Saltar ao contido

Disxenesia gonadal XY

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Proteína SRY

A disxenesia gonadal XY completa, tamén coñecida como síndrome de Swyer ou síndrome da femia XY, é un tipo de defecto de hipogonadismo que se dá en persoas cun cariotipo 46,XY con moitas características femininas pero cos cromosomas XY tipicamente masculinos. Aínda que estas persoas normalmente teñen vulvas,[1] e xeralmente vaxina, útero e trompas de Falopio,[2] non desenvolven gónadas, senón no seu lugar un tecido fibroso (gónada disxenésica), e se se deixan sen tratar, non experimentan a puberdade nin adquiren as conseguintes características sexuais secundarias femininas nin a menstruación. A causa é a falta ou a inactivación do xene SRY, que é responsable da diferenciación sexual masculina. Ás veces é posible o embarazo na síndrome de Swyer recorrendo á tecnoloxía da reprodución asistida.[3][4][5] O fenotipo é xeralmente similar á da síndrome de Turner (45,X0) debido á non inactivación do cromosoma X. O tratamento médico típico é a terapia de substitución hormonal.[6]

A síndrome leva o nome de Gerald Swyer, un endocrinólogo que traballou no University College Hospital de Londres, que foi o primeiro en informar de dous casos en 1955.[7]

Signos e síntomas

[editar | editar a fonte]

As persoas con síndrome de Swyer desenvolven fenotipos típicos das mulleres e gónadas non funcionais. Normalmente son diagnosticadas durante a adolescencia unha vez que se ve que non aparecen os signos da puberdade.[8]

As consecuencias da síndrome de Swyer sen tratamento son:

  • As mamas non se desenvolven e o útero non crece normalmente e carecen de menstruación (amenorrea) a non ser que se adiministren estróxenos.
  • As gónadas non producen as hormonas proxesterona e estróxenos (tampouco testosterona). Para controlar os ciclos menstruais poden administrarse pílulas de proxestina.
  • As gónadas non producen óvulos, de maneira que non poden concibir fillos de forma natural.
  • As gónadas disxenésicas fibrosas con cromosoma Y conteñen células que teñen moita probabilidade de desenvolver cancros, especialmente gonadoblastoma.[9] Estas glándulas disxenésicas adoitan ser extirpadas no lapso dun ano despois da diagnose, xa que o cancro empeza durante a infancia.[Cómpre referencia]
  • Ás veces obsérvase osteopenia.[10]

Xenética

[editar | editar a fonte]

Asociacións xenéticas da síndrome de Swyer son:

Tipo OMIM Xene Locus
disxenesia gonadal 46,XY completa relacionada co SRY Online 'Mendelian Inheritance in Man' (OMIM) 400044 SRY Yp11.3
disxenesia gonadal 46,XY completa ou parcial, relacionada co DHH Online 'Mendelian Inheritance in Man' (OMIM) 233420 DHH 12q13.1
disxenesia gonadal 46,XY completa ou parcial con ou sen insuficiencia adrenal Online 'Mendelian Inheritance in Man' (OMIM) 612965 NR5A1 9q33
disxenesia gonadal 46,XY completa relacionada co CBX2 Online 'Mendelian Inheritance in Man' (OMIM) 613080 CBX2 17q25
disxenesia gonadal 46,XY completa ou parcial coa deleción 9p24.3 Online 'Mendelian Inheritance in Man' (OMIM) 154230 DMRT1/2 9p24.3

Identificáronse outros sete xenes con asociacións probables que están aínda pouco comprendidas.[11]

Disxenesia gonadal pura

[editar | editar a fonte]

A síndrome de Swyer é un tipo de disxenesia gonadal pura (DGP). Hai varias formas de disxenesia gonadal, nas cales hai defectos nalgún cromosoma ou xene que afectan ao desenvolvemento das gónadas e ao fenotipo sexual. Esta denomínase "pura" cando o individuo afectado ten un conxunto normal de cromosomas sexuais (por exemplo, 46,XX ou 46,XY). Cando a disxenesia gonadal non é pura o individuo perdeu unha parte ou todo dun cromosoma X, como ocorre na síndrome de Turner (45,X) e nas disxéneses gonadais mixtas, onde hai unha mestura de liñas celulares con distinto cariotipo (por exemplo, 46,XY/45,X).[12]

