Dispersión de sementes

Nas plantas espermatófitas, a dispersión de sementes é o movemento, espallamento ou transporte de sementes lonxe da planta parental.[1] As plantas teñen unha mobilidade limitada e dependen dunha variedade de vectores de dispersión para transportaren a súas sementes, incluíndo tanto vectores abióticos, como o vento, coma bióticos, como as aves. As sementes poden dispersarse lonxe da planta parental individualmente ou colectivamente, e tamén dispersarse no espazo e no tempo.
Os padróns de dispersión de sementes están determinados en gran parte polo mecanismo de dispersión e isto ten importantes implicacións na estrutura demográfica e xenética das poboacións de plantas, así como os padróns de migracións e interaccións de especies. Hai cinco modos principais de dispersión de sementes: gravidade, vento, balística, pola auga e por animais. Algunhas plantas son serotinas e soamente dispersan as súas sementes en resposta a un estímulo ambiental.
Eses modos dependen de adaptacións, como ás nas sementes ou froitos carnosos.[1] Porén, esta visión simplificada pode ignorar a complexidade da dispersión. As plantas poden dispersarse de maneiras que non posúen as típicas adaptacións asociadas e as características das plantas poden ser multifuncionais.[2][3]
Beneficios evolutivos
[editar | editar a fonte]Que as sementes sexan dispersadas ten varios posibles beneficios para diferentes especies de plantas. É máis probable que as sementes sobrevivan canto máis lonxe da planta parental se dispersen. Esta maior taxa de supervivencia pode ser o resultado das accións de predadores e parasitos de sementes e plántulas dependentes da densidade, que a miúdo prefiren as concentacións altas de sementes atopadas baixo as plantas parentais.[4] A competición con plantas adultas pode tamén ser menor cando as sementes se depositan lonxe da planta parental.[5]
A dispersión de sementes tamén permite que as plantas cheguen a hábitats específicos que son favorables para a supervivencia, unha hipótese coñecida como dispersión dirixida. Por exemplo, Ocotea endresiana (Lauraceae) é unha especie de árbores que vive en América do Sur cuxa dispersión de sementes fan varias especies de aves, como o paseriforme Procnias tricarunculatus. Os machos destes paxaros póusanse en árbores mortas para atraer parellas, e a miúdo defecan excrementos con sementes baixo esas ramas, onde as sementes teñen maiores posibilidades de sobrevivir debido á maior cantidade de luz e menos patóxenos fúnxicos.[6] No caso de plantas de froitas carnosas, a dispersión de sementes no intestino de animais (endozoocoria) adoita mellorar a cantidade, velocidade e asincronía da xerminación, o cal pode ter importantes beneficios.[7]
As sementes dispersadas por formigas (mirmecocoria) non só as dispersan a curtas distancias, senón que tamén as enterran no chan. Estas sementes poden así evitar efectos ambientais como o lume ou a seca, chegar a micrositios ricos en nutrientes e sobrevivir máis que outras sementes.[8] Estas características son peculiares da mirmecocoria, que pode así proporcionar beneficios adicionais que non se dan noutros xeitos de dispersión.[9]
A dispersión de sementes pode tamén permitir que as plantas colonicen hábitats vacantes e mesmo novas rexións xeográficas.[10] As distancias de dispersión e sitios de deposición dependen do rango de movemento do dispersor, e maiores distancias de dispersión conséguense ás veces por diplocoria, a dispersión secuencial por dous ou máis mecanismos de dispersión. De feito, evidencias recentes suxiren que a maioría dos episodios de dispersión de sementes comprenden máis dunha fase de dispersión.[11]
Tipos
[editar | editar a fonte]A dispersión de sementes é ás veces dividida en autocoria (cando a dispersión se realiza usando os propios medios da planta) e alocoria (cando se realiza por medios externos).
A longa distancia
[editar | editar a fonte]A dispersión a longa distancia (DLD) de sementes é un tipo de dispersión espacial que se define actualmente de dúas formas: distancia proporcional e distancia real. A eficacia biolóxica e supervivencia dunha planta pode depender grandemente deste método de dispersión de sementes dependendo de certos factores ambientais. A primeira forma de DLD, a distancia proporcional, mide a porcentaxe de sementes (1 % do total de sementes producidas) que viaxa a maior distancia fóra dunha distribución de probabilidade do 99 %.[12][13] A definición proporcional da DLD é en realidade un descritor dos epiodios de dispersión máis extremos. Un exemplo de DLD sería o desenvolvemento por unha planta dun vector específico de dispersión ou unha morfoloxía que permita a dispersión das súas sementes a gran distancia. O método real ou absoluto identifica a DLD como unha distancia literal. Clasifica 1 km como a distancia limiar para a dispersión de sementes. Aquí, o limiar significa a distancia mínima á que a planta pode dispersar as sementes e aínda considerarse como DLD.[14][13] Hai outra forma adicional non medible de DLD ademais da proporcional e a real, que se coñece como forma non estándar. A DLD non estándar é cando ocorre a dispersión de sementes dunha maneira pouco ususal e difícil de predicir. Un exemplo sería un incidente raro ou único no cal as sementes dunha árbore caducifolia de Madagascar, que normalmente depende para a dispersión dos lémures, sexan transportadas á costa do sur de África adheridas a unha cápsula de ovos de tiburón ou raia que chegou a unha praia e que volve levar o mar.[15][16][17] Un factor que lle dá importancia evolutiva á DLD é que incrementa a eficacia biolóxica da planta ao diminuír a competición con plantas veciñas para producir descedencia. Porén, hoxe aínda non está claro como afectan a evolución da DLD as características específicas, condicións e compensacións (particularmente na dispersión curta de sementes).
