexente» «en calquera momento» e con plena capacidade de revogación da súa decisión.

Ao non mencionarse ningún dereito dinástico de sucesión, a resposta de Xoán de Borbón foi o Manifesto de Estoril do 7 de abril de 1947. Nel rexeitou a Lei e defendeu os dereitos de sucesión ao trono, que recaían na súa persoa. Esta mensaxe non se fixo pública en España, onde a prensa lanzou unha campaña contra «o pretendente». Como sinalou Paul Preston, dende a promulgación da Lei de Sucesión Franco actuou «ao modo dun monarca no recentemente proclamado reino de España» e «tomou para si as prerrogativas reais até o punto de crear títulos nobiliarios». Para buscar a lexitimidade «democrática» do réxime, a lei foi primeiro aprobada polas Cortes o 7 de xuño e sometida a referendo o 6 de xullo de 1947. Houbo unha altísima participación e o 93 % dos votos a prol do «si» como resultado da propaganda oficial (a única que se permitiu) e doutras medidas de presión. Unha delas, por exemplo, foi a presentación e selado da cartilla de racionamento como forma de identificación electoral.

A finais de 1947 apareceron as primeiras probas de que o inicio da guerra fría estaba a cambiar a actitude das potencias occidentais cara ao réxime de Franco. España tiña un valor estratéxico para o bloque capitalista ante un posible «ataque comunista» sobre Europa Occidental. A principios de 1948 Francia reabriu a fronteira con España e a principios de 1949 o réxime recibiu o primeiro crédito concedido por un banco estadounidense coa aprobación do seu goberno, cun valor de 25 millóns de dólares.

O proceso de «rehabilitación» da ditadura franquista completouse formalmente en 1950, despois de que en xuño dese ano estalase a guerra de Corea. O 4 de novembro de 1950 a Asemblea Xeral da ONU revogou por ampla maioría —co apoio estadounidense e a abstención francesa e británica— a resolución de condena do réxime franquista de decembro de 1946. Regresaron a Madrid os embaixadores occidentais e aprobouse a entrada de España nos organismos internacionais especializados da ONU.

Franco dando un discurso en Éibar en 1949. Durante a época do illamento do réxime, Franco aparecía poucas veces vestido de militar

A rehabilitación internacional do réxime franquista e a aprobación en referendo da Lei de Sucesión en xullo de 1947 debilitou seriamente a opción monárquica. Xoán de Borbón cambiou de estratexia respecto de Franco e o 25 de agosto de 1948 entrevistouse con Franco no seu iate Azor ancorado no golfo de Biscaia. Acordaron que o fillo de Xoán de Borbón, Xoán Carlos, se educaría en España baixo a tutela de Franco. O 7 de novembro o príncipe, de dez anos, chegou a España.

Pola súa banda, ante o recoñecemento internacional do franquismo, a oposición republicana quedou sen argumentos e a actividade guerrilleira decaeu. O PCE abandonou a guerrilla por completo en 1952, mentres que o anarquismo aínda levou a cabo accións esporádicas até 1963.

O franquismo de 1950 a 1959

[editar | editar a fonte]
Romaxe nunha vila de Andalucía (1953). Nos anos 1950 foi o esplendor do nacionalcatolicismo
Inauguración dos Bloques Ramiro Ledesma (hoxe Grupo Mariola) da Obra Sindical del Hogar en 1956, no barrio de La Mariola de Lleida

En 1951 volveu a protesta obreira coa folga de tranvías de Barcelona de 1951, consecuencia das penosas condicións laborais e o incremento dos prezos. A situación obrigou a Franco a reaccionar. En xullo nomeou un novo goberno que debería rectificar en parte a política económica para asegurarse que a conflitividade social non se reproducía. Porén, seguiu o predominio do catolicismo político. Nel entrou Carrero Blanco como ministro subsecretario da Presidencia.

Despois de longas negociacións chegouse ao acordo sobre un novo Concordato coa Igrexa católica. Supuxo un paso vital no recoñecemento internacional do réxime e a ratificación do predominio que o franquismo concedera á Igrexa católica a cambio da súa identificación total co réxime. En realidade o Concordato ratificou o statu quo xa existente entre a Igrexa e o Estado desde a guerra civil, especialmente desde 1945 coa hexemonía do nacionalcatolicismo. A partir da firma do Concordato, como sinalou Enrique Moradiellos, o triunfo do nacionalcatolicismo foi definitivo e incontestábel. Converteuse na ideoloxía oficial do Estado e no patrón normativo da conduta moral, pública e privada, do conxunto da sociedade española.

A negociación con Estados Unidos para a instalación de catro bases estadounidenses en territorio español (o Pacto de Madrid) a cambio dunha limitada axuda económica e militar culminou coa sinatura de tres «pactos executivos». España quedou incorporada ao sistema de defensa occidental pero sen acceder á toma de decisións, ao ser vetado o seu acceso á OTAN. As bases que se ían instalar estaban en teoría baixo a soberanía conxunta de España e de Estados Unidos. Porén, existía un acordo secreto adicional, polo que Estados Unidos podía decidir unilateralmente cando utilizalas «en caso de evidente agresión comunista que ameace a seguridade de Occidente». Doutra banda, almacenouse armamento atómico nelas, malia as protestas das autoridades franquistas.

Despois do acordo da Asemblea Xeral de 1950 España puido integrase progresivamente nos organismos especializados da ONU. En decembro de 1955 foi admitida como membro de pleno dereito da ONU, co que culminou o illamento do franquismo.

O ministro de Educación Nacional Joaquín Ruiz Giménez (no centro) xunto a Franco durante a inauguración do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (1954)

En febreiro do ano seguinte producíronse uns incidentes violentos na Universidade de Madrid. Houbo enfrontamentos entre estudantes que se manifestaban a favor de eleccións libres ao SEU e un grupo de falanxistas que viñan de celebrar a cerimonia anual do «Día do estudante caído». Como resultado da liorta houbo un estudante falanxista gravemente ferido dun balazo no pescozo, probabelmente por disparo dun dos seus compañeiros, que ían armados.

Era a primeira crise interna de envergadura á que tivo que enfrontarse o réxime desde 1942. O 11 de febreiro dese ano decretárase por primeira vez desde a súa promulgación a suspensión dos artigos 14 e 18 do Foro dos Españois. Franco resolveu esta situación destituíndo os dous ministros «responsábeis» dos feitos: o católico Joaquín Ruiz-Giménez, ministro de Educación, e o falanxista Raimundo Fernández Cuesta, secretario xeral do Movimiento e responsábel do SEU.

Neste contexto produciuse a independencia de Marrocos e a guerra de Ifni-Sáhara. En marzo de 1956 Francia outorgou a independencia á zona de Marrocos que estaba baixo o seu protectorado. Un mes despois o goberno español viuse obrigado a facer o mesmo ao producírense disturbios independentistas tamén na súa zona. Marrocos reclamou tamén a soberanía sobre Ifni, un territorio na costa atlántica marroquí baixo soberanía española que non formaba parte do Protectorado español, polo que non foi cedido no momento da independencia. A guerra de Ifni-Sáhara foi silenciada pola prensa e até febreiro de 1958 non se conseguiu restabelecer a normalidade en Ifni e no Sáhara Español.

En 1957 produciuse unha nova crise política por mor do proxecto do falanxista José Luis Arrese de institucionalizar o franquismo reforzando os poderes do partido único falanxista. O feito desatou unha gran oposición no seo do Exército, na Igrexa católica, no resto de «familias» do réxime e no propio goberno. Os monárquicos franquistas tacharon o proxecto de «totalitario» e a xerarquía eclesiástica denunciouno por estar «en desacordo coas doutrinas pontificias» e por non ter «raíces na tradición española». En cambio, defendeu que se promovese unha representación orgánica real no canto dunha ditadura de partido único, como o fascismo en Italia, o nazismo en Alemaña ou o peronismo na Arxentina.

Ante tal cúmulo de protestas, e ante a prioridade que comezou a dar aos problemas económicos, en febreiro de 1957 Franco decidiu arquivar sine die o proxecto de Arrese. Do mesmo só viu a luz o ano seguinte o proxecto de Lei de Principios do Movemento Nacional, totalmente remodelado por Carrero Blanco. A sexta Lei Fundamental definía o Movimiento non como un partido ou unha organización, senón como unha «comuñón», ao modo carlista. O réxime era caracterizado como unha «monarquía tradicional, católica, social e representativa», un principio «permanente e inalterábel pola súa propia natureza». Ademais reiteraba a confesionalidade «Católica, Apostólica e Romana» do Estado español e o seu compromiso coa «participación do pobo» nas tarefas de goberno mediante a «representación orgánica» das «entidades naturais da vida social: familia, municipio e sindicato».

Ante o serio agravamento da situación económica, Carrero Blanco convenceu a Franco para que renovase o goberno. Entraron nos ministerios económicos dous «técnicos» que tiñan en común pertencer ao Opus Dei (Alberto Ullastres, no Ministerio de Comercio, e Mariano Navarro Rubio, no de Facenda). Carrero Blanco entrara en contacto con este grupo a través de Laureano López Rodó, catedrático de dereito e tamén membro do Opus Dei. Carrero acababa de nomealo para un alto cargo no seu ministerio, a Subsecretaría da Presidencia. O seu obxectivo era pór en marcha un programa de racionalización e liberalización económica conectada a unha reforma da Administración do Estado.