Patoxénese

[editar | editar a fonte]

Unha persoa con síndrome de Swyer desenvólvese inicialmente como embrión de xeito completamente normal no útero. Só ao chegar á 7ª/8ª semana embrionaria se producirá un cambio respecto do desenvolvemento normal. Debido a un defecto xenético, que xeralmente se debe ao xene SRY, non se poden desenvolver gónadas hormonalmente activas (que deberían ser testículos), polo que non é posible o desenvolvemento das características sexuais masculinas que corresponderían a un individuo XY. Sen testículos, non se produce testosterona nin hormona antimülleriana. Sen testosterona, os condutos de Wolff non se desenvolven, polo que non se forman órganos internos masculinos. Ademais, a falta de testosterona significa que tampouco se forma dihidrotestosterona e en consecuencia os xenitais externos non se virilizan, orixinándose unha vulva normal feminina.[13] Sen hormona antimülleriana, os condutos de Müller desenvólvense como órganos internos femininos normais (útero, trompas de Falopio, colo uterino, vaxina).[14]

En resumo, a ausencia de góndas desenvolvidas como testículos fai que funcione o "programa básico" ou "por defecto" do desenvolvemento, que dá lugar ás características femininas. A partir de aí o embrión segue formándose como se fose un individuo feminino. Isto leva á formación do clítoris, os labios, a vaxina, o útero e as trompas. Porén, as porcións gonadais non se converten en ovarios (nin testículos) e están formadas por tecido conectivo. Despois do nacemento, a nena desenvólvese inicialmente con normalidade, pero ao chegar á idade da puberdade, non se producen os cambios corporais propios desa etapa debido á falta de gónadas desenvolvidas e de hormonas.[15][16]

Debido á incapacidade das glándulas disxenésicas fibrosas de producir hormonas sexuais ( estróxenos ou andróxenos), non se desenvolven a maioría das características sexuais secundarias. Isto é especialmente claro nos cambios estroxénicos que deberían producirse nos peitos na puberdade, así como o ensanchamento da pelve e cadeiras e a aparición dos períodos menstruais.[17] Como as glándulas adrenais poden producir cantidades limitadas de andróxenos e non están afectadas pola síndrome, a maioría destas persoas desenvolven pelo pubiano, aínda que xeralmente escaso.[18]

A avaliación do atraso na puberdade xeralmente revela que hai unha elevación das gonadotropinas, o que indica que a glándula pituitaria está proporcionando un sinal para o inicio da puberdade mais as gónadas non conseguen responder. Os seguintes pasos da avaliación adoitan ser unha comprobación do cariotipo e obtención de imaxes da pelve.[19] O cariotipo revela a presenza dos cromosomas XY e as imaxes demostrarán a presenza de útero pero non de ovarios (as gónadas disxenésicas fibrosas non se ven xeralmente nas imaxes). Aínda que un cariotipo XY pode tamén indicar que se trate dunha persoa con síndrome de insensibilidade aos andróxenos, a ausencia de mamas e a presenza de útero e pelo pubiano exclúe esa posibilidade. Nese momento o médico adoita poder facer un diagnóstico de síndrome de Swyer.[20]

Condicións relacionadas

[editar | editar a fonte]

A síndrome de Swyer representa un resultado fenotípico dun fallo no desenvolvemento normal das gónadas, e, polo tanto, forma parte das condicións denominadas disxenesias gonadais, das que hai varios tipos (ver arriba).[21]

A síndrome de Swyer é un exemplo dunha condición na que un corpo externamente feminino non ambiguo ten gónadas disxenéticas atípicas ou anormais.[22] Outros exemplos son os seguintes: síndrome de insensibilidade a andróxenos completa, delecións parciais do cromosoma X, hiperplasia adenal conxénita lipoide e síndrome de Turner.[23]

Tratamento

[editar | editar a fonte]

Despois da diagnose, adoita comezarse unha terapia con estróxenos e proxestáxenos, que promova o desenvolvemento de características femininas.