Autocoria
[editar | editar a fonte]
As plantas autócoras dispersan as sementes sen ningunha axuda dun vector exterior. Isto limita considerablemetne a distancia á que poden dispersar as sementes.[18] Outros dous tipos de autocoria non descritas en detalle aquí son a blastocoria, na que o talo da planta se arrastra ao longo do chan para depositar as sementes lonxe da base da planta; e a herpocoria, na que as propias sementes se arrastran por medio de tricomas ou apéndices higroscópicos (arestas) e cambios de humidade.[19]
Gravidade
[editar | editar a fonte]A barocoria é o uso da gravidade para a dispersión, que é o modo máis simple de conseguir a dispersión das sementes. O efecto da gravidade sobre os froitos pesados causa que caian da planta cando están maduros. Os froitos que mostran este tipo de dispersión son, por exemplo, a mazá, o coco e a maracuxá e os que teñen cubertas máis duras (que adoitan rolar lonxe da planta ata maior distancia). A dispersión por gravidade tamén permite unha transmisión posterior pola auga ou por un animal.[20]
Dispersión balística
[editar | editar a fonte]A balocoria é un tipo de dispersión na que a semente é exectada forzadamente pola dehiscencia explosiva do froito. A miúdo a forza que xera a explosión é o resultado da presión de turxencia dentro do froito ou é debida a tensións higroscópicas internas dentro do froito.[18] Algúns exemplos de plantas que dispersan as sementes por este tipo de autocoria son: Arceuthobium spp., Cardamine hirsuta, Ecballium elaterium, Euphorbia heterophylla,[21] Geranium spp., Impatiens spp., Sucrea spp, Raddia spp.,[22] entre outras. Un exemplo excepcional de balocoria é Hura crepitans; esta planta chámase ás veces nalgún países árbore dinamita polo forte son da explosión dos seus froitos. As explosións son potentes dabondo para lanzar as sementes a 100 metros de distancia.[23]
Os Hamamelis usan a dispersión balística sen mecanismos explosivos ao simplemente expremer con forza as sementes, que acadan uns 45 km/h de velocidade.[24]
Alocoria
[editar | editar a fonte]A alocoria é un tipo de dispersión de sementes na que se usa un vector ou axente secundario para a dispersión. Estes vectores poden ser o vento, a auga, animais ou outros.
Vento
[editar | editar a fonte]

A dispersión polo vento ou anemocoria é un dos métodos máis primitivos de dispersión. A dispersión polo vento pode adoptar dúas formas: as sementes ou foitos poden flotar no vento ou, alternativamente, poden voar ata o chan.[25] Os exemplos clásicos deses mecanismos de dispersión no hemisferio norte temperado on os mexacáns (Taraxacum), que teñen un papo de aspecto plumoso unido aos seus froitos (aquenios) que poden dispersarse a longas distancias, e os pradairos, que teñen foritos alados (samaras) que voan ata o chan. Unha importante restrición que ten a dispersión polo vento é que precisa unha abundante produción de sementes para maximizar a probabilidade de que unha semente aterre nun sitio axeitado para a xerminación. Algunhas plantas que se dispersan polo vento, como os mexacáns, poden axustar a súa morfoloxía para incrementar ou diminuír a taxa de desprendemento da diáspora (aquela parte que se solta levada polo vento).[26] Hai tamén fortes restricións evolutivas sobre estes mecanismos de dispersión. Por exemplo, Cody e Overton (1996) atoparon que especies de Asteraceae en illas pequenas tendían a reducir as súas capacidades de dispersión (por exemplo, tiñan maior masa das sementes e un papo menor) en relación coa mesma especie no continente ou illa grande.[27] Ademais, Helonias bullata, unha especie de de herbácea perenne nativa dos Estados Unidos, evoluciona para utilizar a dispersión polo vento como mecanismo de dispersión principal; porén, o vento limitado do seu hábitat impide que as sementes se dispersen axeitadamente lonxe da planta parental, orixinando grupos de poboación.[28] A dependencia da dispersión polo vento é común en moitas especies de malas herbas ou ruderais. Mecanismos non usuais de dispersión polo vento son os das plantas estepicursoras, nas que a planta completa (excepto as raíces) é arrastrada polo vento. Os froitos de Physalis, cando non están totalmente maduros, poden ás veces ser dispersados polo vento debido ao espazo entre o froito e o cáliz que o cobre, que actúa como unha vexiga aérea de flotación.
