Norza moura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dioscorea communis»)
Norza moura

Dioscorea communis
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Liliopsida
Orde: Dioscoreales
Familia: Dioscoreaceae
Xénero: 'Dioscorea'
Especie: ''D. communis''
Nome binomial
'Dioscorea communis'
(L.) Caddick e Wilkin, 2002
Sinonimia
  • Tamus communis L.
Froitos in situ.
Froitos secos e sementes.
Ilustración

A norza moura ou uvas de can[1] (Dioscorea communis ou Tamus communis) é unha planta rubideira da familia das dioscoreáceas.

Descrición[editar | editar a fonte]

Planta rubideira que renova os seus talos cada ano e se enrosca na dirección das agullas do reloxo. Follas alternas de 3 a 20 cm de lonxitude, pecioladas, oval e en forma de corazón, longamente acuminadas, limbo verde escuro, con 3 a 9 nervios manifestos e curvados que parten da escotadura basal. Talos gabeadores retortos de até 4 m, febles, tenros e lampinos, con estrías lonxitudinais. Tubérculo moi grande de até 20 cm ou máis de lonxitude de cor negra. Planta dioica de flores amareladas, as masculinas en ramalletes espiciformes e magros, patentes, con 6 estames, as femininas en espigas máis curtas, pénsiles, de poucas flores, con 3 sépalos e 3 pétalos semellantes unidos no baseamento formando un tubo co rudimento do froito no efondo; corola de 3 mm de lonxitude, con 6 lóbulos estreitos un tanto recurvados. Froito en baga carnuda, duns 12 mm de diámetro, vermello brillante pálido, de cando en cando amarelado, en acios e con poucas sementes. Frutifica polo outono.[2]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Gran parte de Europa, agás na Europa setentrional. Común na Península ibérica e as illas Baleares. Habita en lugares húmidos e sombrizos, fileiras de sebes, matogueiras, marxes de carballeiras, piñeirais, aciñeirais, e bosques de ribeira. Intervén nas asociacións Bupleurum-Quercus rotundifolia e Rubo ulmifolii-Rosetum corymbiferae. É común en Galiza.

Importancia económica e cultural[editar | editar a fonte]

Usos

As raíces, ou tubérculo napiforme en cataplasma, sandan contusións e feridas e en fretas disque alivian a reuma, a artrite e a ciática;son rubefacientes e arroiban a pel. Froitos velenosos, mesmo mortais. Eventualmente prodúcense intoxicacións graves nos nenos, que inxeren accidentalmente as súas bagas, dunha atractiva cor vermella. A intoxicación cursa con intensa irritación de mucosas, dor abdominal, diarreas e vomitos, acompañados de esmorecemento, somnolencia, calafríos, mesmo alteracións respiratorias e coma.

Nos caso de Galiza, as bagas empregábanse coma menciña contra a reuma, apañábanse agosto e gardábanse na casa. Despois quecíanse na lareira unha vez tirado o lume e fretaban con elas a parte dorida[3].

Principios activos

Principio semellante á histamina, saponósidos esteroídicos derivados da diosxenina e abundantes rafidios de oxalato de calcio (CaC2Ou4).[4]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Dioscorea communis foi descrita por (L.) Caddick & Wilkin e publicado en Taxon 51(1): 112, 109. 2002.[5]

Citoloxía

Número de cromosomas de Tamus communis (Fam. Dioscoreaceae) e táxones infraespecíficos 2n=48.[6]

Sinonimia
  • Smilax rubra Willd.
  • Tamus communis L.
  • Tamus cretica L.
  • Tamus smilacifolia Jullien ex Boreau
  • Dioscorea canariensis Webb & Berthel.
  • Tamus baccifera St.-Lag.
  • Tamus canariensis Willd. ex Kunth
  • Tamus cirrhosa Hausskn. ex Bornm.
  • Tamus cordifolia Stokes
  • Tamus edulis Lowe
  • Tamus norsa Lowe
  • Tamus parviflora Kunth
  • Tamus racemosa Gouan[7]

Nome común[editar | editar a fonte]

  • Galego: uvas de can, norza moura, saltasebes (este nome sóeselle dar á especie tamén rubideira: Bryonia dioica ou Bryonia cretica subsp.dioica), nouza, noza, uvas de can, uvas de cobra, valdeba[8].
  • Portugués: Da mesma etimoloxía cá galega proveñen os nomes en portugués: >uva-de-cão e norça-preta[9].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nomes común en galego en Vocabulario de ciencias naturais, Santiago de Compostela, Xunta, 1991; Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009
  2. González Corregidor, J.; Parejo, A. (1999). Plantas Silvestres de la Flora Ibérica. Toledo:Grijalbo. ISBN 84-253-3336-9. 
  3. Marcial Valladares Núñez (1884): Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar
  4. Plantas Medicinales de la Península Ibérica e IslasBaleares. Madrid:Jaguar. ISBN 84-89960-51-6. 
  5. "Dioscorea communis". 
  6. Proves Números cromosómicos para la flora española, 504-515.
  7. Dioscorea communis en PlantList
  8. E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia
  9. Buscatermos da USC

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]