Franco co presidente Eisenhower en 1959

A partir de 1958 volveron as folgas (que continuaban a ser un delito), sobre todo en Asturias e Cataluña. Estaban centradas nas reclamacións salariais, xa que a inflación estaba a provocar a caída dos salarios reais. En particular, a minaría da hulla asturiana foi escenario de recorrentes folgas, as cales achegaron un novo mecanismo de representación obreira que tería singular éxito no futuro. Tratábase da comisión de obreiros elixida entre os folguistas (á marxe dos enlaces «sindicais» e dos «vogais xurados de empresa» da Organización Sindical) para expor as súas reclamacións directamente á dirección da empresa ou aos patróns. A intensidade do movemento de folgas en Asturias levou a Franco a decretar o 14 de marzo de 1958 a segunda suspensión do Foro dos Españois e o estado de excepción na rexión por catro meses.

Os anos cincuenta pecháronse con dous acontecementos bastante importantes na historia do franquismo. O 1 de abril de 1959 (20 anos despois do final da guerra civil) inaugurouse o chamado Valle de Los Caídos, o monumento conmemorativo de Franco á súa vitoria nesta e que ía acoller os seus restos cando morrese.[45] Por outra banda, en decembro de 1959 realizou unha breve visita a Madrid o presidente dos Estados Unidos, o xeneral Eisenhower, nada menos que o excomandante en xefe dos exércitos aliados que derrotaran as potencias fascistas na Segunda Guerra Mundial. Esta visita, segundo Moradiellos, «probabelmente constituíu a apoteose internacional da ditadura de Franco».

O segundo franquismo (1959-1975)

[editar | editar a fonte]
Mapa de España en 1960. O Sahara Occidental, Guinea Ecuatorial e Ifni (Marrocos) aínda pertencían a España
Imaxe do Barrio das Flores (A Coruña), de protección oficial. Foi construído entre 1964 e 1967 e inaugurado por Franco

O segundo franquismo (1959-1975) foi a segunda gran etapa da ditadura. Durante ela produciuse un crecemento económico espectacular, o chamado «milagre económico español», pero que non estivo acompañado de cambios políticos. Adóitase dividir en dous subetapas:

O franquismo de 1959 a 1969

[editar | editar a fonte]
División provincial e rexional de España en 1960, incluíndo as provincias españolas en África
Franco e a súa esposa Carmen Polo en 1968

Entre 1957 e 1959 a economía española atopábase ao límite. Para afrontar esa difícil situación, o equipo «tecnócrata» do Opus Dei do goberno nomeado en 1957 puxo en marcha o Plan de Estabilización e Liberalización, un conxunto de disposicións decretadas entre o 17 de xullo e o 5 de agosto de 1959. A súa finalidade era «dar unha nova dirección á política económica, co fin de aliñar a economía española cos países do mundo occidental e liberala de intervencións herdadas do pasado que non se corresponden coas necesidades da situación». Así constaba no memorando aprobado o 30 de xuño e dirixido polo goberno español ao FMI e á OECE.

Os obxectivos do Plan foron alcanzados con bastante rapidez. Estabilizáronse os prezos, mantívose o tipo de cambio da peseta e saneouse a balanza de pagamentos, ao combinarse a caída das importacións co aumento dos ingresos por turismo e os primeiros investimentos estranxeiros. A partir de entón a economía española experimentou un crecemento sen precedentes que acabou transformando radicalmente a estrutura social do país. Grazas ás anteditas medidas, a economía española puido aproveitar as favorábeis condicións do mercado internacional e o impacto positivo do «hipercrecemento» que estaban a experimentar as economías occidentais desde o final da Segunda Guerra Mundial.

O crecemento da poboación española entre 1950 e 1981 tivo unha distribución xeográfica extremadamente desequilibrada

Así pois, pódese dicir que o crecemento dos anos 60 foi resultado dunha recuperación de oportunidades perdidas anteriormente polas limitacións que impuña a política autárquica e intervencionista. A partir de 1959 puidéronse aproveitar catro compoñentes esenciais:

  • Os baixos prezos das materias primas en xeral e dos produtos enerxéticos en particular, especialmente o petróleo.
  • A maior dispoñibilidade de novas fontes de financiamento exterior. Nutríase agora de remesas de emigrantes (6000 millóns de dólares entre 1960 e 1975), divisas de turistas (de 6 millóns de visitantes en 1960 pasouse a máis de 34 millóns en 1973) e entradas de capital (preto de 7000 millóns de dólares entre 1960 e 1973), elementos compensadores dos fortes déficits comerciais rexistrados no período.
  • A fácil adquisición nun mercado internacional expansivo da tecnoloxía e dos produtos necesarios para secundar os cambios que o propio crecemento impoñía nos patróns da demanda de bens de produción e de consumo.
  • A abundante dispoñibilidade de man de obra, que tiña as súas dúas grandes reservas na poboación feminina e na poboación agraria desexosa de incorporarse a postos de traballo industriais. Contábase cunha válvula de seguridade adicional que permitía desviar cara a mercados laborais doutros países europeos a maior parte da forza de traballo excedente (arredor de 2 millóns de emigrantes). Isto fixo posíbel que a taxa de desemprego se mantivese nuns niveis moi baixos (arredor do 2 %) ao longo da década de 1960.
Caricatura de De Alba publicada por The Washington Daily News. Nela os anciáns ditadores de España e de Portugal, Franco e Salazar, reúnense para dialogar: «Usamos estes balocos porque os necesitamos!».

Durante este período de enorme crecemento (entre 1960 e 1973 foi superior ao 7 % anual e na industria preto do 10 %) produciuse un cambio estrutural na economía. España deixou de ser un país predominantemente agrario para converterse nun país industrial. A participación do produto agrario no PIB baixou do 22,6 % en 1960 ao 11,6 % en 1973 e a poboación activa agraria pasou do 39,8 % en 1960 ao 24,9 % en 1970.

Praia de Tossa de Mar en 1974. O turismo foi unha de claves do «milagre económico español»
Unha nai cos seus tres fillos xunto o seu Seat 600 a mediados dos anos 1960. O Seat 600 foi o símbolo da nova sociedade de consumo de masas
O Hospital Universitario La Paz foi creado en 1964

O «milagre económico español» supuxo importantes cambios sociais. Porén, como subliñou Santos Juliá, en realidade «o que define os anos sesenta non é o comezo do proceso de modernización, senón a continuación dunha historia paralizada por unha vontade política vitoriosa ao termo dunha guerra civil» e polas consecuencias internacionais da súa separación temporal do ámbito económico e político organizado por Estados Unidos.

Produciuse así o que algúns historiadores, como Enrique Moradiellos, chamaron o «paradoxo do franquismo». O réxime interrompera durante 20 anos o proceso de modernización económica e social iniciado en España a finais do século XIX. De feito, en 1950 a porcentaxe da poboación activa agraria seguía sendo superior ao de 1930. Porén, a partir da posta en marcha do Plan de Estabilización de 1959 o franquismo foi o promotor e patrocinador desa modernidade. Aproveitou a súa reincorporación aos fluxos comerciais e financeiros internacionais a través da OECE (á que se incorporou en 1958-1959)[46] e as crecentes relacións cos Estados Unidos.

Así, durante a década de 1960 a sociedade española estaba cada vez máis próxima ás súas homólogas de Europa occidental na súa estrutura, características e grao de desenvolvemento e diversificación. Era unha sociedade progresivamente instalada na cultura do consumo masivo e o goce do lecer. A renda per cápita de 1042 dólares en 1960 alcanzou os 1904 ao remate da década (Italia pasara de 1648 a 2653 dólares no mesmo período).

Porén, os cambios económicos e sociais non estiveron acompañados de cambios políticos. Grazas ao apoio de Carrero Blanco, os «tecnócratas» consolidaron as súas posicións nas dúas remodelacións do goberno que levaron a cabo en 1962 e 1965. Con todo, o seu programa político fixouse como obxectivo conseguir aumentar o benestar material da poboación para dotar dunha nova lexitimidade o réxime. Buscaban completar a súa institucionalización para asegurar que perdurase despois de Franco. En 1963 aprobouse unha Lei de Bases da Seguridade Social e en 1966 a Lei Orgánica do Estado, a última e a máis importante das Leis Fundamentais do franquismo, xa que equivalería a unha constitución. Para dotala dunha lexitimidade «popular», a Lei Orgánica do Estado foi sometida a referendo o 14 de decembro de 1966. O 95,9 % dos votos deron apoio ao si (só o 1,8 % votou non).

Ante o ascenso dos «tecnócratas», a Falange «atrincheirouse» na Organización Sindical. Promoveu unha «apertura» da mesma cara aos traballadores que a convertese nun grupo de presión no seo do franquismo. Ese proceso dirixiuno o ministro José Solís Ruiz e culminou coas eleccións sindicais de «enlaces» e de «vogais xurados» de finais de 1966, que gozaron dunha relativa liberdade. Pero estas eleccións non só non reforzaron as posicións falanxistas, senón que serviron para que a oposición de esquerda copase moitos dos postos elixidos a través do movemento clandestino das chamadas «comisións obreiras».

O proxecto «aperturista» falanxista de Solís complementábase coa creación de «asociacións» dentro do Movemento, para dotar o réxime dun certo nivel de «participación» popular no chamado «contraste de pareceres». Porén, o proxecto foi bloqueado pola oposición «inmobilista» dos «tecnócratas» e de Carrero (co apoio total do propio Franco), ante o temor de que as «asociacións» puidesen ser a vía para a reaparición dos partidos políticos.