Auga
[editar | editar a fonte]Moitas plantas acuáticas e algunhas terrestres usan a hidrocoria, ou dispersión de sementes pola auga. As sementes poden viaxar a distancias extremadamente longas, dependendo do modo específico de dispersión pola auga; isto aplícase especialmente a froitos que son impermeables á auga e aboian na auga.
Os nenúfares son un exemplo dese tipo de plantas. As súas flores orixinan un froito que flota na auga durante un tempo e despois cae ao fondo para enraizar no fondo da lagoa.
As sementes de palmeiras poden tamén ser dispersadas pola auga. Se crece preto do océano, as sementes poden ser transportadas polas correntes mariñas a longas distancias, o que permite que as sementes se dispersen mesmo noutros continentes.
Os mangleiros crecen directamente fóra da auga; cando as súas sementes están maduras caen da árbore e crécenlle raíces en canto tocan calquera tipo de solo. Durante a marea baixa, poderían caer no solo en vez de na auga e empezar a crecer xusto onde caeron. Porén, se o nivel de auga é alto pode ser levadas lonxe de onde caeron. O mangleiro a miúdo van construído pequenas illas coa terra e detritus que recollen entre as súas raíces, creando pequenos corpos de terra.
Animais: epi- e endozoocoria
[editar | editar a fonte]



Os animais poden dispersar sementes de plantas de varios xeitos, todos denominados zoocoria. as sementes poden transportarse na parte externa dos animais vertebrados (principalmente mamíferos), o que se denomina epizoocoria. As plantas que transportan as sementes na parte externa dos animais poden ter diversas adaptacións para favorecer a dispersión, como moco adhesivo, diversos tipos de ganchos, espiñas e pugas.[29] Un exemplo típico de planta epizoócora é Trifolium angustifolium, unha especie de trevo do Vello Mundo, que se adhire á pelame de animais por medio dos pelos ríxidos que cobren a súa semente.[10] As plantas epizoócoras adoitan ser hebráceas, con moitas especies representativas nas familias Apiaceae e Asteraceae.[29] Porén, a epizoocoria é unha síndrome de dispersión relativamente rara nas plantas tomadas en conxunto porque a porcentaxe de plantas que a usan é de menos do 5 %.[29] Con todo, o transporte epizoócoro pode ser moi efectivo se a semente se adhire a animais que viaxan moito. Esta forma de dispersión de sementes favoreceu a rápida migración de plantas e o espallamento de especies invasoras.[10]
A dispersión de sementes por inxestión e posterior defecación por animais vertebrados (principalmente aves e mamíferos), ou endozoocoria, é o mecanismo de dispersión da maioría das especies de árbores.[30] A endozoocoria é xeralmente unha relación mutualista coevolutiva na cal a planta rodea as súas sementes cunha parte comestible nutritiva derivada do ovario, orixinando un froito, como excelente recurso alimenticio para os animais que o comerán. Tales plantas poden mesmo anunciar a presenza do recurso alimenticio usando rechamantes cores.[31] As aves e mamíferos son os dispersores de sementes máis importantes, pero moitos outros animais, como tartarugas, peixes e insectos (por exemplo, os wētā neozelandeses Hemideina crassidens e Deinacrida connectens), poden transportar tamén sementes viables.[32][33] A porcentaxe exacta de especies de árbores dispersadas por endozoocoria varía segundo os hábitats, mais pode ser dun 90 % nalgunhas selvas tropicais.[30] A dispersión de sementes por animais nas selvas tropicais recibiu moita atención dos investigadores, e esta interacción considérase unha forza importante á hora de conformar a ecoloxía e evolución de vertebrados e as poboaciós de árbores.[34] Nos trópicos, grandes animais dispersores de sementes (como os tapires, chimpancés, os colobos, tucanos e bucerótidos) poden dispersar sementes grandes que teñen poucos outros axentss de dispersión. A extinción destes grandes fruxívoros polo furtivismo e perda de hábitat pode ter efectos negativos nas poboacións de árbores que dependen deles para a dispersión de sementes e reducir a diversidade xenética entre árbores.[35][36] A dispersión de sementes por endozoocoria pode levar a un rápido espallamento de especies invasoras, como no caso da acacia Vachellia nilotica en Australia.[37] Unha variación da endozoocoria é a regurxitación de sementes en lugar de facelas pasar por todo o intestino e expulsalas nas feces.[38]