A terapia de substitución hormonal pode tamén reducir a probabilidade de osteoporose, favorecida pola falta de hormonas.[1]

Epidemioloxía

[editar | editar a fonte]

Un estudo de 2017 estimou que a incidencia da síndrome de Swyer é de aproximadamente dun caso de cada 100.000 mulleres.[24] En 2018 informárase de menos de 100 casos. Son extremadamente raros os casos de síndrome de Swyer familiar (recorrencia nos sucesivos fillos dunha familia).[25] [26]

  1. 1 2 "Swyer Syndrome". MedlinePlus Genetics.
  2. "Swyer syndrome: MedlinePlus Genetics". medlineplus.gov (en inglés). Consultado o 2023-04-25.
  3. Taneja, Jyoti; Ogutu, David; Ah-Moye, Michael (18 de outubro de 2016). "Rare successful pregnancy in a patient with Swyer Syndrome". Case Reports in Women's Health 12: 1–2. ISSN 2214-9112. PMC 5885995. PMID 29629300. doi:10.1016/j.crwh.2016.10.001.
  4. Urban, Aleksandra; Knap-Wielgus, Weronika; Grymowicz, Monika; Smolarczyk, Roman (setembro de 2021). "Two successful pregnancies after in vitro fertilisation with oocyte donation in a patient with Swyer syndrome – a case report". Przegla̜d Menopauzalny = Menopause Review 20 (3): 158–161. ISSN 1643-8876. PMC 8525253. PMID 34703418. doi:10.5114/pm.2021.109361.
  5. Gupta, Anupam; Bajaj, Ritika; Jindal, Umesh N. (2019). "A Rare Case of Swyer Syndrome in Two Sisters with Successful Pregnancy Outcome in Both". Journal of Human Reproductive Sciences 12 (3): 267–269. ISSN 0974-1208. PMC 6764226. PMID 31576088. doi:10.4103/jhrs.JHRS_14_19.
  6. Massanyi EZ, Dicarlo HN, Migeon CJ, Gearhart JP (29 de decembro de 2012). "Review and management of 46,XY disorders of sex development.". J Pediatr Urol 9 (3): 368–379. PMID 23276787. doi:10.1016/j.jpurol.2012.12.002.
  7. Swyer GIM (17 de setembro de 1955). "Male Pseudohermaphroditism: A Hitherto Undescribed Form". Br. Med. J. 2 (4941): 709–712. PMC 1980764. PMID 13250193. doi:10.1136/bmj.2.4941.709.
  8. "Swyer syndrome". National Organization for Rare Disorders (NORD).
  9. Eh, Zheng; Liu, Weili (xuño de 1994). "A familial 46 XY gonadal dysgenesis and high incidence of embryonic gonadal tumors". Chinese Journal of Cancer Research 6 (2): 144–148. doi:10.1007/BF02997250. Orixinalmente publicado en chinés como E, Z; Xu, XL; Li, C; Gao, FZ (maio de 1981). "家族性XY型性腺发育不全和高发胚胎性肿瘤研究:II.XY型性腺发育不全姐妹中第4人继发无性细胞瘤报告和细胞遗传学检查" [A familial XY gonadal dysgenesis causing high incidence of embryonic gonadal tumors- a report of the fourth dysgerminoma in sibling suffering from 46, XY gonadal dysgenesis]. Zhonghua Zhong Liu Za Zhi (en chinés) 3 (2): 89–90. PMID 7307902.
  10. Michala, L.; Goswami, D.; Creighton, SM; Conway, GS (2008). "Swyer syndrome: Presentation and outcomes". BJOG: An International Journal of Obstetrics and Gynaecology 115 (6): 737–741. PMID 18410658. doi:10.1111/j.1471-0528.2008.01703.x. Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2021. Consultado o 11 de xaneiro de 2021.