En realidade os dous únicos éxitos apreciables que lograron os «aperturistas» foron a aprobación da Lei de Prensa e Imprenta de marzo de 1966 e a Lei de Liberdade Relixiosa de xuño de 1967. A primeira, promovida polo ministro falanxista Manuel Fraga Iribarne, supuxo un notábel avance. Suprimía a censura previa e autorizaba as empresas editoras a designar libremente o director do diario ou da revista. Con todo, a lei impuña duras sancións administrativas, civís e penais se se excedían os numerosos límites que impuña o artigo 2º:

«A liberdade de expresión e o dereito á difusión de información, [...] non terán máis limitacións ca as impostas polas leis. Son limitacións: o respecto á verdade e á moral; o acatamento á Lei de Principios do Movimiento Nacional e demais Leis Fundamentais; as esixencias da defensa Nacional, da seguridade do Estado e do mantemento da orde pública interior e a paz exterior; o debido respecto ás institucións e ás persoas na crítica da acción política e administrativa; a independencia dos Tribunais e a salvagarda da intimidade e do honor persoal e familiar».

A segunda lei foi promovida polos católicos franquistas, concretamente polo ministro de asuntos exteriores Fernando María Castiella, de acordo coas novas orientacións do Concilio Vaticano Segundo, pero impuxo fortes restricións ás confesións non católicas. Como dicía Carrero, «toda práctica que non sexa católica compromete a unidade espiritual de España».

Cartel de propaganda a prol do «si» no Referendo sobre a Lei Orgánica do Estado celebrado o 14 de decembro de 1966. Esta votación converteuse nun plebiscito sobre Franco (non houbo propaganda a prol do «non»)

Tras a promulgación da Lei Orgánica do Estado, a posición de Carrero Blanco viuse reforzada ao ser nomeado por Franco vicepresidente do goberno en setembro de 1967. Iso permitiulle pór en marcha a «Operación Príncipe», co obxectivo de que Franco designase como sucesor ao fillo de Xoán de Borbón, o príncipe Xoán Carlos, quen desde 1948 estaba baixo a «tutela» de Franco. O 22 de xullo de 1969 Franco propúxoo ás Cortes como «o meu sucesor» á fronte dunha «Monarquía do Movimiento Nacional, continuadora perenne dos seus principios e institucións» e asumindo o título de príncipe de España. Foi aprobado por 491 votos a favor, 19 en contra e 9 abstencións.

Franco presidindo o desfile militar da Vitoria en Madrid o 5 de xuño de 1969. En segundo plano, o príncipe Xoán Carlos, a quen Franco designou como sucesor o mes seguinte «co título de rei»
Franco saúda ao seu colaborador, o almirante Luis Carrero Blanco

O triunfo incontestado de Carrero co nomeamento de Xoán Carlos como sucesor acentuou o enfrontamento no seo do goberno entre os «tecnócratas» e os «aperturistas». O episodio final constituíuno o escándalo Matesa a mediados de 1969. Nel víronse implicados dous ministros do Opus Dei, o que tentou ser aproveitado polos ministros «aperturistas» (Solís e Fraga) para desbancar os «tecnócratas» do goberno difundindo os feitos na prensa do Movimiento, que eles controlaban.

Con todo, o resultado final foi o contrario ao esperado. O Opus Dei saíu reforzado ao aceptar Franco as demandas de Carrero a favor dun «goberno unido e sen desgaste». Así naceu en outubro de 1969 o «goberno monocolor», un termo cuñado polos seus adversarios ao estar integrado case exclusivamente por «tecnócratas» do Opus Dei ou por persoas afíns a Carrero Blanco ou a López Rodó. Carrero foi ratificado na vicepresidencia pero exercendo as funcións de presidente real, pois dende entón recibiu os ministros e despachou semanalmente con eles. Os tres ministros «aperturistas» (Fraga, Solís e Castiella) saíron do goberno.

O primeiro e máis importante desafío ao que tiveron que facer fronte os gobernos franquistas foi o retorno da conflitividade obreira. Iniciouse coa folga mineira de Asturias de 1962 e deu nacemento ás «comisións obreiras», que xurdiron espontaneamente para negociar directamente cos patróns os convenios colectivos á marxe da Organización Sindical.

Unha segunda fronte da que tivo que ocuparse o réxime foron as protestas estudantís na Universidade, que lograron a disolución do SEU. Obtiveron o apoio dalgúns catedráticos, como José Luís López Aranguren, Enrique Tierno Galván e Agustín García Calvo, quen foron expulsados da Universidade de Madrid por esa causa.

Un terceiro ámbito de oposición, o que maior desconcerto causou no réxime e no propio Franco, foi a aparición de sectores católicos que se opuñan ao franquismo. Tratábase dun fenómeno directamente relacionado co novo rumbo pastoral e democratizador do Concilio Vaticano Segundo. Así, numerosos laicos e sacerdotes progresistas participaron nas protestas obreiras e estudantís. Ademais, as igrexas serviron como centros de reunión, aproveitando a inmunidade da que gozaban grazas ao Concordato de 1953. Como resultado desas actividades de oposición, uns cen sacerdotes e frades pasaron polo cárcere Concordataria de Zamora entre 1968 e 1975.

Tamén rexurdiron as reivindicacións culturais e políticas en Cataluña e no País Vasco. O acto de protesta que se adoita sinalar como o inicio do renacemento do catalanismo foron os sucesos do Palau da Música o 19 de maio de 1960. A eses actos seguíronos a fundación de Òmnium Cultural (a primeira organización cultural catalanista) o 11 de xullo de 1961 e a primeira convocatoria desde a guerra civil para celebrar a «diada de Cataluña», daquela ilegal, o 11 de setembro de 1964.

Logo de ETA

Canto ao País Vasco, o renacemento nacionalista tamén foi resultado da actividade das novas xeracións xurdidas tras a guerra que rexeitaban o suposto conformismo e pasividade do PNV e do goberno vasco no exilio. En xullo de 1959 xurdiu un novo partido nacionalista, Euskadi Ta Askatasuna (ETA), que en galego significa «Patria Vasca e Liberdade». En 1962 definiuse como «movemento revolucionario de liberación nacional» e acabou optando pola loita armada para pór fin á «opresión do pobo vasco» que levaba a cabo a ditadura. En agosto de 1968 ETA asasinou en Irún un comisario de policía acusado de torturador. Desde entón, a súa actividade terrorista (outro asasinato en 1968, un en 1969, un secuestro en 1970) converteuse no primeiro problema político e de orde pública do franquismo. Este respondeu cunha enorme represión xeral e indiscriminada no País Vasco.

Santiago Carrillo, secretario xeral do PCE

Neste contexto de crecente conflitividade obreira, estudantil, eclesiástica e rexional, os partidos e organizacións obreiras (PSOE, UXT, CNT, PCE) reconstruíronse no interior. O grupo máis activo, mellor organizado e con maior militancia deles foi o Partido Comunista de España.

A represión franquista cebouse precisamente sobre estas organizacións da esquerda obreira. Foi o caso do dirixente comunista Julián Grimau, executado en abril de 1963 por presuntos crimes cometidos durante a guerra civil, o que levantou unha maior ondada de protestas en toda Europa. Como consecuencia delas, os «delitos políticos» pasaron da xurisdición militar á civil, coa creación do Tribunal de Orde Pública. Nos seus catro primeiros anos de actividade o TOPincoou máis de 4500 sumarios por delitos de «propaganda ilegal», «asociación ilícita», «reunión ilegal», «manifestación ilegal» e «difamación do Xefe do Estado», entre outros.

Fóra do ámbito da esquerda obreira, tamén xurdiron algúns grupos encabezados por personalidades destacadas. Entre os democristiáns atopábanse José María Gil Robles (o antigo líder da CEDA), Manuel Giménez Fernández (exmembro da CEDA) ou o exministro Joaquín Ruiz-Giménez. Este último fundou en 1964 a revista Cuadernos para el Diálogo, que pronto se converteu no principal órgano de expresión «tolerado» da oposición antifranquista. Outros grupos eran os socialdemócratas do antigo falanxista Dionisio Ridruejo ou os monárquicos de Joaquín Satrústegui (quen seguían fieis a Xoán de Borbón). O acto de maior repercusión destes grupos tivo lugar en xuño de 1962 con motivo da celebración en Múnic do IV Congreso do Movemento Europeo, no que se opuxeron á entrada do réxime na Comunidade Económica Europea (CEE), o que a prensa franquista chamou o «contubernio de Múnic». A CEE xa declarara que «os estados cuxos gobernos carecen de lexitimidade democrática e cuxos pobos non participan nas decisións gobernamentais nin directamente nin mediante representantes elixidos libremente, non poden pretender ser admitidos no círculo dos pobos que forman as Comunidades Europeas».

Sinatura da independencia de Guinea Ecuatorial polo entón ministro español Manuel Fraga xunto co novo presidente, Francisco Macías Nguema, o 12 de outubro de 1968

Por outra banda, no ámbito internacional, a ditadura fixo fronte durante este período ás demandas da ONU sobre os territorios da Guinea Española. En novembro de 1965 a IV Comisión da Asemblea da ONU aprobou un proxecto de resolución no que se pedía a España que fixase canto antes a data para a independencia de Guinea Ecuatorial. En decembro de 1966 o Consello de Ministros do Goberno español acordou preparar unha Conferencia Constitucional sobre o tema. En outubro de 1967 inaugurouse a devandita Conferencia, presidida por Fernando María Castiella, ministro español de Asuntos Exteriores. Os traballos da Conferencia levaron á independencia de Guinea Ecuatorial en outubro de 1968 e á crise diplomática entre España e Guinea Ecuatorial de febreiro de 1969. Por outra banda, produto doutra crise diplomática co Reino Unido, en xuño dese ano iniciouse o peche da Reixa de Xibraltar.