A dispersión de sementes por formigas (mirmecocoria) é un mecanismo de dispersión usado por moitos arbustos do hemisferio sur ou herbas do sotobosque do hemisferio norte.[8] As sementes das plantas mircecócoras teñen un adhesivo rico en lípidos chamado eleosoma, que atrae as formigas. As formigas carrexan estas sementes ata as súas colonias, alimentan co eleosoma as súas larvas e desbotan o resto da semente, que permanece intacto, nunha cámara subterránea.[39] A mirmecocoria é así unha relación mutualista coevolcionado entre as plantas e as formigas dispersoras de sementes. A mirmecocoria evolucionou independenemente polo menos 100 veces en plantas con flor e estímase que está presente en polo menos 11.000 especies, pero probablemente cheguen ás 23.000 (o que supón o 9 % de todas as especies de plantas con flor).[8] As plantas mirmecócoras son máis frecuentes na vexeación de fynbos da rexión florística do Cabo de Suráfrica, a vexetación kwongan e outros tipos de hábitats secos de Australia, os bosques secos e a pradarías da rexión mediterránea e os bosques temperados do norte de Eurasia occidental e o leste de América do Norte, onde ata o 30–40 % das herbáceas de sotobosque son mirmecócoras.[8] A dispersión de sementes polas formigas é unha relación mutualista e beneficia tanto á formiga coma á planta.[40]
A dispersión de sementes por melittocoria, realizada polas abellas, é un mecanismo de dispersión pouco usual que se dá nun pequeno número de plantas tropicais. En 2023 só se documentara en cinco especies de plantas, como a Corymbia torelliana, Coussapoa asperifolia subsp. magnifolia, Zygia racemosa, Vanilla odorata e Vanilla planifolia. As primeiras tres destas especies son árbores tropicais e as dúas últimas son enredadeiras tropicais.[41]
Os predadores de sementes, entre os que están moitos roedores (como esquíos) e algunhas aves (como os gaios) poden tamén dispersar sementes ao atesouralos en depósitos ocultos.[42] As sementes en depósitos están normalmente ben protexidas doutros predadores de sementes e se non se comen acaban por crecer dando novas plantas. Os roedores poden tamén dispesar sementes cando a presenza de metabolitos secundarios en froitos maduros causa que cuspan certas sementes en vez de tragalas.[43] Finalmente, as sementes poden ser dispersadas secundariamente desde os depósitos de sementes por animais dispersores primarios, un proceso coñecido como diplocoria. Por exemplo, os escaravellos peloteiros dispersan sementes nas bólas de feces no proceso de recoller excrementos para alimentar as súas larvas.[44]
Outros tipos de zoocoria son a quiropterocoria (por morcegos), a malacocoria (por moluscos, principalmene caracois terrestes), a ornitocoria (por aves) e a saurocoria (por saurópsidos non aviarios). A zoocoria pode producirse en máis dunha fase; por exemplo por diploendozoocoria, na cal un dispersor primario (un animal que come a semente) xunto coas sementes que transporta dentro do seu corpo é comido por un predador, que despois porta as sementes no seu corpo ata que as deposita máis lonxe cos excrementos.[45]
Humanos
[editar | editar a fonte]

A dispersión por humanos (antropocoria) adoita considerarse como unha forma de dispersión por animais. Os casos máis estendidos e intensos débese á plantación de gran parte das terras do planeta por medio da agicultura. Neste caso, as sociedades humanas forman unha relación a longo prazo con especies de plantas e crean as condicións axeitadas para que crezan.
Investigacións recentes sinalan que os dispersores humanos diferéncianse dos dispersores animais por teren moita máis mobilidade, debido aos medios de transporte técnicos dos humanos.[46] Por outra parte, a dispersión polos humanos tamén actúa a escalas rexionais máis pequenas e pula a dinámica de poboacións biolóxicas existentes. Ademais, a dispersión polos humanos pode actuar a escalas xeográficas grandes e causar o espallamento de especies invasoras.[47]
O humanos poden dispersar sementes de varias maneiras e medíronse repetidamente algunhas dispersións a distancias sorprendentemente grandes.[48] Exemplos son: dispersión na roupa humana (ata 250 m),[49] nos zapatos (ata 5 km),[46] ou polos coches (habitualmente ~ 250 m, casos singulares > 100 km).[50] Os humanos poden transportan non intencionadamente sementes nos coches, os cales poden transportar as sementes a distancias moito maiores que outros métodos de dispersión convencional.[51] A terra que arrastran os coches pode conter sementes viables. Un estudo de Dunmail J. Hodkinson e Ken Thompson atopou que as sementes máis comúns carrexadas por vehículos en Inglaterra eran Plantago major, Poa annua, Poa trivialis, Urtica dioica e Matricaria discoidea.[51]
A dispersión de sementes deliberada tamén ocorre como bombardeo de sementes. Isto ten riscos, xa que pode introducir plantas xeneticamente inapropiadas para os novos ambientes.
