Directorio de Ucraína

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O Directorio en 1920, Simon Petljura sentado, segundo pola esquerda.

O Directorio de Ucraína, ou simplemente Directorio (ucraíno: Директорія, Direktoria), foi o goberno da República Nacional Ucraína formado en 1918, que se sublevou contra o Hetmanato de Pavlo Skoropadsky.

Considérase que funcionou entre o 14 de decembro de 1918 e o 10 de novembro de 1920.

Fundación[editar | editar a fonte]

Coa derrota das Potencias Centrais na primeira guerra mundial, Skoropadsky non podía contar xa co apoio do Imperio alemán e o do Imperio austrohúngaro para manterse no poder. O 14 de novembro de 1918, os opositores a Skoropadski formaron unha entidade rival coñecida como Directorio, presidido por Volodymyr Vynnychenko e con Symon Petlyura como xefe das forzas armadas que o apoiaban,[1] encabezadas polo recentemente formado corpo de Fusileiros de Sich. A maioría das tropas de Skoropadski uníronse ao Directorio. Skoropadsky facilitou o paso de moitos oficiais rusos brancos ao lado de Antón Denikin, formando corpos especiais, pero estas tropas non podían enfrontarse ás tropas do Directorio. En decembro de 1918 as tropas do Directorio tomaron Kiev, derrubando o réxime de Skoropadski.

O Directorio restableceu a República Nacional Ucraína. O novo réxime debatíase entre as fraccións dos nacionalistas ucraínos e os federalistas rusos, predominando finalmente os nacionalistas, polo que quedou como xefe do Directorio o dirixente nacionalista ucraíno Simon Petlyura.

Situación militar[editar | editar a fonte]

Xura de fusileiros fieis ao Directorio no verán de 1919 en presenza de Simon Petlyura.

Para enfrontarse aos diversos inimigos en todas as frontes, o Exército da República Nacional de Ucraína organizouse para afrontar cada ameaza. No nordeste estaban os bolxeviques, no sueste os rusos brancos de Denikin, no suroeste os romaneses con reclamacións territoriais, e as forzas de intervención francesas que tomaron Odessa en decembro de 1918 e que encheron o baleiro de poder orixinado pola retirada de austrohúngaros e alemáns.

Acadáronse rápidos acordos cos franceses e romaneses, permitindo ao Exército da República Nacional de Ucraína dispoñer de máis homes nas outros frontes. Tras sopesar temporalmente un acordo cos bolxeviques con certas condicións, como a aceptación da independencia ucraína, Vinichenko optou finalmente polo acordo cos franceses o 11 de febreiro de 1919, de carácter antibolxevique.[2] O acordo, aínda que aceptado polo Directorio, non foi ben visto polos socialistas e parte dos liberais, contrarios a unha nova ocupación estranxeira que substituíse á alemá.[2]

Guerra[editar | editar a fonte]

Desenvolvemento dos combates[editar | editar a fonte]

Os principais combates leváronse a cabo en xaneiro de 1919, nos que os ucraínos foron obrigados a retroceder, caendo Kiev o 5 de febreiro de 1919,[1] e trasladándose o goberno a Vinnytsia.[1] O 11 do mesmo mes Vynnychenko dimitiu e foi substituído por Petlyura.[3] En xaneiro o Directorio contaba unicamente con 21.000 homes baixo o seu control directo, sendo o resto das súas tropas bandas autónomas leais teoricamente a el, pero baixo o control efectivo de atamáns.[2] En maio, o Exército do Directorio quedou confinado nunha estreita franxa de territorio nas proximidades de Brodi. Nesta situación, os membros do goberno negociaron coa Segunda República Polaca, que atacaba pola retagarda, conseguindo un cesamento ao fogo que permitiu ás forzas do Directorio contraatacar e retomar Podolia, e establecer a capital en Kamenets-Podilski.

En xuño, as forzas da República Nacional de Ucraína uníronse ás da República Nacional de Ucraína Occidental, que foran expulsadas de Galicia polos polacos, que se apoiaban nas tropas que acababan de chegar de Francia.[3] En maio de 1919 o xeneral Denikin expulsou ao Exército Vermello do centro e o leste de Ucraína, o que aproveitou o Directorio para retomar Kiev (8 de agosto de 1919), presionado por Francia para apoiar a Denikin, a pesar dos receos de Petlyura sobre os obxectivos políticos deste.[4] Denikin, porén expulsou ás tropas do Directorio ao día seguinte e fíxose co control da cidade.[4] O mesmo mes sóubose que a Conferencia de Paz de París decidira, para non debilitar ao movemento antibolxevique de Denikin, non recoñecer á República de Ucraína.[2]

Crise final e derrota[editar | editar a fonte]

Debido ao contraataque do Exército Vermello, á falta de subministracións, que as potencias occidentais se negaron a abastecer agora que os ucraínos se enfrontaban a Denikin,[5] e a unha epidemia de tifo,[5] as forzas ucraínas foron expulsadas do territorio ucraíno, cara a Polonia.[2] En outubro só quedaban 6.000 homes en armas e enviouse unha misión de paz a Denikin.[5] O 17 de novembro de 1919 Denikin chegou a un acordo, pero unicamente coas tropas da República Nacional de Ucraína Occidental (no territorio da antiga Ucraína austrohúngara (Galicia), xa que consideraba ao Directorio e os seus seguidores traidores rusos.[5] Petruchevych foi acusado de traizón polo Directorio e exiliouse en Viena, mantendo alí as súas actividades políticas.[5]

Dous días antes do acordo, o Directorio e o Consello de Ministros outorgaron todo o poder a Petlyura (15 de novembro de 1919), que non puido evitar a aniquilación das últimas tropas a mans de Denikin.[5] O 5 de decembro de 1919 abandonou o territorio ucraíno e refuxiouse en Polonia.[5]

Últimos acontecementos[editar | editar a fonte]

En 1920 formáronse dúas novas divisións ucraínas con axuda polaca. Despois da derrota de Denikin por parte dos bolxeviques, a República Nacional de Ucraína asinou unha alianza con Polonia en abril de 1920, poñendo ás tropas ucraínas baixo mando polaco. Na guerra polaco-soviética de 1920, as forzas polaco-ucraínas avanzaron conxuntamente, retomando novamente Kiev.