O tardofranquismo (1969-1975)

[editar | editar a fonte]
Praza de Cibeles de Madrid en 1968

Durante os catro anos que estivo no poder o goberno «monocolor» de 1969, foise acentuando a ruptura entre o bloque «inmobilista» (a cuxa fronte se situou xa claramente Carrero co respaldo do propio Franco) e o «aperturista». Este último, conforme afondaron as súas diferenzas co «inmobilista», foi adoptando unha postura cada vez máis decididamente «reformista». Estaba convencido de que a única saída posible ao franquismo era a democracia, aínda que «de imprecisos contornos» e «tutelada» desde o poder. Pola súa parte, o «continuísta inmobilista» reafirmou a súa negativa a introducir o máis mínimo cambio no réxime, polo que tamén se lle chamou búnker.

Documental británico de 1971 sobre a España de Franco. Inclúe o desfile da Vitoria de 1970 ou 1971, a disolución dunha manifestación estudantil da Universidade de Madrid pola Policía Armada a cabalo con motivo do proceso de Burgos e o nomeamento do príncipe Xoán Carlos como sucesor de Franco

O goberno «monocolor» de Carrero foi perdendo en gran medida o control da situación ante o agravamento da conflitividade laboral e estudantil, fronte á que só soubo responder co emprego das forzas de orde pública. Como escarmento público, en 1970 o Goberno decidiu que 16 persoas detidas por presunta militancia en ETA (entre elas dous sacerdotes) fosen xulgadas de xeito conxunto nun consello de guerra. Porén, o efecto que se logrou foi exactamente o contrario. O anuncio do coñecido como Proceso de Burgos levantou unha ondada de solidariedade no País Vasco e en Navarra, un revulsivo clave para que o nacionalismo vasco recuperase a súa implantación social. Ademais, o Proceso de Burgos suscitou unha campaña internacional de solidariedade co pobo vasco e a favor do restabelecemento das liberdades democráticas en España.

O Movimiento organizou en resposta unha gran manifestación de apoio a Franco na praza de Oriente de Madrid. Así mesmo, o Proceso de Burgos supuxo un novo fito no distanciamento entre a Igrexa católica e o franquismo. Motivou unha crítica pastoral conxunta dos bispos vascos e un pronunciamento da Conferencia Episcopal Española a prol da clemencia e as garantías procesuais. Ante o eco espertado e as numerosas peticións de clemencia chegadas de todas partes, Franco optou por conmutar as seis penas de morte que ditara o tribunal militar.

Franco durante unha audiencia no Palacio de El Pardo en abril de 1972

A mediados de 1973 era cada vez máis evidente o fracaso político do «continuísmo inmobilista» de Carrero e os «tecnócratas». Así o denunciou ao mesmo Franco o ministro da Gobernación, Tomás Garicano Goñi, cando presentou a súa dimisión en maio dese ano. Con todo, desta crise saíu aínda máis reforzado Carrero Blanco, ao ser nomeado por Franco presidente do Goberno, cargo que nunca quixera ceder en 37 anos de ditadura.

Con todo, o novo goberno só durou seis meses. A mañá do 20 de decembro de 1973 ETA detonou unha bomba colocada baixo o asfalto nunha céntrica rúa de Madrid cando pasaba o coche oficial de Carrero Blanco, causándolle a morte. A rápida asunción do poder polo vicepresidente Torcuato Fernández Miranda ante o aturdimiento de Franco ao recibir a nova impediu que se puxesen en marcha medidas extremas por parte do búnker e o Exército non foi mobilizado. Ao final do funeral houbo un intento de agresión ao cardeal Tarancón que oficiara a cerimonia. Abriuse así a crise política máis grave de todo o franquismo, xa que fora asasinada a persoa que designara Franco para asegurar a supervivencia do réxime despois da súa morte.

Por influencia da súa contorna familiar, en xaneiro de 1974 Franco nomeou Carlos Arias Navarro presidente do Goberno, o que supuxo que os «tecnócratas» do Opus Dei quedasen excluídos. No seu lugar, Arias Navarro recorreu ás «familias» do réxime tentando gardar un certo equilibrio entre «continuistas» e «reformistas». Porén, o novo presidente carecía de proxecto político propio.

Nun principio pareceu que adoptaba o proxecto «reformista». No discurso de presentación do novo goberno ante as Cortes franquistas o 12 de febreiro de 1974, Arias Navarro fixo certas promesas «aperturistas». Con todo, este «espírito do 12 de febreiro», como o bautizou a prensa, só durou un par de semanas. A finais do mes o arcebispo de Bilbao, Antonio Añoveros Ataún, foi cominado a marchar de España por subscribir unha pastoral a favor da «xusta liberdade» do pobo vasco. O 2 de marzo o anarquista catalán Salvador Puig Antich, acusado da morte dun policía, foi executado no garrote vil, malia as manifestacións de protesta duramente reprimidas pola policía e as peticións de clemencia procedentes de todo o mundo.

O presidente do goberno Carlos Arias Navarro visita Franco durante a súa convalecencia no hospital de La Paz en Madrid en 1975

O anacronismo e a soidade do franquismo fixéronse patentes cando o 25 de abril de 1974 triunfou en Portugal un golpe militar que puxo fin á ditadura salazarista, a máis antiga de Europa. A sensación de que se estaba asistindo á súa crise agónica e final acentuouse cando en xullo de 1974 Franco foi hospitalizado por mor dunha tromboflebite, o que lle obrigou a ceder temporalmente os seus poderes ao príncipe Xoán Carlos. Unha vez recuperado minimamente reasumiunos a principios de setembro.

Aos poucos días, un atentado de ETA causaba a morte a 12 persoas e fería máis de 80 cunha bomba na cafetaría Rolando da rúa do Correo de Madrid, onda a Porta do Sol, que adoitaban frecuentar axentes da Dirección Xeral de Seguridade. Este feito alentou aínda máis ao búnker, que co respaldo de Franco conseguiu que o ministro máis «aperturista», Pío Cabanillas, fose destituído o 29 de outubro. A situación provocou un feito insólito na historia do franquismo, xa que en solidariedade dimitiu outro ministro «reformista», Antonio Barrera de Irimo, e outros altos cargos da administración da mesma tendencia. Moitos deles foron protagonistas destacados da posterior «transición».

Conforme se vía máis próxima a morte de Franco, foise rexistrando un paulatino reforzo da oposición antifranquista. Ao mesmo tempo esta foi converxendo cara á unificación das súas diversas propostas para acabar con ditadura. O modelo que se seguiu foi o da Asemblea de Cataluña, creada en novembro de 1971, cuxo lema «Llibertat, Amnistía i Estatut d'Autonomia» foi adoptado por toda a oposición. En xullo de 1974 Santiago Carrillo, secretario xeral do Partido Comunista de España, presentou en París a Junta Democrática, o primeiro froito do proceso de converxencia da oposición de ámbito estatal. O seu programa baseábase na «ruptura democrática» co franquismo mediante a mobilización cidadá. Con todo, o PCE non conseguiu integrar no seu «organismo unitario» as forzas de oposición que non estaban dispostas a aceptar a hexemonía comunista, co PSOE á súa fronte. Estas, ademais, discrepaban cos integrantes da Junta Democrática nun asunto fundamental: que estaban dispostas a aceptar a monarquía de Xoán Carlos se esta conducía o país a un sistema político plenamente representativo. Estes grupos acabaron constituíndo o seu propio organismo unitario en xuño de 1975, a Plataforma de Convergencia Democrática.

O inicio da crise económica en 1974, agravada en 1975 co aumento da inflación e do desemprego, alimentou a ondada de folgas e de mobilizacións obreiras máis importante da historia do franquismo. Ademais, aumentou a actividade terrorista. ETA causou 18 vítimas mortais en 1974 e 14 en 1975. Pola súa parte, o FRAP cometeu tres atentados mortais en 1975. A situación agravou a represión e en agosto de 1975 aprobouse un decreto-lei «de prevención e axuizamento dos delitos de terrorismo e subversión contra a paz social e a seguridade persoal». O texto legal revalidaba a xurisdición militar como no primeiro franquismo. Esta espiral represiva cebouse en especial no País Vasco.

En aplicación da lexislación antiterrorista, entre o 29 de agosto e o 17 de setembro de 1975 foron sometidos a distintos consellos de guerra e sentenciados a morte 3 militantes de ETA e 8 do FRAP. Isto provocou unha importante resposta popular e de rexeitamento no exterior, así como peticións de clemencia por parte dos principais dirixentes políticos europeos, incluído o papa Paulo VI. Malia iso, Franco non conmutou as penas de morte a 2 dos 3 militantes de ETA e a 3 dos 8 do FRAP, e os 5 foron fusilados o 27 de setembro de 1975. Este feito, cualificado como «brutal» pola maior parte da prensa europea, acentuou o rexeitamento internacional ao franquismo e deu lugar numerosas manifestacións antifranquistas en varias cidades europeas. Así mesmo, os embaixadores dos principais países europeos abandonaron Madrid, co que o réxime volveu experimentar un illamento e reprobación moi similares aos que sufrira na inmediata posguerra mundial.