Consecuencias
[editar | editar a fonte]A dispersión de sementes ten moitas consecuencias para a ecoloxía e evolución das plantas. A dispersión é necesaria para a migración de especies, e en tempos recentes a capacidade de dispersión é un factor importante para saber se unha especie transportada a un novo hábitat por humanos se convertirá nunha especie invasora.[52] A dispersión tamén se predí que xoga un papel maior na orixe e mantemento da diversidade de especies. Por exemplo, a mirmecocoria multiplicou en máis do dobre a taxa de diversificación en grupos de plantas nas cales evolucionou, porque as liñaxes mirmecócoras conteñen máis do dobre de especies que os grupos irmáns non mimecócoros.[53] A dispersión de sementes lonxe do organismo parental ten un papel fundamental en dúas grandes teorías sobre como se mantén a biodiversidade en ecosistemas naturais, a hipótese de Janzen-Connell e hipótese da limitación de recrutamento.[4] A dispersión de sementes é esencial para permitir a migración forestal de plantas con flor. Pode estar influída pola produción de morfos de froitos diferentes en plantas, un fenómeno coñecido como heterocarpia.[54] Estes morfos de froitos son diferentes en tamaño e teñen diferentes rangos de dispersión, o cal permite que as sementes se dispersen a varias distancias e adaptan a diferentes ambientes.[54] As distancias de dispersión tamén afectan ao núcleo da semente. As menores distancias de dispersión de sementes observáronse en zonas húmidas, mentres que os máis longos estaban en paisaxes secas.[55]
Ademais, a velocidade e dirección do vento teñen moita influencia no proceso de dispersión e á súa vez nos padróns de deposición de sementes flotantes en corpos de auga encorados. O transporte de sementes depende da dirección do vento. Isto afecta a colonización cando se produce nas ribeiras dun río ou en zonas húmidas adxacentes a ríos en relación coas direccións dadas do vento. O proceso de dispersión polo vento pode tamén afectar as conexións entre os corpos de auga. Esencialmente, o vento xoga un maior papel na dispersión de sementes transportadas pola auga nun curto período de tempo, días e estacións, pero o proceso ecolóxico permite que o fenómeno quede balanceado ao longo dun período de tempo de varios anos. O período de tempo durante o cal ocorre a dispersión é esencial cando se consideran a consecuencias do vento no proceso ecolóxico.[Cómpre referencia]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 Howe, H F; Smallwood, J (novembro de 1982). "Ecology of Seed Dispersal". Annual Review of Ecology and Systematics (en inglés) 13 (1): 201–228. ISSN 0066-4162. doi:10.1146/annurev.es.13.110182.001221.
- ↑ Green, Andy J.; Baltzinger, Christophe; Lovas-Kiss, Ádám (2021-06-24). "Plant dispersal syndromes are unreliable, especially for predicting zoochory and long-distance dispersal". Oikos 2022 (2). ISSN 0030-1299. doi:10.1111/oik.08327. hdl:10261/246285.
- ↑ Bullock, James M.; Shea, Katriona; Skarpaas, Olav (2006-10-01). "Measuring plant dispersal: an introduction to field methods and experimental design". Plant Ecology (en inglés) 186 (2): 217–234. Bibcode:2006PlEco.186..217B. ISSN 1573-5052. doi:10.1007/s11258-006-9124-5.
- 1 2 Harms, K; Wright, SJ; Calderon, O; Hernandez, A; Herre, EA (2000). "Pervasive density-dependent recruitment enhances seedling diversity in a tropical forest". Nature 404 (6777): 493–495. Bibcode:2000Natur.404..493H. PMID 10761916. doi:10.1038/35006630.
- ↑ Martorell, C. and Martínez‐López, M., 2014. Informed dispersal in plants: Heterosperma pinnatum (Asteraceae) adjusts its dispersal mode to escape from competition and water stress. Oikos, 123(2), pp.225-231.
- ↑ Wenny, D.G.; Levey, D.J. (1998). "Directed seed dispersal by bellbirds in a tropical cloud forest". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 95 (11): 6204–7. Bibcode:1998PNAS...95.6204W. PMC 27627. PMID 9600942. doi:10.1073/pnas.95.11.6204.
- ↑ Fedriani, J. M.; Delibes, M. (2009). "Functional diversity in fruit-frugivore interactions: A field experiment with Mediterranean mammals". Ecography 32 (6): 983–992. Bibcode:2009Ecogr..32..983F. doi:10.1111/j.1600-0587.2009.05925.x. hdl:10261/50153.
- 1 2 3 4 Lengyel, S.; et al. (2010). "Convergent evolution of seed dispersal by ants, and phylogeny and biogeography in flowering plants: a global survey". Perspectives in Plant Ecology, Evolution and Systematics 12 (1): 43–55. Bibcode:2010PPEES..12...43L. doi:10.1016/j.ppees.2009.08.001.