  11. Kremen J, Chan YM, Swartz JM (xaneiro de 2017). "Recent findings on the genetics of disorders of sex development". Curr Opin Urol 27 (1): 1–6. PMC 5877806. PMID 27798415. doi:10.1097/MOU.0000000000000353.
  12. Bomalaski, M. David (febreiro de 2005). "A practical approach to intersex". Urologic Nursing 25 (1): 11–8, 23; quiz 24. PMID 15779688.
  13. Silverman, Ann-Judith. "Gonadal Development" (PDF). Department of Anatomy & Cell Biology 14 (1) vía Columbia University.
  14. Wilson, Danielle; Bordoni, Bruno (2022). Embryology, Mullerian Ducts (Paramesonephric Ducts). StatPearls (Treasure Island (FL): StatPearls Publishing). PMID 32491659. Consultado o 2023-01-20.
  15. "SRY gene: MedlinePlus Genetics". medlineplus.gov (en inglés). Consultado o 2022-03-23.
  16. "SRY sex determining region Y [Homo sapiens (human)] - Gene - NCBI". www.ncbi.nlm.nih.gov. Consultado o 2022-03-23.
  17. "Gonadal and Placental Hormones". The Endocrine System (en inglés) 1 (1). 2013-03-06 vía University of Hawaii.
  18. Yildiz, Bulent O.; Azziz, Ricardo (2007). "The adrenal and polycystic ovary syndrome". Reviews in Endocrine & Metabolic Disorders 8 (4): 331–342. ISSN 1389-9155. PMID 17932770. doi:10.1007/s11154-007-9054-0.
  19. Abitbol, Leah; Zborovski, Stephen; Palmert, Mark R. (2016-07-19). "Evaluation of delayed puberty: what diagnostic tests should be performed in the seemingly otherwise well adolescent?". Archives of Disease in Childhood 101 (8): 767–771. ISSN 1468-2044. PMID 27190100. doi:10.1136/archdischild-2015-310375.
  20. "Swyer syndrome". NORD (National Organization for Rare Disorders) (en inglés). Consultado o 2022-03-28.
  21. King, Thomas F. J.; Conway, Gerard S. (2014). "Swyer syndrome". Current Opinion in Endocrinology, Diabetes, and Obesity 21 (6): 504–510. ISSN 1752-2978. PMID 25314337. doi:10.1097/MED.0000000000000113.
  22. Zieliñska, Dorota; Zajaczek, Stanislaw; Rzepka-Górska, Izabella (2007-05-29). "Tumors of dysgenetic gonads in Swyer syndrome". Journal of Pediatric Surgery 42 (10): 1721–1724. ISSN 1531-5037. PMID 17923202. doi:10.1016/j.jpedsurg.2007.05.029.
  23. Gottlieb, Bruce; Trifiro, Mark A. (1993). Adam, Margaret P.; Everman, David B.; Mirzaa, Ghayda M.; Pagon, Roberta A., eds. Androgen Insensitivity Syndrome. GeneReviews® (Seattle (WA): University of Washington, Seattle). PMID 20301602. Consultado o 2023-01-20.
  24. Witchel, Selma Feldman (abril de 2018). "Disorders of Sex Development". Best Practice & Research. Clinical Obstetrics & Gynaecology 48: 90–102. ISSN 1521-6934. PMC 5866176. PMID 29503125. doi:10.1016/j.bpobgyn.2017.11.005.
  25. Banoth M, Naru RR, Inamdar MB, Chowhan AK (maio de 2018). "Familial Swyer syndrome: a rare genetic entity". Gynecol. Endocrinol. 34 (5): 389–393. PMID 29069951. doi:10.1080/09513590.2017.1393662.
  26. "Swyer syndrome". NORD (National Organization for Rare Disorders) (en inglés). Consultado o 2022-03-23.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]