Como resposta, o 1 de outubro de 1975 o Movimiento organizou unha concentración de apoio a Franco na praza de Oriente de Madrid. No seu discurso un Franco moi débil e case sen voz volveu afirmar que existía unha «conspiración masónica e esquerdista» contra España. Doce días despois caeu enfermo. O 30 de outubro, consciente da súa gravidade (xa sufrira dous infartos), traspasou os seus poderes ao príncipe Xoán Carlos. O 3 de novembro foi operado a vida ou morte nun improvisado quirófano no palacio de El Pardo. Foi trasladado a continuación ao hospital La Paz de Madrid para ser sometido a unha nova intervención cirúrxica.

Portada do diario franquista Arriba dando a nova da morte de Franco o 20 de novembro de 1975

Namentres, o príncipe Xoán Carlos, xefe do Estado interino, tivo que facer fronte á gravísima crise que se estaba xestando na colonia do Sáhara Occidental. Era consecuencia da Marcha Verde de civís marroquís que organizara o rei de Marrocos, Hasan II, para forzar a España a que lle entregase o control do territorio que reclamaba como integrante da súa soberanía. O 14 de novembro alcanzouse o Acordo Tripartito de Madrid polo que España cedía a súa administración a Marrocos (a metade norte) e a Mauritania (a metade sur).

Á primeira hora da mañá do 20 de novembro de 1975 o presidente do goberno Carlos Arias Navarro anunciaba por televisión o pasamento do ditador. A continuación lía a súa última mensaxe, o chamado testamento político de Franco. A capela fúnebre foi instalada no Palacio de Oriente de Madrid, onde se formaron longas colas para acceder ao salón onde se atopaba o féretro descuberto. Ao funeral asistiron o ditador chileno Augusto Pinochet (gran admirador de Franco), o príncipe Rainiero III de Mónaco, o rei Hussein de Xordania, a primeira dama filipina Imelda Marcos e o vicepresidente dos Estados Unidos, Nelson Rockefeller.[47]

Sociedade e cultura

[editar | editar a fonte]

Costumes e usos sociais: do nacionalcatolicismo á sociedade de consumo de masas

[editar | editar a fonte]
A España rural seguía a manter un enorme atraso respecto doutros lugares do país e moito máis respecto doutros lugares de Europa. Nos anos 1950 e 1960 miles de persoas emigraron desde as vilas en procura de mellores condicións laborais

O franquismo detivo a «gran transformación» social que se estaba a producir en España desde os inicios do século XX. En palabras de Santos Juliá, a sociedade das dúas primeiras décadas da posguerra española caracterizouse por ser: unha sociedade «reprimida, reducida a rexementos, recatolizada e autárquica».

  • Reprimida: As novas autoridades propuxéronse erradicar todo o que viran xurdir, dun xeito ou doutro, a sociedade liberal da Restauración e os cinco anos de democracia da República. Sobre a clase media e a clase obreira caeu un terror sistemático e administrado por consellos de guerra até xa entrados os anos 1950.
  • Reducida a rexementos: Todas as actividades económicas e sociais foron sometidas ao estrito control do partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS e dos seus organismos dependentes. A Organización Sindical Española, a Frente de Juventudes ou a Sección Femenina formaron unha intensa rede de todo tipo de xefaturas que se estendía sobre o conxunto da sociedade.
  • Recatolizada: A Igrexa católica co apoio do novo estado, especialmente tras a derrota do Eixe na Segunda Guerra Mundial, emprendeu unha vasta empresa de recuperación da influencia social perdida a través do control total do sistema educativo e do dominio dos espazos públicos. Estes constituíron escenarios permanentes de cerimonias cívico-relixiosas e de procesións.
  • Autárquica: Ficou illada do mundo exterior unha sociedade na que romperon «todos os vínculos que durante os decenios anteriores estabelecera un esforzado núcleo da intelligentsia española. O resultado no terreo económico foi un longo período de fame e miseria que para millóns de persoas supuxo un descenso até alcanzar o nivel de subsistencia.

«Esa foi a sociedade que instaurou a ditadura. Medir o dano é imposible; pero é indubidábel que foi inflixido a conciencia e con pleno éxito», conclúe Santos Juliá.

Como sinalou Julio Gil Pecharromán:

«Durante os anos corenta... gran parte da actividade cotiá estaba regulada nuns xeitos ben precisos... Suprimido o divorcio, anulada a coeducación, regulados os «usos amorosos» conforme un estrito código de moral familiar, a separación de sexos convertíase nunha norma case universal, destinada a evitar comportamentos indecorosos. Estes, por outra parte, resultaban difíciles de realizar. As autoridades civís e eclesiásticas vixilaban rigorosamente que os traxes de baño fosen «decentes», que as lecturas «inmorais» estivesen lonxe do alcance da maioría da poboación, que se evitasen as blasfemias e as expresións malsoantes, que os espectáculos públicos, e especialmente os bailes «agarrados», non supuxesen incitacións ao erotismo...».

A continuación da «gran transformación» produciuse a partir de 1960 como consecuencia do «milagre económico español». Así, «durante os anos sesenta foi conformándose unha nova sociedade española cada vez máis próxima ás súas homólogas de Europa occidental na súa estrutura, composición, características e grao de desenvolvemento e diversificación. Unha sociedade progresivamente instalada na cultura do consumo masivo e o goce do lecer, cunha renda per cápita de 1042 dólares en 1960 que se converteu en 1904 ao termo da década (Italia pasou entón de 1648 a 2653 dólares)».

Nos anos 1960 comeza o boom do turismo en España sobre todo nas rexións mediterráneas. Na imaxe, unha praia de Benidorm contra 1960, destino turístico que experimentou un crecemento espectacular eses anos

Unha das manifestacións da gran transformación dos anos 60 foi o cambio nas formas de diversión. Apareceron os tocadiscos portátiles e a música lixeira triunfou entre a mocidade con grupos como Dúo Dinámico, Fórmula V ou Los Bravos que trouxeron os bailes «soltos». Noutra liña estaba a música do Festival de Benidorm no que triunfou Julio Iglesias, así como o Festival de Eurovisión no que Massiel lucía minisaia entoando o seu gañador «La, la, la».

Tamén se abriu paso un novo concepto: o lecer. A súa planificación levábase a cabo nuns folletos que se editaban os fins de semana, as Guías do lecer. Tamén se estenderon as vacacións, cuxo destino principal foron as praias onde xurdiron novas modas moi contrarias á moral tradicional. En 1962 puido verse por primeira vez no cine un bikini, o que lucía Ursula Andress no filme 007 contra o doutor No da serie James Bond. Nas piscinas do interior o bikini tardou máis en estenderse. Mesmo chegouse a producirse un motín de mulleres en Zaragoza que a prensa chamou a «Guerra dos bikinis». As costas bautizáronse con nomes atractivos para chamar a atención do turismo, como Costa Brava, Costa do Sol, Costa Daurada, Costa Branca, Costa do Azar, Costa Verde ou Costa da Luz. Para acoller o crecente turismo empezáronse a construír hoteis e apartamentos.

Doutra banda, as corridas de touros, bautizadas como a «Festa Nacional», pasaron a un segundo plano ante un deporte en auxe: o fútbol. Mesmo se chegou a fabricar unha versión do mesmo en miniatura, o futbolín, que causou furor mesmo entre os propios futbolistas. Porén, o seu inventor, o galego Alexandre de Fisterra, non o creara con este fin, senón para rehabilitar nenos mutilados nun sanatorio principalmente por causa da guerra civil.

As mulleres durante a ditadura franquista

[editar | editar a fonte]
Placa conmemorativa das Trece Rosas no cemiterio da Almudena de Madrid

As mulleres tamén foron vítimas da represión franquista. Máis de 100 foron sentenciadas a morte polos consellos de guerra e executadas, boa parte delas en Madrid e en Andalucía. O caso máis coñecido foi o das Trece Rosas, fusiladas en Madrid o 5 de agosto de 1939. Moitas esposas, viúvas, irmás ou fillas de republicanos foron humilladas e castigadas co rapado da cabeza, a purga con aceite de rícino, a marcha polas rúas do pobo e o despoxo dos seus bens.

A política do réxime respecto das mulleres supuxo un enorme retroceso respecto da República. Propúxose impor o modelo de familia católica tradicional baseado na total subordinación da esposa ao marido e volver reducilas ao ámbito doméstico. No Foro do Traballo de 1938 proclamouse o obxectivo de «liberar a muller casada do taller e da fábrica». Así se dificultou o seu acceso ao ensino e á vida profesional e laboral e abolíronse ou restrinxiron os seus dereitos tanto no ámbito público como no privado. Volveuse ao Código Civil de 1889 e á Lei de Axuizamento Criminal de 1882, que sancionaban a inferioridade xurídica das mulleres.

Puxéronse innumerábeis obstáculos ao traballo das mulleres, especialmente das casadas, estabelecéronse restricións para a súa inscrición nos rexistros de colocación e impúxose a autorización do marido para poder ser contratadas. Numerosas ordenanzas laborais estipulaban que a muller en canto casaba tiña que deixar o seu traballo, sendo compensada cun dote. Cumpría unha función similar o chamado «plus familiar», establecido en 1945, unha axuda económica para «fortalecer a familia e a súa tradición cristiá, a sociedade perfecta e o cimento da Nación». Ademais impediuse por lei o acceso das mulleres a boa parte dos corpos da Administración pública, especialmente aos superiores como avogacía do Estado, xudicatura, fiscalía, cargos diplomáticos, rexistro da propiedade, notaría e inspección de traballo, entre outros

Con todo, estas medidas non puideron evitar que as mulleres traballasen por razóns de subsistencia familiar, pero sempre con salarios máis baixos cós dos homes (entre un 30 e un 50 %). Tamén participaron nos conflitos laborais. Segundo un delegado provincial de OSE, «[as mulleres] por razóns do seu sexo e especial maneira de reaccionar, é dificilísimo o convencer con razóns, nin discutilas con argumentacións». Doutra banda, moitas recorreron ao estraperlo, cambiando produtos manufacturados por elas mesmas por alimentos. O estraperlo estaba considerado un delito e implicaba penas de cárcere e multas.