- ↑ Manzaneda, Antonio J.; Fedriani, Jose M.; Rey, Pedro J. (2005). "Adaptive advantages of myrmecochory: the predator-avoidance hypothesis tested over a wide geographic range" (PDF). Ecography 28 (5): 583–592. Bibcode:2005Ecogr..28..583M. doi:10.1111/j.2005.0906-7590.04309.x. hdl:10261/58621. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2012-06-20. Consultado o 2012-05-26.
- 1 2 3 Manzano, Pablo; Malo, Juan E. (2006). "Extreme long-distance seed dispersal via sheep" (PDF). Frontiers in Ecology and the Environment 4 (5): 244–248. JSTOR 3868790. doi:10.1890/1540-9295(2006)004[0244:ELSDVS]2.0.CO;2. hdl:10486/1200.
- ↑ OZINGA, WIM A.; BEKKER, RENEE M.; SCHAMINEE, JOOP H. J.; VAN GROENENDAEL, JAN M. (outubro de 2004). "Dispersal potential in plant communities depends on environmental conditions". Journal of Ecology 92 (5): 767–777. Bibcode:2004JEcol..92..767O. doi:10.1111/j.0022-0477.2004.00916.x.
- ↑ Higgins, Steven I.; Richardson, David M. (maio de 1999). "Predicting Plant Migration Rates in a Changing World: The Role of Long-Distance Dispersal". The American Naturalist 153 (5): 464–475. PMID 29578791. doi:10.1086/303193.
- 1 2 Ran, Nathan; Schurr, Frank M.; Spiegel, Orr; Steinitz, Ofer; Trakhtenbrot, Ana; Tsoar, Asaf (novembro de 2008). "Mechanisms of long-distance seed dispersal". Trends in Ecology and Evolution 23 (11): 638–647. Bibcode:2008TEcoE..23..638N. PMID 18823680. doi:10.1016/j.tree.2008.08.003.
- ↑ Østergaard, Lars J. (2010). Annual Plant Reviews, Fruits Development and Seed Dispersal (first ed.). United Kingdom: Blackwell Publishing. pp. 204–205. ISBN 978-1-4051-8946-0.
- ↑ Jörg, Ganzhorn U.; Fietz, Joanna; Rakotovao, Edmond; Schwab, Dorothea; Dietmar, Zinner (agosto de 1999). "Lemurs and the Regeneration of Dry Deciduous Forest in Madagascar". Conservation Biology 13 (4): 794–804. Bibcode:1999ConBi..13..794G. doi:10.1046/j.1523-1739.1999.98245.x.
- ↑ Ran, Nathan (11 de agosto de 2006). "Long-Distance Dispersal of Plants". Science 313 (5788): 786–788. Bibcode:2006Sci...313..786N. PMID 16902126. doi:10.1126/science.1124975.
- ↑ Craig & Griffiths, Charles Smith (outubro de 1997). "Shark and skate egg-cases cast up ashore two South African beaches and their rates of hatching success, or causes of death". African Zoology (NISC (Pty) Ltd) 32 (4): 112–117. ISSN 1562-7020.
- 1 2 Vittoz, Pascal; Engler, Robin (7 de febreiro de 2008). "Seed dispersal distances: a typology based on dispersal modes and plant traits" (PDF). Botanica Helvetica 117 (2): 109–124. doi:10.1007/s00035-007-0797-8.
- ↑ Schulze, Ernst-Detlef; Beck, Erwin; Müller-Hohenstein, Klaus (2005). Plant Ecology. Springer. pp. 543–. ISBN 978-3-540-20833-4.
- ↑ "Dispersal of seeds by gravity". Consultado o 2009-05-08.
- ↑ Wilson, A. K. (1 de marzo de 1981). "Euphorbia heterophylla: a Review of Distribution, Importance and Control". Tropical Pest Management 27 (1): 32–38. doi:10.1080/09670878109414169.
- ↑ Kellogg, Elizabeth A. (2015). Flowering Plants. Monocots (en inglés). Springer International Publishing. p. 74. ISBN 978-3-319-15331-5. doi:10.1007/978-3-319-15332-2.
- ↑ Feldkamp, Susan (2006). Modern Biology. Estados Unidos: Holt, Rinehart, and Winston. p. 618.
- ↑ Chang, Kenneth (8 de agosto de 2019). "Watch This Plant Shoot Its Seeds Like Spiraling Footballs". The New York Times. Consultado o 8 de agosto de 2019.
- ↑ Gurevitch, J., Scheiner, S.M., & G.A. Fox (2006). Plant Ecology, 2ª ed. Sinauer Associates, Inc., Massachusetts.
- ↑ Seale, Madeleine; Zhdanov, Oleksandr; Soons, Merel B; Cummins, Cathal; Kroll, Erika; et al. (2022-11-29). "Environmental morphing enables informed dispersal of the dandelion diaspore". eLife (eLife Sciences Publications, Ltd) 11. ISSN 2050-084X. PMC 9797189. PMID 36445222. doi:10.7554/elife.81962.