Na contraofensiva de verán, o Exército Vermello fixo retroceder a polacos e ucraínos, asinando os primeiros cos soviéticos, a finais de 1920, un armisticio. As forzas da República Nacional Ucraína lanzaron un ataque pola súa propia conta contra o Exército Vermello desde territorio polaco, que foi rexeitado rapidamente, véndose forzadas a retirarse cara á Galicia, que quedou incorporada a Polonia polo Tratado de Riga.

Coa derrota militar, púxose fin ao Directorio, que cruzou definitivamente a fronteira polaca e marchou ao exilio.

O Directorio, a poboación xudía e os pogroms[editar | editar a fonte]

Petliura, dereita, xunto ao xeneral polaco Antoni Listowski durante a guerra polaco-soviética en 1920.

Aínda que moi controvertida, a responsabilidade do Directorio nos pogroms cometidos polas tropas leais a el foi admitida incluso por ex-ministros de Asuntos Xudeus do mesmo.[2] O desexo de aumentar rapidamente o número de tropas á súa disposición para lograr a independencia ucraína levou a admitir nas súas filas elementos reaccionarios e antisemitas responsábeis da maioría das atrocidades cometidas contra a poboación xudía. Só a final de 1919 o Directorio comezou a tomar medidas firmes contra estes actos, temendo debilitar as súas unidades militares se trataba de non atallar os desmáns contra os xudeus.[2]

Tanto Vinichenko como Petliura rexeitaron a responsabilidade do Directorio nas accións das súas forzas armadas, defendendo a estas ante as protestas dos representantes hebreos.[6] No inverno de 1918-1919, cando as bandas armadas de irregulares ás ordes de atamáns locais eran a única forza dispoñíbel para opoñerse aos bolxeviques, as autoridades ucraínas decidiron ignorar os desmáns de aquelas contra a poboación xudía.[6] As autoridades consideraron os pogroms como "feitos inevitábeis do movemento de liberación".[6] Estas utilizaron a ameaza dos pogroms para tratar de forzar á poboación xudía a apoiar a independencia do territorio e o antisemitismo, moi estendido, para cohesionar ás súas unidades militares.[7] As atrocidades cometidas polas forzas fieis ao directorio levaron á consecuencia contraria: a hostilidade da comunidade xudía á causa independentista defendida polo Directorio.[7] Esta situación foi denunciada polas organizacións socialistas ucraínas e xudías nun manifesto o 22 de xuño de 1919.[8]

A tendencia centralista e prorrusa da maioría das organizacións socialistas e de parte dos habitantes das cidades facía tamén que moitos xudeus se mostrasen contrarios á independencia, tendencia reforzada polas atrocidades.[8]

As autoridades utilizaron a asociación, falsa,[9] entre xudeus e bolxeviques para xustificar os pogroms como parte da loita contra estes, cando, en realidade, a proporción de bolxeviques era maior entre ucraínos e rusos, e a maioría dos ataques contra os xudeus tivo lugar en comunidades pequenas, onde o número de xudeus bolxeviques era escaso.[9] As tropelías das unidades teoricamente baixo control do Directorio empuxou a numerosos xudeus a alistarse no Exército Vermello e unirse aos bolxeviques, única forza que garantía parcialmente a súa seguridade.[10] Só a finais do verán de 1919 as autoridades comezaron a condenar os ataques contra os xudeus, entón vítimas principalmente das forzas contrarrevolucionarias do Exército de Voluntarios de Anton Denikin.[11]

Tras un breve período a finais de 1919 e principios de 1920, no que a situación desesperada do Directorio obrigou a este a castigar severamente as accións contra os xudeus, a última campaña en alianza con Polonia no verán de 1920 tamén levou atrocidades contra a poboación xudía en localidades baixo control das tropas de Petliura.[12]

Gobernantes do Directorio[editar | editar a fonte]

Presidentes do Directorio[editar | editar a fonte]

Xefes do Goberno (Presidentes do Consello de Ministros)[editar | editar a fonte]

En ucraíno: Керівник уряду (голова Ради міністрів):

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Latawski, P. (1992), p. 56.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Szajkowski, Z. (1969), p. 187.
  3. 3,0 3,1 Latawski, p. 57.
  4. 4,0 4,1 Latawski, p. 58
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Latawski, p. 59.
  6. 6,0 6,1 6,2 Szajkowski (1969), p. 187
  7. 7,0 7,1 Szajkowski (1969), p. 188.
  8. 8,0 8,1 Szajkowski (1969), p. 189.
  9. 9,0 9,1 Szajkowski (1969), p. 190.
  10. Szajkowski (1969), p. 192.
  11. Szajkowski (1969), p. 193.
  12. Szajkowski (1969), p. 207.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Latawski, Paul (1992): The Reconstruction of Poland, 1914-23. Palgrave Macmillan. ISBN 978-0-312-06536-2
  • Szajkowski, Zosa (1969): "A Reappraisal of Symon Petliura And Ukrainian-Jewish Relations, 1917-1921: A Rebuttal". Jewish Social Studies, 31 (3): 184-213. [1].

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]