En 1937 creouse o Servicio Social de la Mujer, liderado por Mercedes Sanz-Bachiller e Javier Martínez de Bedoya, para conseguir man de obra feminina gratuíta. Era obrigatoria para mulleres solteiras entre os 17 e os 35 anos e traballaban en hospitais e comedores, entre outros. As mulleres de clase media e alta traballaban na Acción Católica asistindo os desfavorecidos da clase obreira e visitando os vencidos na guerra.

O comportamento e a actitude das mulleres foi obxecto de especial vixilancia. Non foron infrecuentes as condenas de mulleres por condutas consideradas «moralmente inaceptábeis», o que levaba normalmente a humillación e a marxinación. Non só eran excluídas as «adúlteras» ou as que abortaran, senón tamén as que foran vítimas de violacións ou de abusos sexuais. Para levar a cabo este labor de control da moralidade feminina creouse o chamado Padroádego de Protección á Muller dentro do Ministerio de Xustiza. O seu obxectivo era defender «os bos costumes» e atender «as vítimas do vicio» buscando o seu «arrepentimento e recristianización». Así mesmo desempeñou un papel importante na fixación do status subordinado das mulleres a Sección Femenina, liderada por Pilar Primo de Rivera. A súa revista ensinaba ás mulleres a comportarse, sempre supeditadas ao home, sen dereitos nin sen opinións, só submisión.

A Igrexa católica pola súa banda esforzouse en impor os valores tradicionais tanto no ámbito privado como público. Preocupouse especialmente por vixiar e condenar calquera comportamento ou actitude das mulleres que puidese dar lugar a «pecaminosas intencións». Así, aplaudiu a abolición da coeducación nas escolas. Tamén se propuxo (e en parte logrouno) a separación por sexos nas piscinas e nas praias e o uso de determinados tipos de traxes de baño e albornoces despois do baño. En 1951 chegouse a celebrar o primeiro «Congreso Nacional de Moralidade en Praias, Piscinas e marxes de ríos». Tamén foron obxecto de preocupación dos eclesiásticos a vestimenta feminina, e deron severas instrucións sobre saias, mangas, escotes ou medias. Os bailes «modernos», segundo o bispo de Eivisa, eran «raíz de incontables pecados e ofensas contra Deus», e para o cardeal Pedro Segura, arcebispo de Sevilla, a «feira predilecta de Satanás».

A situación das mulleres comezou a cambiar na década de 1950 e sobre todo nos anos 1960 como consecuencia das transformacións económicas e sociais que se produciron neses anos. Supuxeron «un progresivo incremento do traballo asalariado legal das mulleres, así como un maior acceso á educación media e alta. Todo iso trouxo cambios nas propias estruturas familiares, o incremento da presenza das mulleres na esfera pública e maior difusión de modelos alternativos sobre a condición feminina, que contrastaban claramente cos valores do discurso oficial franquista.

En 1961 aprobouse a Lei sobre Dereitos Políticos, Profesionais e Laborais da Muller. A lei acababa coa discriminación salarial e de acceso ao traballo, aínda que continuaba en vigor a necesidade da autorización do marido. Esta obriga mantívose até 1976, cando entrou en vigor a Lei de Relacións Laborais. En 1973, como preparación ao Ano Internacional da Muller 1975, chegou a excepción discriminatoria. O goberno deu o cargo de xefas locais do Movimiento (equivalente a alcaldesas) a sete mulleres, as primeiras e únicas da ditadura.

Propaganda, censura e medios de comunicación

[editar | editar a fonte]
Catro exemplos da censura franquista[48]
«Esta Xefatura [do Movimiento] comunicará aos directores dos periódicos da súa provincia a conveniencia de que se absteñan de xulgar ou prexulgar a obra do Goberno ou da Administración, como así mesmo de publicar traballos, calquera que sexa a súa sinatura, nos cales se faga excitación a realizar ou mellorar calquera función de goberno ou administrativa».

«Atención censores! Todas as fotografías sobre campionatos de deportes da Sección Femenina nas que as camaradas estean ensinando os xeonllos están prohibidas e por tanto deberán ser riscadas».

«Quedan terminantemente prohibidos os anuncios relativos á venda de fotografías de Rita Hayworth no filme Gilda. Adoptaranse as medidas necesarias para que non apareza ningún anuncio nos indicados periódicos da súa xurisdición».

«O mundo da política, sobre o que se xeraliza constantemente no filme All the King's Men, aparece como un mundo cheo de ambicións persoais e egoístas... Por iso, aínda que o filme constitúa unha obra moi interesante para un público preparado, non debería ser ofrecida por TVE. A maioría dos telespectadores españois, que hoxe se contan por millóns, teñen uns niveis culturais limitados, e o efecto que produciría o filme sería prexudicial».

As autoridades franquistas prohibiron todos os xornais liberais, republicanos e de esquerdas e os seus bens foron incautados polo Estado. A liberdade de expresión desapareceu, pois todos os xornais quedaron sometidos á censura previa estabelecida na Lei de Prensa de 1938 e os seus directores foron nomeados polo goberno. A censura completábase coas consignas obrigatorias polas que os directores dos xornais tiñan que publicar determinadas informacións que ás veces incluían os titulares e até editoriais. En 1939 creouse o Rexistro Oficial de Xornalistas e Franco tiña o carné número 1. En 1941 naceu a Escola Oficial de Xornalismo, que esixía aos alumnos seren militantes de FET y de las JONS, e en 1942 o Servizo Español de Auscultación da Opinión Pública.

Como destacou Santos Juliá, «os medios de comunicación [estaban] baixo censura imperativa, obrigados non só a non tocar certas cuestións senón a tratar doutras nos termos estabelecidos pola autoridade competente». En consecuencia, «a opinión pública, por definición, non existe, pois non hai espazo público no que poida expresarse e debaterse unha opinión».

Para difundir as súas ideas e actuacións o franquismo dotouse dunha extensa rede de medios de comunicación públicos dependentes da Delegación Nacional de Prensa e Propaganda, dependente do Ministerio da Gobernación. A partir de 1951 a Delegación integrouse no novo ministerio de Información e Turismo. Formaban parte dela 40 diarios que foron coñecidos como a prensa do Movimiento. Entre eles destacaban Arriba, o órgano oficial de FET y de las JONS, e Pueblo, o xornal da Organización Sindical. O de máis tirada e máis lido era o diario deportivo Marca.

Ademais dos 40 diarios, o aparello de prensa e propaganda contaba con dúas axencias oficiais de noticias (EFE e Pyresa) así como con dúas redes de emisoras de radio, Radio Nacional de España e a Rede de Emisoras do Movemento. A primeira contaba co monopolio da información, pois só Radio Nacional, creada en 1937, podía emitir noticias e o resto de emisoras públicas e privadas estaban obrigadas a conectar con ela a determinadas horas do día. Outro medio de propaganda foi o NO-DO, creado en 1942, un noticieiro de proxección obrigada en todos os cines antes dos filmes. Cada documental, de 10 minutos, transmitía os valores do réxime e exaltaba a figura de Franco.

A Igrexa católica contaba coa súa propia rede de prensa e radio. O máis importante dos diarios católicos era Ya. Canto á radio, a Igrexa tardou en integrar as emisoras locais, pois até 1959 non naceu a Cadea de Ondas Populares Españolas (COPE). O bloque monárquico tiña o diario ABC, propiedade da familia Luca de Tena. Ademais da Editorial Católica, que publicaba o Diario Ya, e Prensa española, con ABC, había outros grupos xornalísticos privados como o Grupo Godó, con La Vanguardia, e Bilbao Editorial, con El Correo Español-El Pueblo Vasco.

Durante o primeiro franquismo (1939-1959) o medio de maior difusión foi a radio. Tivo un desenvolvemento espectacular na inmediata posguerra, pois pasou de 300 000 receptores en 1936 a preto dun millón en 1943. A cadea privada máis importante foi a Sociedade Española de Radiodifusión (Cadena SER) con 45 emisoras en 1965. Os programas de maior audiencia eran os seriais, os concursos, as retransmisións deportivas dos domingos e os shows de fin de semana. Os seus obxectivos, como os do conxunto da cultura de masas do franquismo, foron a integración social e a desmobilización do país a través do entretemento e a evasión. De entre os programas de radio destacaron na época El consultorio de Elena Francis, Ama Rosa, La sangre es roja ou Lo que no muere.

No segundo franquismo (1959-1975) a televisión desprazou a radio como o medio de comunicación de masas de maior difusión, pero co mesmo obxectivo desmobilizador. En 1956 empezou a emitir Televisión Española, un organismo público financiado coa publicidade, e a partir de 1966 puxo en marcha unha segunda canle. Os programas líderes de audiencia televisiva foron Estudio 1, Bonanza, Historias para no dormir, os documentais de Félix Rodríguez de la Fuente ou Los Chiripitifláuticos. No Festival da Canción de Eurovisión de 1961 debutou España, pero na edición de 1968 logrou a vitoria con Massiel. En 1969 España foi o país anfitrión do festival e repetiu triunfo, xunto con outros tres países, por segundo ano consecutivo.