- ↑ Cody, M.L.; Overton, J.M. (1996). "Short-term evolution of reduced dispersal in island plant populations". Journal of Ecology 84 (1): 53–61. Bibcode:1996JEcol..84...53C. JSTOR 2261699. doi:10.2307/2261699.
- ↑ Godt, Mary (xuño de 1995). "Genetic Diversity in a Threatened Wetland Species, Helonias bullata (Liliaceae)". Conservation Biology 9 (3): 596–604. Bibcode:1995ConBi...9..596G. JSTOR 2386613. doi:10.1046/j.1523-1739.1995.09030596.x.
- 1 2 3 Sorenson, A.E. (1986). "Seed dispersal by adhesion". Annual Review of Ecology and Systematics 17: 443–463. doi:10.1146/annurev.es.17.110186.002303.
- 1 2 Howe, H. F.; Smallwood J. (1982). "Ecology of Seed Dispersal" (PDF). Annual Review of Ecology and Systematics 13: 201–228. doi:10.1146/annurev.es.13.110182.001221. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2006-05-13.
- ↑ Lim, Ganges; Burns, Kevin C. (2021-11-24). "Do fruit reflectance properties affect avian frugivory in New Zealand?". New Zealand Journal of Botany 60 (3): 319–329. ISSN 0028-825X. doi:10.1080/0028825X.2021.2001664.
- ↑ Corlett, R.T. (1998). "Frugivory and seed dispersal by vertebrates in the Oriental (Indomalayan) Region". Biological Reviews 73 (4): 413–448. PMID 9951414. doi:10.1017/S0006323198005234.
- ↑ Larsen, Hannah; Burns, Kevin C. (novembro de 2012). "Seed dispersal effectiveness increases with body size in New Zealand alpine scree weta ( Deinacrida connectens ): WETA FRUGIVORY". Austral Ecology 37 (7): 800–806. doi:10.1111/j.1442-9993.2011.02340.x.
- ↑ Terborgh, J. (1986) "Community aspects of frugivory in tropical forests": in Fleming, T.H.; Estrada, Alejandro (eds.) Frugivory and Seed Dispersal, Advances in Vegetation Science, Vol. 15, Springer, ISBN 978-0-7923-2141-5.
- ↑ Chapman, C.A.; Onderdonk, D.A. (1998). "Forests without primates: primate/plant codependency". American Journal of Primatology 45 (1): 127–141. PMID 9573446. doi:10.1002/(SICI)1098-2345(1998)45:1<127::AID-AJP9>3.0.CO;2-Y.
- ↑ Sezen, U.U. (2016). "Genetic Consequences of Tropical Second-Growth Forest Regeneration". Science 307 (5711): 891. PMID 15705843. doi:10.1126/science.1105034.
- ↑ Kriticos, Darren; Brown, Joel; Radford, Ian; Nicholas, Mike (1999-10-01). "Plant Population Ecology and Biological Control: Acacia nilotica as a Case Study". Biological Control (en inglés) 16 (2): 230–239. Bibcode:1999BiolC..16..230K. ISSN 1049-9644. doi:10.1006/bcon.1999.0746.
- ↑ Delibes, Miguel; Castañeda, Irene; Fedriani, José M (2017). "Tree-climbing goats disperse seeds during rumination". Frontiers in Ecology and the Environment 15 (4): 222. Bibcode:2017FrEE...15..222D. doi:10.1002/fee.1488. hdl:10261/158050.
- ↑ Giladi, I. (2006). "Choosing benefits or partners: a review of the evidence for the evolution of myrmecochory". Oikos 112 (3): 481–492. Bibcode:2006Oikos.112..481G. doi:10.1111/j.0030-1299.2006.14258.x.
- ↑ Handel, Steven N.; Beattie, Andrew J. (1990). "Seed Dispersal by Ants". Scientific American 263 (2): 76–83B. Bibcode:1990SciAm.263b..76H. ISSN 0036-8733. JSTOR 24996901. doi:10.1038/scientificamerican0890-76.
- ↑ Karremans, Adam P.; Bogarín, Diego; Fernández Otárola, Mauricio; Sharma, Jyotsna; Watteyn, Charlotte; Warner, Jorge; Rodríguez Herrera, Bernal; Chinchilla, Isler F.; Carman, Ernesto; Rojas Valerio, Emmanuel; Pillco Huarcaya, Ruthmery; Whitworth, Andy (xaneiro de 2023). "First evidence for multimodal animal seed dispersal in orchids". Current Biology 33 (2): 364–371.e3. Bibcode:2023CBio...33E.364K. PMID 36521493. doi:10.1016/j.cub.2022.11.041.
- ↑ Forget, P.M.; Milleron, T. (1991). "Evidence for secondary seed dispersal by rodents in Panama". Oecologia 87 (4): 596–599. Bibcode:1991Oecol..87..596F. PMID 28313705. doi:10.1007/BF00320426.