De entre as publicacións que, non sen problemas e censuras, conseguiron manter certa independencia atopábase La Codorniz, fundada en 1941 por Miguel Mihura, unha revista de humor de tirada semanal. Contou con colaboradores como Mingote, Chumy Chúmez, Serafín, Tono, Enrique Jardiel Poncela, Ramón Gómez de la Serna, Miguel Gila, José Luis Coll, Carlos Luis Álvarez, Cándido e Máximo entre outros moitos. En 1944 dirixiuna Álvaro de Laiglesia e desapareceu en 1978. Ao final da ditadura houbo outras revistas satíricas como Hermano Lobo, El Papus e Por Favor e tamén outras directamente críticas co réxime que bordeaban continuamente o límite do tolerado, como Cuadernos para el Diálogo, Triunfo, Índice, SP e Cambio 16. Entre a prensa diaria foron sen dúbida os xornais vespertinos madrileños Informaciones e Madrid os que dende finais dos anos 60 presentaron liñas editoriais menos oficialistas.

O sistema educativo franquista

[editar | editar a fonte]
Recreación no Museu d'Història de Catalunya dunha aula típica dunha escola durante o franquismo, presidida por un crucifixo e os retratos de Franco (dereita) e de José Antonio Primo de Rivera (esquerda)

O sistema educativo franquista definiuse como autoritario, nacionalcatólico, sexista, clasista, ultranacionalista español, dogmático, doutrinal e reaccionario (oposto ás innovacións pedagóxicas). Era exactamente oposto ao sistema educativo da República, que se caracterizaba por ser democrático, laico, promotor da igualdade de sexos mediante a coeducación, igualitario, integrador das linguas e culturas propias das «rexións autónomas», plural, contrario ao adoutrinamiento e aberto ás innovacións pedagóxicas.

O autoritarismo era un dos trazos esenciais do réxime do que formaba parte o sistema educativo, por iso falouse de escola autoritaria e mesmo de escola cuartel. Os principios que rexían a relación entre docentes e alumnado eran os de unidade, xerarquía, obediencia e disciplina. Por exemplo, o segundo obxectivo do Ensino Primario segundo a Lei de 1945 era «formar a vontade, a conciencia e o carácter do neno para o cumprimento do deber e do seu destino eterno». Pero o mestre non só debía mostrar ao alumnado a necesidade do principio de autoridade na escola, senón tamén en todos os niveis da vida.

O nacionalcatolicismo estaba presente en todo o sistema educativo franquista, xa que a relixión católica inspiraba os programas educativos en todos os niveis do ensino. Nunha Orde de decembro de 1938 dicíase que había que «saturar de espírito relixioso e patriótico o labor educativo onde deben resplandecer [...] os dous grandes amores: o amor a Deus e ao amor á patria». O artigo 5 da Lei de Ensino Primario de 1945 dicía:

«A educación primaria, inspirándose no sentido católico, consubstancial coa tradición escolar española, axustarase aos principios do Dogma e da Moral católica e ás disposicións do Dereito Canónico vixente».

Por outra banda, a escola pública era subsidiaria dos colexios da Igrexa, especialmente no ensino medio. O ultranacionalismo español tamén era unha das pedras angulares do sistema educativo. A Lei de Ensino Primario de 1945 dicía no artigo 6º sobre a «Formación do espírito nacional» e no artigo 7º sobre a «lingua nacional» o seguinte:

Artigo sexto.— É misión da educación primaria, mediante unha disciplina rigorosa, conseguir un espírito nacional forte e unido e instalar na alma das futuras xeracións a alegría e o orgullo da Patria, de acordo coas normas do Movimiento e os seus Organismos.
Artigo sétimo.— A lingua española, vínculo fundamental da comunidade hispánica, será obrigatoria e obxecto de cultivo especial, como imprescindíbel instrumento de expresión e de formación humana, en toda a educación primaria nacional.
Grupo de nenas dun colexio relixioso de Figareo (Mieres) en 1951

O sistema educativo franquista era sexista pois estabelecía a estrita separación dos nenos e as nenas na escola e a súa formación diferenciada. Unha Orde do 1 de maio de 1939 dicía que o «sistema pedagóxico de coeducación» era «contrario enteiramente aos principios relixiosos do Glorioso Movimiento Nacional e, por tanto, de imprescindíbel supresión por antipedagóxico e antieducativo para que a educación dos nenos e as nenas responda os principios de sa moral e estea de acordo con todos os postulados da nosa gloriosa tradición». O artigo 14º da Lei de Ensino Primario de 1945 volvía insistir no mesmo: «O Estado por razóns de orde moral e de eficacia pedagóxica, prescribe a separación de sexos e a formación peculiar de nenos e nenas na educación primaria». O artigo 11 da mesma lei estabelecía a educación diferenciada para os nenos e as nenas: «A educación primaria feminina preparará especialmente para a vida do fogar, artesanía e industrias domésticas». O preámbulo da Lei de 20 de setembro de 1938 pola que se estabelecía un novo Bacharelato sinalaba como un dos síntomas de decadencia o «afeminamento» contraposto ao «viril heroísmo da mocidade en acción».

O dogmatismo estaba presente en todas as disciplinas pero talvez era máis evidente no ensino da historia, supeditada a unha dobre doutrina: a do partido único FET y de las JONS e a da Igrexa católica. Así, como destacou o historiador Manuel Tuñón de Lara, na educación franquista a historia estaba considerada «unha simple interpretación ideolóxica do pasado que servirá para modelar o espírito dos nenos e dos mozos» e «unha serva do ensino político e eclesiástico». O cuestionario de Xeografía e Historia para alumnos de segundo ensino publicado o 14 de abril de 1939 incluía epígrafes como os seguintes: da ditadura de Primo de Rivera destacábase o «retorno aos principios de autoridade». Sobre a Segunda República Española propúñase estudar «os pseudointelectuales resentidos, a masonería e os financeiros xudeus internacionais fan caer a monarquía. A segunda República. Os seus desastres, as súas desordes, os seus crimes». Do fascismo, en cambio, salientábase «o seu sentido nacional, espiritual e histórico que restitúe a súa dignidade á persoa humana». Como colofón: «Superioridade moral do noso espírito imperial».

O clasismo do sistema educativo franquista foi recoñecido polas propias autoridades educativas en 1969 cando publicaron o «Libro Branco». Nel baseouse a reforma educativa que se plasmou na Lei Xeral de Educación de 1970. Recoñecía que de feito existían dous sistemas educativos en España. Un era para as familias das clases altas e medias que levaban os seus fillos aos colexios da Igrexa e que conseguían chegar á universidade. Esta era gratuíta, o que dado o seu carácter minoritario constitúe o punt culminante do clasismo do sistema. O outro sistema estaba pensado para os sectores sociais máis desfavorecidos que levaban os seus fillos á escola pública e que non pasaban do ensino primario, polo que se incorporaban inmediatamente despois ao mercado laboral.

Campamento do Frente de Juventudes en Orio (Guipúscoa) en 1944

O sistema educativo franquista pretendía adoutrinar, non ensinar. O artigo 1º da Lei de Ensino Primario de 1945 dicía: «a educación primaria ten como obxectivo formar a vontade, a conciencia e o carácter do neno para o cumprimento do deber e o seu destino eterno; infundir o amor e a idea de servizo á patria, de acordo cos principios inspiradores do Movimiento».[49] Un manual escolar facía a seguinte exaltación de Franco (as frases aparecían sobre o debuxo do rostro do ditador):[50]

Hai uns cantos anos, España era moi desgraciada, porque a mandaban os malos españois.
Franco fixo a guerra para botalos, e salvou a Patria.
Foi unha guerra moi longa, pero Deus concedeu a vitoria aos bos.
O Caudillo traballou moito naquela guerra. E agora traballa tamén na paz, para facer de España unha nación grande e para que os españois sexan felices.

Fíxose especial fincapé en rexeitar as «pedanterías e barbarismos» da Institución Libre de Enseñanza. De feito, responsabilizouse a esta institución de conseguir arrincarlles a moitos mestres a piedade cristiá e o amor á patria española, os únicos ideais capaces de facer fecundo o labor docente.

Memoria histórica

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: 20N e Franquismo sociolóxico.
Lavadoiro en Sanguñedo, Campobecerros (Castrelo do Val, Ourense) co xugo e as frechas de Falange Española

A simboloxía franquista perviviu na sociedade española tras a morte de Franco, especialmente durante a Transición, até ben entrado o século XXI.[51][52] O símbolo máis coñecido, o escudo portador da aguia de San Xoán (emblema dos Reis Católicos), non foi legalmente abolido da bandeira de España até 1981 polo goberno de Leopoldo Calvo Sotelo. Por outra banda, os chamados «nostálxicos» do réxime viñéronse concentrando o 20 de novembro (día da morte de Franco) no Val dos Caídos, malia a Lei de Memoria Histórica prohibir expresamente a realización das devanditas concentracións.[53][54]

En 2018 decídese comezar o procedemento para facer públicos os arquivos secretos da Guerra Civil e o franquismo até 1968.[55]

Condenas internacionais

[editar | editar a fonte]

En 2006 o Parlamento Europeo condenou o franquismo, ao concluír que existen evidencias suficientes da violación dos dereitos humanos durante o mesmo. Ademais, recomendou que o recoñecemento da condena da ditadura non debe limitarse ao mero recoñecemento histórico, senón que debe incluír a eliminación dos símbolos da ditadura.

O 17 de marzo de 2006 a Comisión Permanente da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa (entidade supraestatal que engloba un total de 47 países europeos, incluíndo Turquía) recomendou[56] ao Consello de Ministros do Consello de Europa adoptar unha declaración oficial de condena internacional do franquismo e declarar o 18 de xullo de 2006 como día oficial de condena do réxime. Así mesmo, urxiu ao Goberno de España a cumprir as seguintes recomendacións:

  • Creación dun comité nacional que investigue as violacións dos dereitos humanos durante o réxime de Franco que envíe os seus informes ao Consello de Europa.
  • Facilitar aos equipos de investigación o acceso a todos os arquivos civís e militares que conteñan documentos que poidan estabelecer a verdade sobre a represión.
  • Erixir unha exhibición permanente na basílica subterránea do Val dos Caídos (onde Franco estivo enterrado) explicando como foi construída por prisioneiros republicanos.
  • Eliminar símbolos da ditadura, como estatuas e nomes de rúas.

A Asemblea Parlamentaria, na citada Recomendación 1736, condenou de xeito unánime as «graves e múltiples violacións de Dereitos Humanos cometidas en España polo réxime franquista, entre 1939 e 1975».[56]

Entre as conclusións do documento de traballo sometido a discusión na Comisión Permanente «hai suficientes evidencias para probar que os abusos contra os dereitos humanos baixo o réxime de Franco foron extensivos e sistemáticos» e propón á comisión crear un comité de persoal experto co obxectivo de recoller e avaliar toda a información posíbel.

O 3 de maio de 2006 o Consello de Ministros do Consello de Europa na súa 963ª reunión respondeu a Asemblea Parlamentaria con tres puntos nos que remarcou a súa condena ao réxime de Franco como a todos os réximes totalitarios polas súas violacións aos dereitos humanos e a necesidade de lembrar devanditos crimes para evitar repetir os erros do pasado. Tamén apuntou que a transición española é un exemplo para todos os países que seguen o mesmo proceso de cambio a un réxime democrático. No que respecta á recomendación específica dun día internacional de condena ao réxime de Franco, sinalou que todos os réximes totalitarios merecen ese tratamento. Singularizar un en concreto podería crear a impresión equivocada de que uns réximes totalitarios merecen máis condena que outros.

  1. O marco temporal (1939-1975) refírese a un período histórico específico da historia de España, aínda que o período de vixencia das institucións da ditadura, desde a súa creación ata a súa disolución, é máis amplo, abranguendo os sucesores de Franco no goberno español ata o desmantelamento do aparato institucional en 1978 coa aprobación da Constitución vixente. A etapa final do réxime coñécese como tardofranquismo.
  2. Malia non ter un rei como xefe de estado, o goberno de Franco declarou oficialmente o país como reino, dada a incongruencia de consideralo unha república. "Reino" é o termo empregado nas Leis Fundamentais do Reino.
  3. Aínda que desde setembro de 1943 o réxime esixiu que os medios de comunicación se referisen ao partido único do réxime como "movemento", que rexeitaba a categoría de partido, na práctica actuou como tal, a Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET y de las JONS).
Referencias
  1. Olmo, Guillermo D. (3 de xuño de 2011). "«¿Totalitario o autoritario? Franco fue por encima de todo un superviviente»". ABC (en castelán). Consultado o 8 de xaneiro de 2026.
  2. Rodríguez Jiménez, 1997, p. 263 ("El Franco] era, moi por riba das institucións, a peza fundamental do réxime, o réxime franquista, unha ditadura persoal...")
  3. Tamames, Ramón (1989). La República. La Era de Franco, volumen 7 de la Historia de España (en castelán). Alianza. ISBN 9788420695686.
  4. Saz Campos, 2004, p. 90
  5. 1 2 Sánchez Recio (2015), p. 245 (A tese defendida por Payne expresa que, "entre 1937 e 1943, o franquismo constituíu un réxime «semi-fascista», pero nunca un réxime fascista cen por cento. Despois pasou trinta e dous anos evolucionando como un sistema autoritario «posfascista», aínda que non conseguiu eliminar completamente todos os vestixios residuais do fascismo.")
  6. Cabrera (2017), capítulo V
  7. Moradiellos, 2000, p. 20
  8. Tusell (1999) («A ausencia dunha ideoloxía definida permitiulle pasar dunha fórmula ditatorial a outra, rozando o fascismo nos anos corenta e as ditaduras desarrollistas nos anos sesenta.»)
  9. González Madrid, 2012, p. 11
  10. 1 2 González Madrid, 2012, p. 12
  11. Domínguez, Hugo (20 de xaneiro de 2015). "Un libro revela que Franco colaboró con Hitler en las deportaciones de españoles y judíos a campos de concentración". elDiario.es (en castelán). Consultado o 10 de xaneiro de 2026.
  12. 1 2 Ruiz, 2005, p. 7
  13. González Madrid, 2012, p. 14
  14. Carrascal, 2015, p. 293
  15. Sesma (2024)
  16. Espinosa Maestre (2010)
  17. Russell & Tokatlian (2001), p. 60 («Finalmente, a terceira parte estuda comparativamente os factores internacionais e nacionais que levaron aos gobernos da Arxentina, Chile, España, Irlanda, Portugal, Suecia, Suíza e Turquía a asumir unha posición de neutralidade durante a Segunda Guerra Mundial.»)
  18. Moradiellos, 2000, pp. 19-20
  19. Payne, 1997, p. 6
  20. 1 2 3 4 5 6 7 Moradiellos, 2000, p. 20.
  21. Gil Pecharromán, 2008, pp. 33
  22. 1 2 Payne, 2000, pp. 255-256.
  23. Rodríguez Jiménez, 1997, p. 266
  24. Moradiellos, 2000, p. 12-14
  25. Moradiellos, 2000, p. 14
  26. Payne, 1997, p. 10 (A opinión popular axiña cambiou a frase "Francisco Franco, Caudillo de España" por unha "graza de Deus")
  27. Rodríguez Jiménez, 1997, p. 264
  28. 1 2 Payne, 1997, p. 10
  29. Payne, 1997, pp. 15-16
  30. Moradiellos, 2000, p. 16.
  31. Payne, 2000, p. 252.
  32. Moradiellos, 2000, p. 22
  33. González Menéndez-Reigada, Albino (2003). "Introducción: Un catecismo para los borregos de Franco". En Raguer, Hilari. Catecismo patriótico español (en castelán). Ediciones Península. ISBN 8483075954.
  34. Tusell, Javier (1999). Historia de España en el siglo XX. III, La dictadura de Franco (en castelán). Taurus. ISBN 8430603328.
  35. Payne (2014), pp. 193, 195
  36. Payne, Stanley G. (2014). El fascismo (terceira ed.). Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-8330-0.
  37. Losada, Antón (24 de febreiro de 2004). ""Haga como yo, no se meta en política"" (PDF). El Periódico (en castelán). Consultado o 11 de xaneiro de 2026.
  38. Ruiz, Julius (2012). La justicia de Franco (en castelán). RBA Libros. ISBN 9788490062432.
  39. Anson, Luis María (1994). Don Juan (en castelán). Plaza y Janés. ISBN 8401375282.
  40. "Le choix de Franco". RTS (en francés). 5 de xuño de 1970. Consultado o 11 de xaneiro de 2026.
  41. Mensaje de Navidad de S.M. el Rey en 1975 (en castelán). 19 de decembro de 2012.
  42. Casanova & Gil Andrés (2019), p. 231
  43. Casanova & Gil Andrés (2019), p. 232
  44. Moradiellos 2000, p. 96.
  45. Delgado Sanz, Enrique (23 de outubro de 2019). "El día que Franco pidió estar enterrado en el Valle de los Caídos: «Y luego, aquí, yo»". ABC (en castelán). Consultado o 18 de xaneiro de 2026.
  46. Rodrigo Luelmo, Francisco José. "La adhesión de la España franquista a la OECE" (PDF). CVCE (en castelán).
  47. "Muerte y entierro de Franco". Valle de Cuelgamuros (en castelán).
  48. Gil Pecharromán 2008, pp. 212-213; 221.
  49. Equipo de Estudios 1975, p. 29.
  50. Tuñón de Lara 1976, p. 36.
  51. "A campaña ‘Fascismo Nunca Máis’ detecta a pervivencia de 13 símbolos franquistas na comarca de Vigo". Nós Diario. 18 de novembro de 2014. Consultado o 23 de xaneiro de 2026.
  52. Bayo, Carlos Enrique (20 de maio de 2021). "El Ejército mantiene numerosos símbolos, placas y escudos franquistas en los cuarteles y en salas del Estado Mayor". Público (en castelán). Consultado o 23 de xaneiro de 2026.
  53. Albin, Danilo (17 de novembro de 2025). "Una semana de desafíos a la ley de memoria: el mapa de la apología franquista por el 20N". Público (en castelán). Consultado o 23 de xaneiro de 2026.
  54. "La Delegación del Gobierno en Madrid anuncia sanciones ante las proclamas "racistas y antidemocráticas" de la marcha del 20-N". El Mundo (en castelán). 22 de novembro de 2025. Consultado o 23 de xaneiro de 2026.
  55. González, Miguel (17 de setembro de 2018). "Defensa abrirá los archivos secretos de la Guerra Civil y el franquismo". El País (en castelán). Consultado o 23 de xaneiro de 2026.
  56. 1 2 "Recommendation 1736 (2006) - Need for international condemnation of the Franco regime". Parliamentary Assembly (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 6 de xuño de 2014.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]