- ↑ Samuni-Blank, M.; et al. (2012). "Intraspecific directed deterrence by the mustard oil bomb in a desert plant". Current Biology 22 (13): 1–3. Bibcode:2012CBio...22.1218S. PMID 22704992. doi:10.1016/j.cub.2012.04.051.
- ↑ Andresen E.; Levey, D.J. (2004). "Effects of dung and seed size on secondary dispersal, seed predation, and seedling establishment of rainforest trees". Oecologia 139 (1): 45–54. Bibcode:2004Oecol.139...45A. PMID 14740290. doi:10.1007/s00442-003-1480-4.
- ↑ Hämäläinen, Anni; Broadley, Kate; Droghini, Amanda; Haines, Jessica A.; Lamb, Clayton T.; Boutin, Stan; Gilbert, Sophie (febreiro de 2017). "The ecological significance of secondary seed dispersal by carnivores". Ecosphere 8 (2): e01685. Bibcode:2017Ecosp...8E1685H. doi:10.1002/ecs2.1685.
- 1 2 Wichmann, M.C.; Alexander, M.J.; Soons, M.B.; Galsworthy, S.; Dunne, L.; Gould, R.; Fairfax, C.; Niggemann, M.; Hails, R.S.; Bullock, J.M. (2009). "Human mediated dispersal of seeds over long-distances". Proceedings of the Royal Society B 276 (1656): 523–532. PMC 2664342. PMID 18826932. doi:10.1098/rspb.2008.1131.
- ↑ Chaloupka, M. Y.; Domm, S. B. (decembro de 1986). "Role of Anthropochory in the Invasion of Coral Cays by Alien Flora". Ecology 67 (6): 1536–1547. Bibcode:1986Ecol...67.1536C. JSTOR 1939084. doi:10.2307/1939084.
- ↑ "Anthropochory or Human-Mediated Dispersal (HMD)". Frugivores and Seed Dispersal Symposium. June 2010. Arquivado dende o orixinal o 2013-11-05. Consultado o 2014-03-06.
- ↑ Bullock, S. H.; Primack, R. B. (1977). "Comparative experimental study of seed dispersal on animals". Ecology 58 (3): 681–686. Bibcode:1977Ecol...58..681B. JSTOR 1939019. doi:10.2307/1939019.
- ↑ von der Lippe, M.; Kowarik, I. (2007). "Long-distance dispersal of plants by vehicles as a driver of plant invasions". Conservation Biology 21 (4): 986–996. Bibcode:2007ConBi..21..986V. PMID 17650249. doi:10.1111/j.1523-1739.2007.00722.x.
- 1 2 Hodkinson, Dunmail J.; Thompson, Ken (1997). "Plant Dispersal: The Role of Man". Journal of Applied Ecology 34 (6): 1484–1496. Bibcode:1997JApEc..34.1484H. ISSN 0021-8901. JSTOR 2405264. doi:10.2307/2405264.
- ↑ Caswell, H.; Lensink, R.; Neubert, M.G. (2003). "Demography And Dispersal: Life Table Response Experiments For Invasion Speed". Ecology 84 (8): 1968–1978. Bibcode:2003Ecol...84.1968C. doi:10.1890/02-0100.
- ↑ Lengyel, S.; et al. (2009). Chave, Jerome, ed. "Ants Sow the Seeds of Global Diversification in Flowering Plants". PLOS ONE 4 (5 (número de artigo: e5480)). Bibcode:2009PLoSO...4.5480L. PMC 2674952. PMID 19436714. doi:10.1371/journal.pone.0005480.
- 1 2 Gardocki, Mary Elizabeth; Zablocki, Heather; El-Keblawy, Ali; Freeman, D. Carl (2000). "Heterocarpy in Calendula micrantha (Asteraceae): The effects of competition and availability of water on the performance of offspring from different fruit morphs" (PDF). Evolutionary Ecology Research 2: 701–718. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de setembro de 2022.
- ↑ Kleyheeg, Erik; Treep, Jelle; de Jager, Monique; Nolet, Bart A.; Soons, Merel B. (setembro de 2017). Nilsson, Christer, ed. "Seed dispersal distributions resulting from landscape-dependent daily movement behaviour of a key vector species, Anas platyrhynchos". Journal of Ecology (en inglés) 105 (5): 1279–1289. Bibcode:2017JEcol.105.1279K. ISSN 0022-0477. doi:10.1111/1365-2745.12738. hdl:20.500.11755/7017ea35-5521-488e-acdc-7df1a21cf695.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hanson, Thor (2016). The Triumph of Seeds: How Grains, Nuts, Kernels, Pulses, and Pips Conquered the Plant Kingdom and Shaped Human History. Basic Books. ISBN 978-0-465-09740-1.
- Ridley, Henry N (1930). The Dispersal of Plants Throughout the World. Ashford, Kent: L. Reeve & Co. ISBN 978-0-85393-004-4.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dispersión de sementes |